Boletín Nº 76. Miércoles, 6 de abril de 2005

- IV. ADMINISTRACIÓN LOCAL - IV.1 PROVINCIAL - DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA - SERVICIO DE FOMENTO - SECCIÓN DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


ANUNCIO  Pág. 4555  Reg. 3947-x.  

Anterior
Siguiente

Convocatoria de subvencións de agricultura dirixido ás entidades asociativas agrarias e lábregas da Provincia da Coruña.

Por resolución da presidencia nº . 4.635 de 21 de marzo de 2005, aprobouse a seguinte

CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS DE AGRICULTURA DIRIXIDO ÁS ENTIDADES ASOCIATIVAS AGRARIAS E LABREGAS DA PROVINCIA DA CORUÑA DURANTE O ANO 2005.

1.-Finalidade e obxecto.

A finalidade desta convocatoria é apoiar ás entidades asociativas agrarias e labregas en xeral, en proxectos destinados a recuperación e valoración dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola, gandeiro e forestal que teñan como obxecto:

a) O asentamento da poboación mediante a consolidación e a creación de emprego rural.

b) O incremento das rendas e mellora das condicións de vida.

c) A promoción e comercialización dos produtos obtidos.

Os proxectos subvencionables permitirán establecer as bases técnico-económicas que melloren as condicións de produción, transformación e comercialización co obxectivo de que os labregos e labregas involucrados adquiran os coñecementos teórico-prácticos mediante ensaios planificados, que lles permitan no futuro o establecemento de proxectos concretos mediante a aplicación das técnicas innovadoras facilitadas por experiencias similares doutras zonas e organismos adicados a investigación agraria.

Nesta convocatoria as liñas de axudas que se establecen deberán destinarse para o fomento das seguintes medidas:

1. Axudar ás explotacións que se integren en proxectos concretos de investigación e divulgación agraria tendentes á adquisición de coñecementos teórico-prácticos que lles permitan a aplicación de técnicas innovadoras de produción, transformación e comercialización das producións agrarias.

2. Valorización e comercialización das producións agrarias en mercados de proximidade.

3. Proxectos relacionados coa multifuncionalidade do monte enfocados a prevención dos incendios mediante o uso de técnicas silvo-pastorís.

4. Proxectos que fomenten a consolidación e a creación de emprego no medio rural.

Consoante co anterior e de conformidade co disposto na Lei 7/1985, de bases de réxime local, Regulamento de servizos das corporacións locais e na Lei 5/1997, de administración local de Galicia, e con cargo ó presuposto da Deputación para 2005, convócanse, para o perído que vai comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2005, as subvencións que seguidamente se detallan:

Programa Aplicación presupostaria
Subve. Para actividade xeral 0305/711.E/489.99
Subv. Para infraestrutura e equipamento 0305/711E/788999

Máis concretamente, as axudas poderánse referir, entre outras, ás seguintes materias:

Subvencións para infraestruturas e equipamento:

1. Infraestruturas materiais (peches, locais, entutorados, pequenas estufas, etc.)

2. Equipamentos técnicos (adecuación técnica de maquinaria, acondicionamento de locais, isotermos, etc.).

Subvencións para actividades:

1. Insumos.

2. Estudos de viabilidade de recuperación de producións non desenvolvidas e con potencialidade de desenvolvemento.

3. Aluguer de instalacións, maquinaria, etc.

4. Labores de implantación e acondicionamento de cultivos.

5. Asesoramento técnico para execución e supervisión do proxecto.

6. Formación técnica co fin de conseguir o fomento das medidas obxecto de axuda nesta convocatoria.

2.-Solicitantes.

Poderán optar ás axudas contidas na presente convocatoria as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar legalmente constituídas.

2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia.

3. Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

4. Estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

5. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables fíxase un período de destino dos bens para o fin concreto para o que se concedeu a subvención, que será dun mínimo de cinco anos.

6. As peticións tamén poderán ser solicitada polas agrupacións de labregas e labregos, aínda que non estean legalmente constituídas e sempre que realicen os investimentos ou actividades na provincia da Coruña.

No suposto de adquisición, construcción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, fíxase un período de destino dos bens para a fin concreto para o que se concedeu a subvención, que será dun mínimo de cinco años.

Non poderán ser obxecto de axuda na presente convocatoria as entidades subvencionadas, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións ou de planos provinciais da Deputación.

3.-Condicións.

As entidades poderán solicitar un máximo de dúas subvencións, amba-las duas no mesmo programa ou no seu caso unha subvención para actividade xeral e outra para infraestructura e equipamento. No caso de solicitar dúas subvencións, deberá priorizarse entre elas.

A Deputación poderá conceder ata un máximo de 15.000 euros polo total das dúas peticións.

Con carácter xeral o importe da subvención solicitada será entre o 20% e o 80% do presuposto estimativo de gastos.

Para a concesión primarase o maior esforzo económico que a realización dos investimentos supón para a entidade solicitante; a cuantificación deste esforzo económico determinarase polo coeficiente de financiamento fixado polo solicitante, tal e como se define na base sétima da presente convocatoria.

