Diario Oficial de Galicia
martes, 2 de xuño de 2009
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
106
Páxina do Dog:
9.484
Data da Disposición:
28 de maio de 2009
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 28 de maio de 2009 pola que se establecen as bases
reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa
fitosanitaria e se convocan para o ano 2009.
Orde do
28 de maio de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para
agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para
o ano 2009.
O obxecto das agrupacións que desenvolven
programas de defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos
agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas,
mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa
periodicidade no uso de métodos de control fitopatolóxico e que, ademais, se
recorra ao emprego racional de produtos químicos, usándoos só naqueles casos en
que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns
limiares tolerables, empregando métodos de control integrado de
pragas.
Para conseguir unha mellora das técnicas de loita
fitosanitaria nas explotacións cómpre subvencionar os servizos técnicos
prestados polas agrupacións de defensa fitosanitaria aos agricultores, así como
unha parte do material empregado na loita contra as pragas. A intensidade da
axuda será tal que permita que o apoio aos técnicos sexa coherente cos prezos de
mercado, así como o mantemento da actividade no tempo.
O
Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, da Comisión, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis no sector da
produción de produtos agrícolas, permite outorgar unha axuda aos agricultores de
ata 7.500 euros en tres anos para todas as axudas outorgadas polo dito réxime.
Malia seren os beneficiarios das axudas polo devandito réxime as empresas do
sector da produción de produtos agrícolas, para a simplificación do procedemento
administrativo e do control dos programas de actuación das agrupacións de
defensa sanitaria dos cultivos cómpre que, naqueles casos que sexa posible, se
asinen convenios de colaboración coas agrupacións para que estas actúen como
entidades colaboradoras na xestión das axudas, adquirindo os agricultores, non
obstante, a obriga de informar das axudas percibidas polo réxime de minimis nos
últimos tres anos, así como o resto dos requisitos do citado regulamento e da
orde.
Estas axudas para agricultores membros das
agrupacións de defensa fitosanitaria financiaranse con fondos do Ministerio de
Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e outros que poida achegar para os mesmos
fins a Comunidade Autónoma de Galicia.
En virtude do exposto, e
de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso
das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se
aproba o regulamento da dita lei,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a
convocatoria para o ano 2009 das axudas para agricultores membros de agrupacións
de defensa fitosanitaria.
Sección
primeira
Bases reguladoras das axudas
Artigo 2º.-Obxecto.
Esta sección ten por
obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para agricultores que
empreguen os servizos das agrupacións que desenvolvan programas de defensa
fitosanitaria.
Artigo 3º.-Definicións.
Agrupacións de defensa
fitosanitaria (en diante ADF): asociacións ou agrupacións de agricultores e as
súas federacións recoñecidas oficialmente, así como outras entidades
relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, que desenvolvan un
programa de defensa fitosanitaria dos cultivos orientado á redución no uso de
praguicidas empregando as técnicas de control integrado de pragas.
Artigo 4º.-Beneficiarios e principios de concesión.
1. Poderán acollerse a
esta axuda os agricultores que desenvolvan a súa actividade nos sectores da
produción de horta, froiteiras e da vide, que pertenzan a unha ADF e empreguen
os seus servizos para o desenvolvemento dun programa de defensa
fitosanitaria.
2. Acreditarán a súa actividade agraria mediante
o seu correspondente código de explotación agraria (CEA) e/ou código de
explotación vitícola (Codev).
3. A axuda regulada nesta
orde concederase en réxime de concorrencia competitiva e, en todo caso, con
suxeición aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e estará
supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente nas correspondentes
partidas orzamentarias.
4. Se un agricultor
pertencese a varias agrupacións só poderá obter subvención pola súa pertenza a
unha delas.
Artigo 5º.-Requisitos dos
beneficiarios.
1. Os agricultores pertencentes ás ADF que soliciten as axudas deberán
ter subscrito o regulamento de réxime interno, no que se exprese a aceptación
das actuacións de control fitosanitario que se establezan para cada cultivo ou
grupo de cultivos asociados, así como cumprir os compromisos e obrigas exixidas
nos artigos 7º e 14º desta orde.
2. Só poderán ser
beneficiarios destas axudas os agricultores pertencentes ás ADF que xunten os
seguintes requisitos:
a) Que estean formadas
por un número mínimo de 10 agricultores, que integren unha superficie mínima
suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar, e para
que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado
pola entidade.
b) Que teñan subscrito un contrato laboral a
tempo total co técnico que dirixirá a execución do programa nos cultivos que se
van producir. Os técnicos que desenvolvan os traballos deberán estar en posesión
do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola.
