Diario Oficial de Galicia
venres, 22 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

38


Páxina do Dog:

3.007


Data da Disposición:

15 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 15 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2008.



Orde do 15 de febreiro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2008.

Coa finalidade de garantir un desenvolvemento sustentable do noso espazo rural é necesario apoiar a mellora da renda das explotacións agrarias nun sentido amplo que inclúa a mellora da calidade das producións, o respecto polo ambiente e a diversificación das actividades.


Neste sentido, a axuda aos investimentos ten por obxecto modernizar as explotacións agrarias, aumentar o rendemento económico a través dunha utilización adecuada dos factores de produción, incluída a utilización de novas tecnoloxías e a innovación, centrándose na calidade e a diversificación, así como en mellorar a seguranza ambiental e a seguranza no traballo, a hixiene e o benestar dos animais nas explotacións.


Este proceso debe continuar no marco do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito Regulamento do Consello, así como no previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.


Por outra parte, as directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007/2013 (2006/C319/01) dedican o punto IV.A ás axudas para os investimentos en explotacións agrícolas, establecendo que serán compatibles co Tratado sempre que cumpran as condicións do artigo 4º do Regulamento (CE) nº 1857/2006, do 15 de decembro de 2006.


As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora do sistema produtivo así como á incorporación de agricultores mozos e mozas como titulares das explotacións do sector agrario, no marco dos anteditos regulamentos, das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais reflectidas tamén na redacción do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013. O cofinanciamento do Feader nestas axudas poderá acadar unha porcentaxe do 57,56% do gasto executado.


Para acadar os obxectivos é necesario dirixir as actuacións ás explotacións agrarias que acrediten a súa viabilidade económica, que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais; nas cales a persoa titular teña a capacidade e competencia profesionais adecuadas. Así mesmo, é preciso velar pola actividade agraria máis alá da condición de agricultor/a profesional, sempre que se acredite a viabilidade económica e se cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.


A incorporación da poboación nova e capacitada á titularidade das explotacións agrarias é unha das mellores vías para estimular a introdución de novas tecnoloxías no sector e contribuír a asegurar a súa competitividade e a continuidade do tecido agrario.


En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, e a convocatoria para o ano 2008 das seguintes liñas de axuda:


a) Realización de plans de mellora nas explotacións agrarias.

b) Primeira instalación de agricultores mozos ou mozas.

2. Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións ou que pretendan selo e que cumpran os requisitos recollidos nesta orde.


Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase por:

1. Actividade agraria: para os efectos desta orde e sen prexuízo da definición dada pola Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, entenderase como tal o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de produtos agrícolas e gandeiros, todo isto de acordo coas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2007/2013 (2006/C 319/01).


Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte do agricultor ou da agricultora da produción propia sen transformación, dentro dos elementos que integren a explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.


2. Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola/s persoa/s titular/es no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica. Consideraranse como unha única explotación as pertencentes a unha mesma persoa titular ou sociedade conxugal en réxime de gananciais, aínda que a base territorial radique en lugares xeograficamente distintos e teñan distintas orientacións produtivas.


3. Elementos da explotación: os bens inmobles de natureza rústica e calquera outro que sexa obxecto de aproveitamento agrario permanente; a vivenda con dependencias agrarias; as construcións e instalacións agrarias, mesmo de natureza industrial, e os gandos, máquinas e apeiros integrados na explotación e afectos a esta, cuxo aproveitamento e utilización corresponde á persoa titular en réxime de propiedade, arrendamento, dereitos de uso e desfrute e incluso por mera tolerancia do seu dono. Así mesmo, constitúen elementos da explotación todos os dereitos e obrigas que poidan corresponder á/s persoa/s titular/es e se encontren afectos a explotación.


4. Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria, organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.


5. Agricultor/a profesional: a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de, polo menos, unha unidade de traballo anual e que obteña, polo menos, o 25 por cento da súa renda de actividades agrarias.


6. Agricultor/a mozo/a: a persoa que cumprise os dezaoito anos e non cumprise os corenta anos e exerza ou pretenda exercer a actividade agraria.


7. Plan de mellora da explotación: o conxunto de investimentos que, con carácter anual ou plurianual e con deseños técnicos, económicos e financeiros adecuados, proxecta introducir a persoa titular da explotación agraria para a súa modernización e a mellora da súa estrutura tal como se indica no artigo 5º.