4.-Documentación.

As solicitudes deberán formularse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral da Deputación, na Sección de Promoción Económica ou na páxina web de Deputación: www.dicoruna.es.

Achegarase tamén a seguinte documentación:

A.-Fotocopia da tarxeta do CIF da entidade.

B.-Fotocopia dos estatutos da entidade.

C.-Certificación dos datos bancarios da entidade, segundo modelo aprobado pola Deputación.

D.-Declaración de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

E.-Certificación acreditativa do acordo no que se aproba participar nestes programas e do nomeamento do representante para as súas relacións coa Deputación.

F.-Fotocopia da tarxeta do NIF do representante.

G.-Declaración do representante de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

H.-Memoria explicativa da actividade o investimento que se vai realizar, que fará mención ás persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda e ó calendario fixado.

I.-Autorización para que a Deputación poda obter as certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que a entidade está ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigacións e ordear os pagos das subvencións.

K.-Presuposto estimativo de gastos, que non poderá ser superior a 18.750 euros entre as dúas peticións.

No caso de realización de obras: memoria estimada ou proxecto de técnico competente.

L.-Importe da subvención solicitada que no poderá superar ó 80% do presuposto estimativo de gastos.

De conformidade co art. 35.f) da Lei 30/1992, se os documentos solicitados nos apartados A, B, C e F, anteriores están en poder da Deputación, o solicitante non terá que volver remitilos, pero haberá de sinalar a data e a dependencia na que se presentaran anteriormente.

A documentación que se entregue en fotocopia ha de vir compulsada.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base 4 deberá ser subsanado no prazo de dez días dende a recepción do requirimento.

5.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación e na forma prevista no art. 38.4 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

O prazo de presentación de solicitudes comenzará ó día seguinte á publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da provincia e rematará o 6 de maio do 2005.

Non obstante o anterior, ó longo do exercicio presupostario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionales, non puideran presentarse no prazo sinalado no parágrafo anterior; esta circunstancia deberá motivarse adecuadamente, e o importe total das concesións por cada partida presupostaria non poderá superar o 10% do importe total da consignación da mesma.

Estas peticións tramitanse de acordo coas presentes bases, agás o cumprimento do prazo.

6.-Resolución dos programas.

A concesión das subvencións realizarase, mediante un réxime de concurrencia competitiva, por resolución da Presidencia, a proposta motivada da comisión avaliadora e requerirá informe do Servicio de Fomento, no que conste que da información obrante no seu poder, derívase que os beneficiarios cumplen todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

A comisión avaliadora estará composta polos seguintes membros:

Presidente: Deputado presidente da Comisión de Promoción Económica, Emprego e Turismo.

Vocais: Tres deputados/as designados/as polo presidente da Deputación.

Na comisión actuará como secretario/a, sen voto, un funcionario do Servizo de Fomento.

6.1.-Valoración das solicitudes.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades e investimentos que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

* Interese das actividades ou investimentos: ata 20 puntos, dos que 10 como mínimo concederánse en función da prioridade sinalada polo solicitante na petición.

* Número de beneficiados directa ou indirectamente polas actividades ou investimentos: ata 10 puntos.

* Coeficiente de financiamento derivado da solicitude: ata 35 puntos.

* Adecuación das actividades ou investimentos que se van realizar ó interese provincial: ata 35 puntos.

6.2.-Notificación e publicidade da resolución.

A resolución de concesión deberá ser notificada expresamente a tódolos solicitantes de forma fidedigna e publicada no Boletín Oficial da Provincia, no prazo máximo de dous meses contados a partires da data de resolución do programa.

Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.

6.3.- Reformulación de solicitudes.

Unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio dos obxectivos ou conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución da presidencia, previa proposta da comisión avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

* Si o presuposto da nova actividade ou investimento é superior ou igual ó presuposto subvencionado inicial, manteranse as mesmas condicións da subvención concedida: coeficiente de financiamento, importe da subvención e presuposto subvencionado.

* Si o presuposto da nova actividade ou investimento é inferior ó presuposto subvencionado inicial, a comisión avaliadora, previo informe do Servizo de Fomento, deberá determinar o novo coeficiente de financiamento, o novo importe da subvención e o novo presuposto subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

7.-Xustificación e pagamento.

7.1.-Prazo de xustificación.

O prazo para a xustificación das subvencións finalizará o día 31 de xullo de 2006, se ben antes de finaliza-lo prazo, poderá ampliarse por solicitude do interesado ou a proposta razoada da unidade xestora.

Se non se presentara a xustificación dentro de prazo (inicial ou prorrogado), por resolución da Presidencia se iniciará o expediente de anulación do correspondente compromiso. A resolución final será notificada á entidade e á Intervención Provincial para o seu reflexo contable.

En calquera caso, a data límite para a xustificación non poderá exceder da fixada nas bases de execución do presuposto xeral da Deputación da Coruña para o exercicio 2005.

7.2.-Consideracións xerais.

