Diario Oficial de Galicia
xoves, 21 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

37


Páxina do Dog:

2.869


Data da Disposición:

8 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril, e se convocan para o ano 2008.



Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril, e se convocan para o ano 2008.

Ao abeiro do disposto no artigo 148.1º 11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúenlle á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

O xabaril mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve. As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos nosos agricultores, que sofren a voracidade e a forma de alimentarse desta especie. Por outra parte, o xabaril ten unha gran capacidade para desprazarse, polo que resulta moi difícil poder establecer a súa procedencia e o responsable último dos danos. Por iso a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para conciliar o interese pola convivencia da especie cos dos agricultores, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre a agricultura de Galicia.

Con esta liña de axudas preténdese atender un grave problema social para os agricultores, desgustados polos danos que lles causa o xabaril nos seus cultivos agrícolas.

Dada a nula estatística dos danos que a especie ocasiona no campo galego, fai falta ser prudente á hora de acometer a liña de axuda e tratar de conseguir que esta chegue a todos os que teñan dereito sen que se poidan producir desviacións indesexables.

O réxime xeral das axudas e subvencións nesta Administración pública establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal está representada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas esixencias da precitada normativa.

Nos próximos exercicios estas axudas financiaranse con cargo ás consignaciones orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para este ano o devandito importe recóllese no artigo 9º.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Ámbito, obxecto, finalidade e principios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas de carácter compensatorio a favor dos afectados polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderanse acoller a estas axudas os agricultores profesionais que sufrisen danos nos seus cultivos por causa do xabaril. Neste sentido, segundo o disposto no artigo 2.5º da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrárias, enténdese por agricultor profesional a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50% da súa renda total a obteña de actividades agrarias ou complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente directamente da actividade agraria realizada na súa explotación non sexa inferior ao 25% da súa renda total e o tempo de traballo dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa superior á metade do seu tempo de traballo total.

Tamén se poderán acoller as sociedades agrarias de transformación (SAT) e as cooperativas de explotación comunitarias de terras.

2. O expediente de axudas será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a un mesmo beneficiario antes da colleita.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.
As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas desde o 1 de outubro de 2007 ata o 30 de setembro de 2008.

Artigo 4º.-Comunicación do dano.
1. Os titulares dos cultivos afectados deberán dar coñecemento á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de sete días, á produción do dano, por calquera dos seguintes medios:

a) Mediante unha chamada ao teléfono 900 18 61 86 a través do que se lles facilitará unha clave, que servirá para acreditar a formulación da denuncia e identificala univocamente.

b) Mediante o servizo de denuncia pola internet de danos do xabaril en cultivos, que se pode atopar na páxina web https://www.xunta.es:444/caza/. O usuario deberá identificarse previamente a través do seu CIF/NIF, pasando a cubrir entón o correspondente formulario de denuncia. O proceso finalizará facilitando unha clave que servirá para acreditar a formulación da denuncia e identificala univocamente. O sistema unicamente permitirá emitir unha denuncia por CIF/NIF e día.

2. A Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dará traslado dos feitos ao titular do terreo cinexético que puidese resultar afectado.

3. Os agricultores que sufrisen algún dano durante a campaña deberán comunicar directamente á delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, cunha antelación mínima de quince días, o seu propósito de iniciar a colleita, de modo que quede constancia da data de comunicación da recollida, co fin de posibilitar que persoal desta consellería se desprace ata o lugar dos feitos para facer unha valoración final. Unha vez realizada a valoración xa se poderá proceder a iniciar a colleita. No caso de danos en pradarías artificiais con máis dun aproveitamento, as comunicacións (ata un máximo de dúas) deberanse facer coa mesma antelación ás cortas.

4. O persoal da consellería comprobará sobre o terreo a entidade dos danos e emitirá informe que remitirá ao correspondente Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes deberán formalizarse no prazo dun mes desde que se faga a comunicación de anuncio da última colleita, citada no punto 3 do artigo 4, mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo II desta orde.