8. Primeira instalación:

a) Aquela en que un mozo ou unha moza acceden por primeira vez á titularidade, exclusiva ou compartida, dunha explotación agraria prioritaria ou á calidade de socio/a dunha entidade titular dunha explotación prioritaria de carácter asociativo.


b) Tamén se considerará primeira instalación aquela en que o mozo ou a moza se instala por primeira vez como persoa titular dunha explotación agraria non prioritaria, compatibilizando a actividade agraria desenvolvida na súa propia explotación con calquera outra actividade económica.


9. Agricultor/a mozo/a cotitular dunha explotación:

Aquela persoa que na súa primeira instalación accede á titularidade compartida dunha explotación agraria conforme as seguintes condicións:


a) Que a persoa titular e o/a agricultor/a mozo/a acorden que este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e os investimentos que nela se realicen, nunha proporción mínima do 50 por 100. O devandito acordo deberá ter unha duración mínima de seis anos.


b) Que a persoa titular transmita ao agricultor mozo ou á agricultora moza, polo menos, un terzo da propiedade dos elementos que integran a súa explotación de xeito referenciado, cuxo uso e aproveitamento continuarán integrados nela.


O acordo previsto na alínea a) do número anterior deberá formalizarse en escritura pública, e a transmisión á que se refire a alínea b) deberá formalizarse en escritura pública e inscribirse no Rexistro da Propiedade, se están previamente inscritas as leiras a favor do titular.


Para os efectos do sinalado neste número, cando un agricultor mozo ou unha agricultora moza sexa cotitular dunha explotación que reúna os requisitos da explotación prioritaria, bastará, para que a explotación acade tal consideración, que o mozo ou moza reúna persoalmente os requisitos exixidos á persoa titular da explotación prioritaria.


10. Unidade de traballo agrario (UTA): o traballo efectuado por unha persoa dedicada a tempo completo, cun mínimo de 1.920 horas durante un ano, á actividade agraria.


11. Renda total do/s titular/es da explotación: a renda fiscalmente declarada como tal pola/s persoa/s titular/es da explotación no último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais. Para estes efectos imputarase á persoa titular da explotación:



a) A renda da actividade agraria da explotación, que se calculará:

1º No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación obxectiva, sumando ao rendemento neto de módulos os importes das dotacións á amortización e outras reducións efectuadas na súa determinación, sen incluír as correspondentes aos índices correctores aplicados.


2º No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación directa, sumando ao rendemento neto as dotacións á amortización deducidas no exercicio.


b) As rendas procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as rendas procedentes do traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente teña obriga de declarar.


c) O 50 por 100 das rendas do capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100 por 100 das súas rendas privativas.


Non obstante o anterior, poderá utilizarse para a avaliación da renda total do titular da explotación a media das rendas fiscalmente declaradas como tales por este durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.


Nas zonas xeográficas ou sectores produtivos en que se produzan situacións excepcionais de danos, motivadas por secas, xeadas, inundacións ou outras causas similares, sempre que unha norma legal así os declare e o titular da explotación acredite a súa dedicación á agricultura no último ano fiscal declarado, poderanse eliminar, para o cálculo da media dos cinco últimos exercicios declarados, os exercicios fiscais en que se producisen as circunstancias excepcionais.


No caso de que as situacións excepcionais se producisen no último exercicio fiscal declarado e non sexa posible considerar tres exercicios normais nos catro anteriores, por non terse dedicado o/a titular da explotación á actividade agraria, poderá utilizarse a media das rendas fiscalmente declaradas como tales durante o máximo posible de exercicios normais computables.


12. Renda de referencia: indicador relativo aos salarios brutos non agrarios en España. A determinación anual da súa contía será feita polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en concordancia co previsto ao respecto na normativa da Unión Europea e tendo en conta os datos de salarios publicados polo Instituto Nacional de Estatística. Para o ano 2008 é de 23.765 euros.


13. Renda unitaria de traballo: o rendemento económico xerado na explotación agraria que se atribúe á unidade de traballo e que se obtén dividindo, entre o número de unidades de traballo agrario dedicadas á explotación, a cantidade resultante de sumar a marxe neta ou o excedente neto da explotación e o importe dos salarios debidos.


Para a súa determinación haberá que aterse ao establecido no artigo 4º desta orde.


14. Explotación agraria prioritaria: aquela que cumpra o indicado na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde da consellería do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.


15. Agricultor a tempo parcial, persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, dedica a actividades agrarias nela non menos da quinta parte nin máis da metade do seu tempo total de traballo.


16. Viabilidade económica da explotación: considerarase que unha explotación é viable economicamente cando a súa renda unitaria de traballo non sexa inferior ao 20 por 100 da renda de referencia.


