Diario Oficial de Galicia
luns, 11 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

29


Páxina do Dog:

2.277


Data da Disposición:

31 de xaneiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 31 de xaneiro de 2008 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2008 as axudas á silvicultura en bosques no medio rural.



Orde do 31 de xaneiro de 2008 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2008 as axudas á silvicultura en bosques no medio rural.

O Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, de 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no seu artigo 27 establece o aumento do valor económico dos bosques.

O Real decreto 2128/2004, do 29 de outubro, polo que se regula o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, establece as normas de aplicación do devandito sistema e a súa utilización como instrumento de xestión no marco do sistema integrado de xestión e control e resto de réximes de axuda relacionados coa superficie da política agrícola común. Así mesmo, a Orde do 24 de xaneiro de 2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro) da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural establece o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas en Galicia.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10º do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 175/2007, do 13 de setembro (DOG nº 186, do 25 de setembro), polo que se modifica o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes:

a) Mellorar silvicolamente as masas forestais existentes con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras.

b) O aumento da superficie forestal arborada.
c) A diminución do risco de incendios forestais mediante a valorización dos terreos forestais.

d) Obter montes arborizados con producións elevadas e de calidade que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios.

e) Promocionar a silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ten por obxecto a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lles corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1.1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a silvicultura en bosques no medio rural e proceder á súa convocatoria para o ano 2008 en réxime de concorrencia competitiva.

1.2. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

-Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

-Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
-Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50% do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das axudas expostas nesta orde, os propietarios particulares, as agrupacións dos ditos propietarios, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas con personalidade xurídica e as comunidades de montes veciñais en man común.

Non poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas que non sexan propietarios dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

Artigo 3º.-Actuacións obxecto de axuda e importes.
Os importes de subvención corresponderanse, como máximo, co 60% do valor máximo de investimento no caso de traballos silvícolas en zonas desfavorecidas (ver anexo VI) e co 50% do valor máximo de investimento no resto dos casos.

Importes de investimento por actuación:
1º punto. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm:

1.1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm acadando unha densidade final máxima de 1.600 pés/ha: 1.020 €/ha.

1.2. Trituración dos restos, picado ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 678 €/ha.

Non se poderá solicitar o triturado dos restos, o picado, nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa, no caso que o rareo se realice de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.

2º punto. Rozas previas ás podas, e podas en masas de coníferas:
2.1. Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas: 484 €/ha.
2.2. Podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m, con diámetro normal medio comprendido entre 12 e 16 cm e cunha densidade máxima de 1.600 pés/ha: 632 €/ha.

2.3. Podas altas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 4 m e máxima de 6 m cunha densidade final máxima de 1.000 pés/ha, podándose como mínimo 400 pés/ha homoxeneamente distribuídos, sempre e cando se xustifique debidamente no proxecto que estes pés son para a corta final con destino á serra: 790 €/ha.

2.4. Trituración dos restos de poda, picado ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 678 €/ha.

Dentro deste punto, terá que solicitarse obrigatoriamente a poda (2.2 ou 2.3) podéndose solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas (2.1). Non se solicitará na mesma superficie a poda ata 2 m (2.2) e a poda de 4 a 6 m (2.3).

3º punto. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa comprendido entre os 10 e os 20 cm. (Consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha):

3.1. Rozas: 691 €/ha.
3.2. Formación de guías nas cales se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 505 €/ha.

3.3. Selección de abrochos: 691 €/ha.
3.4. Rareos: 830 €/ha.
Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212 €/ha.

4º punto. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:

4.1. Rozas: 691 €/ha.
4.2. Podas: 658 €/ha.
4.3. Tratamento fitosanitario: 120 €/ha.
4.4. Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro híbrido resistente á tinta: 195 €/ha.

Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544 €/ha.

5º punto. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade para serra ou chapa, en quenda de 25-30 anos.

