Diario Oficial de Galicia
martes, 8 de abril de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
67
Páxina do Dog:
5.985
Data da Disposición:
2 de abril de 2008
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 2 de abril de 2008, da Secretaría Xeral de
Emigración, pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos
retornados e aos seus familiares para o exercicio 2008.
Resolución do 2 de abril de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola
que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus
familiares para o exercicio 2008.
Segundo o
Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de
Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros
directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006,
do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da
Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase
como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle
corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria
e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas
materias deriven.
Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de
marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia
da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia
para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e
subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.
Para darlle cumprimento
aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha
resolución de axudas económicas en favor de emigrantes retornados e os seus
familiares, que ten por obxecto a protección de situacións de carencia que
puidesen derivar do retorno.
No marco desta resolución preténdese reforzar a
cobertura ás persoas da terceira idade que se atopen nunha especial situación de
vulnerabilidade, así como contar cun complemento das axudas concedidas para
sufragar, cos límites establecidos, gastos derivados do retorno consistentes en:
traslado de enxoval, gastos de viaxe do retorno e tradución e legalización de
documentos.
Estas axudas, fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter
meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas
derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención
perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a
complementar ou aliviar a carencia de recursos. Polos ditos motivos e dada a súa
excepcionalidade por razóns de interese social e humanitario, proponse un
mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da
concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e
resolución sobre as peticións que se formulen.
Todo isto, de acordo co
disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
As
axudas concedidas serán obxecto de publicación segundo o disposto na Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e demais
normativa que sexa de aplicación.
Por todo o exposto e no exercicio das facultades
que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de
marzo,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Obxecto.
Esta resolución ten por
obxecto a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás
emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares, para atender
situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do seu retorno á
Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2º.-Orzamento.
A concesión das axudas previstas nesta resolución
de convocatoria faise con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.480.0 (código
de proxecto 2006 00027) que se inclúe nos orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2008.
O importe que se destinará a este programa de
axudas será de trescentos mil euros (300.000 €), queda condicionada a concesión
destas axudas a ese límite orzamentario, de acordo co procedemento establecido
no artigo 19.2º. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Non
obstante, esa asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coas
dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 3º-Beneficiarios/as.
1. Poderán ser beneficiarios/as e solicitar estas
axudas:
a) Os/as cidadáns/ás españois
que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volvesen a Galicia sempre
que, antes de emigrar, tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia
e así estivese acreditado no correspondente consulado de España, así como os
emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no
estranxeiro e volveron á comunidade autónoma.
b) Os familiares das
persoas indicadas na alínea anterior unidos a estes por matrimonio ou que sexan
parella de feito, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao,
ou por adopción e parentes consanguíneos de segundo grao, así como os viúvos/as
ou orfos/as deses emigrantes.
Para os efectos do establecido neste punto, terá
a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente
Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20
de decembro.
De existir varios/as solicitantes integrados/as dentro dos graos de
parentesco sinalados neste punto que convivan no mesmo domicilio, só un/unha
deles/as poderá ser beneficiario/a das axudas reflectidas nesta resolución.
Neste suposto, concederase a axuda de maior contía, e no caso de ter o mesmo
importe, concederase tendo en conta a entrada da solicitude no Rexistro da
Secretaría Xeral de Emigración.
2. Os/as anteditos/as beneficiarios/as deberán
acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a
súa residencia actual en Galicia.
Artigo 4º.-Requisitos.
1. Os requisitos exixidos para poder ser
beneficiarios/as, que deben estar referidos ao momento da solicitude, son os
seguintes:
a)
Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos
inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
b) Ter traballado no
exterior durante un período mínimo dun ano.
Quedarán eximidos deste requisito:
-Os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de publicación
desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2008.
-Os/as solicitantes que
teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun
grao igual ou superior ao 65%.
-Os/as solicitantes menores de 18
anos.
c) Non ter transcorrido máis
dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta
resolución, excepto para os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de
publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2008, que
non deberán ter transcorrido máis de dous anos entre ambas dúas datas, sempre
que non sexan beneficiarios/as de ningún tipo de pensión nin de prestación
periódica concedidas pola Administración estatal ou autonómica.
d) Estar empadroado/a e
ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Carecer de rendas ou
ingresos suficientes, computando como tales todo tipo de rendas, incluso as
axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta
resolución.
Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en
cómputo global, o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM),
fixado para o ano 2008 en 516,90 € mensuais, e relativos á renda per cápita da
unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5º desta
resolución.
Así mesmo terán a consideración de rendas para os efectos da percepción
destas axudas as seguintes:
-Rendementos do traballo.-Inclúe as rendas netas
do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.
