Diario Oficial de Galicia
xoves, 21 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

37


Páxina do Dog:

2.840


Data da Disposición:

13 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 13 de febreiro dE 2008 pola que se establecen e se convocan axudas de prevención e apoio a familias en situacións carenciais graves para a preservación dos menores no seu medio.



Orde do 13 de febreiro dE 2008 pola que se establecen e se convocan axudas de prevención e apoio a familias en situacións carenciais graves para a preservación dos menores no seu medio.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais para Galicia, no seu artigo 50 prevé a posibilidade de concederlles prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, no seu artigo 1 atribúelle á devandita vicepresidencia a competencia en materia de benestar social, inclusión social e servizos comunitarios, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, prevé no seu artigo 11.3º c) a regulación de prestacións económicas ou técnicas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar, e no artigo 15 a) establece, entre outras medidas preventivas, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas económicas ou técnicas dirixidas a cubrir as súas necesidades básicas e a mellorar o medio familiar co fin de garantir o dereito a desenvolverse, sempre que sexa posible, no seo da súa propia familia.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establécense os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, o abeiro do disposto no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

No proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2008, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 18 de outubro de 2007, na aplicación orzamentaria 05.41.312B.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 1.738.705 €, contía que poderá aumentarse se se produce o correspondente incremento dos créditos nos termos que recolle o artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas individuais de prevención e apoio á familia e atención ao menor, durante o exercicio económico do ano 2008, mediante o procedemento de concorrencia competitiva, e proceder á súa convocatoria.

2. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico e profesional ás familias para garantirlles a atención adecuada aos seus fillos e favorecer a permanencia destes no seu medio, evitando os riscos de desestruturación familiar, así como facilitarlles ás unidades familiares a adquisición de habilidades de atención, coidado e educación dos menores, así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as unidades familiares con fillos menores de idade que se atopen en circunstancias de risco social e precisen de apoios económicos para satisfacer as súas necesidades básicas e evitar a desestruturación familiar.

Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada por pais e fillos menores de 18 anos ou a formada por pais e fillos menores de 18 anos e maiores de 18 con grao de minusvalidez recoñecido superior ou igual ao 33%.

No caso de unidades familiares monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Artigo 3º.-Contía das axudas.
A contía mínima e máxima da axuda está comprendida entre 100 € e 500 € mensuais por cada unidade familiar, sen que superen a contía de 150 € por fillo. A determinación da contía total da axuda que se vai conceder por unidade familiar establecerase en función das circunstancias económicas e sociais que concorran en cada caso e abranguerá o ano 2008.

En caso de que o menor cumpra ou deixe de cumprir o requisito de idade ao longo do ano 2008, a axuda concederáselle de xeito proporcional desde a data en que o cumpra e ata o 31 de decembro ou desde o 1 de xaneiro ata a data en que deixe de cumprir o requisito.

Artigo 4º.-Requisitos.
Serán requisitos necesarios para a concesión das axudas:
a) Cumprir cos requisitos que se establecen no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario.

b) Residir e estar empadroado na Comunidade Autónoma galega polo menos con 6 meses de antelación á data da publicación da convocatoria.

c) Que os menores teñan entre 3 e 18 anos de idade cumpridos durante o ano 2008.
d) Que a unidade familiar non teña recibido a axuda á integración familiar nos últimos tres anos de xeito consecutivo.

e) Que a renda per capita da unidade familiar no ano en que se perciba a axuda non exceda a metade da cantidade establecida como salario mínimo interprofesional para o ano 2008, en cómputo anual.

f) Que a familia poida evolucionar cara á súa plena autonomía e integración social, sendo estas axudas un apoio temporal.

g) Que a situación do núcleo familiar non permita a cobertura de todas as necesidades básicas do menor no relativo á alimentación, hixiene, vestiario, atención médica, escolarización regularizada e coidados de carácter integral.

h) Que a unidade familiar teña aberto, polo menos con 6 meses de antelación á data de publicación desta orde, un expediente polos servizos sociais de atención primaria ou especializados, por posible situación de risco ou con declaración de existencia da mesma do menor ou menores.

i) Que a unidade familiar cumpra co plan de traballo que estableza o servizo de atención primaria ou especializada.

j) No caso de que se lle concedese esta axuda no ano 2007, que a unidade familiar teña cumprido co plan de traballo que establecese o servizo de atención primaria ou especializado e mellorase a situación de risco.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes formularanse mediante instancia subscrita polo representante da unidade familiar segundo o modelo oficial (anexo I).

