Diario Oficial de Galicia
luns, 10 de marzo de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

49


Páxina do Dog:

4.073


Data da Disposición:

3 de marzo de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 3 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal, e se convocan para o ano 2008.



Orde do 3 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal, e se convocan para o ano 2008.

O Real decreto 1615/2007, do 7 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal (BOE nº 304, do 20 de decembro) regula unha liña de axudas destinadas a incentivar a aplicación de sistemas de control da rastrexabilidade para aqueles operadores que apliquen programas de produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal que impliquen a todas e cada unha das fases de produción e comercialización (é dicir, desde a granxa ata a mesa), mediante a contribución ao financiamento dos gastos derivados da asistencia técnica necesaria para o desenvolvemento e posta en funcionamento destes sistemas, así como de certos gastos que supoñen a súa implantación, entre eles os custos derivados da realización de controis de calidade efectuados por terceiros.

O artigo 10 do citado Real decreto 1615/2007 atribúelle aos órganos competentes das comunidades autónomas, onde se localice o domicilio social do solicitante, a instrución, resolución e pagamento das axudas. Procede, polo tanto, ditar as normas necesarias para establecer o procedemento de aplicación do mencionado real decreto no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das solicitudes presentadas por beneficiarios que teñan o seu domicilio social nela e poder facer efectivas as axudas dependendo das dispoñibilidades orzamentarias.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal, e convocar estas axudas para o ano 2008.

Sección primeira
Bases reguladoras para a concesión de axudas
para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal

Artigo 2º.-Réxime xurídico.
O réxime xurídico aplicable ás axudas que regulan estas bases está integrado polo Real decreto 1615/2007, do 7 de decembro, que establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co establecido no artigo 3.3º desta última.

Artigo 3º.-Definicións.
1. Para os efectos desta orde serán de aplicación as definicións previstas no artigo 3 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal e no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

2. Así mesmo, entenderase como:
a) Produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal: carne, leite, ovos, mel e caracois de terra destinados ao consumo humano, obtidos a partir de animais de produción de explotacións que participen en programas de produción de calidade e que sexan criados conforme o disposto neles.

b) Programa de produción de calidade: é aquel aplicado polos beneficiarios previstos no artigo 4º desta orde, coa finalidade de que, mediante mecanismos de control encomendados a entidades independentes, se logre achegar a máxima garantía de rastrexabilidade, calidade e información ao consumidor sobre os produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal comercializados, con exixencias diferentes ás establecidas pola lexislación básica sobre produción gandeira, e que impliquen todas as fases da produción e a comercialización.

Artigo 4º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas subvencións aquelas persoas xurídicas asociativas do ámbito agrario, incluídas as asociacións ou agrupacións de produtores, que apliquen programas de produción de calidade e cumpran os requisitos establecidos nesta orde e no Real decreto 1615/2007.

Artigo 5º.-Requisitos.
1. Para obter as axudas establecidas nesta orde, os solicitantes deberán desenvolver un programa de produción de calidade de acordo co recollido na letra b) do artigo 9º.2.

2. Os solicitantes deberán cumprir os requisitos do anexo I do Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas.

3. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Economía e Facenda). Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Economía e Facenda.

4. A entidade a que se encomende a aplicación das accións previstas no regulamento de control a que se refire o artigo 9º deberá ser un organismo independente de control que estea acreditado por unha entidade de acreditación, segundo o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, conforme a norma EN 45011, relativa aos requisitos xerais para entidades que realizan a certificación de produtos, no ámbito agroalimentario.

5. Os laboratorios onde se realicen as análises das mostras para a avaliación dos parámetros físicos, químicos e sanitarios dos animais e dos produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal que se consideren nos respectivos regulamentos de control deberán cumprir coa norma UNE EN ISO/IEC 17025, pola que se establecen os requisitos xerais relativos á competencia técnica dos laboratorios de ensaio e calibración para a súa acreditación.

6. Para beneficiarse do importe máximo da axuda deberán comercializarse nos establecementos incluídos no programa de produción de calidade, cando menos, un 75% dos animais e dos produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal inscritos no devandito programa.

Naqueles casos en que os animais e produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal finalmente destinados ao consumo non acaden a porcentaxe indicada, a axuda reducirase proporcionalmente ata a proporción de animais ou produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal realmente comercializados.

7. O programa de produción de calidade deberá contar cun sistema de etiquetaxe facultativa. No caso de carne de vacún, de carne de ave e de ovos, este sistema de etiquetaxe facultativa será o establecido na lexislación vixente. No caso do leite, o programa de produción de calidade deberá cumprir coa normativa sobre implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite.