Tamén se considerarán viables as explotacións clasificadas como prioritarias de conformidade co establecido no artigo 4 da orde da consellería do 16 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.


17. Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este indicador creado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, utilízase como referencia do nivel de renda que sirve para determinar a contía de determinadas prestacións ou para acceder a determinados beneficios, prestacións ou servizos públicos.


Para o ano 2008 as contías serán as seguintes: IPREM diario: 17,23 euros, IPREM mensual: 516,90 euros e IPREM anual: 6.202,80 euros.


Sección primeira
Bases reguladoras para a concesión de axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e de novos activos agrarios


1. Plans de mellora.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

Para solicitar a axuda presentarán unha solicitude, segundo o modelo que se especifica no anexo I, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento das condicións, que, segundo o tipo de titular -persoa física, xurídica ou comunidade de bens-, e as características da explotación, será a seguinte:


1. En todos os casos:

a) Ser titular dunha explotación agraria.

b) Presentar un plan de mellora da súa explotación conforme o indicado no artigo 5º.


c) Compromiso asinado de comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados, agás no caso de titulares non profesionais nos que o compromiso será de seis anos desde a presentación da solicitude, así como cumprir as normas aplicables exixibles.


Este compromiso será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan, podéndoselle exixir, para eses anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que remita ao servizo provincial de explotacións agrarias a copia cotexada da declaración do IRPF e os boletíns de cotización á Seguridade Social ou o informe de vida laboral.


d) Acreditar a súa viabilidade económica conforme o definido no número 16 do artigo 2º desta orde.


e) Xustificación de estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non ten ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.


f) Acadar polo menos unha UTA.

g) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.


2. As persoas físicas titulares deberán cumprir, ademais do indicado no número 1,


a) A condición de agricultor/a profesional:

1º A acreditación de que, polo menos, o 25% da súa renda total a obteña das actividades agrarias, efectuarase mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por el durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais.


2º A acreditación dun volume de emprego, de polo menos, unha UTA efectuarase de acordo co establecido no punto 1 do artigo 4º da presente orde.


b) Posuír a capacitación profesional suficiente:

Poderá acreditarse dalgunha das seguintes formas:

1º Coa documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior na rama agraria.


2º Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que deberá acreditarse, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social ou, de ser o caso, conforme o seguinte:


i) No caso de que unha parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria se levase a cabo como man de obra familiar, será precisa unha declaración da persoa titular da explotación onde realizou tal actividade, na cal se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.


ii) Os anos en que non se exercese a actividade agraria, ata acadar os cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de formación agroforestal cunha duración de 50 horas lectivas por cada ano, os cales estarán previamente homologados pola Consellaría do Medio Rural ou consellería correspondente, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.


iii) En calquera caso, os servizos provinciais de explotacións agrarias estudarán a documentación presentada e establecerán a súa idoneidade para os efectos de xustificar a actividade agraria do solicitante.


3º No caso de agricultores/as mozos/as, ademais de para os efectos da súa primeira instalación, conforme a sección 2ª, para considerar o incremento nas axudas aos investimentos en plans de mellora, a capacitación profesional suficiente xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:


i) Mediante copia cotexada da titulación académica de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior da rama agraria.



ii) Cun certificado de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, establecidos pola Consellería do Medio Rural, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.


iii) Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias, sempre que estean previamente homologados pola Consellería do Medio Rural ou consellaría correspondente, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.


c) Ter dezaoito anos cumpridos e non ter cumpridos os sesenta e cinco. O requisito da idade xustificarase mediante copia cotexada do DNI.


3. As persoas xurídicas, ademais das sinaladas no número 1, deberán cumprir:

a) Ser unha explotación agraria prioritaria ou acadar tal condición coa aplicación destas axudas o cal se acreditará segundo se establece nos artigos 3 e 4 da Orde do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia.


b) Que a súa actividade principal sexa a agraria, presentando os estatutos ou documento de constitución, e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións produtivas e das actividades económicas da explotación.


4. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, ademais dos requisitos sinalados no número 1, deberá presentar:


a) Os estatutos da comunidade e a súa acta de constitución.

b) Acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de 6 anos a partir da data de presentación da solicitude de axuda.


c) Acreditar, por parte de, polo menos, o 50% dos comuneiros ou das comuneiras, que reúnen os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, para o que presentarán toda a documentación especificada no punto 2 deste artigo (persoa física titular de explotación).