Cada solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia e traballo do solicitante e do resto dos membros da unidade familiar obrigados a obtelo.

b) Fotocopia do libro de familia ou documentación equivalente e demostrativa da filiación e da unidade familiar.

c) Certificación bancaria do número de conta do cal sexa titular o solicitante.
d) Certificado de vida laboral de todos os integrantes da unidade familiar en idade laboral.

e) Xustificación de ingresos: última nómina de todos os membros da unidade familiar que perciban haberes; certificación positiva ou negativa de percepción da prestación económica do Inem; xustificación doutros ingresos familiares, se é o caso. Xuntarase unha declaración xurada de ingresos de acordo co modelo contido no anexo II.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas polo mesmo concepto por las distintas administracións públicas competentes.

g) Informe médico emitido polo sistema público de saúde que acredite a enfermidade crónica grave, de ser o caso; e certificado de minusvalidez só no caso en que non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Compromiso escrito por parte do solicitante (anexo III) de:
-Aplicar as axudas á finalidade para a cal sexan concedidas.
-Contribuír á normalización e integración social do núcleo familiar.
-Atender correctamente á educación dos menores ao seu cargo.
-Acadar canto antes a plena autonomía familiar.
-Cumprir cos obxectivos marcados no plan de traballo familiar elaborado polos servizos sociais de atención primaria ou especializada.

-Comunicarlle, nun prazo non superior a 15 días, ao órgano competente que tramitou a solicitude calquera modificación que afecte as características deste tipo de axudas.

i) Certificado de empadroamento onde conste a convivencia da familia na mesma residencia.

j) No caso de que se lle concedese esta axuda no ano 2007, informe anual onde conste que cumpriu os obxectivos do plan de traballo de intervención educativa na familia.

2. Deberá xuntarse á documentación achegada polos solicitantes informe social dos servizos sociais do concello de residencia da unidade familiar ou do servizo especializado que tramite o expediente por posible situación de risco o con declaración de existencia da mesma do menor, no que conste, polo menos:


-Que a unidade familiar ten aberto un expediente de situación de risco social con 6 meses de anterioridade á data de publicación desta orde.

-Obxectivos do plan de traballo de intervención educativa na familia.
-Cales son as necesidades básicas que se precisa cubrir coa axuda.
3. O informe valorará e verificará os datos presentados, e proporá as medidas que se van tomar especificando o tipo de seguimento das axudas, tanto para garantir a súa correcta aplicación como para procurar aos seus perceptores un apoio periódico que lles posibilite acadar a súa autonomía.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.
1. A solicitude e a documentación requirida presentaranse na delegación provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar correspondente ao domicilio do solicitante ou ben nos concellos que teñan subscrito o convenio oportuno, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 7º.-Tramitación.
1. As unidades administrativas das delegacións provinciais comprobarán as solicitudes, requirindo ao interesado por escrito a emenda dos defectos que houber, con indicación de que, se así non o fixer no prazo de 10 días, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A presentación da solicitude de axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, para demostrar o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos nesta orde para a concesión da axuda.

3. Revisada a documentación e completada, se é o caso, remitirase á comisión provincial de valoración, que terá a función de propoñer a concesión ou denegación das axudas, de acordo cos criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición da comisión provincial de valoración será a seguinte:
-Presidente: o xefe do Servizo de Persoas Maiores, Persoas con Discapacidade e Menores da delegación provincial. Nos casos de ausencia ou enfermidade deste/a será substituído/a por un funcionario do servizo designado/a polo/a delegado/a provincial.