-Pensións e prestacións.-
Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.
-Rendas do capital
mobiliario.-Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e
investimentos financeiros.
-Rendas do capital inmobiliario.- Inclúe os
rendementos brutos dos bens inmobles arrendados diferentes da vivenda
habitual.
-Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou
agrarias.-Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos
gastos) dos distintos tipos de actividades.
Para o cálculo das rendas, cando se perciban con
periocidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período
ao cal correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamento que se ratea
o seu importe entre doce meses.
f) Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo
valor supere o límite establecido no número 3 deste artigo.
Para estes efectos só se
computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non
estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así
como os depósitos bancarios ou a prazo, accións valores ou participacións en
sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou
calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade
financeira, sendo o valor para computar destes efectos o que conste na
correspondente certificación bancaria.
Polo que respecta aos bens inmobles teranse en
conta todos, a excepción da vivenda habitual e o seu valor será o que figure no
recibo do imposto que os grave ou no seu defecto, no contrato de
compravenda.
2. Quedan excluídos/as das axudas desta convocatoria os/as
beneficiarios/as da convocatoria de axudas extraordinarias a emigrantes
galegos/as retornados/as e aos seus familiares para o exercicio 2007, reguladas
pola resolución da Secretaría Xeral de Emigración do 30 de marzo de 2007. Quedan
tamén excluídos/as das axudas desta convocatoria as persoas maiores de 65 anos
que fosen beneficiarias de axudas ao abeiro da Resolución do 11 de abril de 2006
pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as
e aos seus familiares para o exercicio 2006.
3. Quedan excluídos/as
das axudas desta convocatoria os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais
(mobles e/ou inmobles), entendidos tal e como se recolle neste artigo punto 1
f), cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 € adicional por cada
membro da unidade familiar, entendida tal e como se sinala no artigo 5º desta
resolución.
Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.
A adxudicación das axudas efectuarase, para os/as solicitantes aos/ás
cales se fai referencia no artigo 6º.1º b), conforme os criterios e a gradación
que se establece a seguir:
1. Situación económica per cápita mensual da
unidade familiar do/a solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de
rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte
baremo:
a)
Ingresos e rendas inferiores ao 50% do IPREM: 3 puntos
b) Ingresos e rendas do 50% ao 80% do IPREM: 2
puntos.
c) Ingresos e rendas
superiores ao 80% do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.
Entenderase como unidade familiar, en todo caso,
a integrada polo/a solicitante e o seu cónxuxe, ou parella de feito, non
separado legal ou de feito, e de ser o caso, os/as fillos/as e parentes por
consanguinidade ou adopción ata o segundo grao en liña ascendente e descendente
do/a solicitante, así como os seus cónxuxes, ou parellas de feito, non separados
legal ou de feito, sempre que convivan co/coa solicitante.
Para estes efectos, só se
computarán como membros da unidade familiar os que consten na certificación
municipal de empadroamento e convivencia prevista no artigo 8º.1.4 desta
resolución.
2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta do/a solicitante: 2
puntos polo/a primeiro/a fillo/a e un punto máis por cada fillo/a a partir do/a
primeiro/a.
3. Situación de discapacidade do/da solicitante e/ou de membros da
unidade familiar:
-Discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%: 1 punto por
persoa.
-Discapacidade igual ou
superior ao 65%: 2 puntos por persoa.
No caso de que necesite axuda de 3ª persoa para as actividades básicas da
vida diaria aumentarase nun punto a valoración por persoa que se atope na
antedita situación.
4. Estado de saúde do/a solicitante ou dos membros da unidade familiar
consonte a necesidade de tratamentos médicos continuados debidamente
acreditados, sempre e cando non se tivese valorado no número 3 deste artigo: 1
punto por persoa.
5. Solicitante ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da
violencia de xénero: 2 puntos.
Artigo 6º.-Natureza e contía das
axudas.
1. As axudas teñen carácter
persoal, serán de pagamento único, por unha soa vez, e o seu importe establécese
do seguinte xeito:
a) Para os/as solicitantes que teñan máis de 65 anos ou que cumpran esta
idade ao longo do ano 2008 sempre que a renda per cápita da unidade familiar,
entendida tal como se sinala no artigo 4º e) da resolución, sexa inferior ou
igual ao IPREM: 3.000 €.
b) Para os/as solicitantes menores de 65 anos a
contía será variable e establecerase en función dos criterios recollidos no
artigo 5º desta resolución, de acordo co seguinte:
-Situación de especial
necesidade valorada de 5 puntos en diante: 1.200 €.
