Boletín Nº 41. Lunes, 21 de febrero de 2005
- IV. ADMINISTRACIÓN LOCAL - IV.1 PROVINCIAL - DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA - CULTURA E DEPORTES
ANUNCIO Pág. 2506 Reg. 1866-x.
|
|
Convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2005
En virtude do establecido no regulamento de premio "Otero Pedrayo", publícase o texto das bases da convocatoria do mencionado premio que, no ano 2005, organiza a Deputación Provincial de Pontevedra, e que foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o mércores 2 de febreiro de 2005:
PREMIO "OTERO PEDRAYO 2005"
BASES
1.-Convocatoria
1.1.-Convócase o premio "Otero Pedrayo 2005", dotado con trinta mil cincuenta euros con sesenta e un céntimos (30.050,61 euros), atendendo ás disposicións do regulamento correspondente.
1.2.-A presente convocatoria corresponde ó ano 2005, de acordo co disposto no regulamento, no que se establece o seu ámbito rexional e o seu carácter anual, convocándose cada ano por unha das deputacións provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por esta mesma orde.
1.3.-Atendendo ás razóns expostas, a convocatoria e concesión do premio, na edición de 2005, atribúeselle á Deputación Provincial de Pontevedra, que consignará na partida 05/451.451.461.00 do seu orzamento de gastos o importe do premio (30.050,61 euros), mailos gastos correspondentes á súa organización, e no de ingresos, as sumas que deberán achegar cada unha das demáis deputacións de Galicia, cotitulares do premio, na contía de 3.606,07 euros, e na de 15.626,31 euros a Xunta de Galicia.
2.-Obxecto do premio
O premio "Otero Pedrayo" ten por obxecto:
2.1.-Perpetuar e honrar a memoria do egrexio home das letras.
2.2.-Premiar un labor que constituía unha contribución eminente á cultura galega.
2.3.-Promocionar os valores propios de Galicia e as obras que leven ó esclarecemento e á mellora dos seus homes e institucións.
3.-Candidatos
3.1.-Poderán optar ó premio:
* As persoas naturais nacidas en Galicia ou con residencia en calquera das súas catro provincias, por tempo dabondo, para determinar, a xuízo do xurado, unha cumprida raizame nelas.
* Os grupos de traballo, constituídos para este fin, radicados en Galicia.
* As personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e polo mantemento da cultura galega.
3.2.-A opción ó premio determinarase por unha candidatura, que poderá ser feita:
* Por calquera persoa física ou xurídica das sinaladas no apartado 3.1, respecto de si mesmas.
* Polas entidades académicas e culturais radicadas en Galicia, respecto dos seus membros.
* Por calquera dos presidentes das deputacións provinciais de Galicia, a proposta das respectivas Comisións de Cultura.
* Pola Xunta de Galicia, oída a Consellería correspondente.
* Polo mesmo xurado, xa constituído.
4.-Tramitación
4.1.-A presentación de candidatos/as ó premio será formulada nun escrito dirixido ó Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, achegando os seguintes documentos:
* Reseña biográfica da persoa que aspira ó premio.
* Documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica.
* Cinco exemplares, mecanografiados a dobre espacio, do traballo co que se opta ó premio, no caso de que a proposta estea baseada nunha obra ou producción singular concreta.
* No caso de personalidades e institucións, un exemplar do regulamento ou estatutos polos que se rexan e unha relación das tarefas levadas a cabo en relación co obxecto do premio.
4.2.-A presentación de candidatos/as realizarase no prazo de tres meses, a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOP de Pontevedra.
Tal publicación realizarase tamén nos boletíns oficiais das provincias de A Coruña, Lugo e Ourense, no DOG, e nos diarios de máis difusión da Comunidade Autónoma.
4.3.-A presentación do/da candidato/a determina a aceptación íntegra das condicións desta convocatoria e das contidas no regulamento do premio.
4.4.-Rematado o prazo, ó que se refire a liña 4.2., a Secretaría da Deputación de Pontevedra expedirá unha certificación das propostas presentadas que, xunto con elas e coa documentación correspondente, pasarán ó xurado do premio.
4.5.-A cada solicitude ou proposta xuntaránselle cantos documentos sexan considerados de interese para o mellor coñecemeto do candidato/a.
5.-Xurado e actuacións:
5.1.-Para adxudica-lo premio ó que se refire esta convocatoria, constituirase un xurado integrado do xeito seguinte:
* Presidente: O da Xunta de Galicia.
* Vicepresidente: O presidente da Deputación que convoca o premio, que este ano lle corresponde á Deputación de Pontevedra.
* Vogais:
- Os Presidentes das tres Deputacións restantes ou persoas nas que deleguen.
- O presidente da Comisión de Cultura da deputación convocante.
- O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
- Un representante de cada un dos seguintes organismos:
a) Universidade de Santiago de Compostela.
b) Universidade de Vigo.
c) Universidade da Coruña.
d) Real Academia Galega.
e) Instituto "Padre Sarmiento" de Estudios Galegos.
- Cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria, designadas pola Xunta de Galicia e de cada unha das deputacións.
* Secretario, con voz e sen voto, o da Deputación de Pontevedra.
5.2.-O Xurado constituído emitirá o seu dictame no mes seguinte ó día que remate o prazo de presentación de candidatos/as, e a súa actuación suxeitarase ó determinado nos artigos 4.2 a 4.6 do regulamento do premio.
5.3.-Da actuación do xurado e da adxudicación do premio será redactada acta detallada que, asinada polos seus membros e coa totalidade das documentacións presentadas, pasará a coñecemento do Pleno da Deputación convocante na primeira sesión que teña lugar.
5.4.-Copia da acta e dos demais antecedentes, que cumpran, para o coñecemento da tramitación do premio, remitiráselles ás Deputacións de A Coruña, Lugo e Ourense.
6.-Entrega do premio
A entrega do premio realizarase no lugar e a data que determine o presidente da Deputación de Pontevedra, nun acto solemne e coa asistencia dos membros da Corporación provincial e do Xurado, así como de personalidades das artes, letras e ciencias da Comunidade Autónoma.
Xunto co premio, o/a galardoado/a recibirá una copia da acta da reunión do xurado.
7.-Normas supletorias
No que non estea previsto expresamente nestas bases, o xurado e a Deputación convocante terán en conta as normas contidas no regulamento do premio e nos xerais do funcionamento da Corporación provincial.
A Coruña, 15 de febreiro de 2005.
O presidente,
Salvador Fernández Moreda.
Reg. 1866-x | |