Diario Oficial de Galicia
martes, 1 de abril de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
62
Páxina do Dog:
5.491
Data da Disposición:
25 de marzo de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 25 de marzo de 2008 pola que se convoca unha bolsa
de formación en competencias técnicas vinculadas a sistemas de xestión da
teleformación.
Resolución do 25 de marzo de 2008 pola
que se convoca unha bolsa de formación en competencias técnicas vinculadas a
sistemas de xestión da teleformación.
A
teleformación estase configurando e afianzando como unha ferramenta de
estratexia, sobre todo nas organizacións públicas como a Xunta de Galicia, onde
xorde a necesidade de seguir formándose pero compaxinando esta formación co
traballo. Preséntanse, deste modo, complicacións para poder recibir unha
formación debido aos horarios de traballo, á dispersión das institucións, en
definitiva, lonxe da posibilidade dunha formación tradicional, da posibilidade
de asistencia a unha clase e cun horario estable.
Pero implantar a teleformación equivale a xerar escenarios específicos e
redes na virtualidade cuxas funcións sexan basicamente educativas, graduando os
contidos educativos multimedia cos seus respectivos materiais e adecuándoos aos
diferentes perfís dos empregados públicos. As redes virtuais son as novas
unidades básicas que inclúen o deseño e a construción de novos escenarios
formativos, a elaboración de recursos formativos en liña e a formación de
titores e dinamizadores especializados na formación continua aproveitando as
ferramentas que proporciona a sociedade da información.
Para estas tarefas, a EGAP conta con persoal técnico cualificado nos seus
servizos, aos cales se poden adscribir bolseiros que, colaborando coas tarefas
descritas, teñen a posibilidade de ampliar a súa formación neste eido
complementando a asistencia a cursos de especialización. Desta forma a EGAP
contribúe á formación de profesionais especialistas en
teleformación.
En execución do plan de actividades da escola
para o ano 2008, resolvo convocar unha bolsa de formación en competencias
técnicas vinculadas a sistemas de xestión da teleformación, segundo as seguintes
bases:
Primeira.-Obxecto.
Por medio desta
resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha
bolsa destinada a formar especialistas en aspectos técnicos relativos ao ámbito
da teleformación, tales como sistemas informáticos e telemáticos,
desenvolvementos, bases de datos e contornos de desenvolvemento
cliente/servidor, dentro das tarefas de formación que ten encomendadas a EGAP.
Os/as destinatarios/as desta bolsa recibirán formación titorizada e colaborarán
na aplicación formativa das novas tecnoloxías aos empregados públicos. As liñas
de especialización tratarán sobre materias tales como:
-Desenvolvemento de test de aplicacións: validación e execución de probas
funcionais de produtos desenvolvidos para a organización.
-Elaboración de recursos educativos e-learning.
-Administración de
sistemas informáticos do contorno da formación.
-Integración de
ferramentas colaborativas 2.0 no contorno da formación.
As bolsas reguladas nesta
resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os
principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade,
non-discriminación, eficacia e eficiencia.
Segunda.-Duración,
importe e financiamento da bolsa.
As actividades de formación iniciaranse o 1 de
maio de 2008 e rematarán o 31 de decembro de 2008. Poderán ser prorrogadas por
outros 12 meses máis sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan
e logo do informe de conformidade da unidade administrativa en que reciba a
formación o bolseiro/a.
O importe da bolsa será
de 1.100 € brutos mensuais que se farán efectivos polo importe líquido tras
realizar a retención fiscal que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a
persoa beneficiaria da bolsa, o que supón un importe total íntegro de 8.800 €
con cargo á partida orzamentaria 06.80.122-B.480.0 do orzamento de gastos da
EGAP para o exercicio 2008. Os meses serán considerados en todos os casos de 30
días. A contía percibida estará en función do número de días traballados desde a
incorporación á bolsa.
Durante o tempo de
duración da bolsa a persoa bolseira será beneficiaria dun seguro de asistencia
médica e un seguro de accidentes que, do mesmo xeito que os custos da súa
formación, se aboará con cargo a esta aplicación orzamentaria.
Terceira.-Requisitos dos solicitantes.
