Diario Oficial de Galicia
mércores, 2 de abril de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
63
Páxina do Dog:
5.565
Data da Disposición:
24 de marzo de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 24 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases que
regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de
protección especial en perigo de extinción, e se convocan no ano
2008.
Orde do 24 de marzo de 2008 pola que se
establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas
autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción, e se convocan
no ano 2008.
A gandaría baseada nas nosas razas autóctonas
foi tradicionalmente fonte dunha incalculable riqueza desde diversos puntos de
vista, tanto económicos como sociais e ambientais. Hoxe en día, debemos destacar
tamén a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que
supoñen e o seu papel fundamental na conservación de ecosistemas e pastos.
Trátase tamén dunha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural,
incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos
produtos.
Por este motivo, establécense axudas dirixidas ás
asociacións de criadores das razas gandeiras autóctonas galegas de protección
especial en perigo de extinción, que desenvolvan actuacións destinadas ao
fomento destas razas.
As actividades
subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto nas directrices
comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013
(2006/C 319/01), no Regulamento 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006
(DOUE L 358/3, do 16-12-2006), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do
Tratado, e das axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á
produción de produtos agrícolas, e o establecido no Real decreto 1366/2007, do
19 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións
destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en
perigo de extinción.
En consecuencia, de acordo co previsto no artigo
30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me
confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa
Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto da orde.
1. Esta orde ten por
obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da
Consellería do Medio Rural para o fomento das razas autóctonas galegas de
protección especial ou en perigo de extinción na Comunidade Autónoma de
Galicia.
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario
Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio
Rural.
3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a
devandita axuda para o ano 2008.
Artigo 2º.-Obxecto da axuda.
Esta axuda, tramitada a
través do procedemento de concorrencia competitiva, para o fomento das razas
autóctonas galegas de protección especial ou en perigo de extinción, ten como
finalidade:
1. O aumento da rendibilidade das explotacións
gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos
gandeiros.
2. A modernización do sector gandeiro galego en
materia de xenética, sanidade e produción animal.
3. A mellora da eficacia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades
nas súas producións.
4. A optimización na utilización das
oportunidades e recursos dispoñibles.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán acollerse ás
axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das
razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción que
cumpran os requisitos seguintes:
a) Que desenvolvan a súa
actividade e que estean domiciliadas na Comunidade Autónoma de
Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Acreditar que os
gandeiros que as integran concentran un mínimo do 60% do censo de reprodutoras
da/s raza/s en perigo de extinción.
d) Estar oficialmente
recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas en
perigo de extinción pola Comunidade Autónoma de Galicia e garantir nos estatutos
a participación democrática dos seus membros e ausencia de trato discriminatorio
para os criadores.
e) As entidades solicitantes deberán cumprir co
disposto no anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro
de 2004, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas
estatais ás pequenas e medianas empresas, e que se recolle no anexo III de esta
orde.
Artigo 4º.-Gastos subvencionables.
1. Poderán ser
subvencionadas as seguintes actuacións:
a) Realización de estudos e estatísticas sobre os
aspectos etnolóxicos, zootécnicos e produtivos das especies, así como sobre a
súa caracterización morfolóxica e reprodutiva.
b) Educación, formación e divulgación de coñecementos científicos en
materia zootécnica.
c) Organización de certames gandeiros e
participación neles.
d) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos.
e) Elaboración de
programas de conservación e mellora xenética e a súa posta en
práctica.
f) Creación de bancos de xermoplasma, seme e
embrións conxelados ou reserva en vivo en centros autorizados
oficialmente.
2. As actividades das alíneas a) e e) do número
anterior deberán estar realizados por centros de investigación ou
desenvolvemento e asinados por un responsable deles.
Artigo 5º.-Contía das axudas.
1. A contía total da subvención, que se destinará
a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no
artigo 4º, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e
anualidade.
2. Non obstante, para as actuacións previstas nas
alíneas a), b), c) e d) do punto 1 do artigo 4º o custo subvencionable poderá
alcanzar o 100% do investimento, mentres que o financiamento das actuacións
previstas nas alíneas e) e f) non poderá ser superior ao 70% e 40% por cento do
investimento realizado, respectivamente.
3. En todo caso, o
importe total percibido por un mesmo beneficiario resultante da suma das alíneas
a), b) e c) do artigo 4º.1 non poderá exceder 100.000 euros ao longo de tres
exercicios fiscais.
Artigo 6º.-Solicitudes e prazos de
presentación.
1. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da
Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de
calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á
de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades
que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o
oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
No caso de envío por
correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real
decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que
se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido
na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización
dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na
cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar,
con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa
admisión.