5.1. Poda en plantacións de eucalipto, cunha altura media de 8 metros e unha densidade máxima de 1.600 pés/ha, podarase un mínimo de 450 pés /ha e un máximo de 600 pés/ha, homoxeneamente distribuídos e mellor conformados, e ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros, non superando o diámetro das pólas podadas os 3 cm 790 €/ha.

5.2. Rareo e extracción ou eliminación de restos en plantacións de eucalipto, cunha altura media de 8 metros e unha densidade máxima de 1.600 pés/ha, de todos os pés non podados (5.1) o ano anterior: 622 €/ha.

5.3. Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos, en terreos nos cales nos últimos 5 anos se realizou unha corta total da masa e a altura media dos abrochos existentes non supera os 8 metros, ata acadar unha densidade final mínima de 600 abrochos/ha e máxima de 816 abrochos/ha, homoxeneamente distribuídos e mellor conformados, deixando un só abrocho por cepa: 691 €/ha.

5.4. Poda de abrochos de eucalipto, ao ano seguinte ao de realizarse unha selección de abrochos (5.3), deberase podar a totalidade dos abrochos existentes ata unha altura mínima de 2,5 metros e máxima de 4 metros: 790 €/ha.

No caso de solicitarse axuda para o punto 5.1 é obrigatorio solicitar o punto 5.2 para a mesma superficie. Non se pode solicitar o punto 5.2 unicamente.

No caso de solicitarse axuda para o punto 5.3 é obrigatorio solicitar o punto 5.4 para a mesma superficie. Non se pode solicitar o punto 5.4 unicamente.


As actuacións indicadas nos puntos 1º, 2º, 3º, 4º e 5º deste artigo non poderán solicitarse sobre unha mesma superficie.

Subvencionaranse os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo V de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.

Non se poderán solicitar as mesmas actuacións sobre superficies xa subvencionadas nas convocatorias de axudas dos anos 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2006 e 2007.

O IVE non é subvencionable.
Artigo 4º.- Condicións técnicas dos investimentos.
1. Todos os documentos descritivos das actuacións teñen que incluír como cartografía planos sobre mapas oficiais, preferentemente a escala 1:5.000, ou no seu defecto escala 1:10.000. No caso de CMVMC deberase presentar a maiores planos a escala 1:25.000. En caso de agrupacións, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie coa que participa cada membro da agrupación.

Nos planos presentados debería reflectirse indubidablemente onde se localizan os distintos tratamentos que se efectuarán na mesma parcela.

2. No caso de que os traballos solicitados no documento descritivo das actuacións se deban someter a avaliación de impacto ambiental, segundo o disposto na lexislación vixente, o solicitante deberá iniciar os trámites para a declaración de impacto ambiental.

3. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago e solicitaráselle de forma interna antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se na superficie de actuación existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e solicitaráselle de forma interna antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000 e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe do Servizo de Conservación da Natureza, en caso de que o dito informe sexa desfavorable non se admitirá a trámite a solicitude de axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente en materia de ambiente. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats prioritarios.

6. Xunto coa solicitude de axuda presentarase un documento descritivo das actuacións que se levarán a cabo; cando a axuda solicitada sexa aprobada, presentarase un proxecto, cos mesmos datos que o documento descritivo, asinada polo enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal e visado polo correspondente colexio oficial; no caso de enxeñeiro técnico forestal deberá estar visado no colexio da Comunidade Autónoma de Galicia e, en todo caso nomearase un director de obra, excepto no caso de propietarios particulares de xeito individual cunha superficie de actuación inferior ás 10 hectáreas que, xunto coa solicitude de axuda, poderán presentar o anexo IX. Non será necesaria a presentación, cando a axuda sexa aprobada, nin do proxecto visado, nin o nomeamento do director de obra.

O documento descritivo das actuacións deberá conter como mínimo o seguinte:
-Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremas, accesos...

