Diario Oficial de Galicia
martes, 26 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

40


Páxina do Dog:

3.234


Data da Disposición:

20 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 20 de febreiro de 2008 pola que se establece o prazo para a presentación de solicitudes de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura para o exercicio 2008 e se particulariza o seu importe global máximo.



Orde do 20 de febreiro de 2008 pola que se establece o prazo para a presentación de solicitudes de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura para o exercicio 2008 e se particulariza o seu importe global máximo.

Aínda que o Programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.


A existencia de remanentes nesta medida no exercicio actual permite unha nova convocatoria coa cal se pretende optimizar estes fondos, sempre que isto sexa posible tendo en conta a escasa marxe de tempo para a execución dos investimentos correspondentes. O propio carácter do remanente dos fondos non permite a asunción dun compromiso plurianual, polo que, en calquera caso, os investimentos que poidan ser suxeitos de axuda deberán estar rematados e xustificados antes do 1 de novembro de 2008.


Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas ao abeiro da Orde do 26 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura (DOG nº 150, do 3 de agosto), modificada polas ordes do 1 de decembro de 2000, do 26 de novembro de 2002, do 3 de xaneiro de 2006, do 22 de novembro de 2006, do 22 de xuño de 2007 e do 10 de xullo de 2007.


Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.723A.772.0, na cal existe crédito adecuado e suficiente ata un importe máximo de 14.936.363,62 euros; que queda reservado para os efectos desta orde.


Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.


As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.


Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de criadeiros ou granxas mariñas, establecementos de cultivos mariños en zona marítima, parques de cultivo mariño e establecementos en augas continentais inscritos no rexistro de centros de acuicultura, de conformidade co disposto na orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 25 de outubro de 1999, que realicen investimentos materiais neste tipo de instalacións, quedando incluídos tamén os investimentos realizados nos buques de servizos.


Os establecementos deberán estar instalados na Comunidade Autónoma de Galicia e estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou, se for o caso, terán que ter tramitada a correspondente solicitude e así o acreditarán no prazo de presentación de solicitudes. En calquera caso, para poder acceder ás axudas reguladas por esta orde será indispensable estar en posesión deses permisos con anterioridade á data de finalización do prazo de resolución da axuda.


Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 5º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e agás que a resolución individual da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro de 2008.


Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.


Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


Terceira.-En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.


Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2008.

María Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es