Artigo 6º.-Actividades subvencionables.
1. Para os efectos desta orde, poderán concederse axudas para financiar as seguintes actividades do programa de produción de calidade:

a) Asistencia técnica para estudo de mercados, e para o deseño e creación de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal.

b) Implantación de programas de produción de calidade.
c) Formación do persoal especificamente relacionado co programa de produción de calidade.

d) Certificación dos programas de produción de calidade implantados.
2. As axudas previstas nesta orde concederanse a actividades realizadas durante todo o exercicio orzamentario correspondente, sen prexuízo do establecido no artigo 18 do Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006.

Artigo 7º.-Límite e contía das axudas.
1. As axudas concedidas para o financiamento das actividades establecidas no artigo 6º non superarán os límites establecidos no artigo 14 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

O importe total das subvencións concedidas polas administracións públicas poderá chegar ata o 100% dos custos das actividades, sen que en ningún caso se superen as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os programas que se presenten de conformidade co establecido nesta orde axustaranse ás seguintes limitacións:

a) Como máximo un programa poderá percibir estas axudas durante cinco exercicios.

b) Cada programa só poderá recibir durante tres exercicios a porcentaxe máxima de axuda que se fixe para cada exercicio.

c) Cando un programa reciba estas subvencións catro ou cinco exercicios, o importe que poderá percibirse será, como máximo, do 40% dos gastos no cuarto exercicio, e do 30% no quinto.

d) As subvencións destinadas a financiar as actividades previstas nos parágrafos a) e c) do artigo 6º.1 só se poderán conceder durante un exercicio.

e) As subvencións destinadas a financiar a actividade prevista no parágrafo b) do artigo 6º só poderá percibirse durante dous exercicios consecutivos, e sempre e cando se trate de programas de nova creación.


Artigo 8º.-Criterios obxectivos de outorgamento da subvención.
1. Na concesión das axudas previstas nesta orde, as solicitudes ordenaranse de acordo cos seguintes criterios obxectivos, coa valoración que se indica para cada un deles:

a) Programas de produción de calidade que comercialicen un maior volume, segundo a especie, de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal (1 a 5 puntos).

b) Programas de produción de calidade en que teñan un maior número de explotacións gandeiras (1 a 5 puntos).

c) Programas de produción de calidade en que as súas explotacións manteñan razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, de acordo co establecido na norma regulamentaria correspondente (1 a 5 puntos).

d) Programas de produción de calidade que estean recoñecidos pola UE como denominación de orixe (D.O.P.) ou indicación xeográfica (I.X.P), ou estean acollidos á normativa sobre produción ecolóxica (1 a 6 puntos).

2. Aqueles solicitantes que non obteñan unha puntuación mínima de dez puntos non se poderán beneficiar destas axudas.

3. No caso de que máis dun solicitante obtivese a mesma puntuación, aplicaranse, para establecer a prioridade, os criterios da alínea 1 deste artigo, na orde alí establecida.

4. No caso de que algún beneficiario renunciase á subvención, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en orde da súa puntuación, sempre e cando coa renuncia por parte dalgún dos beneficiarios se liberase crédito suficiente para atender polo menos unha das solicitudes denegadas.

Artigo 9º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes presentaranse en instancia dirixida ao conselleiro do Medio Rural, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde. A presentación farase preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
a) Estatuto ou regulamento interno da entidade solicitante.
b) Programa de produción de calidade, que deberá incluír:
1º Memoria descritiva, na cal debe constar, cando menos, o seguinte:
-Explicación xeral dos sistemas de produción e procesamento empregados ao longo de toda a cadea.

-Explicación detallada do sistema de rastrexabilidade empregado para o seguimento de animais e produtos e, de ser o caso, do sistema de identificación animal utilizado.

-Relación en que aparezan identificadas as explotacións, matadoiros, industrias agroalimentarias e outros establecementos participantes no programa, incluíndo o código de autorización ou rexistro oficial atribuído pola autoridade competente a cada axente participante. No caso de carne e ovos, deberá indicarse a relación de puntos de venda ou relación de destinatarios finais do produto.

-Código de autorización ou rexistro oficial atribuído pola autoridade competente a cada axente participante, que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente para o exercicio da actividade correspondente.

-Descrición detallada da distribución de responsabilidades entre os distintos axentes participantes no programa, coa descrición das medidas aplicables no caso de incumprimento destes. Cando non se dispoña de estatutos ou regulamento interno, achegarase copia dos correspondentes contratos entre os axentes participantes no programa.