-Descrición das actuacións que se levarán a cabo.
-Especies, densidade final, quenda da especie, ....
-Cartografía: planos sobre mapas oficiais e ficha SIXPAC.
-Indicación de se os terreos se atopan en Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

-Orzamento.
A planimetría do proxecto visado, que se presentará no caso de aprobarse a solicitude de axuda, presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum de traballo, en ficheiro DXF (nun CD), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF deberá estar estruturado da seguinte maneira:

Ver referencia pdf "02900D004P049.PDF"
7. Nos terreos obxecto de subvención, unha vez aprobada a axuda, colocarase en lugar visible desde o acceso, como mínimo, un cartel identificativo, segundo o modelo indicado no anexo X. No caso de propietarios particulares de xeito individual, cunha superficie de actuación inferior ás 10 hectáreas non é necesaria a colocación do cartel.

8. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse en todo caso o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.

9. Poderanse tramitar peticións de axuda co obxecto de realizar traballos forestais en montes que teñan subscrito un convenio ou consorcio coa Xunta de Galicia, logo de informe de viabilidade do Servizo Provincial de Montes e Industrias Forestais correspondente. No caso de montes consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse axuda naquela superficie non consorciada.

10. En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución, soamente serán aprobables as axudas solicitadas en terreos nos cales o acordo de concentración parcelaria sexa firme. Non obstante, poderán aprobarse as axudas nos casos en que non sendo firme o acordo, transcorresen seis meses desde a toma de posesión dos predios de substitución, logo de informe favorable do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias.

11. Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas axudas.

12. No caso de existir valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.

13. Os restos que se obteñan como consecuencia da realización dos coidados culturais do voo, con diámetro en punta grosa superior a 6 cm, serán triturados in situ, picados a menos de 50 cm de lonxitude e con distribución homoxénea ou ben extraídos do predio obxecto de axuda para o seu aproveitamento como biomasa. Deberase xustificar documentalmente este aproveitamento xunto coa notificación de remate dos traballos.

14. As rozas previas ás podas en masas de coníferas (2.1) soamente poderán solicitarse naqueles terreos onde a altura do mato impida a realización da poda. En ningún caso a altura das podas (2.2 e 2.3) poderá superar a metade da altura da arbore.

A poda alta (2.3) soamente poderá solicitarse en masas destinadas a obter madeira de serra de calidade, xustificándose debidamente na memoria descritiva.

15. A ferramenta que se empregará nos traballos de rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros deberá estar desinfectada ou esterilizada, cando se cambie de pé, para evitar a propagación de enfermidades ou pragas.

16. Nas superficies de actuación os beneficiarios comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable.

17. Os montes con superficies superiores a 250 hectáreas deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión en que se recolla a realización dos traballos solicitados ao abeiro desta orde.

18. No caso de tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxecto de obter madeira de calidade, tanto nas podas, como na selección de abrochos teñen que estar homoxeneamente distribuídos e actuar ou respectar os pés mellor conformados; a altura media non superará os 8 metros. Sempre haberá que eliminar ou extraer os restos dos tratamentos.

19. A planta empregada deberá cumprir o Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e supletoriamente os requisitos de procedencia e calidade exterior exixidos polo Real decreto 289/2003 e sanitarios, regulados polo Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro.

Artigo 5º.-Distribución do crédito e prioridades.
A) Distribución do crédito.
1. Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 14º, segundo o tipo de beneficiario:

-Propietarios particulares de xeito individual: 20%.
-Agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas: 40%.

-CMVMC con superficie total clasificada inferior ou igual a 25 hectáreas: 20%.
-CMVMC con superficie total clasificada superior a 25 hectáreas: 20%.
2. Dentro de cada tipo de beneficiario, segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

1. Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm: 1.200.000 €.

2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas: 1.800.000 €.
3. Tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior a 16 cm: 1.500.000 €.


4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros: 600.000 €.
5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, en quenda de 25-30 anos: 900.000 €.

