O IGAPE APROBA AS NOVAS BASES REGULADORAS DE DISTINTAS AXUDAS PARA IMPULSAR A COMPETITIVIDADE DO TECIDO EMPRESARIAL GALEGO
Santiago, 2 de febreiro de 2005.-.O Igape impulsará novas formas de promoción da actividade empresarial mediante apoios encamiñados a procurar a mellora da produtividade, a competitividade e o crecemento sostible. O Instituto dependente da Consellería de Economía e Facenda aposta así por un modelo que amplía a súa actividade á promoción das iniciativas de cooperación, innovación e internacionalización empresarial. Esta nova etapa da Axencia de Desenvolvemento da Xunta deu hoxe un importante paso adiante nesta estratexia coa aprobación, no consello de dirección celebrado en Santiago baixo a presidencia do conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, das bases reguladoras de distintas axudas. En concreto, aprobáronse as bases para a mellora da produtividade empresarial; a nova base de apoio a emprendedores; e a reformulación das bases para apoiar investimentos empresariais.
O novo marco de apoio para impulsar o desenvolvemento empresarial inclúe como unha das principais novidades as bases reguladoras das axudas para a Mellora da produtividade empresarial mediante a innovación, a cooperación e modernización do tecido produtivo. En concreto estas bases instrumentan apoios para o fomento e difusión da cultura innovadora, e inclúen incentivos para o investimento e desenvolvemento tecnolóxico, e para proxectos de innovación organizativa e de xestión nas pemes. Tamén poderán optar a estas axudas os proxectos de desenvolvemento tecnolóxico precompetitivo impulsados por empresas en réxime de cooperación, así como proxectos de cooperación de empresas con centros ou institucións tecnolóxicas.
En canto ao proceso de tramitación dos proxectos que opten a axudas incluídas dentro desta base de mellora da produtividade, cómpre destacar que se opta por primeira vez polo sistema de concorrencia competitiva, na procura da optimización na asignación dos recursos públicos, a través do proceso de selección, ós proxectos de maior potencial.
O Igape aprobou igualmente a reformulación das bases para apoiar proxectos de investimento en Galicia, que se abren a novas actividades empresariais e incidirán de xeito máis activo na promoción de emprego estable. Estas bases de apoios a investimentos importantes son compatibles coas axudas de Incentivos Rexionais do Goberno central e manteñen medidas especiais para apoiar investimentos en Costa da Morte e zonas e Lugo e Ourense, aprobadas para paliar os efectos negativos do ‘Prestige’ no tecido empresarial e que veñen de ser prorrogadas.
Segundo a normativa aprobada hoxe, as bases que regulan apoios específicos para proxectos emprendedores amplían o concepto de emprendedor e abren o abano de iniciativas que poden recibir apoio. Tamén se aproba unha simplificación nos trámites necesarios para acollerse ás axudas e se universaliza a prestación de servizos de formación e asesoramento.
Plan Ferrol
A aprobación das novas bases, por outra banda, vén dar cobertura ás medidas previstas no marco do Plan de desenvolvemento integral para Ferrol. Os investimentos nesta comarca poderán acollerse ás subvencións previstas na base de Investimentos -aínda que cunha contía a partires da metade do esixido con carácter xeral-, e amplíanse as actividades subvencionables da zona, incluíndo as relacionadas coas reparacións industriais, entre outras. Tamén ó abeiro das bases para a Mellora da produtividade haberá valoración especial para os proxectos correspondentes a Ferrolterra. Estas medidas xúntanse ás previstas polo Goberno en favor do desenvolvemento da comarca, en cuxa xestión colaborará igualmente o Igape.
Convenio ICO
Por outra banda, o consello de dirección autorizou a sinatura dun convenio do Igape co ICO e entidades financeiras para apoiar os investimentos das pemes en Galicia, así como outro convenio destinada a habilitar unha liña específica de financiamento para as pemes produtoras de mexillón, co fin de paliar os prexuízos económicos derivados da marea vermella.
Do mesmo xeito, o consello de dirección autorizou a sinatura doutro convenio do Igape coa Consellería de Medio Ambiente para apoiar investimentos de carácter medioambiental, e a formalización dun acordo para captar fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) destinados ao financiamento de investimentos de pemes en Galicia.