Diario Oficial de Galicia
xoves, 3 de abril de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
64
Páxina do Dog:
5.695
Data da Disposición:
17 de marzo de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 17 de marzo de 2008 pola que se convocan axudas
económicas destinadas a subvencionar gastos de mantemento e funcionamento das
asociacións e federacións de mulleres de Galicia.
Orde do 17 de marzo de 2008 pola que se convocan axudas económicas
destinadas a subvencionar gastos de mantemento e funcionamento das asociacións e
federacións de mulleres de Galicia.
A
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración
autonómica a que lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e
funcións en materia de igualdade de xénero, tal e como se establece no artigo 1
do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica
da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
A
Secretaría Xeral da Igualdade, tal e como se establece no artigo 5 do dito
decreto, é o órgano a que lle corresponden, entre outras, as funcións relativas
ás políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, de loita contra a
discriminación por razón de sexo e de promoción da igualdade entre mulleres e
homes. Polo tanto, unha das súas finalidades é promover as condicións para que a
igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, fomentando a
participación das mulleres na vida social, superando calquera tipo de
discriminación.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a
través da Secretaría Xeral da Igualdade, considera necesario contribuír a
estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de
mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades,
de xeito que pon en marcha unha liña de axudas económicas dirixidas ás
asociacións de mulleres e ás súas federacións.
Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia en todo o que non se opón ao establecido na lei anterior e,
así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do
21 de xullo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade,
transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación,
eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de
Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os
demais requisitos exixidos na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, existindo crédito
axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.
Na súa virtude e en uso das atribucións que me foron
conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto a convocatoria, en
réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas en favor das
asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con destino a
gastos correntes derivados do seu mantemento e funcionamento durante o ano
2008.
Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.
1. As axudas poderán ser
solicitadas polas asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas
domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, legalmente
constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de servizos
sociais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, na área de actuación de
muller.
2. Para os efectos desta orde é compatible a
solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha
federación que, así mesmo, solicite a subvención.
3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean
inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o
prazo de presentación de solicitudes.
4. Tanto no caso das
asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o
90% da totalidade das persoas asociadas.
5. Os fins e obxectivos
das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:
a) Promover a igualdade de oportunidades entre homes e
mulleres.
b)
Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica,
cultural e social.
6. As entidades solicitantes deberán cumprir, en
todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no
artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3º.-Orzamento.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
financiará as axudas obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de
240.000 euros e con cargo ás seguintes partidas orzamentarias: 05.30.313B.480.0,
cunha contía de 176.527,78 euros e 05.30.313D.481.0 cunha contía de 63.472,22
euros, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia
para o ano 2008.
As axudas económicas que se outorguen ao abeiro
desta orde poderán alcanzar como máximo o 90% do total do orzamento
presentado.
Artigo 4º.-Conceptos subvencionables.
1. As axudas reguladas
nesta orde teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo
de mulleres, por ser elemento indispensable na promoción da igualdade de
oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e
funcionamento. Por este motivo, concederanse axudas económicas para compensar os
gastos que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades no exercicio
2008.
2. O mantemento inclúe o financiamento dos gastos
correntes en bens e servizos asociados ao local onde se sitúe a sede social da
entidade, obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non
teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor
patrimonial do dito inmoble.
3. A subvención do
funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades
propias e habituais da entidade, incluíndo gastos de subministracións, material
funxible de oficina e ofimáticos, correo e outros análogos. Tamén serán
subvencionables os gastos de persoal que desenvolva funcións
administrativas.
4. Todos os gastos serán correntes, polo tanto,
as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de investimentos para a
xustificación da axuda concedida.
5. En ningún caso serán
subvencionables os gastos correntes derivados do desenvolvemento de actividades
ou programas da entidade solicitante.
Artigo 5º.-Solicitudes,
documentación e prazo.
1. As entidades que desexen solicitar as axudas
reguladas nesta orde deberán dirixir a súa solicitude á Secretaría Xeral da
Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, segundo o modelo que se
achega como anexo I desta orde.
