Diario Oficial de Galicia
martes, 2 de xuño de 2009
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
106
Páxina do Dog:
9.471
Data da Disposición:
19 de maio de 2009
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 19 de maio de 2009 pola que se convoca o premio ás
actividades produtivas no medio rural pola contribución á conservación,
recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños de Santiago
para o ano 2009.
Orde do 19 de maio de 2009 pola que
se convoca o premio ás actividades produtivas no medio rural pola contribución á
conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños
de Santiago para o ano 2009.
A interacción entre o Camiño de Santiago e o
territorio resulta un elemento clave para a súa propia definición; así, xa a Lei
3/1996, do 3 de maio, de protección dos camiños de Santiago o conceptúa como ben
de dominio público de carácter cultural incluído na categoría de territorio
histórico. O territorio histórico como sitio ou lugar natural vinculado a
acontecementos ou recordos do pasado, creacións culturais ou da natureza e a
obras do home que posúan valores históricos ou técnicos, encaixa dentro do
concepto de bens culturais de carácter ambiental, entendidos como o espazo
físico territorial como testemuño cultural, tanto polos sinais do home e as súas
formas de asentamento configuradas no tempo, como por ser lugar de convivencia e
intercambio cultural.
As directrices prácticas
sobre a aplicación da Convención para a protección do patrimonio mundial
adoptada na Conferencia da UNESCO de París de 1972 aluden ao valor universal
excepcional que os bens culturais deben incorporar, de xeito que nesa
significación universal excepcional concorra o criterio de representar un
exemplo destacado das formas tradicionais de asentamento humano ou de
utilización das terras, representativas dunha cultura.
O
Camiño de Santiago responde ao concepto de paisaxe cultural que introducen estas
directrices en tanto que se integra nunha complexa trama territorial, de enorme
diversidade e riqueza, resultante da acción do home, que exemplifica a
permanencia da identidade cultural do pobo galego a través do tempo e que define
un concreto modelo de relación coa terra, configurador dunha paisaxe cultural de
grande heteroxeneidade na poboación, na organización espacial, na forma de
posesión da terra e nas estruturas agrarias e de produción. O seu valor reside
no interese conxunto e compartido das partes e do seu contexto natural, ao tempo
que evidencia a complexidade desa realidade cultural.
En definitiva, a protección desta paisaxe cultural contribúe á
utilización viable e á valorización das terras en tanto que as formas
tradicionais de utilización teñen en conta as características e límites do
contorno natural e sustentan a biodiversidade.
A
esa concepción do Camiño de Santiago como territorio non lle resulta allea a
modernización e a transformación que sufriu o modelo agrario en Galicia desde o
último cuarto do século XX, que rompe coa harmonía entre a forma e as funcións
no territorio, sen manter unha continuidade coa tradición e sen ter en conta os
valores naturais e culturais representativos da súa identidade.
Esta concepción é aplicable non só á ruta principal do Camiño de
Santiago, no seu discorrer polo Camiño Francés, senón tamén ás outras rutas que
se enmarcan na denominación xeral de Camiño de Santiago, que se corresponde coas
actualmente coñecidas como Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño do Norte,
Camiño de Fisterra e Camiño Inglés.
Neste sentido, a
Consellería de Cultura e Turismo, no marco das súas competencias, mediante esta
orde convoca o premio ás actividades produtivas no medio rural pola súa
contribución á conservación, recuperación e posta en valor do territorio
histórico dos camiños de Santiago, co fin de protexer, preservar e conservar a
identidade do contexto natural e territorial do Camiño de Santiago como
expoñente dunha realidade cultural, pero tamén social e económica.