5. Plans de mellora (R-non profesionais) de persoas titulares que, non cumprindo os requisitos recollidos nos puntos 2.a) e b) deste artigo para as persoas físicas, número 3. para as persoas xurídicas e 4.c) nas comunidades de bens, poderán solicitar estas axudas, excepto os incrementos por beneficio de mozos, de beneficiarios de máis de 40 anos e menos de 50, e por explotación de produción ecolóxica, e sempre que cumpran o resto das obrigas, ademais de ocupar polo menos 1 UTA, e comprometerse a exercer a actividade agraria durante polo menos 6 anos desde a presentación da solicitude. Así mesmo, e só no caso de persoas físicas, deberán obter polo menos o 20% da súa renda total de actividades agrarias ou complementarias.


Artigo 4º.-Cálculo da renda unitaria de traballo.

Para os efectos do cálculo da renda unitaria de traballo (RUT) a que se refire o punto 13 do artigo 2º, teranse en conta os seguintes criterios:


1. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación:

a) Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:


1º A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.


2º A man de obra familiar da persoa titular da explotación, ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu lar e estean ao seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada da persoa titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas a que se refire a declaración están ao seu cargo como beneficiarios/as na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.


3º A man de obra asalariada acreditarase documentalmente co DNI, contrato de traballo e informe de vida laboral da empresa.


b) Cando a persoa titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios/as asalariados mediante DNI, o informe de vida laboral, as súas declaracións do IRPF e os seus certificados de rendementos de traballo; mentres que no caso de asalariados non socios computarase mediante a presentación do DNI, o contrato de traballo e o informe de vida laboral da empresa.


c) No caso de que a persoa titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios para a determinación das UTA que no caso de que a persoa titular sexa unha persoa física (punto 1.a deste artigo).


2. En relación coa marxe neta da explotación, entendida como a diferenza entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades produtivas, incluídas as subvencións percibidas da política comunitaria, e todos os gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar, poderá determinarse en función do resultado de restar os gastos fixos contabilizados ou, na súa falla, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas estándar das actividades produtivas da explotación, moduladas con criterios técnico-económicos que teñan en conta a dimensión, a orientación técnico-económica e o sistema de produción da explotación.


Artigo 5º.-Condicións dos plans de mellora.

Os plans de mellora das explotacións agrarias suporán unha mellora integral e duradeira da economía da explotación agraria, e deberán cumprir, ademais, as seguintes condicións:


1. O plan de mellora deberá demostrar, mediante cálculos específicos, que os investimentos materiais ou inmateriais están xustificados desde o punto de vista da situación da explotación e da súa economía e que a súa realización suporá unha mellora do rendemento global da explotación agrícola.


Para estes efectos, considerarase que un plan de mellora cumpre as condicións establecidas no parágrafo anterior, cando, tras a súa realización, non diminúa a renda unitaria de traballo da explotación ou, en casos nos que se incremente o número de UTA dela, non diminúa a súa marxe neta.


Así mesmo, deberá incluír:

a) Unha descrición das situacións anterior e posterior á realización do plan de mellora, establecidas en función dun orzamento estimativo e comprendendo, cando menos, os seguintes datos:


1º Superficie da explotación, especificando a dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.


2º Maquinaria e equipamento, melloras territoriais e edificios.

3º Composición e dedicación da man de obra familiar e asalariada.

4º Produción bruta de cada actividade.

5º Gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.


b) Unha indicación das medidas e, en particular, dos investimentos previstos.

2. Cando o plan de mellora afecte unha explotación gandeira:

a) Deberase cumprir a normativa relativa a campañas oficiais de saneamento gandeiro.


b) Deberá cumprir as normas mínimas en materia ambiental, hixiene e benestar dos animais, conforme se dispón no anexo II desta orde.


Non obstante, cando o plan de mellora inclúa investimentos destinados a cumprir as normas mínimas recentemente establecidas, entendendo por tales as que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda, poderase conceder para o seu cumprimento, un prazo de ata 36 meses a partir da data en que a devandita norma fose obrigatoria. En todo caso, os agricultores e as agricultoras deberán cumprir estas normas mínimas antes de que finalice o período de realización dos investimentos.


Así mesmo, no caso de agricultores/as mozos/as beneficiarios/as da axuda á primeira instalación, poderáselles conceder unha axuda para os investimentos destinados a axustarse ás normas comunitarias existentes. O período de graza en que deberán axustarse estas normas non poderá superar os 36 meses desde a data da instalación.


Os servizos técnicos da Consellaría do Medio Rural emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento destas normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.