7.2.1.-As subvencións aboaranse despois da xustificación dos gastos.

7.2.2.-Ós efectos de xustificación das subvencións, defínese o coeficiente de financiamento como o cociente entre o importe da subvención solicitada e o importe do presuposto estimativo de gastos.

A aplicación deste coeficiente ó importe da subvención concedida dará lugar ó presuposto subvencionado que será o que se teña que xustificar para poder cobra-la subvención; é dicir:

Presuposto subvencionado = Importe subvención concedida / Cf

No caso de ter outras subvencións para o mesmo obxecto que, en concurrencia coa subvención da Deputación, teñan un importe superior á cantidade resultante do cálculo anterior, o presuposto subvencionado será a suma das subvencións.

O gasto xustificado documentalmente deberá acadar polo menos, o importe do presuposto subvencionado.

7.2.3.-O importe das subvencións concedidas, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións públicas ou entidades privadas, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

7.2.4.-Para o cobro da subvención as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Deputación da Coruña (art. 170.2, Lei 39/1988, reguladora das facendas locais), situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Recaudación.

Así mesmo, as entidades deberán acreditar que están ó corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

As certificacións acreditativas desta situación poderan ser solicitadas directamente pola Deputación en virtude da autorización dada pola entidade.

7.2.5.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

7.2.6.-O beneficiario queda obrigado a facilitar canta información lle sexa requirida pola Deputación e demáis órganos de control externo e sométese ás responsabilidades e réxime sancionador establecido na Lei Xeral Orzamentaria e, no seu caso, ó disposto no Código Penal.

7.3.-Documentación xustificativa.

Para o cobro da subvención as entidades deberán presenta-la seguinte documentación:

7.3.1.-A entidade haberá de solicitar, a lo menos, tres ofertas de distintos proveedores, no caso de que o gasto sexa superior a 30.000 euros, para realización de obras, ou superior a 12.000 euros para adquisición de equipamento ou prestación de servizos.

7.3.2.-Declaración ou certificación de ter cumprida a finalidade da subvención mediante a realización das actividades ou investimentos para as que foi concedida.

7.3.3.-Relación detallada das subvencións ou axudas obtidas doutras Administracións públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto ou, pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto.

7.3.4.-Acreditación da realización de gastos, da forma seguinte:

A) As subvencións que teñan por finalidade a realización de actividades que xeren gastos correntes xustificaranse mediante facturas orixinais ou fotocopias compulsadas.

No caso de gastos de personal, poderán achegarse como xustificante as nóminas acreditativas do pagamento e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

B) As subvencións que teñan por finalidade a realización de proxectos que xeren gastos de investimento, xustificaranse axuntando os seguintes documentos:

* Adquisición de bens de equipo: facturas orixinais ou fotocopias compulsadas.

* Execución de obras:

- Se as obras se executan por administración: certificación subscrita por técnico colexiado competente e relación valorada polo importe da execución material ou facturas orixinais ou compulsadas expedidas polos distintos provedores.

- Se as obras se executan por contrata: certificación e relación valorada subscrita por técnico colexiado competente, que poderá conter os gastos xerais, beneficio industrial e IVE e factura orixinal ou compulsada expedida polo contratista.

Nos casos en que sexa de aplicación, a entidade deberá acreditar o cumprimento das obrigas sinaladas no art. 31.3 da Lei Xeral de Subvencións.

Así mesmo, no caso de concorrencia de subvencións públicas que se atopen xustificadas, poderá achegarse certificación da Administración concedente, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados e período ó que se refiren os gastos.

7.4.-Tramitación da xustificación.

Á vista da documentación xustificativa presentada e previos os informes da Sección de Promoción Económica e do Servizo de Fiscalización, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades ou investimentos subvencionados e se a documentación é correcta, se procederá ó pago da subvención.

No caso de que a documentación xustificativa fora incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección.

Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención e pago dela, terase en conta o seguinte:

* No caso de que se xustifique gasto polo 100% do presuposto subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.

* No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100% e, a lo menos do 50% do presuposto subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.

* No caso de que se xustifique gasto inferiór ó 50% do presuposto subvencionado, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, consonte co que non se aboará cantidade algunha.

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.

Disposición adicional primeira.

Con carácter xeral admitiranse fotocopias sempre que veñan compulsadas:

- Diante de notario.

- Polo Rexistro Xeral da Deputación da Coruña.

- Polo órgano administrativo que teña no seu poder os documentos orixinais

- Polo disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, réxime xurídico das administracións públicas o de procedemento administrativo común a de calquera órgano da administración Xeral do Estado, ou da comunidade autónoma.

Disposición adicional segunda.

Para o non previsto nesta convocatoria serán de aplicación as normas incluídas nas Bases de execución do presuposto xeral da Deputación da Coruña para o exercicio de 2005 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A Coruña, 21 de Marzo de 2005.

O presidente en funcións,

Asdo. Xaime Bello Costa.

O secretario,

Asdo. José Luis Almau Supervía.

 

Reg. 3947-x