Diario Oficial de Galicia
xoves, 3 de abril de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
64
Páxina do Dog:
5.706
Data da Disposición:
17 de marzo de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 17 de marzo de 2008 pola que se convocan axudas á
conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da
corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa
xornada de traballo.
Orde do 17 de marzo de 2008 pola
que se convocan axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de
fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución
da súa xornada de traballo.
A incorporación da muller ao mundo laboral e
académico é un feito indubidable que supuxo unha transformación social. A
evolución que tivo lugar durante o século XX e principios do XXI deixa patente
que cómpre un cambio no contexto social, xa que os roles de xénero asignados se
poñen en cuestión posto que sufriron unha importante evolución ata o momento
actual. Polo tanto son necesarios novos elementos que axuden nesta
transformación, proporcionando un desenvolvemento axeitado, coherente e
sustentable no tempo.
Por este motivo, a
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente de que a responsabilidade
é un aspecto que, polo seu impacto social, require abordarse a través de accións
concretas a nivel particular e coherentes no seu conxunto, promoveu a
elaboración dun plan de fomento da corresponsabilidade coa vontade de
proporcionar respostas ás novas demandas, no ámbito da promoción da
corresponsabilidade. Sen dúbida, o plan trata de enfocar os esforzos na
dirección dunha política de igualdade que incremente a corresponsabilidade das
galegas e os galegos e impulse a implantación de mecanismos que a
fomenten.
É ben sabido que existe, en xeral, unha
percepción de que resulta difícil compatibilizar a vida familiar e laboral,
sendo ademais concibidas as responsabilidades familiares, na maior parte dos
casos como propias das mulleres, o cal actúa unha vez máis como factor de
desigualdade. Os poderes públicos deben adoptar medidas que favorezan o desfrute
de permisos familiares sen que isto afecte negativamente as posibilidades de
acceso ao emprego e as condicións de traballo das mulleres promovendo que os
homes asuman tamén estas responsabilidades.
Deste xeito, a
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, como unha medida de fomentar a
corresponsabilidade e de impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre
mulleres e homes, implicando estes últimos na atención e coidado dos seus fillos
e fillas, establece unha axuda económica destinada a aqueles traballadores que
se acollan a unha redución da súa xornada de traballo motivada pola atención e
coidado dos seus fillos e fillas menores de tres anos, que comprenden tamén a
situación das familias monoparentais.
En consecuencia, a través
desta orde establécense as bases reguladoras do procedemento a través de
convocatoria pública para a concesión destas axudas, a través da modalidade de
pagamento único. As axudas que se establecen no articulado desta orde
financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.30.312G.480.0, recollida na
Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2008. O importe destinado ás axudas ascenderá como máximo a
580.323 euros.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do
13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 287/2000, do 21
de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia en todo o que non se opón ao establecido na lei
anterior e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto
887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta en todo caso os principios de
publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación,
eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de
Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, agás
o réxime xeral de concorrencia competitiva, e os demais requisitos exixidos na
Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2008; existe crédito axeitado e suficiente para o
financiamento do gasto que se proxecta.
Na súa virtude, en uso
das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é a
regulación do réxime de concesión de axudas económicas a aqueles traballadores
que se acollan á redución da súa xornada de traballo así como a convocatoria
destas para o ano 2008.
Artigo 2º.-Actuacións
subvencionables.
As axudas, na modalidade de pagamento único, seranlles concedidas aos
traballadores que, a partir do día 1 de novembro de 2007 e ata o 31 de agosto de
2008, se acollan a unha redución da xornada de traballo de ata un máximo da
metade da duración daquela para o coidado dun/dunha fillo/a menor de tres
anos.
Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser
beneficiarios das axudas previstas nesta orde:
a) Homes traballadores
por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas,
organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas
dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral,
funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que
estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social, que se acollan á
redución de xornada a que se alude no artigo 2º desta orde.
b) Familias monoparentais en que a persoa solicitante, home ou muller,
sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se
alude no artigo 2º desta orde.
En ningún caso poderán
ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus
fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución
pública.
2. As persoas solicitantes deberán cumprir, en
todo caso, os requisitos para obteren a condición de beneficiarias, exixidos no
artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4º.-Requisitos.