O
devandito premio persegue o obxectivo de destacar aquelas iniciativas vinculadas
ás actividades produtivas de carácter agrogandeiro e forestal, incluíndo as de
transformación e comercialización dos seus produtos que contribuísen
singularmente á conservación, recuperación e posta en valor do territorio
histórico do Camiño, facendo compatibles esas actividades coa preservación dos
valores representativos da identidade desa paisaxe cultural. Entre estas
iniciativas inclúense as que tivesen por obxecto a recuperación de masas
forestais e zonas de cultivos tradicionais, a implantación de novos usos
agropecuarios que se integren de xeito harmónico no territorio, a recuperación
de conxuntos ou construcións tradicionais para albergar actividades produtivas
ou de transformación ou distribución dos produtos agropecuarios, así como a
propia calidade e integración na paisaxe e no seu contorno das novas
construcións destinadas aos mesmos fins e calquera outra que, sen estar
expresamente mencionada nesta relación, teña por obxecto actividades produtivas
propias do medio rural e que respondan ao obxectivo do premio.
En uso das competencias conferidas polo Decreto 36/2006, do 23 de
febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura
e Turismo, como órgano da comunidade autónoma ao cal lle corresponden os
aspectos vinculables á protección e promoción do patrimonio cultural da cidade e
dos camiños de Santiago, considérase de grande interese a convocatoria deste
premio.
Para tal fin,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A Consellería de Cultura e Turismo convoca o
premio ás actividades produtivas no medio rural pola súa contribución á
conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños
de Santiago co fin de recoñecer e incentivar a recuperación das actividades e
usos agrogandeiros, e forestais tradicionais e a integración harmónica no
territorio das novas actividades e formas de produción, en tanto que o seu
desenvolvemento e implantación sexan respectuosos cos valores naturais e
culturais representativos dese territorio, considerando tanto o respecto
ambiental e a integración coa paisaxe natural, coma a súa integración cos
elementos configuradores da paisaxe cultural, o emprego de materiais e técnicas
construtivas compatibles coas tradicionais, sen que por iso deixen de responder
a criterios de sustentabilidade e rendibilidade económica, acordes coas demandas
dun dos principais sectores produtivos do país.
Artigo 2º
A contía deste premio, que será de 40.000 € e se fará con cargo á
aplicación orzamentaria 12.03.433-A.640.0 dos vixentes orzamentos da Comunidade
Autónoma de Galicia, distribuirase nun primeiro premio de 25.000 € e dúas
mencións de 7.500 €.
Artigo 3º
1. Poderán ser candidatos ao premio as persoas
físicas ou xurídicas titulares de explotacións forestais, agrícolas e/ou
gandeiras ou de actividades de transformación ou distribución dos seus produtos
que desenvolvan a súa actividade tanto no ámbito do territorio histórico do
Camiño Francés delimitado na Resolución do 12-11-1992, da Dirección Xeral de
Patrimonio Histórico e Documental (DOG do 18 de decembro), como nos diversos
ámbitos das outras rutas que se enmarcan na denominación xeral do Camiño de
Santiago definida no artigo 1 da Lei 3/1996, de protección dos camiños de
Santiago, segundo a relación de parroquias que se anexa a esta orde.
En ningún caso se admitirán candidaturas presentadas polos propios
beneficiarios.
2. As candidaturas serán presentadas por
asociacións culturais, de amigos do Camiño de Santiago, defensa do patrimonio,
do ambiente, etc., polas asociacións profesionais agrarias ou por entidades
(universidades, colexios profesionais, etc.) incluíndo as territoriais
(concellos, mancomunidades, etc..), mediante escrito dirixido á Subdirección
Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, Dirección Xeral de
Patrimonio Cultural, Consellería de Cultura e Turismo, edificio administrativo
San Caetano, bloque 5, 15771, Santiago de Compostela. O prazo de presentación de
candidaturas rematará o 30 de outubro de 2009. A duración máxima do procedemento
será de dous meses.
En ningún caso os propoñentes das candidaturas
serán titulares de explotacións ou actividades que sexan obxecto deste
premio.
3. Documentación que se xuntará coa
candidatura:
-Plano de situación no ámbito do concello, no cal quede perfectamente
definida a parroquia e o lugar ou lugares concretos nos cales se desenvolve a
actividade. Escala 1/25.000 a 1:10.000.