3. Os beneficiarios deberán ter revisado ou solicitada a revisión da súa
maquinaria no marco do programa de revisión e control de maquinaria de
tratamento de produtos fitosanitarios.
Artigo 6º.-Clase e contía
das axudas.
1. Axudas destinadas a sufragar os custos dos servizos recibidos polo
beneficiario prestados polo persoal técnico contratado polas ADF para a
realización de tarefas de seguimento, detección e diagnóstico de pragas,
recomendacións de tratamentos, seguimento da súa evolución, auxilio na
formalización do caderno de explotación e outras actuacións técnicas durante o
período de produción do seu cultivo e ata o 15 de outubro do ano
2009.
As axudas serán do 70% do custo do servizo e un
máximo de 700 euros por agricultor, cando a ADF teña ata 25 membros e diminuirá
proporcionalmente cando o número de socios pertencentes a mesma entidade sexa
superior a este número.
2. Axudas para
adquisición polo beneficiario do material de técnicas de control que poidan
achegar unha innovación e mellora nas técnicas de control contra organismos
nocivos que atacan os cultivos do programa de 50 euros por
agricultor.
Esta axuda só será concedida unha vez sexan
atendidas as solicitudes de axuda do punto primeiro.
Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.
Os beneficiarios das axudas deberán desde a
concesión das axudas:
a) Remitir semanalmente aos servizos técnicos
agrarios provinciais:
-Ficha sobre evolución fitosanitaria dos cultivos
e estado fenolóxico delas.
-Descrición do traballo de campo coa indicación
das parcelas.
-Actividades formativas levadas a cabo.
-Estado de execución das
medidas propostas na memoria técnica.
-Incidencias importantes en materia de sanidade
vexetal.
b)
Antes do 30 de outubro de 2009, deberán achegar unha memoria onde se recollan
todas as actuacións do técnico da ADF na explotación do solicitante da
axuda.
Artigo 8º.-Entidades colaboradoras.
1. As ADF poderán actuar
como entidades colaboradoras para a xestión das axudas aos agricultores para o
emprego dos servizos técnicos prestados por elas, segundo o disposto nos artigos
9, 10 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A Consellería do Medio Rural e as entidades colaboradoras formalizarán
convenios de colaboración en que se regularán as condicións e as obrigas
asumidas por estas na xestión das axudas, de acordo co disposto no artigo 13 da
Lei 9/2007.
3. Para a sinatura do convenio deberá achegarlle
á Consellería do Medio Rural, como mínimo, a documentación de constitución da
ADF, unha copia do seu CIF, regulamento de réxime interno, certificado orixinal
do número de conta, a relación dos agricultores posibles beneficiarios das
axudas que a forman e unha memoria técnica con clara especificación do programa
de actuación que se pretenda desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e
prazo de execución (indicando a data de comezo e fin do programa) e resumo da
superficie de cada un dos cultivos a que se vaia dar o servizo. Tamén
acreditarán non ter débedas coas administracións públicas (AEAT, Consellería de
Economía e Facenda e Seguridade Social) mediante a presentación polo solicitante
das correspondentes certificacións ou ben autorizarán mediante un escrito a
consulta telemática desta situación.
4. As ADF sinatarias do
convenio terán a obriga de auxiliar os seus membros na tramitación das
solicitudes de axudas, serán as ADF as que distribúan entre os beneficiarios os
fondos outorgados.
5. As ADF que asinen o convenio deberán auxiliar
tamén os agricultores na xustificación das actuacións técnicas levadas a cabo
nas explotacións, descritas no artigo 7 desta orde.
6. Exímense as entidades colaboradoras de constituír as garantías
previstas no artigo 72.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se
aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Artigo 9º.-Solicitudes.
As solicitudes de
subvención formularanse conforme os modelos que se achegan como anexos I, II e
III desta orde, e irán acompañados da documentación que se establece no seguinte
artigo.
Artigo 10º.-Documentación.