2. Á solicitude de axuda, segundo o modelo do
anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:
a) Fotocopia cotexada do código de identificación fiscal.
b) Acreditación da
personalidade xurídica da entidade solicitante.
c) Copia cotexada dos
estatutos que permita verificar que carece de ánimo de lucro e que se garante a
participación democrática dos seus membros.
d) Acreditación da
representatividade do solicitante.
e) Certificado orixinal da entidade financeira
sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da
axuda.
f) Declaración do conxunto de todas as
solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas
administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou
sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto,
mediante o modelo de declaración que figura no anexo II.
g) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende
desenvolver, obxectivos, orzamento pormenorizado e prazo de
execución.
h) Avaliación económica dos investimentos que se
van realizar.
i) Avaliación económica da subvención solicitada.
j) Acreditación de que os
gandeiros que a integran dispoñen dun mínimo do 60% das reprodutoras da raza ou
razas en perigo de extinción.
k) Acreditación de que se
dispoñen dos medios técnicos e de persoal axeitados para a realización das
actividades subvencionadas e descrición deles.
l) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización
das actuacións obxecto de subvención.
m) Acreditación ou
certificación da acta de reunión da xunta directiva, pola que se acorda a
exixencia a todos os socios ou integrantes do cumprimento das normas mínimas en
materia sanitaria, identificación, alimentación, medio natural, hixiene e
benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e
autonómica.
3. O prazo de presentación de solicitudes será
dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao
mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil,
entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento
non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira
o último do mes.
4. Se a documentación presentada for incompleta
ou non reunir os requisitos establecidos, requirirase o responsable para que no
prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao de recepción do requirimento
emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con advertencia de que, se
non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido
no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei
4/1999, do 13 de xaneiro.
Artigo
7º.-Autorización.
A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado
implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia
Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e
a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co
establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de
creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta
de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e
publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas,
así como ás sancións impostas, de ser o caso.
Artigo 8º.-Criterios de adxudicación.
Na concesión de axudas previstas nesta orde terán
prioridade as solicitudes das entidades de segundo grao que agrupen as
asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción. De
todos os xeitos, estableceranse os seguintes criterios de valoración para todos
os solicitantes:
1. Atendendo á capacidade da organización ou
asociación de criadores para desenvolver as actuacións a financiar, dispoñendo
dos medios técnicos e persoais, en cada unha das razas: ata 3
puntos.
2. Entidade solicitante, para cada unha das
razas, que agrupe o maior número de explotacións sobre as cales se desenvolven
programas de actuación suxeitos a subvención: ata 3 puntos.
3. Entidade solicitante, para cada unha das razas que agrupe o maior
número de censo en UGM sobre as cales se desenvolven programas de actuación
suxeitos a subvención: ata 3 puntos.
Artigo 9º.-Tramitación e
resolución.
1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é
a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A
resolución do expediente correspóndelle ao conselleiro de Medio Rural, por
proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria.
2. A baremación das solicitudes, segundo os
criterios do artigo 8º, efectuaraa un órgano colexiado constituído para o
efecto, formado por presidente (o subdirector/a xeral de Gandaría); vogal (o/a
xefe/a do Servizo de Planificación Gandeira), e secretario (o/a xefe/a do
Servizo de Producións Gandeiras), que emitirá o informe correspondente. Á vista
deste informe, o director xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria elevará proposta de resolución ao conselleiro do Medio
Rural.
3. O prazo máximo para resolver e notificar o
procedemento será dun máximo de nove meses contados a partir do día seguinte ao
da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A falta de notificación
no dito prazo poderase entender desestimatoria das peticións de
axuda.
4. Esta resolución pon fin á vía administrativa e
contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo
órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou
ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses
contados a partir do día seguinte ao da notificación.
Artigo 10º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de
subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas.
1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios
das axudas presentarán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes
efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións ou
entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as
actividades subvencionadas, segundo o modelo do anexo II desta orde.
2. En calquera caso, coas xustificacións e, se houber, modificación da
declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria
do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das
pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións
públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así
como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas.
Artigo 11º.-Control da execución dos
programas.
O
control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de
Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, realizando as comprobacións e
inspeccións que considere necesarios, co fin de comprobar a veracidade dos datos
e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas
concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de
subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará
sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de
Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino das axudas.
Artigo 12º.-Modificación
das axudas.
1. As subvencións a que se refire esta orde consideraranse subvencións
máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Produción,
Industrias e Calidade Agroalimentaria, cando exista concorrencia doutras axudas
outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais
ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas.
2. O pagamento da subvención realizarase con
xustificación previa polo beneficiario da realización da actividade, proxecto,
obxecto ou adopción do comportamento para que se concedeu, nos termos
establecidos nesta orde.