-Situación de necesidade valorada de 1 a 4
puntos: 950 €.
2. As contías
establecidas no número 1 anterior poderán incrementarse para sufragar gastos
derivados do retorno consistentes en: traslado de enxoval, gastos de viaxe do
retorno e tradución e legalización de documentos, ata:
-350 € nos supostos da
alínea a).
-300 € nos supostos de
especial necesidade valorada de 5 puntos en diante da letra b).
-250 € nos supostos de
necesidade valorada de 1 a 4 puntos da letra b).
Artigo 7º.-Solicitude e prazo.
1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral
de Emigración, sita na rúa Os Basquiños nº 2, Santiago de Compostela, e poderán
presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro.
Cando o/a solicitante estea incapacitado/a ou sexa menor, formulará a
solicitude no seu nome o seu representante legal. En tal caso achegarase a
documentación que acredite este extremo.
2. O prazo de presentación das solicitudes será
desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o
30 de setembro de 2008.
Artigo 8º.-Documentación.
1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo
oficial establecido como anexo a esta resolución ao cal deberán achegar a
seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:
1) DNI ou pasaporte en
vigor do/a solicitante.
2) Documentos
xustificativos da condición de galego/a determinada no artigo 3º.1 a) e,
ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no
artigo 3º.1 b) da resolución, acreditación documental do vínculo do/a
solicitante.
3) Libro de familia do/a solicitante, se é o caso. No seu defecto,
achegarase certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de
Feito de Galicia.
En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de
feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación
rexistral.
4)
Certificación municipal emitida con posterioridade á data de entrada en vigor
desta resolución que acredite a alta do/a solicitante no padrón do concello
galego onde teña fixada a súa residencia e a convivencia dos membros da unidade
familiar.
No
caso de non poder achegar o certificado de convivencia, acreditará este extremo
mediante unha certificación na cal consten todos os membros que figuren
inscritos no mesmo domicilio.
5) Certificado de emigrante retornado, expedido
pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou
subdelegacións do Goberno. Este documento será o que acredite o tempo traballado
no exterior e a data de retorno a España.
No caso de non poder achegar o certificado de
emigrante retornado considérase como data de retorno a que consta na baixa
consular.
Para os/as solicitantes que retornen de países pertencentes ao Espazo
Económico Europeo, de non poder achegar o certificado de emigrante retornado,
substituirase este pola certificación relativa aos períodos computables para a
concesión das prestacións por desemprego (certificado E-301), se é o
caso.
6)
Baixa consular do/a solicitante expedida polo consulado do país de procedencia.
No caso de non poder achegar a baixa consular, calquera outro documento oficial
expedido polas autoridades dese país que permita acreditar fidedignamente o
tempo de residencia nel.
7) Certificación de vida laboral expedida pola
Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.
8) Certificación ou
xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo do/a
solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5º. De
non percibirse rendas ou ingresos, achegarase declaración responsable do/ a
solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído o/a interesado/a,
percibe ingresos económicos e rendas de calquera natureza.
9) Declaración
responsable do/a solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído
el/ela mesmo, ten outros bens, mobles ou inmobles, a excepción da vivenda
habitual, e de telos, acreditación do seu valorm, tal e como se recolle no
artigo 4º.1 f).
10) Cando o/a solicitante sexa o cónxuxe, parella de feito, viúvo/a ou
orfo/a do/a emigrante galego/a, achegará ademais o correspondente certificado de
defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o
falecemento.
11) Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde
españois, no caso de alegar enfermidade.
12) Certificado expedido polo órgano competente
en España que acredite o grao de discapacidade, no caso de alegar tal
circunstancia.
13) No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, documento
oficial que acredite tal situación (sentenza xudicial, informe do Ministerio
Fiscal).
14)
Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a
mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, incluída
na solicitude.
15) Declaración, que se inclúe na solicitude, en que o/a solicitante
presta o seu consentimento para que a Secretaría Xeral de Emigración poida
recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a subministración
directa e telemática da información relativa aos ingresos, ás rendas e ás
situación patrimonial do/a solicitante, así como dos demais membros da unidade
familiar.
16)
Cando tamén se solicite axuda para atender os gastos establecidos no artigo 6º.2
desta resolución, deberán presentar documentación acreditativa de que os ditos
gastos xa se efectuaron mediante facturas ou recibos orixinais.
2. Cando os documentos
achegados ao expediente polos/las solicitantes estean nun idioma distinto do
galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles para calquera destes
idiomas.