-Plano de situación dos
elementos físicos e predios nos cales se desenvolve a actividade a escala
1/5.000 a 1/500.
-Documentación fotográfica en cor,
preferiblemente en formato dixital, que comprenda a propia explotación,
elementos construídos, plantacións, etc, e que sexa descritiva das
características do contorno no cal se integra e da súa relación con
eles.
-Copia compulsada das autorizacións sectoriais
correspondentes da actividade da explotación.
-Memoria explicativa na cal se describa a actividade, incluíndo na
descrición a dos procedementos e das características dos espazos nos cales se
desenvolve e na cal constará a data de comezo, principais cultivos ou gandaría a
que se dedica, así como réxime de explotación, individual ou societario. Nesta
memoria incluiranse, cando proceda, a descrición histórica das actividades
desenvolvidas con anterioridade nas mesmas propiedades ou construcións e as
transformacións tanto físicas coma de uso que se levaron cabo.
4. O escrito de presentación da candidatura e a documentación relacionada
no parágrafo anterior serán presentados no Rexistro Xeral de Servizos Centrais
da Xunta de Galicia ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, nas condicións establecidas no
artigo.
Artigo 4º
O premio será outorgado por un xurado presidido
polo conselleiro de Cultura e Turismo ou persoa en quen delegue, e estará
integrado polos seguintes membros:
-O director xeral do
Patrimonio Cultural ou persoa en quen delegue.
-Un representante
designado pola Secretaría Xeral de Turismo.
-A subdirectora xeral de Protección da Cidade e
Camiños de Santiago.
-Un representante designado pola Consellería do Medio Rural.
-Un representante por
proposta das asociacións e organizacións profesionais agrarias con implantación
en Galicia.
Actuará como secretaria do xurado, con voz pero
sen voto, a titular do Servizo de Conservación e Protección
Xacobeas.
Artigo 5º
O xurado poderá solicitar dos servizos técnicos
da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aqueles informes ou documentación
gráfica ou fotográfica adicional que considere necesaria para completar a
achegada pola candidatura.
Na selección dos
premiados atenderanse os seguintes criterios:
-A singularidade da
actuación.
-A
súa representatividade dentro das actividades produtivas no medio rural e dentro
das características das distintas comarcas que comprenden os territorios
históricos dos camiños de Santiago.
-O carácter innovador das
iniciativas presentadas.
-A contribución á conservación, recuperación e
posta en valor dos territorios históricos dos camiños de Santiago.
-A recuperación das actividades e usos agrogandeiros e forestais
tradicionais.
-A integración harmónica das novas actividades e formas de produción coa
paisaxe natural e cultural, e o respecto polos valores naturais e culturais
representativos dese territorio, así como polos valores ambientais.
-O emprego de materiais e técnicas construtivas compatibles coas
tradicionais.
Artigo 6º
O premio, nas súas diversas categorías, poderá outorgarse de xeito
individual ou compartido, ou declararse deserto.
Os premiados recibirán un diploma e o importe do premio, que lles será
aboado mediante transferencia bancaria por valor da súa contía total. No caso de
que o premio sexa compartido, repartirase equitativamente entre os
galardoados.
O importe do premio deberán investilo os
premiados na actividade ou iniciativa premiada na mellora daqueles aspectos que
se definen como obxectivo desta convocatoria.
Os premiados someteranse ás actuacións de comprobación que deba efectuar
o órgano concedente do premio e ás que sexan requiridas pola Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 7º
A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria
quedará en poder, para o seu axeitado arquivo, da Consellaría de Cultura e
Turismo, reservándose a esta o dereito de divulgación da devandita documentación
por calquera medio de reprodución.
A documentación das
restantes candidaturas seralles devolta aos interesados no caso de que estes o
soliciten expresamente.
Disposición
derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de maio de
2009.
P.D.
(Orde 2-5-2009)
Antonio
Fernández-Campa García-Bernardo
Secretario xeral da Consellería de Cultura
e Turismo
Ver referencia pdf "10600D008P055.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es