-Vogais: o delegado provincial designará dous funcionarios, un dos cales actuará como secretario da comisión. Así mesmo, participará un representante da Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto.

A comisión provincial de valoración reunirase nun máximo de tres sesións, nas cales decidirá sobre as solicitudes presentadas tendo en conta o conxunto delas para a súa valoración.

5. Todos os actos de trámite efectuados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ao ditarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos aqueles actos. Para estes efectos, poderase solicitar dos interesados declaración xurada demostrativa.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.
Cando o número de solicitudes con dereito á axudas exceda o crédito orzamentario destinado para tal fin, a comisión provincial de valoración determinará o límite superior de ingresos para os candidatos ás axudas, en función do número de solicitudes recibidas, e aplicará os seguintes criterios de valoración:

I. Duración da axuda.
Non ter recibido a axuda: 6 puntos.
Tela recibido no último ano: 4 puntos.
Tela recibido nos últimos dous anos: 2 puntos.
II. Número de fillos.
Cada fillo maior de tres anos e menor de dezaoito: 3 puntos.
-Cada fillo menor de tres anos: 1 punto.
III. Renda per capita mensual.
De 0 a 500 €: 5 puntos.
De 500,01 a 1.000 €: 4 puntos.
De 1.000,01 a 1.500 €: 3 puntos.
De 1.500,01 a 2.000 €: 2 puntos.
De 2.000,01 ao límite de renda: 1 punto.
IV. Factores especiais.
Cada membro da unidade familiar discapacitado cun grao de minusvalidez recoñecido superior ou igual ao 33% ou enfermidade crónica grave: 2 puntos.

En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per capita máis baixa.

Artigo 9º.-Resolución.
1. A concesión das axudas, unha vez fiscalizadas pola Intervención, corresponderalles, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, aos delegados provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar segundo o disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que, consonte o establecido no artigo 23.4º da mesma lei, deberán resolver e notificar no prazo máximo de nove meses. O prazo computarase a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexítima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención, segundo o previsto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

3. Os delegados, igualmente por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, poderán modificar, suspender ou revogar as axudas concedidas, logo do informe proposta da comisión provincial de valoración, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

4. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión ou revogación das axudas ditadas notificaránselles aos interesados e terán que ser motivadas.

5. A resolución esgota a vía administrativa, e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva o recurso de reposición.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.
A contía da axuda concedida aboaráselles aos solicitantes en pagamentos por mensualidades vencidas, incluíndose no primeiro pagamento as mensualidades vencidas desde o primeiro día do ano ou aquel desde que teñan dereito a súa percepción e ata a data da resolución de concesión.

Antes do derradeiro pagamento, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

No prazo máximo de 15 días, contados desde a finalización do período de percepción da axuda, o solicitante presentará unha declaración xurada na cal xustifique a axuda e que os fondos percibidos foron utilizados para os fins propostos.

Artigo 11º.-Seguimento.
O seguimento das axudas será realizada polos servizos sociais municipais ou polos servizos de menores da delegación correspondente ao domicilio da unidade familiar, e consistirá en:

a) Avaliación e control da súa aplicación, exixíndose un mínimo dun informe anual que se presentará antes do remate do ano, sobre a situación das familias beneficiarias e o grao de consecución dos obxectivos marcados.

b) Apoio e orientación ás familias para acadaren canto antes a súa plena autonomía.

c) Posta en coñecemento da comisión provincial de valoración das circunstancias que poidan motivar a modificación ou reintegro das axudas concedidas.

Artigo 12º.-Alteración.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 13º.-Reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de mora producidos desde o momento do seu pagamento nos casos establecidos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007.

Para os efectos do parágrafo anterior, entenderase como causa de reintegro ou incumprimento dalgún dos compromisos subscritos polo solicitante (anexo III) ou dos requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.


Artigo 14º
Os receptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Así mesmo, quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, tendo en conta, asemade, o disposto no punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no punto 6 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, en relación coa exención da obrigatoriedade da publicación.

Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para estes fins.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas estarán sometidos ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais; o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Secretaria Xeral do Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2008.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf "03700D001P008.PDF"



[Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es