Diario Oficial de Galicia
xoves, 13 de marzo de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

52


Páxina do Dog:

4.400


Data da Disposición:

29 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 29 de febreiro de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a concesión de bolsas para a formación de dinamizadoras e dinamizadores da igualdade en Galicia.



Orde do 29 de febreiro de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a concesión de bolsas para a formación de dinamizadoras e dinamizadores da igualdade en Galicia.

O Estatuto de autonomía establece que lle corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas e remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, tal e como establece no seu artigo 1, vén reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 5 punto 1.a) establécese que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e calidade da vida persoal e familiar.

A realidade galega é diversa e amosa unha estrutura poboacional específica na que o medio urbano representa unha porcentaxe mínima nun territorio eminentemente rural ou semirrural. O papel das mulleres neste tipo de sociedade é fundamental e imprescindible para a conservación da estrutura social. Non parece posible pensar nun desenvolvemento rural sostible que non inclúa o dereito a unha participación igualitaria no que aspectos económicos, ambientais e sociais estean presentes, no que as condicións e oportunidades de acceso ao mundo laboral sexan máis equilibradas e no que as potencialidades de homes e mulleres sexan valoradas na mesma medida.

Para acadar este desenvolvemento é necesario incorporar a perspectiva de xénero en todas as accións que se pretendan implementar, a través do respecto e revalorización do territorio como espazo xeográfico, produtivo, ecolóxico e social. De aí o apoio que a Administración autonómica quere prestar á posta en marcha dun programa de formación de dinamizadoras e dinamizadores da igualdade de oportunidades para poñer en práctica un programa de dinamización e empoderamento das mulleres, fundamentalmente das do medio rural.

Polo tanto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera de máximo interese a convocatoria e concesión de bolsas para o desenvolvemento de estudos e prácticas formativas dirixidas a proporcionar ás persoas que resulten adxudicatarias a capacitación necesaria para propiciar o achegamento das mulleres, fundamentalmente das que viven en ámbitos rurais e que teñen máis dificultades de acceso á información e aos recursos, a accións formativas que impulsen e consoliden a súa autonomía, desenvolvemento e crecemento persoal e colectivo, integrando a perspectiva de xénero.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto a regulación das bases que rexen a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de 16 bolsas para a formación de dinamizadoras e dinamizadores da igualdade de oportunidades en Galicia e a súa convocatoria para o ano 2008.

Artigo 2º.-Características das bolsas.
1. As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudos e prácticas formativas, co obxectivo de proporcionarlles ás persoas seleccionadas a capacitación necesaria para propiciar o achegamento das mulleres, fundamentalmente das que viven en ámbitos rurais e que teñen máis dificultades de acceso á información e aos recursos, a accións formativas que impulsen e consoliden a súa autonomía, desenvolvemento e crecemento persoal e colectivo, integrando a perspectiva de xénero.

2. O programa de formación desenvolverase nas seguintes fases:
a) Fase I. Formación teórica.
Esta fase consistirá na realización dun curso que terá unha duración de 75 horas, no cal se tentarán cubrir os seguintes obxectivos:

Igualdade de oportunidades: 20 h.
-A igualdade de oportunidades: marco conceptual.
-O impacto do xénero na organización social. Tempos e espazos desiguais.
-O empoderamento: un proceso individual e social.
-Situación das mulleres en Galicia.
-O papel das mulleres no medio rural.
A violencia de xénero, máxima expresión da desigualdade: 20 h.
-Presentación de conceptos básicos.
-Evolución do concepto de violencia de xénero.
-Os mitos sobre a violencia de xénero.
-A violencia contra as mulleres.
-Tipos de violencia.
-O ciclo de violencia.
-Efectos da violencia no ámbito familiar.
-Recursos dispoñibles para as mulleres que sofren malos tratos.
Xénero e autoestima: 15 h.
-O corpo das mulleres.
-O papel das mulleres na sociedade.
-O papel das mulleres na historia.
Recursos: 20 h.
-Habilidades sociais: dinámica e dirección de grupos, captación de usuarias, resolución de problemas, etc.

-Perfeccionamento do uso e coñecemento da lingua galega con especial incidencia na utilización non sexista da linguaxe.

-Estratexias de dinamización.
-Elaboración de propostas de material didáctico para empregar como recurso formativo.

-Elaboración de propostas de novos servizos e novos contidos.
3. O calendario do curso, así como o lugar onde se celebrará, será comunicado ás persoas seleccionadas cun mínimo de cinco días de anticipación ao inicio do curso.

O curso será titorizado por unha/un profesora/o experta/o na materia que realizará unha avaliación continua do proceso de formación e emitirá, en función do aproveitamento do curso, a cualificación final do alumnado.

