Diario Oficial de Galicia
luns, 31 de marzo de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
61
Páxina do Dog:
5.418
Data da Disposición:
25 de marzo de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 25 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases
reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos
a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cofinanciada polo Fondo
Social Europeo.
Orde do 25 de marzo de 2008 pola que
se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á
contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar,
cofinanciada polo Fondo Social Europeo.
Mediante o
Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e
servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión
realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e
a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa
a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto
536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica,
modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7
de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e
funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de
emprego.
No
marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do
Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego,
e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, uns dos obxectivos
prioritarios é a urxente necesidade de facer efectiva a igualdade de
oportunidades entre homes e mulleres e de acadar así unha verdadeira integración
da muller no mercado laboral. As condicións laborais das mulleres galegas é unha
preocupación que se reflicte claramente no acordo polo emprego asinado o pasado
5 de febreiro, froito do ambicioso proceso de concertación social que se veu
desenvolvendo desde novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, a Confederación
de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO.
de Galicia, no que se inclúe un amplo abano de medidas para un novo marco de
relacións laborais en Galicia na busca dun mercado de traballo galego máis
produtivo, máis estable e seguro e, o que é fundamental, menos discriminatorio
para as mulleres galegas. En concreto, no Acordo sobre obxectivos e medidas para
o emprego en Galicia, dedícase o capítulo 4 aos obxectivos e medidas en materia
de políticas en favor da igualdade, establecéndose medidas de fomento do emprego
para acadar os obxectivos de igualdade das mulleres e os homes.
Esta orde responde ao
obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta
de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade
das mulleres de Galicia. Así, nesta orde recóllese o establecemento de medidas
de cara ao exercicio dos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e
laboral.
Esta
prioridade responde á convicción de que, para lograr unha sociedade harmónica e
máis xusta é necesario que todos os seus membros, e especialmente as mulleres,
poidan ter as mesmas oportunidades de acceder a un posto de traballo que lles
permita o normal desenvolvemento da súa vida profesional e laboral.
Xunto con estas medidas,
e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración
autonómica e as de ámbito estatal cara ao logro da inserción da muller no mundo
laboral, as axudas para o fomento do emprego da muller establecidas pola Xunta
de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego
aplicable a todo o Estado.
O obxecto de conseguir unha mellor conciliación
laboral e familiar é fundamental en toda unha serie de cuestións sociais: novas
formas da organización do traballo, avances na protección social, cambio nas
estruturas familiares e na distribución dos coidados familiares entre mulleres e
homes.
Neste
contexto, a Xunta de Galicia, consciente de que a igualdade de oportunidades da
muller pasa pola súa plena incorporación ao mundo laboral seguindo as
recomendacións do Consello Europeo, establece unha serie de medidas destinadas a
mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral, xa sexa considerándoas como
colectivo preferente, ou a través de programas específicos para favorecer a
conciliación da vida laboral e familiar.
Nesta estratexia de compromiso co emprego
feminino enmárcanse as medidas activas deseñadas pola Consellería de Traballo
non só para evitar os efectos negativos que sobre a contratación das mulleres
ten a baixa por razón da maternidade, senón tamén co obxecto de promover a
corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a
paternidade/maternidade e o coidado de familiares.
Nesta orde fíxanse as
bases reguladoras e convócanse para o ano 2008 os incentivos á contratación para
favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
A Lei 30/2005, do 29 de
decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, na súa disposición
adicional sexaxésima quinta, establecía as bonificacións a traballadoras
autónomas e socias traballadoras de cooperativas de Traballo Asociado cando se
produza a súa reincorporación efectiva ao traballo despois da maternidade e a
Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego
recolle no artigo 4.2º as bonificacións a traballadoras por conta allea cando se
produza a súa reincorporación efectiva ao traballo. Co obxecto de non
subvencionar as situacións xa previstas pola normativa estatal, nesta orde
exclúense das axudas as situacións que dean lugar ás bonificacións previstas nas
devanditas normas.
Tamén se consideran axudas pola substitución de persoas traballadoras en
excedencia para o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo
46.3º do Estatuto dos traballadores.
As bases reguladoras do programa regulado nesta
orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de
concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do
programa, non resulta necesario realizar a comparación de prelación das
solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas
se realiza pola comprobación de concorrencia no solicitante dos requisitos
establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Neste marco de actuación,
as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto na
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao
establecido nesta lei, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2008, e no que resulte de aplicación a Lei
38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de
desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
As axudas recollidas
nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias
que para o exercicio 2008 recóllense na disposición adicional sexta da
orde.