Presentaranse, preferentemente, nos rexistros das delegacións provinciais desta consellería ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Aquelas solicitudes formalizadas con data posterior ao 1 de outubro de 2007, referentes a danos acaecidos entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2007, tramitaranse con cargo á convocatoria de 2008.

3. Non obstante, para os danos producidos entre o 1 de outubro e a entrada en vigor desta orde, a solicitude de axuda tramitarase a partir da entrada en vigor dela, aínda que a comunicación do inicio da colleita farase do modo indicado no artigo 4º.3 para o efecto da valoración dos danos antes da recolección.

Dado que a cobertura dos danos amparados por esta orde so é ata o 30 de setembro de 2008, os danos producidos desde o 1 de outubro de 2008 ata a entra en vigor da orde do próximo ano terán que se axustar ao procedemento establecido nos parágrafos anteriores deste artigo.

As comunicacións de danos a partir do 1 de outubro só darán dereito a axudas no caso de que se tramite a orde para os danos do xabaril do ano próximo.

4. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Só en caso de non estar inscrito no Rexistro de Explotacións Prioritarias, acreditación da condición de agricultor (neste caso, para acreditar a condición de agricultor profesional haberá que demostrar que obtén, polo menos, o 50% da súa renda total das actividades agrarias ou das complementarias sinaladas no punto 5º do artigo 2 do Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, de mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias. Así mesmo, a acreditación efectuarase mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio -ou, de ser o caso, certificación da Axencia Tributaria de non ter a obriga de declarar- do que finalizase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas, como tales por el, durante tres dos últimos cinco anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais).


b) Fotocopia do NIF/CIF do titular.
c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.

d) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

e) Cando se actúe en nome doutra persoa, deberase acreditar a representación coa que se actúa.

f) Declaración do conxunto das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

g) Declaración do título xurídico que posúe para a utilización do terreo en que se produciron os danos.

5. Dado o carácter compensatorio das axudas, non será necesario acreditar estar ao día das débedas tributarias coa Seguridade Social, e de non ter débedas coa facenda autonómica, de acordo co disposto no artigo 41.1º i) da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 6º.-Importe das axudas.
1. O importe das axudas calcularase segundo a valoración dos cultivos que se establece no anexo I desta orde. Establécese como importe máximo o de 1.200 € por ano e beneficiario para as axudas a que se refire esta orde. No caso de que os danos excedan de 1.200 €, o agricultor terá dereito á axuda máxima, é dicir, 1.200 €.

2. O importe das axudas poderá ter carácter decrecente en ocasiones futuras, cando os que foron beneficiarios delas non adopten algunhas das medidas de protección que lles fosen sinaladas segundo o anexo IV.

Artigo 7º.-Tramitación.
1. Recibidas as solicitudes nas delegacións provinciais, os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinaranas xunto coa documentación anexa.

2. Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos, indicándolle que, de non o facer, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os referidos servizos provinciais avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, os expedientes de solicitude de axudas. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

4. Examinadas as solicitudes e a documentación presentadas, e efectuada a correspondente valoración, os devanditos servizos provinciais elaborarán a oportuna proposta, que elevarán á Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

5. Na semana seguinte á recepción das propostas, a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tramitará os expedientes relativos ás devanditas propostas, ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

6. Unha vez esgotado o crédito, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria para dotar a aplicación financiadora do crédito necesario para atender as solicitudes que se produzan nun período anual dado.

Malia o anterior, as solicitudes que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.
Artigo 8º.-Resolución e recursos.
1. O director xeral de Conservación da Natureza, á vista das propostas formuladas e por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, resolverá expresa e motivadamente o que en dereito corresponda sobre a denegación ou concesión da subvención compensatoria.

2. O prazo máximo para resolver será de catro meses desde a presentación da solicitude polo interesado no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o prazo máximo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa da resolución, deberanse ter en conta os efectos previstos no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 42 desta lei.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 9º.-Crédito.
No exercicio de 2008, as axudas que se concedan con cargo a esta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541-B. 470.1, código de proxecto (2007 00 617) ata un importe máximo de cento vinte mil euros (120.000 euros).