B) Prioridades.
Dentro de cada un dos puntos anteriores establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación:

1. Segundo o tipo de traballo solicitado:
Punto nº 1. Rareos en masas de coníferas:
-Masa principal de Pinus pinaster ou Pinus sylvestris: 1 punto por hectárea.
-Masa principal de Pinus radiata: 0,5 puntos/hectárea.
-Masa principal doutras especies: 0,25 puntos/hectárea.
Punto nº 2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas:
2.1. Rozas previas á realización de podas: 0 puntos/hectárea.
2.2. Podas ata 2 m: 1 punto por hectárea.
2.3. Podas de entre 4 e 6 m: 3 punto por hectárea.
Punto nº 3. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masas comprendido entre os 10 e os 20 cm (consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha):

3.1. Rozas: 1 punto por hectárea.
3.2. Formación de guías nas cales se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 2 puntos por hectárea.

3.3. Selección de abrochos: 2 puntos por hectárea.
3.4. Rareos: 1 punto por hectárea.
Punto nº 4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros:
4.1. Rozas: 2 punto por hectárea.
4.2. Podas: 4 puntos por hectárea.
4.3. Tratamento fitosanitario: 1 puntos por hectárea.
4.4. Aumento da densidade dos soutos: 3 puntos por hectárea.
Punto nº 5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, en quenda de 25-30 anos: 1 punto por hectárea de actuación.

2. No caso de montes veciñais en man común que invistan o 15% ou máis dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais (2004, 2005 e 2006) en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior dos tres puntos seguintes:

Investimentos dun 15% a un 30% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 10 puntos.

Investimentos de máis dun 30% a un 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 15 puntos.

Investimentos de máis dun 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 20 puntos.

3. No caso de montes veciñais en man común que investisen nos últimos tres exercicios fiscais (2004, 2005 e 2006) un mínimo do 15% dos seus ingresos noutros investimentos, que non sexan no monte pero que vaian dedicados aos veciños ou teñan un fin social: 5 puntos.

4. No caso de montes veciñais en man común sen ingresos nos últimos tres exercicios fiscais (2004, 2005 e 2006): 10 puntos.

5. No caso de agrupacións de propietarios, pro indivisos ou comunidade de bens: 5 puntos por propietario agrupado.

6. No caso dunha agrupación de propietarios legalmente constituída: 10 puntos.
7. Zona concentración parcelaria de uso forestal: 3 puntos.
8. Agrupación de propietarios en zona concentración parcelaria de uso forestal: 10 puntos.

9. Monte con instrumento de xestión rexistrado: 10 puntos, (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes).

10. Monte veciñal en man común sen convenio ou consorcio: 5 puntos.
11. Parte ou a totalidade da superficie de actuación dentro das redes secundarias de faixas de xestión da biomasa, segundo o artigo 21 punto 1B da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia: 15 puntos.

De persistir o empate de maior a menor valor das catro últimas cifras do DNI ou CIF do titular dos terreos.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado nos distintos puntos, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para lles facer fronte aos expedientes solicitados.

Artigo 6º.-Superficies forestais mínimas e máximas para solicitar axudas.
A) Superficie mínima.
1.1. Para montes veciñais en man común, con superficie total clasificada inferior ou igual a 25 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun couto redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

1.2. Para montes veciñais en man común con superficie total clasificada superior a 25 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 10 hectáreas nun couto redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

2. Para agrupacións de propietarios particulares, as entidades locais, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas nun couto redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

3. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea nun couto redondo, non admitíndose máis dun couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

B) Superficie máxima.
1. Para agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, as entidades locais, comunidades de bens e outras persoas xurídicas: a superficie máxima de actuación por solicitude será de 25 hectáreas nun só couto redondo.

2. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación máxima por solicitude será de 15 hectáreas nun só couto redondo.