2. Xunto coa solicitude
deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal
da entidade.
b) Fotocopia do DNI da persoa representante legal que asina a
solicitude.
c) Certificación bancaria orixinal da conta da que é titular a entidade
solicitante e onde se desexa que se faga efectivo o pagamento da
subvención.
d) Certificación expedida pola secretaría da
entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal, conforme o
modelo que figura como anexo II desta orde.
e) Memoria explicativa
segundo anexo III desta orde.
f) Declaración de non estar incursa en causas de
incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir axudas ou
subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria
(anexo IV)
g) Declaración do conxunto de todas as
solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto
procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais (anexo IV).
h) Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, achegarase
certificación da secretaría da federación en que conste a relación nominal de
asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das
ditas asociacións.
i) Copia dos estatutos da asociación ou
federación.
A
inscrición da entidade no Rexistro de Entidades será verificada de oficio por
parte dos correspondentes servizos da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar.
3. As solicitudes xunto coa documentación
requirida deberán presentarse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar, mediante instancia normalizada debidamente cuberta, ben directamente
ou ben a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992,
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
4. O prazo de presentación de solicitudes será
dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia.
Artigo 6º.-Tramitación dos
expedientes.
1. A Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano responsable da súa
tramitación, comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos
nesta orde.
En caso contrario, conforme o establecido no
artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, a entidade
solicitante será requirida para que nun prazo de dez días hábiles, contados a
partir do día seguinte ao da recepción deste requirimento, emende a falta ou
acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se
considerará desistida na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser
ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.
Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia crearase unha comisión de valoración para estes efectos,
a cal estará presidida pola secretaria xeral da Igualdade ou a persoa en quen
delegue, e da que formarán parte ademais: a subdirectora xeral de Promoción da
Igualdade, a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero,
un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, que
actuará como secretario/a, e un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral para o
Tratamento da Violencia de Xénero.
2. A comisión de
valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das
subvencións información ou documentación adicional, que, non estando en poder da
Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha
mellor avaliación das solicitudes.
3. Avaliadas as
solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 7º, a comisión de
valoración elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para
resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.
Cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas
distintas das aducidas polo/a interesado/a, formularase unha proposta de
resolución provisional que se lles notificará aos/ás interesados/as para que no
prazo de 10 días presenten as alegacións que estimen pertinentes, de acordo co
disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prescindirase deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en
conta outros feitos nin outras alegacións que as aducidas polos/as
interesados/as, a ter, neste caso, a proposta de resolución carácter de
definitiva.
Artigo 7º.-Criterios de avaliación.
Na valoración das
solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os
seguintes aspectos, e de acordo coas porcentaxes sinaladas a seguir:
a) Número e características das actividades realizadas pola entidade
peticionaria nos últimos 3 anos, priorizaranse as actividades que se desenvolvan
de xeito habitual ou periódico, así como a adecuación das actividades
programadas pola asociación ou federación ás políticas de igualdade (ata o
40%).
b) Desenvolvemento das actuacións da asociación
ou federación en pequenos núcleos de poboación rural e da beiramar galega (ata o
25%).
c) Participación en actividades formativas no
ámbito da igualdade de oportunidades nos últimos 3 anos (ata o 35%).
Artigo 8º.-Resolución.
1. Correspóndelle á secretaria xeral da
Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, por
proposta da comisión de valoración e despois da fiscalización pola intervención
da antedita proposta, a resolución destas axudas de conformidade co establecido
no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
2. O prazo máximo para resolver será de seis
meses, computados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa,
entenderase desestimada.
Artigo 9º.-Réxime de
recursos.
As
resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do
disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá
interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do
Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo
de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é
expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se
produza o acto presunto.
Potestativamente, e con
anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo,
poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto
administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo
da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a
defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles
interesados.
Artigo 10º.-Aceptación da axuda.
Notificada a resolución
definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como
beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido
o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente
aceptada.
Artigo 11º.-Obrigas das entidades
beneficiarias.
As entidades beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no
artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
especificamente o seguinte:
1. Cumprir o obxectivo e
executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e
condicións, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que
determinen a concesión ou o gozo da subvención.
3. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano
concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control
financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto
autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta
información lle sexa requirida no exercicio das actuacións
anteriores.
4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención
doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades
subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a
concesión da subvención.
Esta comunicación deberá
efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á
xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais
documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das
facultades de comprobación e control.
6. Conservar os
documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os
documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de
comprobación e control.
7. Proceder ao reintegro
dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12º.-Forma de
pagamento.
