Diario Oficial de Galicia
venres, 22 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

38


Páxina do Dog:

2.951


Data da Disposición:

4 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 4 de febreiro de 2008 pola que se regulan as axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.



Orde do 4 de febreiro de 2008 pola que se regulan as axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.


A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, fóronlle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro (DOG do 10 de outubro).


Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.


Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ao cal lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, cofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.


A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, que contribúa tanto á corresponsabilidade como á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, a constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 como proxecto artellado e de calidade en que participen as entidades privadas de iniciativa social, é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Esta orde de axudas ten como finalidade materializar neste momento de redefinición do modelo da educación infantil 0-3 anos a contribución da Administración galega no sostemento dos centros existentes e fomentar a mellora da súa calidade.


A orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación.


Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en todo o que non se opón ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de outubro de 2007.


As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.30.312B.481.0 recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e o importe destinado a elas ascenderá a 3.242.023,98 euros.


Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao cal foron establecidos,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.


2. Para efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos as/os nacidas/os con posterioridade ao 31 de decembro de 2004.


Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo aos rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais (DOG do 14 de novembro), e teñan en funcionamento unha/s escola/s infantil/ís 0-3 que desenvolva/n as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpra os requisitos xerais desta orde.


Artigo 3º.-Requisitos xerais.

1. Serán requisitos imprescindibles para resultar entidade beneficiaria das axudas:


a) Que a escola infantil 0-3 cumpra os requisitos establecidos no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais (DOG do 31 de xullo), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.


b) A adaptación da tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 9º desta orde.


c) A adaptación do proxecto educativo da escola infantil 0-3 á estrutura establecida no anexo VII desta orde.


d) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e puntuación establecidos no anexo VI.


e) Ter xustificado, nos prazos previstos, e en todo caso no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.


2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais ou representantes legais dos/as usuarios/as, as escolas infantís 0-3 prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada previa autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Salvo causa de forza maior, as solicitudes para o peche temporal dos centros durante o ano 2008 presentaranse antes do 31 de maio.


3. O cumprimento dos obxectivos específicos establecidos no Plan xeral de normalización da lingua galega para a educación infantil 0-3.


Artigo 4º.-Tipo de axuda.

Nesta orde convócanse axudas para o mantemento dos centros que ten como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:


-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5º.-Criterios de valoración e concesión.

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:


a) As escolas infantís 0-3 que no ano anterior recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.


A valoración satisfactoria a que se refire a alínea anterior acreditarase mediante o correspondente informe sobre a execución da actividade subvencionada emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros.


b) As escolas infantís 0-3 que prestan servizo de comedor: 1 punto.

c) Segundo o tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:


-Inferior a 3 anos: 1 punto.

-Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

-Superior a 5 anos: 3 puntos.

No caso de empate nas puntuacións, daráselle prioridade ás solicitudes que obteñan máis puntuacións na suma das alíneas a) e b).


Artigo 6º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Ver referencia pdf "03800D004P007.PDF"
Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), incluídos os alimentos. En todo caso este servizo incluíra o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos pais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/das nenos/as.


Artigo 7º.-Límite das axudas.


1. O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria.


2. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.


3. A contía que se subvencionará non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2008 segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo II).


Artigo 8º.-Renda per cápita mensual.

1. Para os efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.


Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillosas menores de dezaoito anos ou fillos/as maiores de dezaoito anos cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.


2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.


Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na a Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.


3. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental aquela formada pola nai ou o pai solteira/o, segundo corresponda, que non convivan e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez.


Artigo 9º.-Prezos.

1. As entidades que sexan beneficiarias destas axudas deberán establecer os prezos por servizos prestados pola escola infantil 0-3 de acordo coas contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.


2. Os prezos que se establezan de conformidade co disposto no número 1 deste artigo, refírense aos servizos básicos prestados pola escola infantil 0-3 ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos a asistencia ao centro e o comedor.


3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola entidade titular do centro e, en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.


Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:


a) Datos do centro (anexo II).

b) Proxecto educativo adaptado á estrutura que figura como anexo VII desta orde (extensión máxima de 30 follas en formato DIN A4).


c) Memoria do centro do curso escolar 2006/2007.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración de todas as subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas (anexo IV).


g) Plan específico do centro sobre o Plan xeral de normalización da lingua galega.


h) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida agás no caso de entidades beneficiarias das mesmas axudas no ano 2007 e que indiquen unha conta xa certificada.


2. As entidades que no ano 2007 percibisen axudas para o mantemento da escola infantil 0-3 deberán presentar copia da tarifa de prezos vixente na escola infantil 0-3, adaptada ao disposto no artigo 9º. As entidades que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, no caso de que a tarifa de prezos sufra modificacións durante o ano 2008, deberán enviar información destas modificacións no prazo dun mes desde que estas tivesen lugar.


3. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións nestes, de acordo co previsto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


4. Todos os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.


5. De conformidade coa artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.


Artigo 11º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e máis a documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 12º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, realizarán os seguintes trámites:


a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.


b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para os efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais, así como a data do permiso de inicio de actividades.


2. Revisados os expedientes, e completados se fose o caso, as delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar remitiránselles ás comisións provinciais de valoración.


3. Unha vez avaliadas as solicitudes, as comisións provinciais de valoración emitirán informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.


4. As comisións provinciais de valoración elevarán o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para a súa resolución, propoñendo a concesión ou denegación das axudas.


Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.


5. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: xefa/e do Servizo de Igualdade.

Vocais: tres funcionarias/os da respectiva delegación provincial designados pola/o delegada/o provincial, unha/un dos/as cales actuará como secretaria/o.


Artigo 13º.-Resolución.

1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles por delegación ás/aos delegadas/os provinciais da Igualdade e do Benestar.


2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.



3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.


4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.


Artigo 14º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 1 de decembro de 2008, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades segundo o modelo que figura como anexo IV.


2. Unha vez ditada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ao pagamento e xustificación da seguinte forma:


A) Para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade a documentación xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado debeser igual ou superior á axuda concedida.


B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:


a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.


b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade a documentación xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.


3. Para xustificar o gasto realizado as entidades presentarán a seguinte documentación:


a) Orixinal ou ben copia compulsada ou cotexada de facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa. En todo caso, as facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o regulamento do imposto sobre o valor engadido (BOE do 29 de decembro).


b) Unha relación valorada e ordenada cronoloxicamente, por tipo de gasto, onde se reflicten as facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa.


Artigo 15º.-Outras obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:


A) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2008/2009:

a) Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo V a esta orde aos solicitantes de praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha praza do programa cheque infantil en caso de figurar en lista de espera no centro.


b) Remitirlle á delegación provincial da Igualdade e do Benestar, antes do 15 de maio de 2008, a relación de solicitantes de prazas do centro que se atopen en lista de espera para o curso 2008/2009 e que, pola súa vez, estes optan polo programa cheque infantil. A esta relación xuntaranse as solicitudes de axuda do programa cheque infantil efectuadas polos solicitantes, segundo o modelo que figura no anexo V.


B) O cumprimento dos obxectivos específicos establecidos para a educación infantil 0-3 no Plan xeral de normalización da lingua galega.


C) O cumprimento pola escola infantil 0-3 do proxecto educativo establecido segundo a estrutura que figura no anexo VII desta orde.


D) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.


E) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos centros subvencionados.


F) Enviarlle á delegación provincial correspondente antes do 31 de xaneiro do exercicio a seguinte documentación:


a) Un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o modelo establecido no anexo III.


b) Unha relación das/dos usuarias/os do centro onde se indique a seguinte información:


-Nome do pai, nai ou titor legal.

-Nome da/do neno/a.

-Cotas mensuais que aboaron.

-Meses de asistencia ao centro.

O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.


G) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.


H) As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultaren beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 9º, no prazo dun mes desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.


Artigo 16º.-Reintegro.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora xerados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes casos:


a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impedisen.


b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.


c) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.


d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.


f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.


g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.


h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.


i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. No suposto previsto no número 3º do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.


Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2008.



Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.


Terceira.-As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Cuarta.-Apróbase a delegación de competencias nas/nos delegadas/os provinciais da Igualdade e do Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf "03800D004P007.PDF"
ANEXO VII

Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro:

-Titularidade e financiamento.

-Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

-Situación xeográfica.

-Descrición breve das instalacións.

-Servizos que ofrece.

-Proxección social do centro na zona.

-Relación coas familias.

-Descrición breve dos recursos e materiais.

-Horario do centro.

a.2) Características do alumnado:

-Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

-Características das familias.

-Tipo de relacións entre o alumnado.

-Nenos e nenas con necesidades educativas especiais: como se integran, apoios con que se conta.


-Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro:

-Numero e funcións.

-Formación.

-Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

-Distribución das tarefas.

-Mecanismos de información entre o persoal.

-Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno:

-Localización.

-Características socioculturais e económicas.

-Lingua empregada.

-Servizos que nos ofrecen para os nenos e as nenas.

-Relacións que mantén a escola cos recursos do contorno.

-Relación con outros centros.

-Como se traballa cos nenos e nenas o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola:

-Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

-Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

-Liña metodolóxica.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro no ámbito:

-Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

-Administrativo.

-Organizativo.

-Institucional.

-Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos:

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Asignación de educadores aos grupos.

-Número de educadores por grupo.

-A dimensión do grupo.

-A composición do grupo.

-A titoría na escola infantil.

-A utilización dos espazos escolares

-O equipamento e os recursos didácticos.


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es