Por
todo o exposto, e no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité
Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 28 de novembro de 2007, consultado
o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me
confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei
2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Capítulo I
Ámbito, réxime das axudas e principios de xestión
Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de
xestión.
1. Coa finalidade de
promover a igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de
homes e mulleres e remover os obstáculos que sobre o emprego pode producir a
maternidade e outras situacións pertencentes ao ámbito da familia, esta orde ten
por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2008 os
incentivos dirixidos directamente a favorecer a conciliación da vida laboral e
familiar, a través das seguintes axudas:
a) Axudas ás empresas que reincorporen a
traballadores tras un proceso de maternidade/paternidade.
b) Axudas ás empresas que
substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou
con redución da xornada de traballo por motivos familiares.
2. As solicitudes,
tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao
establecido nesta lei, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei
16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2008, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de
novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento aprobado
polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.
3. A xestión deste
programa realizarase de acordo aos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade,
transparencia, igualdade e non-discriminación.
b) Eficacia no
cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos
recursos públicos.
Artigo
2º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser
beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa
a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e as
comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten
ou reincorporen a traballadores e traballadoras para prestar servizos en centros
de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran
as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas
circunstancias previstas nos puntos 2º e 3º do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de sociedades civís e comunidades de bens
deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con
poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle
corresponden á agrupación.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as
administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou
dependentes de calquera delas.
Artigo 3º.-Exclusións.
Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde
as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real
decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido
da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as
persoas traballadoras contratadas para prestar servizos noutras empresas a
través de contratos de posta á disposición.
Non obstante o anterior, non quedan afectadas por
esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta
dirección que poderán acollerse aos beneficios previstos nesta orde.
Non poderán acollerse á
subvención prevista no artigo 4º desta orde as reincorporacións efectivas ao
traballo das mulleres que, segundo o establecido na disposición adicional
sexaxésima quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do
Estado para o ano 2006 e no artigo 4.2º da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para
a mellora do crecemento e do emprego, teñan dereito ás bonificacións
establecidas nas ditas leis.
Artigo 4º.-Axudas ás empresas que reincorporen a
persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade.
1. Poderán ser obxecto de
subvencións as reincorporacións ao posto de traballo na empresa dos
traballadores tras períodos de descanso por causa de maternidade/paternidade,
adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en
virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos
traballadores, así como as reincorporacións ao exercicio da actividade
profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das
sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.
Para os efectos das
axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ao posto
de traballo se produce cando finaliza definitivamente o permiso de
maternidade/paternidade, tanto no caso de que se desfrute a xornada completa ou
a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real
decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º do Estatuto
dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo
1/1995, do 24 de marzo.
2. Só serán subvencionables as reincorporacións
ás que se refire o punto 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes
circunstancias:
a) Que o período de descanso desfrutado polo traballador que se
reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade fose igual ou superior á
metade do período máximo legal.
b) Que durante os períodos de descanso por
maternidade/paternidade se formalizasen contratos de interinidade para a
substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa
reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ao 80% do período de
descanso do traballador substituído.
c) Que o traballador se reincorpore ao seu posto
de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido, ou, no
caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual,
persoal e directa.
3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en
contía equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por
continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2008 do grupo de
cotización a que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ao
importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do
correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en
ambos os dous casos calculada sobre 12 mensualidades.
Artigo 5º.-Axudas ás
empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de
familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos
familiares.
1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se
realicen con persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de
emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, para
substituír a persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos
supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores- por
un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en
virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con
reserva de posto de traballo, ou con redución da xornada de traballo por motivos
familiares nos supostos e termos previstos no artigo 37.5º do Estatuto dos
traballadores.
2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de persoas
desempregadas aquelas que estean inscritas como demandantes de emprego no
Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o
informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
3. Os contratos de
interinidade para que poidan ser obxecto de subvención deberán cumprir os
requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º.c) do Estatuto dos
traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por
escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente
establecida.
4. Os contratos de interinidade para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares, incentivaranse cunha axuda de 2.400
euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período
inferior a un ano, ou a parte proporcional correspondente cando o contrato de
interinidade se celebre a tempo parcial.
Capítulo II
Competencia e procedemento
Artigo 6º.-Competencia.
A
competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións
presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo,
corresponderalles aos delegados/as provinciais da Consellería de Traballo, cando
a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servizos en centros
de traballo radicados na respectiva provincia.