3. Para comunidades de montes veciñais en man común: a superficie de actuación máxima por solicitude será de 50 hectáreas, admitíndose máis dun couto redondo sempre e cando cada un deles supere a superficie mínima de 3 hectáreas para comunidades de montes veciñais en man común con superficie total clasificada inferior ou igual a 25 hectáreas e de 10 hectáreas para comunidades de montes veciñais en man común con superficie total clasificada superior a 25 hectáreas.

C) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as axudas solicitadas en terreos en que o acordo de concentración sexa firme. Non obstante, poderán aprobarse as axudas nos casos en que, non sendo firme o acordo, transcorresen seis meses desde a toma de posesión dos predios de substitución, logo de informe favorable do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias.

D) Os terreos cun proceso de expropiación iniciado non se poderán beneficiar destas axudas na parte afectada.

E) Os montes consorciados coa Administración non poden solicitar as axudas, dentro da superficie consorciada, aínda que aqueles montes para os cales se solicitase a rescisión do consorcio ou o paso a convenio con anterioridade á publicación desta orde, si que poderán ser obxecto de axuda. Os montes que teñan un convenio ou solicitasen o paso a convenio coa Xunta de Galicia, antes de propoñerse a aprobación da axuda deberan ter un informe do Servizo Provincial de Montes e Industrias Forestais correspondente.

F) Farase constar nas memorias descritivas das actuacións se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000 e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe ao Servizo de Conservación da Natureza, en caso de que o dito informe sexa desfavorable non se admitirá a trámite a solicitude de axuda. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats prioritarios.

Artigo 7º.-Compromisos.
Os beneficiarios das axudas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.

1. Compromisos de mantemento e conservación:
O titular comprométese a manter a masa conforme as condicións de comprobación e a conservar a masa durante cinco anos, contados a partir da data da comprobación final e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais, se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante. No caso de tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, o compromiso de mantemento e conservación da masa é dun mínimo de 25 anos.

-No caso de agrupacións de propietarios:
A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario membro da agrupación.

Os integrantes da agrupación comprométense a levar unha xestión conxunta da masa durante cinco anos, contados a partir da data da comprobación final.

2. Se, unha vez efectuada a solicitude e antes da aprobación, o terreo fose obxecto dun incendio forestal ou queima do mato, o beneficiario deberá comunicarllo inmediatamente por escrito ao Servizo de Montes e Industrias Forestais, con obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.


3. No caso de abandono ou destrución da masa por calquera causa, agás forza maior allea ao beneficiario, suspenderanse todas as axudas pendentes, ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar, no prazo máximo dun mes, os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da masa.

4. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias relacionadas coa orde.

5. Nos montes conveniados ou consorciados que formen parte do Sistema de Xestión Forestal Sustentable da Xunta de Galicia os beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable, que forma parte do Sistema de Xestión Forestal Sustentable da Xunta de Galicia.

6. No caso de agrupacións de propietarios, pro indivisos, cooperativas agrícolas, comunidades de bens e comunidades de montes veciñais en man común, os membros da agrupación, os copropietarios, os membros da comunidade de bens, cooperativa ou os comuneiros, e cando menos os seus representantes, comprométense a solicitar un curso de formación en silvicultura.

7. En todos os casos, e para calquera tipo de titular excepto no caso de propietarios particulares de xeito individual que executaron os traballos polos seus propios medios, o persoal que executou os traballos deberá estar dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social; poderase solicitar en calquera momento que se cumpre o dito requisito.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes das axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto, segundo consta no anexo I adxunto, facilitados polos órganos periféricos e centrais da Consellería do Medio Rural. Estas solicitudes presentaranse nas súas oficinas, nas súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural.

2. Os impresos de solicitude, total e correctamente cubertos, deberán ir necesariamente acompañados da documentación abaixo relacionada.

2.1. En xeral:
a) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF do beneficiario.
b) Documento descritivo das actuacións ou anexo IX no caso de propietarios particulares con superficie de actuación inferior a 10 hectáreas.

c) Declaración do beneficiario da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes públicos. Anexo II.

d) Ficha SIXPAC das parcelas obxecto de solicitude de axuda e anexo II debidamente cuberto especificando os traballos que se van executar.