4. Para superar o curso será preciso superar todos os módulos en que se estruture o programa e que as faltas de asistencia, mesmo xustificadas, non superen o 10% das horas programadas.

5. Non serán aboados pagamentos parciais aos bolseiros e bolseiras que non rematen o curso ou superen as faltas de asistencia permitidas.

b) Fase II. Formación práctica.
1. Esta fase da formación consistirá en actuacións dinamizadoras e de formación nas áreas de igualdade de oportunidades, violencia de xénero e xénero e autoestima, dirixidas ás asociacións de mulleres de todo o territorio galego, e realizarase en contacto directo con elas. A fase de formación práctica levará polo tanto asociada a mobilidades xeográfica da/do bolseira/o polo territorio, sendo necesario desprazarse en función da repartición de áreas xeográficas que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, estableza segundo as solicitudes recibidas desde aquelas asociacións de mulleres que demanden a presenza dunha/dun bolseira/o.

2. As bolseiras e bolseiros contarán co asesoramento, orientación e dirección dunha coordinadora-titora designada pola Secretaría Xeral da Igualdade, que será a responsable de definir as actividades que deben desenvolver e as reunións de seguimento ás que deben asistir. O horario dos bolseiros e bolseiras será de 35 horas semanais, coa distribución que realice a Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 3º.-Orzamento.
Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 180.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.30.313B.481.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 4º.-Duración e dotación económica.
1. A duración das bolsas comprenderá o período que vaia desde a súa adxudicación ata o 31 de decembro de 2008.

2. A dotación económica de cada bolsa ascenderá a 1.150 euros mensuais brutos. Serán por conta das/os bolseiras/os os gastos dos desprazamentos que teñan que realizar e da contratación dun seguro de asistencia médica e accidentes, que terá carácter obrigatorio para estas/estes.

Artigo 5º.-Persoas beneficiarias e natureza xurídica da relación.
1. Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter nado no ano 1978 ou con posterioridade e ser maior de dezaoito anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

b) Posuír algunha das seguintes titulacións:
-Técnica/o superior da área de servizos socioculturais e á comunidade ou equivalente.

-Diplomada/o en educación social ou equivalente.
-Diplomada/o en traballo social ou equivalente.
c) Ser desempregada/o.
2. Non poderán participar nesta convocatoria as persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarias en convocatorias anteriores dunha bolsa para formación de dinamizadoras e dinamizadores da igualdade en Galicia.

3. A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin cos organismos ou entidades en que realizaren o período de formación práctica, nin a súa inclusión na Seguridade Social.


4. Non poderán obter a condición de beneficiarias/os as persoas nas que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.
1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro central da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude, que se presentará segundo modelo oficial recollido no anexo I desta orde, deberase achegar a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI.
b) Acreditación do coñecemento da lingua galega.
c) Copia compulsada do correspondente título académico.
d) Curriculum vitae acompañado dos documentos orixinais ou copias compulsadas que acrediten os méritos alegados.

e) Declaración de non incorrer nas causas de exclusión para ser beneficiarios de axudas ou subvencións que sinala o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

f) Declaración doutras bolsas de estudos ou axudas solicitadas ou concedidas (anexo II).

g) Copia compulsada da tarxeta de demandante de emprego.
Os/as solicitantes con algún grao de discapacidade deberán sinalalo no formulario de solicitude, indicando o grao de discapacidade que teñan recoñecido e, de ser o caso, solicitar as adaptacións de tempo e medios que consideraren necesarias.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4 A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano xestor para comprobar de oficio o cumprimento das obrigas tributarias e sociais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Emenda de defectos.
Se a documentación presentada non cumprira os requisitos exixidos na convocatoria, requirirase á persoa interesada para que no prazo máximo de dez días emende as faltas ou remita a documentación requirida. De non facelo así, terase por desistido da súa petición e procederase conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Procedemento de avaliación e selección.
1. A valoración das solicitudes admitidas será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidenta: a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero ou persoa en quen delegue.

Vogais:
-A subdirectora xeral de Promoción da Igualdade.
-A xefa do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.
-A xefa do servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade.
Secretaria: unha funcionaria da Secretaría Xeral da Igualdade.
2. A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Valoración do título académico:
Título de técnica/o superior da área de servizos socioculturais e á comunidade ou equivalente: 4,5 puntos.

Título de diplomada/o en educación social ou equivalente ou diplomada/o en traballo social ou equivalente: 3,5 puntos.