3. Producirase a perda do
dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de
xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das
axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas
outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais
ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de
concesión.
Artigo 13º.-Reintegro da axuda e obriga de
facilitar información.
1. O interesado ten a obriga do reintegro, total
ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora
producidos desde o seu pagamento nos supostos de incumprimento das condicións
establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37 da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e
o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control
do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario
de inspección ou control
Artigo 14º.-Réxime de
incompatibilidades.
1. As axudas contempladas nesta orde son compatibles con outras
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes
de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión
Europea ou de organismos internacionais.
2. Non obstante, a
obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere o
custo de toda a actividade que se vaia desenvolver para o período de que se
trate, dará lugar á redución que corresponda no importe das subvencións
reguladas nesta orde, ata axustarse a ese límite.
Se aínda así a suma de subvencións supón unha intensidade da axuda
superior ás porcentaxes máximas establecidas no artigo 5º ou na normativa
estatal ou comunitaria aplicable, reducirase ata o citado límite.
Artigo 15º.-Xustificacións.
1. As xustificacións técnicas e económicas da
realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, no rexistro
da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias
comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano
administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera
Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran
a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio
ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento
total, unha relación informatizada deles e unha memoria explicativa sobre a súa
realización do programa auxiliado, que probe a entrega efectiva dos produtos ou
a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa
comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados e os
presentados no orzamento de gastos inicialmente presentado.
2. Achegaranse os xustificantes orixinais de investimento total, unha
relación informatizada deles e unha memoria explicativa sobre a realización do
programa auxiliado, que probe a entrega efectiva dos produtos ou a prestación
efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa
entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no
orzamento inicial.
3. Cando se trate de xustificacións de gastos en
nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as
actuacións subvencionables poderanse presentar ata o 15 de decembro, mediante a
súa entrega á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria.
A relación informatizada debe constar dos
seguintes campos:
a) No caso das facturas: concepto, provedor, número de factura, data de
emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e
importe total con IVE.
b) No caso das nóminas:
traballador, período, total xerado, base da Seguridade Social, contía da
Seguridade Social correspondente á empresa, contía da Seguridade Social
correspondente ao traballador e líquido a percibir.
4. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, de xeito
que aqueles gastos presentados en que se xustifique o seu pagamento terán que se
xustificar no momento en que se realicen, para que a axuda se poida pagar. Por
regra xeral, os pagamentos realizados polo beneficiario final deberán
xustificarse mediante facturas orixinais pagadas. Nos casos en que isto non sexa
posible, os pagamentos xustificaranse por medio de documentos contables de valor
probatorio equivalente.
5. De acordo co artigo
30.4º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as
actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou
outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a
procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades
subvencionadas.
6. De acordo co artigo 31.3º da Lei 38/2003, do
17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable
supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou
de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación
de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario
deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con
carácter previo á contratación do compromiso para a presentación do servizo ou a
entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos
subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o
subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á
solicitude da subvención.
7. A escolla entre as
ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na
solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e
economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non
recaia na proposta económica máis vantaxosa.
8. Conforme o disposto no
artigo 18 do Regulamento 1857/2006 sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do
Tratado e das axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á
produción de produtos agrícolas, no cal se establecen as condicións previas á
concesión de axudas, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con
anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da
solicitude da axuda presentada.
Artigo
16º.-Financiamento.
1. As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo
á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma
de Galicia para o ano 2008:
11.03.713-C 781.2:
200.000 euros.
A concesión da axuda someterase á condición suspensiva da existencia de
crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos
comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.
Disposicións adicionais
Primeira.-En todas aquelas cuestións non
previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións.
Segunda.-De conformidade
co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural
publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as concesións
das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios
e da súa publicación na citada páxina web.
Así mesmo, de acordo co
establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións
da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a
inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións
recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de
Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar cantas disposicións
sexan necesarias para a aplicación desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
24 de marzo de 2008.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver
referencia pdf "06300D004P013.PDF"
ANEXO III
Contido anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión do 25 de
febreiro
Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas adoptada pola
comisión
Artigo 1º.-Empresa.
Considerarase empresa toda entidade,
independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica.
En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade
artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades
de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma
regular.
Artigo 2º.-Os efectivos e límites financeiros que
definen as categorías de empresas.
1. A categoría de
microempresas, pequenas e medianas empresas (PEME) está constituída polas
empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non
excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de
euros.
2. Na categoría das PEME defínese unha pequena
empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de
negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de
euros.
3. Na categoría das PEME, defínese unha
microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de
negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de
euros.