1.
As entidades destinatarias das axudas, unha vez aceptada esta, quedarán
obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para a que foron
concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere
conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.
2. Para o cobramento da axuda as entidades presentarán a seguinte
documentación:
a) Para a xustificación dos gastos correntes e de funcionamento
achegaranse as facturas orixinais pagadas ou documentos de valor probatorio
equivalente dos gastos realizados. Estes documentos deberán cumprir os
requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que
se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación e se modifica o
Regulamento do imposto sobre o valor engadido. No caso de que os orixinais dos
documentos xustificativos non queden en poder da Administración, estes deberán
ser estampillados pola Secretaría Xeral da Igualdade.
b) Certificación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o
importe de cada un deles, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace
da súa presidencia.
c) No caso de gastos de persoal que realiza
funcións administrativas, achegaranse como xustificante tanto as nóminas
acreditativas do pagamento como os documentos xustificativos de ingreso dos
seguros sociais.
d) Declaración complementaria do conxunto das
axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de
resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera
dos seus organismos, entes ou sociedades.
3. O prazo de remisión da
documentación xustificativa remata o 30 de novembro de 2008.
4. A Secretaría Xeral da Igualdade, de atopar conforme a documentación
xustificativa, proporá o libramento de fondos, que en ningún caso superará o 90%
do importe dos xustificantes presentados.
5. En ningún caso o
importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía
que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións
ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total
da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.
6. A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información
que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o
Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de
fiscalización e control do destino das axudas.
7. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentada a
correspondente xustificación entenderase que a entidade renuncia á
axuda.
Artigo 13º.-Gastos subvencionables.
Terán a consideración de
subvencionables, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e
servizos:
a) Gastos correspondentes ao alugamento do local
onde se sitúe a sede social da asociación ou federación.
b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina e
ofimático, gastos de correo e outros análogos.
c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou
federación.
d) Obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non
teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor
patrimonial da sede social.
e) Asesoramento xurídico,
fiscal e contable da asociación ou federación.
f) Gastos derivados das
subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede
social, así como gastos da liña telefónica.
g) Instalación de liñas
ADSL, mantemento de equipos informáticos e creación ou mantemento da páxina web
da asociación ou federación.
Artigo 14º.-Modificación
das resolucións de concesión das axudas.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución da subvención, tal e como se establece no artigo 17.4º da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 15º.-Reintegro da
axuda ou subvención.
Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de
demora xerados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, nos seguintes casos:
a) Obtención da
subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que
o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo,
da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a
concesión da subvención.
c) Incumprimento da
obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos
nesta orde.
d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás
actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento
das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso
derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o
cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades
subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos
para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes
públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
e) Adopción, en virtude do establecido nos
artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha
necesidade de reintegro.
O procedemento de
reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia.
As cantidades que deban
reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de
aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 16º.-Fiscalización
e control.
1.
A concesión das subvencións reguladas nesta orde, estará sometida ao exercicio
da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do
13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas
na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
2. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá inspeccionar en
calquera momento as actuacións realizadas.
Artigo
17º.-Publicidade.
Segundo o artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará no Diario
Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o
programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o/a beneficiario/a, a
cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.
Por outra banda, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30
de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega,
a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial
a relación das entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas, polo
que a presentación da solicitude leva consigo de forma expresa a autorización
para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa
publicación na citada páxina web.
Finalmente, as entidades
beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar a incluír e facer público, nos rexistros de axudas,
subvencións e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións
impostas.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión
destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para este fin, que é de 240.000
euros.
Segunda.-Apróbase a delegación de competencias na
secretaria xeral da Igualdade ao abeiro do disposto no artigo 7.3º da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión,
denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións convocadas nesta
orde, autorizar e dispoñer os gastos así como o recoñecemento das obrigas e a
proposta de pagamentos con relación ao disposto no artigo 73 a) do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Terceira.-As entidades beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de
infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-En todo o non recollido nesta orde
aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, en todo o que non se opón á dita lei, e demais normativa de
aplicación.
Segunda.-Autorízase á secretaria xeral da
Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta
orde.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día
seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2008.
Anxo Manuel Quintana
González
Vicepresidente da Igualdade
e do Benestar
Ver referencia pdf
"06400D002P015.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es