Artigo 7º.-Solicitudes e
prazos.
1. As solicitudes de axudas e
subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos
rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Traballo, ou
por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. As axudas desta orde
solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se produza a
reincorporación ao posto de traballo tras un proceso de maternidade/paternidade
ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de
interinidade.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 15 de
setembro de 2008 aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a
celebración do contrato obxecto de subvención.
3. O prazo para a
presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un
proceso de maternidade/paternidade que, cumprindo os requisitos e condicións
establecidas na presente orde, se realizaran entre o 16 de setembro de 2007 e a
data de publicación desta orde, remata o 15 de maio de 2008.
4. O prazo de
presentación das solicitudes de axudas polas contratacións de interinidade para
a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de
familiares ou con reducción de xornada por motivos familiares, que cumprindo os
requisitos e condicións establecidas nesta orde se realizaran entre o 16 de
setembro de 2007 e a data de publicación desta orde, remata o 15 de maio de
2008.
5. As
solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da
Consellería de Traballo: http://traballo.xunta.es/.
6. A presentación da
solicitude de concesión de subvención polo interesado, comportará a autorización
ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia
Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e
a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia,
segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións
de Galicia.
Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento,
debendo achegar coas solicitudes as devanditas certificacións.
7. Mediante a
presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu
consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos
relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións
impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de
sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo
que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005,
do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación,
consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante
o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán
9-15702, Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei
orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter
persoal.
8. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza
expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos
puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións
concedidas, ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da
convocatoria, o programa e crédito orzamentario con que se imputan, a entidade
beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, e na páxina web
oficial da Consellería de Traballo.
9. Para a presentación de solicitudes de axudas
os beneficiarios poderán contar coa información e o asesoramento da rede de
axentes de emprego coordinada pola Consellería de Traballo
(www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).
Artigo 8º.-Documentación.
As solicitudes deberán presentarse nos modelos
normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde xunto coa seguinte
documentación, orixinal ou copia compulsada:
1. Se o solicitante é persoa física, DNI e
acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa
representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.
2. Declaración
comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para
o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes
ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo III). Ou, de ser o caso, unha
declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no
modelo de solicitude).
3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria
e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular
da conta (segundo o modelo anexo IV).
4. Documentación acreditativa de que se
encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa
Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda
coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o
solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar
as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración
Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía
e Facenda da Xunta de Galicia.
5. Nas axudas para os traballadores que se
reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:
-Copia simple do DNI do
traballador que se reincorpora.
-Documentos acreditativos da baixa por maternidade/paternidade, adopción
ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo do período de
descanso correspondente.
-Boletíns de cotización do último mes anterior
dispoñible á data na que se produza a baixa e o correspondente ao mes da
reincorporación.
-Contratos de interinidade celebrados para substituír os traballadores
que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na
Seguridade Social do traballador substituto.
6. Nas axudas para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares:
-Copia simple do DNI da persoa traballadora
substituta e documentos acreditativos do tempo de permanencia en situación de
desemprego segundo os datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e, de ser
o caso, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de
emprego na oficina de emprego.
-Contrato de interinidade e alta na Seguridade
Social.
-Documentación acreditativa
da baixa e da situación de excedencia ou, se é o caso, da redución da xornada, e
copia simple do DNI da persoa traballadora substituída.
Artigo 9º.-Instrución e
tramitación.
Se a solicitude non
estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as
unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de
conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, requirirán do interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10
días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de
que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo de
resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita
lei.
Artigo
10º.-Procedemento de concesión, resolución e recursos.
1. O procedemento de concesión das solicitudes
presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e
finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e
prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
2. O órgano instrutor dos
expedientes serán os servizos de Promoción do Emprego das delegacións
provinciais da Consellería de Traballo.
3. Logo da fiscalización polas respectivas
intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as
resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro
de Traballo e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de
concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.
4. O prazo para resolver
e notificar será de seis meses que se computarán desde a data da entrada da
solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido
o dito prazo sen que se ditase a resolución expresa, entenderase desestimada a
solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de
xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999,
do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
5. As
resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e
contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous
meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e
poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun
mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co
disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
11º.-Xustificación e pagamento.
1. De
non se achegar con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á
presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de
concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que
deberá figurar a seguinte:
a) Cando se trate de empresas de nova creación,
alta no imposto de actividades económicas, ou de ser o caso, alta no censo de
obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.
b) No caso de axudas para
os traballadores que se reincorporan á empresa tras un proceso de
maternidade/paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes
correspondente á incorporación, se non se achegou con anterioridade.
c) Declaración
complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto
das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de
resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas
competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, que non solicitou nin
percibiu outras axudas ou subvencións.