(Valoración máxima 4,5 puntos).
b) Coñecemento da lingua galega:
Curso de iniciación: 1 punto.
Curso de perfeccionamento: 2 puntos.
(Valoración máxima 2 puntos)
c) Formación en igualdade e xénero:
c1. Cursos, xornadas, seminarios, obradoiros… realizados ou homologados por organismos oficiais: 0,50 puntos por cada 10 horas formativas, non valorándose as accións que posúan unha duración global inferior a 20 horas.

(Valoración máxima 3 puntos).
c2. Másters e cursos de posgrao finalizados, en igualdade e/ou xénero.
(Valoración máxima 1 punto).
3. Unha vez examinadas as solicitudes, a comisión de valoración elaborará a relación provisional de candidatas/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: vicepresidencia.xunta.es, concedéndolles ás/aos solicitantes un prazo de dez días desde a data de publicación na web para que formulen as alegacións que coiden oportunas, de conformidade co establecido no artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando os seguintes criterios: en primeiro lugar, terán preferencia as mulleres e, de persistir o empate, as/os candidatos de maior idade e en último termo resolverase por orde alfabética comezando polo primeiro apelido.

Artigo 9º.-Resolución.
1 A tramitación e instrución dos expedientes realizarase na Secretaría Xeral da Igualdade conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Unha vez analizadas as alegacións presentadas, a comisión de selección elevará á secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a relación das 16 persoas propostas para a concesión das bolsas e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha das propostas.

3. A secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ditará resolución motivada, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e será notificada ás adxudicatarias e adxudicatarios. O prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

4. A secretaria xeral da Igualdade, por proposta xustificada da comisión de selección, e mediante resolución motivada, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumprise as condicións impostas con motivo da súa concesión, de conformidade co disposto no artigo 13 desta orde.

Artigo 10º.-Aceptación da bolsa.
A aceptación da bolsa farase nun prazo de 10 días desde a notificación da súa concesión mediante documento asinado pola/o bolseira/o, no que se comprometa a cumprir todas as condicións e obrigas recollidas nestas bases. Se non se producise manifestación expresa, transcorrido ese prazo, a bolsa entenderase tacitamente aceptada.

De producirse renuncias con posterioridade á aceptación expresa ou tácita da bolsa, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá proceder á súa substitución pola persoa seguinte por orde de puntuación que figure na lista de reserva elaborada pola comisión de avaliación.

Artigo 11º.-Obrigas das persoas beneficiarias das bolsas.
As persoas beneficiarias destas bolsas están sometidas ás obrigas sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, sen prexuízo do cal quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar perante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na súa normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efecturar o órgano concedente así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Contratar un seguro de asistencia sanitaria e accidentes, que deberá abranguer desde o momento da adxudicación da bolsa ata o 31-12-2008.

e) Presentar ao comenzo da percepción da bolsa declaración de non percibir outras bolsas ou axudas así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das/dos interesadas/os.

f) Presentar ao remate da bolsa unha memoria detallada das actividades realizadas, na cal especificará o programa desenvolvido e os obxectivos acadados.

g) Comunicar a súa renuncia, no caso de se producir con posterioridade ao inicio da formación, á Secretaría Xeral da Igualdade, con cinco días de anticipación á data de cesamento.

h) Comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras bolsas ou axudas así como calquera outra alteración dos requisitos impostos aos beneficiarios/as para o outorgamento destas bolsas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza.


i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 13 desta orde.

Artigo 12º.-Pagamento e xustificación.
O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos. O órgano xestor expedirá a certificación do gasto logo da verificación por parte da titora do cumplimento do programa inicialmente proxectado e dos obxectivos previstos. Para o aboamento da primeira mensualidade da bolsa será necesaria ademais a xustificación do pagamento do seguro ao que se fai referencia nos artigos 4.2º e 11 d) desta orde por parte das/os bolseiras/os.

No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.
Dará lugar á revogación da bolsa e procederase ao reintegro total ou parcial e á exixencia dos xuros de demora nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos seguintes:

a) O incumprimento por parte do bolseiro/a das obrigas relacionadas no artigo 11 contraídas coa aceptación da bolsa.

b) A ausencia inxustificada.
c) A obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.
Artigo 14º.-Incompatibilidades.
A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.
As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 16º.-Réxime de infraccións e sancións.
Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Publicidade.
1. De conformidade co artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e beneficiarias e das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das/os beneficiarias/os e da súa publicación na citada páxina web.

2. Así mesmo, en cumprimento co disposto nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas beneficiarias autorizan á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público, tanto no Diario Oficial de Galicia como nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no que non se opoña á citada lei, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e demais normativa que resultase de aplicación.

Disposición adicional
Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaría xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou revogación das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2008.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf "05200D004P016.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es