Poderán solicitar estas
bolsas todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias
especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o
prazo de presentación de solicitudes:
1. Posuír a nacionalidade
dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser veciño/a dalgún dos municipios da
Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Acreditar ter rematados os estudos académicos
con posterioridade a xaneiro do ano 2002 e acreditada algunha titulación en FP
de ciclo superior ou FP II, en calquera especialidade relacionada coa
informática (informática de sistemas, desenvolvemento de aplicacións
informáticas, administración de sistemas informáticos, desenvolvemento de
produtos electrónicos e informática de xestión).
4. Ter acreditado o dominio da lingua galega a nivel perfeccionamento
mediante título oficial.
Cuarta.-Solicitudes e
documentación.
As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo I a esta
convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou
fotocopia debidamente compulsada por un notario ou por un funcionario da
Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:
1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun
Estado membro da Unión Europea deberase presentar a documentación
equivalente.
2. Certificado do padrón municipal.
3. Título correspondente,
ou en defecto deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de
expedición.
4. Certificación académica en que se detallen as
cualificacións obtidas nas distintas disciplinas. Para facilitar a valoración do
expediente académico, débese incluír na certificación a nota media
obtida.
5. Currículo do/da solicitante (consonte o modelo
que se inclúe nesta convocatoria como anexo IV), con exposición dos méritos
académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre
temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados.
6. Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia en materias
relacionadas co obxecto da bolsa alegados polo interesado no seu
currículo.
7. Fotocopia compulsada da acreditación do curso
de perfeccionamento ou equivalente de lingua galega.
8. Declaración xurada ou responsable de non reunir ningunha das
circunstancias especificadas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como
anexo II.
9. Declaración xurada ou responsable de non ter
emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou,
no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso
de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta
escola.
10. Declaración xurada ou responsable das axudas
solicitadas ou concedidas polas administracións públicas para o mesmo fin,
consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo III.
Quinta.-Lugar e prazo de presentación.
As solicitudes e a
documentación que se sinala na base cuarta presentaranse no rexistro xeral deste
organismo, situado na rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou en
calquera dos lugares referidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común. No caso de presentar a solicitude nun rexistro que non
sexa o da EGAP ou de remitila por correo, o/a interesado/a deberá comunicarlle á
EGAP esta circunstancia, no mesmo día, a través de fax (ao número 981 54 63 30)
ou telegrama.
O prazo de presentación de solicitudes será dun
mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de
Galicia desta convocatoria.
Sexta.-Composición da
comisión de avaliación.
A selección e avaliación das solicitudes levaraa
a cabo unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:
Presidente: o secretario xeral da EGAP.
Vogais: tres persoas
designadas polo director da EGAP, unha das cales, polo menos, deberá ser experta
en teleformación.
Secretario/a: nomeado/a polo director da EGAP
entre funcionarios/as da EGAP, que actuará con voz e voto.
A
composición da comisión de avaliación farase pública no portal web da EGAP http://www.egap.xunta.es/ e no seu
taboleiro de anuncios.
A comisión está
clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do
Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao
persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
Sétima.-Criterios de avaliación.
A avaliación dos méritos acreditados levarase a
cabo conforme o seguinte baremo:
1. Expediente académico: ata un máximo de 15
puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do
expediente académico. Forma de acreditación: certificación académica en que se
detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas e en que se deberá
incluír a nota media simple obtida.
2. Formación
complementaria: ata un máximo de 8 puntos. Cursos relacionados co obxecto das
bolsas organizados por organismos públicos, universidades, asociacións
profesionais e outros organismos e entidades:
a) Cursos de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso,
ata un máximo de 2 puntos.
b) Cursos de duración
igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50
puntos.
c) Cursos de duración igual ou superior a 40
horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.
d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata o
máximo de 1 punto.
Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas
lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas. Forma de acreditación:
fotocopia dos títulos ou certificados de participación nas actividades
formativas.