2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a
documentación exixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa
solicitude segundo a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse
conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.
3. Non poderá realizarse
o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no
cumprimento das súas obrigas tributarias e frente á Seguridade Social e non teña
pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da
comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de
reintegro.
Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas
Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.
1. As axudas previstas nesta orde para as
contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos
conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de
emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma
de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos da disposición adicional
sexaxésima quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do
Estado para o ano 2006 e o artigo 4.2º da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a
mellora do crecemento e do emprego.
2. Os beneficios establecidos nesta orde non
poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade,
superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se
subvenciona.
Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas das empresas
beneficiarias:
a) Estar ao corrente
das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así
como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto,
coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a
proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da
subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións
tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e
obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente
de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e,
en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos
percibidos.
c) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao
financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de
Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos
termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de
2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº
1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas
ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo
de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do
Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do
15 de febreiro de 2007).
d) O sometemento ás actuacións de control,
comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control
financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de
Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e
achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións
anteriores.
e) Os traballadores que se reincorporen á empresa tras un proceso de
maternidade/paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante un ano,
contado desde a data da reincorporación. Se antes de transcorrer o dito prazo se
produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador
reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida nos
termos sinalados no artigo 15º desta orde.
A empresa beneficiaria, dentro do primeiro
trimestre do ano seguinte ao da reincorporación, deberá presentar a
documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador
obxecto de subvención.
f) Nas axudas para a substitución de persoas
traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da
xornada de traballo por motivos familiares, a empresa beneficiaria ten, ademais,
as seguintes obrigas:
-No suposto de cesamento da persoa traballadora
interina, a cobertura do posto por unha nova persoa traballadora desempregada
terá que realizarse durante o período da substitución, dentro do mes seguinte ao
da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación
provincial da Consellería de Traballo, dentro dos vinte días seguintes ao da
cobertura do posto.
-Comunicar a data de incorporación ao seu posto de traballo da persoa
substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza, ou, se é o
caso, da súa reincorporación á xornada ordinaria.
g) Aquelas outras obrigas
establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de
subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes
públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á
modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa
revogación.
Artigo 15º.-Revogación e reintegro.
Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro
total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora
correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se
acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A obriga de reintegro
establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real
decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido
da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 16º.-Seguemento e
control.
A Consellería de Traballo
poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para
os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as
obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de
concesión.
Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de minimis.
Os incentivos establecidos nesta orde quedan
sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder os
límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no
Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro,
relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de minimis
(DOCE nº L379, do 28 de decembro).
Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan
atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma,
a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de
avaliación e seguemento dos programas.
Para realizar as ditas funcións poderanse
utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo, para
comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas
vixentes que resulten de aplicación.
Segunda.-A Consellería de Traballo poderá
requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria
para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos
diferentes programas desta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35.f) da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración
actuante.
Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo
nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para
resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta
orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes
pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións
indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións
concesorias das que traen causa, ditadas por delegación do
conselleiro.
Cuarta.-A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como
demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos
traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das
axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego
distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinta.-A concesión das axudas e subvencións
previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o
caso e, de acordo co disposto no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de
Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias
asignadas.
Sexta.-No exercicio 2008, as axudas recollidas nesta orde, entre outras,
financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias
16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00 675, cun crédito de 3.792.691
euros, 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2007 00 676, cun crédito de
10.000.000 euros, 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2007 00 679, cun crédito
de 8.351.519 euros, 16.02.322C.472.4, código de proxecto 2008 00 566, cun
crédito de 1.326.593 euros. As ditas aplicacións están recollidas na Lei
16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2008 e constitúen o importe global para o financiamento desta
orde; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de
incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes
a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social
Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se
establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación
indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo
igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen dos programas de
incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción
da mocidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa
convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases
reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego,
cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o
ano 2008; e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do
emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a
persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídos no programa
orzamentario 322C.
Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como
consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento
dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a
Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás
axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.
Disposicións
derradeiras
Primeira.-Facúltase o
director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas
competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e
cumprimento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
25 de marzo de 2008.
Ricardo Jacinto
Varela Sánchez
Conselleiro de
Traballo
Ver referencia pdf
"06100D005P034.PDF"
Ver referencia
pdf "06100D006P045.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es