3. A
Secretaría Xeral de Emigración poderá solicitar dos servizos sociais
comunitarios do concello onde tivera fixada a residencia o/a solicitante, a
emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar,
sociolaboral e económica co fin de valorar a oportunidade da concesión da axuda
solicitada.
Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa
solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen
mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando o/a solicitante utilice
estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.
4. Malia o disposto
anteriormente, a Secretaría Xeral de Emigración poderá solicitar do/a
interesado/a calquera outra documentación que considere necesaria para a
valoración e resolución do expediente.
Artigo 9º.-Obrigas dos
beneficiarios/as.
1. De conformidade
co disposto no artigo 11 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, no momento en que se coñeza e, en todo caso, antes do pagamento da
axuda, o/a beneficiario/a presentará unha declaración complementaria do conxunto
das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de
resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas
competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
2. Os/as beneficiarios/as
das axudas quedan obrigados/as a facilitar toda a información que lle sexa
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de
Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de
fiscalización e control do destino das axudas.
3. Os/as solicitantes
prestan o seu consentimento para incluír, nos rexistros públicos de axudas,
subvencións e convenios e de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei
7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2006, os datos relativos ás axudas recibidas, así como as
sancións impostas.
Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a
Consellería de Economía e Facenda, ante a que se poderán exercer os dereitos de
acceso, rectificación, cancelación e oposición.
Salvo nos casos sinalados
no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os
rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro,
de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a
non-autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á
exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se
procede, ao reintegro do importe concedido.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do
30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega,
a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web galiciaaberta.com a
relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que, a
presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada
páxina web.
Artigo 10º.-Emenda da solicitude.
Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a
documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o/a
interesado/a para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os
documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por
desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei
30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e ditará
resolución para o efecto.
Artigo 11º.-Resolución.
As solicitudes tramitadas ao abeiro da presente
resolución de convocatoria, unha vez constatada a situación de necesidade ou
precariedade económica das persoas solicitantes, de acordo co disposto no artigo
5º desta resolución, serán resoltas atendendo a data da súa
presentación.
Corresponderalle ao secretario xeral de Emigración a resolución destas
axudas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, no prazo máximo de 6 meses,
contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para
a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións
expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co
establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa
da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de
modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á
modificación da resolución da concesión.
Artigo 12º.-Recursos.
Contra as resolucións que se diten, que poñen fin
á vía administrativa, poderán os/as interesados/as interpoñer recurso
potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes
contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación,
no caso de resolución expresa; se non o fose, o prazo será de tres meses
contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto
presunto.
As
ditas resolucións poderán ser impugnadas directamente mediante recurso
contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a
partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a
resolución é expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses contados a
partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo
13º.-Reintegro.
Procederá o reintegro
das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o
momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do
reintegro, no caso de obtención da subvención falseando as condicións requiridas
para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, segundo o disposto no artigo
33.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14º.-Supostos
excepcionais de retorno.
1. No
suposto de situacións imprevistas nos países de orixe que supoñan retornos
excepcionais de galegos/as no exterior a Galicia, a Secretaría Xeral de
Emigración poderá ditar unha resolución en que se determinen os/as
beneficiarios/as segundo o país ou países de procedencia, sempre que estean
incluídos nos supostos previstos no artigo 3º, e o prazo, se é o caso, para
poder solicitar as axudas ao abeiro deste artigo.
2. Nestes casos
concederase un anticipo do 50% das axudas previstas no artigo 6º, achegando
xunto coa solicitude, debidamente cuberta, prevista no artigo 8º.1, a
documentación establecida nos puntos 1), 6), 8), 9), e 14) do número 1 do citado
artigo 8º.
O
restante 50% achegarase logo da presentación e verificación da documentación
prevista no punto seguinte.
3. O resto da documentación exixida, tal e como
se recolle no artigo 8º, deberana presentar os/as beneficiarios/as no prazo dun
mes desde a notificación da resolución da concesión da axuda.
4. De non achegar a dita
documentación, iniciarase o procedemento de reintegro da axuda recibida tal e
como se prevé no artigo 13º desta resolución.
Artigo 15º.-Instrucións e
aclaracións.
A Secretaría Xeral de
Emigración poderá ditar as instrucións e aclaracións precisas para o axeitado
desenvolvemento e cumprimento da presente resolución.
Artigo 16º.-Recursos
contra a presente resolución.
Contra
esta resolución cabe interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o
mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou ser impugnada directamente
mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do
Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo
de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2008.
Manuel Luis Rodríguez González
Secretario xeral de Emigración
Ver referencia pdf
"06700D007P041.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es