3. Experiencia profesional previa en traballos ou
actividades relacionadas co obxecto da bolsa (contratos laborais e prácticas en
empresas) e bolsas desfrutadas con anterioridade relacionadas co obxecto da
bolsa. En función do tipo de traballo realizado e do tempo de dedicación ata un
máximo de 8 puntos. Forma de acreditación: certificado expedido pola
correspondente unidade de persoal, no caso de experiencia adquirida na
Administración, e fotocopia do contrato ou contratos de traballo e certificación
de vida laboral expedida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social nos demais
casos; fotocopia compulsada da documentación acreditativa da concesión da bolsa
e do desenvolvemento desta.
4. Presentación de
comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por
comunicación, ata un máximo de 3 puntos. Forma de acreditación: fotocopia dos
certificados de participación activa nos referidos congresos.
5. Traballos individuais publicados e participación en publicacións
colectivas relacionadas co obxecto da bolsa: 0,50 puntos por publicación, ata un
máximo de 3 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como
comunicación, ben como publicación. Forma de acreditación: fotocopia das
referidas publicacións.
6. Coñecemento da lingua
inglesa: ata un máximo de 5 puntos. Forma de acreditación: mediante o
correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas,
Instituto Británico ou institución ou centros recoñecidos
oficialmente.
7. Outros méritos: ata un máximo de 8
puntos.
-Coñecementos en PHP, HTML, SQL, Ajax, follas de estilos (CSS),
estándares W3C, JavaScript, Flash, coñecementos de linguaxes dinámicas, de
aplicacións 2.0; experiencia en probas e avaliación de utilidade de aplicacións.
Así mesmo, valoraranse os coñecementos de sistemas CMS e plataformas
e-learning.
Forma de acreditación: mediante títulos,
certificados e calquera outra documentación que acredite os méritos alegados.
Para a valoración dos cursos de formación aplicarase a escala establecida no
número 3 desta base.
A comisión non valorará aqueles méritos dos
candidatos que non estean acreditados documentalmente.
A
comisión poderá realizar unha entrevista cos/coas aspirantes con maior
puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/das candidatos/as, a comisión
determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. Esta versará sobre os
seus méritos curriculares co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e
actitudes persoais dos/das aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá
unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será
de 15 puntos.
Oitava.-Selección e avaliación das
solicitudes.
Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos,
Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas e a
documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar
toda a documentación requirida, poderá reclamar aos/ás solicitantes que emenden
os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo do
artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, e outorgará un
prazo de 5 días hábiles desde a notificación de requirimento.
Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos
consonte o establecido na base sétima e confeccionará a listaxe provisional de
posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O
prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles. Esta
listaxe farase pública no portal web da EGAP http://www.egap.xunta.es/ e no seu
taboleiro de anuncios, xunto, se é o caso, coa puntuación mínima para acceder á
entrevista.
Resoltas as reclamacións e realizadas as
entrevistas, a comisión fará pública nos mesmos lugares a lista definitiva de
posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa
puntuación.
A comisión elevará ao director da EGAP unha
proposta de concesión para a designación dos/das titulares das
bolsas.
Cos/coas restantes admitidos/as elaborarase unha
lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta listaxe será
operativa no caso de que o/a bolseiro/a seleccionado/a non se incorporase na
data establecida, cando o/a bolseiro/a renunciase á bolsa ou cando se procedese
á súa revogación.
Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o
artigo 84.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ao non figuraren no procedemento
nin seren considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas
máis que as aducidas polos interesados.
Novena.-Resolución,
notificación e publicidade.
Elevada pola comisión de avaliación a proposta de
concesión, esta convocatoria resolveraa o director da EGAP. Contra esta
resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición
ante o director da EGAP no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da
publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do
Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo
de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de
conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da
xurisdición contencioso-administrativa.
A notificación da
resolución aos titulares das bolsas farase segundo o disposto no artigo 59.1º da
Lei 30/1992; así mesmo, darase a oportuna publicidade no DOG.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a EGAP
publicará na súa páxina web oficial o nome dos/das beneficiarios/as das bolsas e
o importe da axuda concedida, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das
beneficiarios/as e da súa publicación nesta páxina web.
Tamén se incluirán nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de
sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se
regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29
de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano
2006, os datos relevantes referidos á axuda e subvención recibida, así como as
sancións impostas, segundo a autorización dos/das solicitantes que figure na
convocatoria correspondente.