Artigo 3º.-Tipos de empresas considerados para o
cálculo dos efectivos e os importes financieros.
1. É unha empresa autónoma a que non pode cualificarse nin como empresa
asociada para efectos do número 2, nin como empresa vinculada para efectos do
número 3.
2. Son empresas asociadas todas as empresas que
non se poden cualificar como empresas vinculadas para efectos do número 3 e
entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante)
posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas para os
efectos da definición do número 3, o 25% ou máis do capital ou dos dereitos de
voto doutra empresa (empresa participada).
Unha empresa pode, non
obstante, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que
se acade ou se supere o límite máximo do 25%, cando estean presentes as
categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes,
individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos
descritos no número 3:
a) Sociedades públicas de
participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas
físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco
(investidores providenciais ou business angels) e invistan fondos propios en
empresas sen cotización bolsista, desde que a inversión do devandito business
angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros.
b) Universidades ou centros de investigación sen fins
lucrativos.
c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento
rexional.
d)
Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros
e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.
3. Son empresas vinculadas as empresas entre as cales existe algunha das
seguintes relacións:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de
voto dos accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do
órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre
outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou unha cláusula estatutaria da
segunda empresa.
d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra,
controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios
da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus
accionistas.
Hai presunción de que non existe influencia
dominante, cando os investidores enunciados no segundo parágrafo do número 2 non
teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen
prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de
asociados.
As empresas que manteñan calquera das relacións
contempladas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos
investidores enumerados no número 2, consideraranse tamén
vinculadas.
Consideraranse tamén empresas vinculadas as que
manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un
grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas
exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en
mercados contiguos.
Considerarase mercado contiguo o mercado dun
produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á
do mercado en cuestión.
1. A excepción dos casos
citados no segundo parágrafo do número 2, unha empresa non pode ser considerada
como PEME se o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están
controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou
colectividades públicas.
2. As empresas poden
efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma,
asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos
enunciados no artigo 2º. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital
estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o
posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25% ou máis
do seu capital non pertence a outra empresa ou non o detén conxuntamente con
empresas vinculadas entre elas ou a través de persoas físicas ou dun grupo de
persoas físicas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións
previstos polas normativas nacionais ou comunitarias.
Artigo 4º.-Datos que se terán en conta para calcular os efectivos, os
importes financeiros e o período de referencia.
1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes
financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable fechado, e
calcúlanse sobre unha base anual. Tense en conta a partir da data en que se
pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre
o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.
2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se
excederon nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de
efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta
circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de media ou pequena
empresa, ou de microempresa, se este exceso se produce en dous exercicios
consecutivos.
3. En empresas de nova creación que non pecharon
aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables
realizadas durante o exercicio financeiro.
Artigo 5º.-Os
efectivos.
Os
efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir,
ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta de
devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O
traballo das persoas que non traballan todo o ano ou traballan a tempo parcial,
independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional,
cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízase ás categorías
seguintes:
a) Asalariados.
b) Persoas que traballan
para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean
asimiladas a asalariados conforme o dereito nacional.
c) Propietarios que dirixen a súa empresa.
d) Socios que exerzan
unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da
empresa.
Os aprendices ou alumnos de formación profesional
con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán
dentro dos efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade
ou dos permisos parentais.
Artigo 6º.-Determinación
dos datos da empresa.
1. No caso de empresas autónomas, os datos,
incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da
devandita empresa.
2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha
empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das
contas e de máis datos da empresa, ou ben, se existen, sobre bases das contas
consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea
incluída por consolidación.
Aos datos contemplados no
primeiro parágrafo débense agregar os datos das posibles empresas asociadas coa
empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a
esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou
nos dereitos de voto (ao máis elevado destas dúas porcentaxes). En caso de
participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.
Aos datos contemplados no primeiro e segundo parágrafo engadirase o 100%
dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á
empresa en cuestión e que non sexan incluídas nas contas por
consolidación.
3. Para aplicar o número 2, os datos das empresas
asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas, consolidadas se
existen, e dos demais datos, aos cales se deberá engadir o 100% dos datos das
empresas vinculadas a estas empresas asociadas, agás se os seus datos xa se
inclúen por consolidación.
Para aplicar o devandito
número 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben proceder
das súas contas, consolidadas se existen, e dos demais datos. A estes deberá
agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a
estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou
posterior a estas, agás se se inclúen xa nas contas consolidadas nunha
proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no segundo guión do
número 2.
2. Cando nas contas consolidadas non consten os
efectivos dunha empresa dada, calcularase incorporando de maneira proporcional
os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada, e engadindo
os relativos ás empresas coas que estea vinculada».
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es