Para poder acollerse ás axudas previstas nesta
orde deberanse cumprir os seguintes requisitos:
a) As persoas que desexen solicitar a axuda económica regulada nesta orde
deberán estar inscritas no padrón de calquera municipio dos integrados no
territorio da Comunidade Autónoma galega, polo menos cun ano de antelación á
presentación da solicitude de subvención.
b) No caso das familias
non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador por
conta allea ou ben autónomo.
c) Que na data da
solicitude o/a fillo/a conviva coa persoa solicitante.
d) Que o período
solicitado non coincida co permiso por maternidade nin con calquera outro
permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.
Artigo 5º.-Contía das axudas.
1. A contía desta axuda concederase a través dun
pagamento único e estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral
que se solicite e da duración desta, que será como máximo de oito meses. Deste
xeito, as contías son as seguintes:
a) Cando a redución de
xornada sexa de ata o 33% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo
máximo de oito meses:
i) 2.400 euros se é a/o
primeira/o filla/o.
ii) 2.700 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son
xemelgas/os.
iii) 3.000 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se son tres
xemelgas/os.
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 33% e ata o 40% da
xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de oito
meses:
i) 2.700 euros se é a/o primeira/o
filla/o.
ii)
3.000 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
iii) 3.300 euros se é a/o
terceira/o filla/o ou se son tres xemelgas/os.
c) Cando a redución de
xornada sexa superior ao 40% e ata o 50% da xornada laboral e a súa duración
sexa polo tempo máximo de oito meses:
i) 3.000 euros se é a/o
primeira/o filla/o.
ii) 3.300 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son
xemelgas/os.
iii) 3.600 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se son tres
xemelgas/os.
2. As contías citadas nos puntos anteriores son as máximas aplicables aos
casos en que a redución de xornada corresponda a unha persoa contratada a
xornada completa. Cando a persoa que solicita a redución estivese contratada
para unha xornada laboral de duración inferior, as contías das axudas
diminuiranse proporcionalmente.
Do mesmo xeito, cando a
redución de xornada non se solicite polo período máximo de oito meses, as
contías antes citadas reduciranse proporcionalmente.
3. Para o cálculo da contía da axuda teranse en conta unicamente as/os
fillas/os menores de doce anos, agás no caso da/do filla/o pola/o que se
solicita a redución de xornada, que terá que ser menor de tres anos tal como se
establece no artigo 2º desta orde.
Artigo 6º.-Duración das
axudas.
O
tempo máximo polo que se poderá conceder a axuda á redución de xornada para
fomento da corresponsabilidade será de oito meses.
O
tempo mínimo de duración da redución de xornada deberá ser de 60 días
naturais.
Artigo 7º.-Solicitudes: prazo de presentación,
documentación preceptiva e lugar de presentación.
1. As solicitudes de axuda á redución de xornada poderanse presentar
desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e
ata o 31 de agosto de 2008.
2. As solicitudes de
axuda debidamente cubertas deberanse achegar xunto coa seguinte
documentación:
a) Solicitude oficial segundo modelo anexo
I.
b)
Fotocopia compulsada do DNI ou NIE.
c) Fotocopia compulsada do libro de
familia.
d)
Fotocopia compulsada da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do
convenio regulador, se é o caso.
e) Nos supostos de
adopción ou tutela, fotocopia compulsada do auto xudicial de adopción ou da
resolución xudicial de constitución da tutela.
f) No caso de proxenitores solteiros con fillo/a recoñecido/a polo outro
proxenitor pero sen que exista convivencia entre pai e nai, declaración xurada
que recolla este extremo (anexo II).
g) Certificación de
empadroamento no cal se acredite a data de empadroamento da persoa solicitante
dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega.
h) No caso de familias monoparentais, certificación de convivencia no cal
consten as persoas que conviven no domicilio coa persoa solicitante.
i) Certificación bancaria orixinal da conta da que é titular a persoa
solicitante.
j) Declaración do conxunto de todas as axudas
solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera Administración
pública, ou calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo
III).
k) Declaración de que o período de redución
solicitado non coincide co permiso por maternidade, nin con ningún outro
permiso, licenza ou excedencia para o mesmo fin do cónxuxe ou parella (anexo
III).
l) Certificación da empresa acreditativa da
redución de xornada ou, se é o caso, da Administración pública correspondente
(anexo IV).
m) Orixinal ou fotocopia compulsada do TA 2/R
(variación de datos na Seguridade Social), na cal se reflicta a situación da
garda legal.
n) No caso de familias non monoparentais,
certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social
relativa ao cónxuxe ou parella. No caso de pertencer a sistemas de previsión
social distintos ao da Seguridade Social (MUFACE, ISFAS, MUXEXU etc.),
certificación acreditativa da data desde a cal presta os seus servizos, con
indicación de que na actualidade se atopa en servizo activo.
o) Anexo V relativo á recollida de datos para a análise de
resultados.
3. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberanlle
presentar no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, mediante
instancia normalizada debidamente cuberta, ben directamente ou ben a través de
calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. Se as solicitudes non están debidamente cubertas ou non se achega a
documentación preceptiva relacionada nos anexos, requirirase a persoa
solicitante para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os
documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá
que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos
previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 8º.-Xestión, resolución, recursos, prazo para resolver e
procedemento de publicidade.
1. O órgano competente
para a xestión da axuda á redución de xornada será a Secretaría Xeral da
Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
2. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, por delegación do
vicepresidente da Igualdade e do Benestar, a resolución destas axudas de
conformidade co establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
Este proceso efectuarase
de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes das
axudas.
3. A resolución a que se refire o punto anterior
esgota a vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán
interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da
notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de
xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso
contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o
órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da
notificación da dita resolución. Neste caso non se poderá interpoñer recurso
contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por
desestimación presunta o recurso de reposición.
4. O prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes de axudas será
de dous meses, transcorrido o cal se entenderá desestimada a petición de
subvención se non recae resolución expresa.
5. Para lle dar
cumprimento ao principio de publicidade, e sen prexuízo da notificación expresa
e individualizada das resolucións de concesión, mediante resolución da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicarase no Diario Oficial de
Galicia a relación das persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro
desta orde, con expresión das contías percibidas.
Artigo 9º.-Forma de pagamento e xustificación da axuda.
1. A contía da axuda
concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo
as contías determinadas no artigo 5º desta orde, unha vez notificada a
resolución de concesión. O pagamento farase unicamente na conta que as persoas
solicitantes fagan constar no anexo I, e que coincida coa da certificación
bancaria requirida no artigo 7º.2.i.
2. No prazo dun mes desde
a data en que remate o período acollido á subvención, deberase xustificar o
mantemento da situación subvencionada mediante remisión á Secretaría Xeral da
Igualdade dunha certificación da empresa ou da Administración pública
correspondente, se é o caso, na cal se acredite que se permaneceu coa redución
de xornada que deu dereito á axuda durante o período solicitado, debendo ser
expedida esa certificación con data igual ou posterior á do período que se
certifica, e unha certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da
Seguridade Social ou, se é o caso, documento equivalente segundo o artigo
7º.2.n, tanto da persoa solicitante como da cónxuxe ou parella, se é o
caso.
3. Para aqueles períodos de redución de xornada
que xa tivesen rematado na data de publicación desta orde, para proceder ao
pagamento da axuda deberase remitir a documentación a que se fai referencia no
punto anterior no prazo de dez (10) días desde a notificación da
resolución.
4. Así mesmo, poderase requirir calquera outro
documento que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considere
necesario.
5. O incumprimento pola persoa beneficiaria do
establecido no artigo 9º.2 dará lugar ao reintegro da axuda
percibida.
Artigo 10º.-Modificación da axuda.
1. Se, unha vez concedida
a axuda, a persoa solicitante que exerce o dereito da redución de xornada amplía
o período polo que solicitou a subvención, dentro do límite dos oito meses
establecido no artigo 6, para que se poida acoller á axuda por un novo período
deberá presentar outra solicitude no prazo dun mes desde a data en que se
producise esta modificación, sempre que estea dentro do prazo de presentación de
solicitudes establecido no artigo 7º.1.
2. Se, antes do remate do
período subvencionado, a persoa que está exercendo o dereito á redución de
xornada decide renunciar ao exercicio dese dereito, deberá comunicalo á
Secretaría Xeral da Igualdade achegando unha certificación da empresa que
acredite os termos exactos nos cales se realizou a redución da xornada, en
relación coa súa duración e a porcentaxe de redución. A Secretaría Xeral da
Igualdade, logo da comprobación da dita documentación, procederá a iniciar o
expediente de reintegro regulado no artigo 15º no suposto de que derivase a
devolución de parte da subvención concedida.