Décima.-Incorporación do
bolseiro/a.
No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación da bolsa, os/as
candidatos/as seleccionados/as deberán incorporarse ao desempeño da bolsa na
EGAP. O/a bolseiro/a que non se incorporase neste prazo perderá os dereitos
inherentes á bolsa. Neste suposto o director da EGAP procederá, mediante
resolución, á concesión da bolsa ao/á primeiro/a candidato/a que figure na
listaxe que para tal efecto elaborase a comisión de avaliación, conforme a base
oitava.
Décimo primeira.-Obrigas do/da
bolseiro/a.
Os/as bolseiros/as seleccionados/as comprometeranse a:
a) Desempeñar as
actividades de formación e de colaboración na xestión das actividades formativas
da escola, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa
distribución que realice a EGAP.
b) Cumprir co programa de
formación establecido polo director da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e
dirección dos/das funcionarios/as que se designen para tales efectos, e asistir
ás actividades formativas que a escola estime convenientes. Os gastos
ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola escola con cargo á
aplicación orzamentaria 06.80.122B.480.0 na cal se habilitará previamente o
crédito para este fin, logo de que o/a xefe/a do servizo de Estudos,
Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos. Os gastos de
desprazamento, aloxamento e manutención non poderán superar a contía establecida
para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por
razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de
Galicia.
c) Colaborar nas accións formativas da EGAP, de
estimarse oportuno.
d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a
EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa,
informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa,
así como da formación recibida.
e) Facilitar toda a
información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das
súas funcións de fiscalización e control interno.
f) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das
condicións establecidas para a concesión da bolsa.
g) Presentar antes do derradeiro pagamento declaración complementaria do
conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as
pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas
competentes ou outros entes públicos.
Décimo segunda.-Natureza
xurídica do vínculo.
A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de
vinculación laboral ou funcionarial entre o/a bolseiro/a e a EGAP, nin supón
ningún compromiso de incorporación posterior do/da bolseiro/a no seu cadro de
persoal.
Para a utilización do material e a información
obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a
bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa da director da EGAP, e deberá
facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento
da bolsa concedida pola EGAP.
Décimo
terceira.-Renuncia, revogación e reintegro de cantidades.
A renuncia á bolsa por
parte do/da titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá
comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación en escrito dirixido
ao director da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concederlla ao/á
candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para tal efecto fose elaborada
pola comisión de avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades
percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte
da bolsa non gozada.
A renuncia inhabilitará o/a titular para os
efectos de presentación en vindeiras convocatorias da mesma
categoría.
O director da EGAP poderá revogar a bolsa se o/a
bolseiro/a non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle
asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste
suposto, como no caso da renuncia, o director da EGAP poderá, polo período que
reste, concederlle a bolsa ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe
que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.
Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros
de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
Décimo cuarta.-Réxime
xurídico e impugnabilidade.
Para o non regulado expresamente nestas bases
observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa
aplicable.
Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos
administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos
e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Décimo quinta.-Duración do procedemento.
Segundo o establecido no
artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo
máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder
os nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.
As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución
expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.
Décimo sexta.-Notificacións e requirimentos.
De conformidade co
disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera
notificación ou requirimento aos/ás interesados/as farase a través do taboleiro
de anuncios e da páxina web da EGAP (www.egap.xunta.es). Esta forma de
notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución de
concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo
59.1º da Lei 30/1992.
Décimo
sétima.-Incompatibilidades.
A bolsa regulada nesta convocatoria será
incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con
fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e
da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións
esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou
investigadoras (libros, artigos, premios).
Décimo oitava.-Cláusula
xeral.
A
participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas
bases.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de
incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á
modificación da resolución de concesión.
Disposicións
derradeiras
Primeira.-O director da EGAP poderá ditar as disposicións necesarias para
a aclaración ou interpretación destas bases.
Segunda.-Esta resolución
entrará vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de
2008.
Carlos
Suárez-Mira Rodríguez
Director da
Escola Galega de Administración Pública
Ver referencia pdf "06200D008P035.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
@
xunta.es