Sen prexuízo da achega de
calquera outro documento e información que o interesado puidese presentar para
resolver sobre o outorgamento da subvención ou as que puidese solicitar a
administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención a
seguinte documentación que se indica, que serán orixinais ou fotocopias
compulsadas:
a) Fotocopia do DNI no caso de que o solicitante
sexa una persoa física, ou do CIF definitivo, se se trata dunha
empresa.
b) Estatutos e documentación de constitución da
ADF á que pertencen e regulamento de réxime interno (só no caso de que a ADF non
asinase un convenio coa Consellería do Medio Rural).
c) Certificado da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a
nome do beneficiario.
d) Factura pro forma do
gasto previsto, tanto no orzamento do servizo que lle vai prestar a ADF, así
como do gasto en material previsto para a execución de actuacións de técnicas de
control.
e) Programa de actuación para executar pola ADF
da que sexa membro e técnico responsable da ADF incluíndo a relación de
parcelas, cultivos, data de inicio e remate do programa, cronograma de visitas e
outras accións de asesoramento e documentación do técnico asesor e título (só no
caso de que esta non asinase un convenio coa Consellería do Medio
Rural).
f) Declaración escrita sobre outras axudas, que
inclúa a relación doutras axudas solicitadas e/ou concedidas para o mesmos
gastos, así como o importe de todas as axudas concedidas ou pagadas nos últimos
tres anos fiscais ao abeiro da normativa de minimis (O Regulamento (CE) nº
1535/2007 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE
ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas), segundo o
modelo do anexo III.
g) Xustificación de que o técnico ten unha
relación contractual coa ADF (só no caso de que a ADF non asinase o
convenio).
h) Documentación que acredite o punto 1 do baremo
do artigo 12, se é o caso.
2. No caso de ADF que asinen un convenio coa
Consellería do Medio Rural, consignarase na solicitude o número de conta da ADF
que será a destinataria dos fondos e será a encargada da súa distribución entre
os beneficiarios. Isto non exime de achegar o certificado do número de conta do
beneficiario que poderá ser utilizado, de ser o caso, para o control da efectiva
transferencia entre a ADF e o seu membro.
Artigo 11º.-Tramitación e
resolución.
1. O órgano de instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección
Xeral de Produción Agropecuaria.
2. O Conselleiro de Medio
Rural resolverá sobre as solicitudes presentadas, no prazo de seis meses
contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria, por
proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes
por un órgano colexiado presidido polo subdirector xeral con competencias na
materia e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con
categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como
secretario.
3. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e
notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada
a súa solicitude por silencio administrativo.
4. Resolveranse favorablemente todas as solicitudes que cumpran os
requisitos segundo a orde de puntos obtidos no baremo establecido no seguinte
artigo ata o esgotamento do crédito dispoñible. En caso de empate a puntos entre
varios solicitantes atenderanse primeiro as dos pertencentes ás ADF cun maior
número de membros.
5. Despois da notificación das axudas aos
beneficiarios, estes disporán dun prazo de dez días para aceptación da axuda
entendendo que, de non facerse esta comunicación, enténdense tacitamente
aceptadas. Se no dito prazo se producisen renuncias á concesión destas axudas,
procederíase a unha nova adxudicación co crédito sobrante aos solicitantes que
quedaran fóra da anterior resolución de concesión.
Artigo 12º.-Criterios de selección.
Para a avaliación das solicitudes presentadas
empregaranse os seguintes criterios de selección:
1. Para agricultores que tivesen a súa produción amparada por algún
indicativo de calidade diferenciada e/ou ben produtores ou operadores acollidos
a producións con protección da calidade: agricultura ecolóxica e produción
integrada: 5 puntos.
2. Polo número de agricultores que pertenzan ADF:
por cada 10 agricultores, 1 punto e ata un máximo de 5 puntos.
3. Cando a explotación estea situada nas zonas desfavorecidas incluídas
nas listas a que fan referencia os incisos i), ii) e iii) da alínea a) do artigo
36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro: 3
puntos.
4. Por ser explotación prioritaria segundo a
regula o Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o
rexistro de explotacións agrarias de Galicia e a Orde do 22 de xaneiro de 2009
que o desenvolve: 2 puntos.
5. Polo uso do galego na
realización de actividades ou condutas subvencionadas: 2 puntos.
Artigo 13º.-Xustificación das axudas.
1. A data límite para a execución das actuacións
previstas será o 15 de outubro de 2009.
2. Unha vez realizados os
investimentos e a execución da actuacións previstas, os interesados deberán
comunicar a finalización do programa no que respecta á súa explotación, por
escrito por calquera dos medios previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro,
como moi tarde, o 30 de outubro de 2009.
3. Coa dita comunicación
xuntaranse os xustificantes do investido tales como facturas pagadas así como un
informe final das actuacións técnicas da ADF na explotación do
solicitante.