3. No suposto de que,
durante o período que fose subvencionado, a persoa que se acollese a unha
redución de xornada diminúa ou amplíe a porcentaxe da dita redución, dentro dos
límites exixidos nesta orde, entenderase que na data en que se produciu o cambio
finalizou a actuación subvencionada e comeza un novo período subvencionable,
debendo comunicalo á Secretaría Xeral da Igualdade e achegando unha
certificación da empresa que acredite os termos exactos en que se realizou a
redución da xornada, en relación coa súa duración e a porcentaxe de redución. A
Secretaría Xeral da Igualdade, revisada a documentación, procederá a liquidar as
axudas anteriormente concedidas mediante unha nova resolución ou a iniciar o
correspondente expediente de reintegro regulado no artigo 15º, no suposto de que
derivase a devolución de parte da subvención concedida. Para poder acollerse á
subvención polo período correspondente á nova redución de xornada, deberán
presentar outra solicitude, no prazo dun mes desde a data en que se producise
esta modificación, sempre que estea dentro do prazo de presentación de
solicitudes establecido no artigo 7º.1.
Artigo 11º.-Obrigas das
persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan
obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade
concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas
e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino destas axudas.
2. Así mesmo, están
obrigadas as persoas beneficiarias desta axuda á comunicarlle ao órgano
concedente calquera eventualidade que altere substancialmente o obxecto ou
natureza da actividade subvencionable.
Artigo
12º.-Compatibilidades con outras subvencións ou axudas.
A axuda por redución de
xornada prevista nesta orde será compatible con calquera outra que, coa mesma
finalidade, teñan establecidas ou puidesen establecer calquera das
administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades,
así como calquera entidade privada.
Artigo 13º.-Modificación
da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da axuda, sempre que se entenda cumprido o obxecto desta, dará
lugar á modificación da resolución e concesión da axuda, sempre que se cumpran
os requisitos mínimos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria. Para
estes efectos, a Secretaría Xeral da Igualdade ditará resolución de liquidación,
na cal se axustarán os importes das axudas concedidas, aplicándose os criterios
e límites establecidos para a o seu outorgamento, quedando obrigadas as persoas
beneficiarias á devolución dos importes percibidos en exceso. No suposto de que
de tal alteración das condicións puidese derivar a devolución da totalidade ou
parte da subvención concedida, iniciarase o correspondente expediente de
reintegro regulado no artigo 15º.
Artigo 14º.-Recursos
económicos.
1. A contía total das axudas que se van conceder dentro deste exercicio
orzamentario non superará o importe de 580.323 euros, consignación orzamentaria
establecida para estes efectos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia, ou a que se resulte da súa actualización, no caso de que se aproben
modificacións orzamentarias de conformidade coa lexislación vixente.
2. No caso de que neste exercicio económico se esgote o crédito
orzamentario consignado para a concesión da axuda por redución de xornada, e
para os efectos de lle dar publicidade a esta circunstancia, a Vicepresidencia
da Igualdade e do Benestar ditará resolución administrativa na cal se sinalará a
data en que se produciu o esgotamento do crédito, que se publicará no Diario
Oficial de Galicia.
Artigo 15º.-Revogación da axuda e procedemento do
reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda
pública percibida e dos xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento
ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes
casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación ou
xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Obtención da
subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que
o impedisen.
c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo,
da actividade ou do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentan a
concesión da subvención.
d) Incumprimento das
obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos/ás
beneficiarios/as, así como dos compromisos por estes/as asumidos, con motivo da
concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a
imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento
do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a
concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma
finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou
privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
e) Incumprimento de adoptar as medidas de
difusión contidas no punto 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de
xuño.
f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás
actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 de
Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables,
rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade
de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a
realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes
de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión
Europea ou de organismos internacionais.
g) Adopción, en virtude
do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión
da cal derive unha necesidade de reintegro.
h) Nos demais supostos
previstos na normativa reguladora da subvención.
Disposicións
adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito
consignado no orzamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para este
fin, que é de 580.323 euros.
Segunda.-Apróbase a
delegación de competencias na secretaria xeral da Igualdade ao abeiro do
disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das
subvencións convocadas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos así como o
recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos con relación ao disposto no
artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba
o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
Terceira.-As persoas beneficiarias atópanse
suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións
establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Cuarta.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei
4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración
pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa
páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e os importes das axudas
concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta de forma expresa a
autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e
da súa publicación na citada páxina web.
Quinta.-De acordo co
establecido no Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os
rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, de 29 de decembro,
de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a persoa
beneficiaria autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para incluír
e facer públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos referidos ás
axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-En todo o non recollido nesta orde
aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, en todo o que non se opón á dita lei, e demais normativa de
aplicación.
Segunda.-Autorízase a secretaria xeral da
Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta
orde.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2008.
Anxo Manuel Quintana
González
Vicepresidente da Igualdade
e do Benestar
Ver referencia pdf
"06400D003P026.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es