2º Orzamento detallado do programa.
3º Regulamento de control, en que se especifiquen:
-Programa de visitas de inspección e periodicidade destas en explotacións, matadoiros, industrias agroalimentarias, puntos de venda e outros establecementos participantes no programa.

-Sistema de mostraxe e número de mostras que se tomarán previstas en cada fase do proceso.

-Protocolo de realización dos controis en todas as fases de produción: explotación, matadoiro, industria agroalimentaria, puntos de venda e outros establecementos participantes no programa.

c) Para o caso en que se soliciten axudas destinadas a financiar as actividades previstas nos parágrafos a), b) e c) do artigo 6º.1, documentación precisa que xustifique as actividades previstas obxecto da subvención, na cal se detalle o seu contido e o orzamento previsto para a súa realización.

d) Para o caso en que se soliciten axudas destinadas a financiar a actividade prevista no parágrafo d) do artigo 6º.1, documentos que identifiquen a entidade de control e os laboratorios onde se analizarán as mostras, en que se detallen o seu contido e o orzamento previsto para a súa realización.

e) Documentación xustificativa da condición de PEME do beneficiario, que poderá consistir nunha declaración responsable do órgano de dirección da entidade solicitante.

f) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos, de acordo co modelo que figura como anexo II a esta orde.

2. No caso de que a axuda se solicite para a actividade prevista no parágrafo a) do artigo 6º.1 e esta actividade sexa previa á implantación do programa de produción de calidade, só será exixible unha memoria descritiva co sistema xeral de produción e procesamento así como o sistema de rastrexabilidade empregado.

Artigo 10º.-Instrución e resolución.
1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a dita dirección xeral requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.
Vogais: dous funcionarios do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.
Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e sen voto.
3. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no artigo 8º desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe coa valoración, que elevará á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, a cal elaborará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas polo conselleiro do Medio Rural no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da súa execución, segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro do ano en curso.

A dita resolución de concesión indicará expresamente que fondos proceden dos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 11º.-Tramitación do pagamento das axudas.
Executados os investimentos o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas, nóminas e TC, orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.


c) Memoria de actividade do programa de calidade realizado.
d) No caso de asistencias técnicas, presentarase un informe do traballo realizado. No caso de realizar estudos de mercado, unha copia deles.

e) No caso de cursos, relación de participantes e diploma ou certificado de asistencia.

f) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

Artigo 12º.-Compatibilidade.
Sen prexuízo do previsto no artigo 19 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, destinadas ao mesmo fin, o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 13º.-Seguimento e control.
1. As resolucións de concesión de axuda establecerán o prazo máximo de xustificación dos gastos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado, realizado antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

2. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria realizará os controis sobre o terreo e as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 14º.-Modificación da resolución, incumprimento e reintegro.
1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Se o beneficiario incumprise a lexislación básica en materia de ambiente, sanidade, benestar, alimentación ou identificación animal, así como os requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer, perderá o dereito á subvención concedida, coa obriga de reembolsar as cantidades xa percibidas, incrementadas co xuro de demora.

3. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, aplicándose os seguintes criterios:

-Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

-Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

4. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 15º.-Publicación e tratamento de datos.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.
A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

Sección segunda
Convocatoria das axudas para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal para o ano 2008

Artigo 17º.-Convocatoria das axudas.
Convócanse para o exercicio orzamentario 2008 as axudas reguladas na sección primeira desta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 18º.-Prazo de presentación.
O prazo de presentación das solicitudes de axuda para o ano 2008 remata o próximo 1 de maio.

Artigo 19º.-Financiamento das axudas.
O financiamento das axudas previstas nesta orde farase con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2008, na aplicación orzamentaria 11.03.713D.781.0, cunha dotación de 100.953 €; e con fondos transferidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de acordo co previsto no Real decreto 1615/2007, do 7 de decembro.

Disposición transitoria
Única.-Acreditación dos organismos independentes de control.
Non obstante o establecido no artigo 5º.3, e para os exercicios orzamentarios 2008 e 2009, se o organismo de control aínda non dispón da prefixada acreditación, para poder acollerse as subvencións establecidas nesta orde, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria deberá certificar que o devandito organismo de control cumpre a norma EN 45011, así como que conta cun sistema de control obxectivo e imparcial e que dispón de persoal cualificado e dos recursos necesarios para desenvolver a súa función.

Neste caso, no momento da xustificación prevista no artigo 11º e relativa a 2008, o organismo de control deberá documentar ante a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria ter cursada a solicitude de acreditación e estar admitida a trámite conforme os procedementos establecidos, nunha entidade de acreditación segundo o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facultade de desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2008.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "04900D007P025.PDF"
Ver referencia pdf "04900D009P031.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es