4. A xustificación do gasto realizado debera
facerse achegando as correspondentes facturas. Para xustificar o pagamento no
caso de que os investimentos non superen os 1.000 € segundo o artigo 42.3º do
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, bastará con achegar a factura
co recibín por parte do provedor co selo e/ou sinatura e NIF de quen asina o
recibín ou achegarase calquera outro documento de valor probatorio que
xustifique o gasto e o pagamento realizado. En caso contrario deberán achegarse
as correspondentes transferencias bancarias que xustifiquen o pagamento
efectuado.
5. Unha vez comprobada a execución das
actuacións, os técnicos dos servizos técnicos agrarios provinciais realizarán as
correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas.
6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter
presentado esta perante o órgano instrutor do procedemento será de aplicación o
establecido nos números 2º, 3º, 4º e 5º do artigo 45 do Decreto 11/2009, polo
que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións.
Artigo 14º.-Compromisos.
1. Os agricultores beneficiarios destas axudas
deberán permanecer na ADF ata a finalización da actuacións previstas no programa
e, como mínimo, ata o 30 de outubro de 2009.
2. Os beneficiarios
deberán conservar durante cinco anos toda a documentación técnica e económica
xustificativa das axudas.
3. Os beneficiarios
deberán colaborar cos técnicos dos servizos técnicos agrarios provinciais da
Consellería do Medio Rural desde a data de inicio do programa poñendo á súa
disposición o caderno de campo da súa explotación, que deberán ter ao día tal e
como se establece a Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro (BOE do 19 de febreiro).
Así mesmo, colaborarán cos técnicos dos servizos provinciais da consellería no
seguimento da evolución e incidencia das pragas e na execución dos programas
oficiais de sanidade vexetal.
Artigo 15º.-Concorrencia
e acumulación de axudas.
1. As axudas reguladas nesta orde serán
incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións
públicas, referidas aos mesmos investimentos.
2. Ademais do previsto nesta orde respecto da declaración que se vai
presentar coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa
xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento
final da axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas
solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas, como das pendentes de resolución
para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou de
calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación
complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os
órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas
teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo
Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do
destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera
órgano de inspección ou control da Unión Europea.
Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión.
1. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde así
como as incidencias detectadas nos labores de seguimento efectuados polos
responsables da xestión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión.
2. Así mesmo, poderá
acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do
beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo
que se aproba o regulamento de dita lei.
Artigo 18º.-Reintegro das
axudas.
Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda e os xuros de
demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións
establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 19º.-Recursos administrativos.
As resolucións expresas ou presuntas dos
expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de
convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os
seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante o
conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte
ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a
aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co
establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada
pola Lei 4/1999.
2. Directamente, recurso
contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional
contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir
do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.
Artigo 20º.-Infraccións e sancións.
Seralles de aplicación aos beneficiarios das
axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de
subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento
de dita lei.
Artigo 21º.-Normativa.
Nestas axudas será de
aplicación a seguinte lexislación:
1. O Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de
decembro de 2007, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do
tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas
(DOUE L 337, do 20 de decembro de 2007). No artigo 3 deste regulamento indícase
que todas as axudas concedidas polo devandito réxime a unha empresa do sector da
produción de produtos agrícolas non poderá exceder os 7.500 euros en tres
exercicios fiscais.
2. No non previsto nesta orde estarase ao
disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto
11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita
lei.
Sección segunda
Convocatoria para o ano
2009
Artigo
22º.-Obxecto.
Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2009 das axudas
para os agricultores membros das agrupacións que desenvolvan programas de
defensa fitosanitaria (ADF), segundo as bases reguladoras establecidas na
sección primeira desta orde.
Artigo 23º.-Presentación
de solicitudes.
As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2009 presentaranse no
prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde,
preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería do
Medio Rural, sen prexuízo dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Artigo 24º.-Financiamento
para o ano 2009.
As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2009 con
cargo á aplicación orzamentaria 2009 11 03 713E 7801 da Lei de orzamentos da
Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por un importe de 200.000 euros,
sen prexuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles de acordo co
establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba
o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Disposicións adicionais
Primeira.-Os
beneficiarios das axudas non deberán ter débedas coas administracións públicas
(AEAT, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social) segundo recolle a
letra e) do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
podendo o órgano instrutor do procedemento acceder á consulta telemática desta
situación, salvo denegación expresa do solicitante achegada no momento da
solicitude caso en que deberá achegar os correspondentes
certificados.
Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei
4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración
pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial
as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción
Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto
nesta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2009.
Samuel Jesús Juárez
Casado
Conselleiro do Medio
Rural
Ver referencia pdf
"10600D010P068.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es