2.2. Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común:

-No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada ou baixo a súa responsabilidade do titular da propiedade. Na dita declaración faranse constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos predios, superficie e lindeiros obxecto dos traballos e a súa localización ou anexo II. No suposto de que o terreo sexa propiedade de varios copropietarios (pro indiviso), ademais presentarase documento privado en que se acredite o consentimento de todos os condóminos, a designación dun solicitante-representante, que todos os condóminos asumen todos os compromisos e obrigas desta orde e un documento en que conste a porcentaxe coa que participa cada condómino na solicitude de axuda. No caso de concentracións parcelarias sen títulos, presentarase un certificado do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias e no caso de non dispor do dito certificado presentarase unha declaración xurada de propiedade e unha fotocopia da solicitude do dito certificado.

2.3. Para comunidades de montes veciñais en man común:
-Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da solicitude.

2.4. Documentación complementaria.
1. Para agrupacións de propietarios particulares:
-Anexo III desta orde debidamente cuberto.
-Anexo II desta orde debidamente cuberto, no cal deberán constar os traballos solicitados por cada un dos membros da agrupación, así como o número de unidades de obra e o orzamento. Este anexo non é necesario cubrilo de xeito individual, no caso de agrupacións legalmente constituídas.

-No caso de agrupacións legalmente constituídas: CIF e documento acreditativo da súa constitución, onde consten as persoas que forman parte da devandita agrupación.

2. No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.
3. No caso de comunidades de bens: documentación acreditativa, nomeamento dun representante e compromiso de todos os membros da comunidade de bens de aceptar todos os compromisos e obrigas desta orde.

4. No caso das entidades locais: certificado do secretario municipal conforme se informou a comisión de goberno da solicitude de axuda

5. No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.

2.5. Documentación adicional.
1. Montes veciñais en man común que invistan como mínimo o 15 % dos seus ingresos en melloras do monte ou noutros investimentos que vaian dedicados aos veciños, teñan un fin social nos últimos tres exercicios fiscais (2004, 2005 e 2006) ou non teñan ingresos: anexo IV debidamente cuberto.

2. No caso de agrupacións de propietarios, pro indivisos, cooperativas agrícolas, comunidades de bens e comunidades de montes veciñais en man común, os membros da agrupación, os copropietarios, os membros da comunidade de bens, cooperativa ou os comuneiros, e cando menos os seus representantes, anexo VII conforme solicitaron un curso de formación en silvicultura.

3. No caso de montes con superficies superiores a 250 hectáreas presentarase un documento xustificativo de contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión no que se recolla a realización dos traballos solicitados.

4. No caso de solicitar tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade, para serra ou chapa, anexo VIII debidamente cuberto.

Artigo 9º.-Prazos.
1. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Soamente poderá presentarse unha solicitude por titular e ano para os terreos que se atopen nun mesmo concello, excepto no caso de que un titular teña terreos en dúas puis agrupacións forestais. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberá empregarse un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

3. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non se poderán iniciar antes da aprobación da axuda.

Artigo 10º.-Tramitación.
1. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e no caso de que conteña defectos ou omisións, seralle requirida ao solicitante e emenda, outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, con indicación de que se así non o fixese teráselle por desistido da súa petición e arquivarase o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

2. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Os servizos provinciais de Montes e Industrias Forestais proporanlle á Dirección Xeral Montes e Industrias Forestais como órgano xestor, a aprobación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde; a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 5º e emitirá un informe ao director xeral de Montes e Industrias Forestais que formulará proposta de resolución de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ao conselleiro do Medio Rural. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

3. A Consellería do Medio Rural comunicará no prazo máximo de nove meses, que se poderá ampliar segundo o indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, a aprobación e a contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude.

4. No caso de non recaer resolución expresa nun prazo de nove meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Estas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes dentro do prazo de 10 días seguintes á toma do acordo.


Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

As solicitudes non aprobadas por falta de orzamento poderán considerarse nas convocatorias de axudas futuras, en iguais condicións que o resto de solicitudes, por petición dos seus titulares.

Artigo 11º.-Execución e xustificación.
1. Na resolución indicarase o prazo para a execución dos traballos, que con carácter xeral non será inferior a dous meses.

2. Nun prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución de aprobación deberase presentar o correspondente proxecto e o nomeamento do director de obra segundo o indicado no artigo 4º desta orde.

En cumprimento do disposto no artigo 29 punto 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dentro do devandito prazo dun mes, cando o importe do investimento supere os 30.000 euros o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e presentar as xunto co proxecto. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

3. Dous funcionarios da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección no campo, para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase realizar antes da resolución de aprobación.

4. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos, supere en máis dun 3 % o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda para percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Poderán admitirse certificacións parciais, por petición por escrito do solicitante, para importes de certificación superiores a 12.020,24 €.

5. As prórrogas serán solicitadas motivadamente e cun mes de antelación ao remate do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de seis meses e serán propostas polos servizos de Montes e Industrias Forestais, ao director xeral de Montes e Industrias Forestais, quen elevará proposta ao conselleiro do Medio Rural que resolverá.

6. Xunto coa notificación de remate dos traballos achegarase a seguinte documentación:

-Facturas polo importe total do investimento, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso de que o beneficiario realice os traballos polos seus propios medios, deberá presentar un documento xustificativo de que realizou os traballos polos seus propios medios (horas de traballo /superficie, custo hora...), de posuír a maquinaria empregada na realización dos traballos e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento.

-Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de propietarios particulares de forma individual con superficie inferior a 10 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.

-Certificación bancaria a nome do titular do terreo; no caso de agrupacións nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto agrupacións legalmente constituídas. Nas agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da agrupación.

-Declaración doutras axudas solicitadas ou percibidas para os mesmos fins.
Artigo 12º.-Revogacións.
1. A axuda poderá revogarse, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

a) Execución de menos do 80% das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

b) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente, ou se é o caso, da prórroga concedida.

c) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

d) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

e) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

f) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

g) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.
h) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

i) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006.

j) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

k) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

l) Non presentar nun prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución de aprobación, o proxecto visado e o nomeamento do director de obra segundo o especificado no artigo 4º.

m) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde e na Lei 9/2007.

n) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recupéranse todos os importes que fosen aboados polo devandito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

2. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coaorde establecida.

3. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

Artigo 13º.-Controis.
1) A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2) O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias de control comunitarias.

3) Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, de condicionalidade, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 14º.-Financiamento.
As accións previstas nesta orde financiaranse, no exercicio do ano 2008 e 2009, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

-Ano 2008: 1.000.000 €.

1. Con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.713.B.770.0.
-Ano 2009: 5.000.000 €.
1. Con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.713.B.770.0.
Estes importes poderán ser incrementados con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. No suposto de procederse á devandita ampliación, terase en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Alteración de condicións.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Obrigas.
1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Deporte de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago seranlles comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Deporte, co obxecto de contar coa súa autorización previa de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

Artigo 18º.-Medidas informativas e publicitarias.
Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento(CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000€, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa na cal figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais.

Artigo 19º.-Comprobacións.
1. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable á petición.

3. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, como órgano xestor, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de axuda comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, nas agrupacións de propietarios todos os membros cumprirán as devanditas obrigas. No caso de concesión da axuda, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento.

Disposicións adicionais
Primeira.-As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outro réxime de axuda comunitaria.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira:-A concesión e pagamento das axudas quedarán condicionados en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Marco Nacional de Desenvolvemento Rural e do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar todas as disposicións complementarias co obxecto de executar esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compsotela, 31 de xaneiro de 2008.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "02900D004P049.PDF"
Ver referencia pdf "02900D005P066.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es