Esta dotación inicial poderase incrementarse en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o pagamento das axudas queda condicionado á existencia de crédito orzamentario.

Artigo 10º.-Compatibilidade.
1. Estas axudas son incompatibles coas que se soliciten polos mesmos feitos en parques naturais dependentes desta Administración autonómica.

2. Así mesmo, estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivadas dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 11º.-Reintegro.
1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. Tamén procederá o reintegro do importe das axudas concedidas ao agricultor afectado polos danos do xabaril dos que obtivese compensación por parte dos titulares dos terreos cinexéticos, en aplicación do artigo 23 da vixente Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 12º.-Disposicións xerais.
1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo e, segundo o establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

5. A Dirección xeral de Conservación da Natureza ordenará, a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3º e 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a relación das axudas concedidas e denegadas, e tamén as sancións que se puidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


Disposición adicional
Única.-Delegación de funcións.
Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 8.1º, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitória
Única.-Todas as solicitudes correspondentes a danos de xabaril producidos ata o 1 de outubro de 2007, referidas á convocatoria da Orde do 9 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril e se convocan para o ano 2007, que cumprisen os requisitos establecidos nela e que non puidesen ser tramitadas por insuficencia de crédito nos orzamentos correspondentes ao ano 2007, serán atendidas con cargo aos orzamentos do ano 2008, sen necesidade de formular unha nova solicitude, agás que os beneficiarios manifesten por excrito a súa negativa á dita tramitación.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Así mesmo facúltase, o director xeral de Conservación da Natureza para que, por resolución, introduza novas especies cultivadas no anexo I a esta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2008
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf "03700D007P037.PDF"
ANEXO IV
Pastores eléctricos: deberán conter, polo menos, dous fíos, un a 25 cm do chan e outro a 50 cm, e debe ser alimentado por baterías ou corrente eléctrica de xeito que alcance un valor de intensidade do dobre que o utilizado habitualmente para o gando doméstico. As estacas deberanse colocar a unha distancia de aproximadamente 8 m; en terreo accidentado débese seguir o relevo do chan evitando pequenos buratos por onde pasen xabarís pequenos. É aconsellable eliminar ou diminuír a altura da herba no perímetro onde estará instalado, para evitar en todo caso que os fíos teñan contacto coas herbas, ramas, terra ... xa que iso provocaría a descarga rápida da batería.

Disuasión olfactiva e gustativa: repelentes químicos adecuados para xabarís. Deberanse atar trapos ou esponxas, impregnados no produto, en estacas ou paos a unha altura de aproximadamente 30 cm do chan e colocalos cada 3 ou 6 metros ao redor do campo, non esquecendo insistir nos pasos utilizados polos animais. É conveniente dar un repaso cada catro semanas e sempre despois dunha choiva torrencial. A persistencia máxima será de dous meses.

Disuasión acústica: detonadores de propano son métodos de prevención temporais. Ao final os animais silvestres pódense afacer ao son das detonacións. A este respecto, para aumentar a súa eficacia, recoméndase que os intervalos entre explosións sexan relativamente curtos e que se cambie a situación dos detonadores cada 3-4 días.

Cando o lugar onde se van instalar os detonadores estea próximo a algún núcleo de poboación, é conveniente contactar cos veciños para avisar da instalación destes aparellos e dispoñelos de forma que non lles causen molestias aos habitantes da zona.

Alimentación suplementaria: achega de alimentación suplementaria co fin de intentar manter os xabarís no interior do monte, diminuíndo a súa acción nos cultivos. O alimento deberase distribuír, unicamente fóra do período cinexético, ao longo de camiños ou pistas forestais, a razón de 15 a 30 kg de millo por km, ou ben distribuílo esparexéndoo dentro do monte. Desta forma conséguese que os animais non se concentren nos lugares de alimentación e non perdan o instinto de busca do alimento, de forma que canto máis tempo estean entretidos en buscalo, menos tempo lles queda para achegarse aos cultivos.




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es