3. Se os investimentos a que se refire o plan de mellora se realizan en obra civil, deberase presentar o correspondente bosquexo acoutado e memoria descritiva da construción, adaptándose esta á tipoloxía da zona. No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, esta documentación completarase, como mínimo, cun anteproxecto con orzamento, asinado polo persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, tal como se indica no artigo 41.2º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro. Nesta circunstancia deberase achegar o proxecto, asinado polo persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, ademais da certificación final de obra valorada, como máis tarde, no momento da certificación dos investimentos.



4. Así mesmo, as construcións novas deberán contar, no momento da solicitude, coa preceptiva licenza municipal de acordo co establecido na normativa urbanística.


5. Todos os proxectos, anteproxectos e memorias presentados cos plans de mellora terán que incluír obrigatoriamente un anexo relativo á produción e xestión dos residuos da explotación.


6. O investimento en adquisición de maquinaria previsto no plan de mellora, incluído o tractor, de ser o caso, poderá chegar ata o 35% do volume máximo de investimento establecido no primeiro parágrafo do artigo 7º.1 a), segundo o tipo de peticionario e o número de UTA e, en todo caso, sen superar o tramo libre de investimento de que dispón cada beneficiario tendo en conta os plans de mellora que tivese solicitado nos últimos seis anos, tal como se determina no segundo parágrafo do mesmo artigo 7º 1.a).


No caso de explotacións con orientacións produtivas maioritariamente agrícolas, estes importes poderán chegar ata un 100% do volume máximo do investimento.


7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na certificación dos investimentos aprobados, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.


Artigo 6º.-Condicións dos investimentos obxecto da axuda.

1. Investimentos obxecto de axuda:

a) A mellora das condicións de vida e traballo dos/as agricultores/as e dos/as empregados/as das explotacións. Os investimentos considerados destinaranse, en exclusiva, á mellora das prácticas agrarias e tarefas derivadas da explotación agraria.


b) A mellora cualitativa e a ordenación de producións en función das necesidades de mercado e, se é o caso, con vistas á adaptación ás normas comunitarias de calidade, así como para a diversificación das actividades agrarias, especialmente mediante investimentos destinados á clasificación, acondicionamento, fabricación, transformación e comercialización dos produtos agrarios da propia explotación. Porén, os investimentos destinados á transformación e comercialización realizados na propia explotación limitaranse aos que dean como resultado un produto incluído no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade europea.


c) A adaptación das explotacións con vistas a reducir os custos de produción, aforrar enerxía ou auga, ou a incorporación de novas tecnoloxías, incluídas as de informatización e telemática.


d) O cumprimento das novas normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, establecidas recentemente. Para estes efectos, entenderanse como recentemente establecidas as normas que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda.


e) A mellora das condicións de hixiene das explotacións gandeiras e de benestar dos animais, a protección e mellora do solo, da cuberta vexetal e do ambiente, sendo só elixibles os investimentos con estes fins que vaian máis alá dos requisitos obrigatorios, de acordo coas normas comunitarias aplicables.


2. Investimentos exceptuados de axuda:

Non se concederán axudas para os seguintes investimentos:

a) Os investimentos de simple substitución non poderán optar a axudas ao investimento.


b) Os investimentos na compra de dereitos de produción, animais e plantas anuais e a súa plantación.


3. No caso de investimentos en equipamentos de muxidura, deberán axustarse, no relativo á instalación e funcionamento, ao establecido na norma UNE 68050/98.


4. No caso de investimentos en equipamentos de refrixeración de leite, deberán cumprir os requisitos da norma UNE-EN 13732/03.


Artigo 7º.-Contía dos investimentos e das axudas.

1. Contía dos investimentos:

a) O investimento poderá chegar a un máximo de 100.000 euros por UTA sen superar 200.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 800.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA. Estes investimentos enténdense para un período de seis anos.


O número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a, para ese volume de investimento, será como máximo de 3 nos seis últimos anos, contados desde a data a que corresponda a aprobación do último plan solicitado nas axudas das ordes para a modernización de explotacións agrarias de anteriores exercicios. Non obstante, o número máximo de plans poderanse incrementar ata 4 no caso de fusión de explotacións para a creación dunha entidade asociativa.


Para estes efectos, atribuiranse a unha soa explotación beneficiaria o conxunto de plans de investimentos agrarios realizados por calquera titular dela.


b) Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais indicadas no artigo 4º.1 desta orde.


Cando se trate dun plan de mellora dun agricultor/a mozo/a que se presente simultaneamente á primeira instalación, o límite máximo de investimento por UTA calcularase en función do número de UTA correspondente á situación posterior á realización do plan de mellora.


c) A determinación das axudas aos investimentos que se vaian realizar nas explotacións a que se refire o punto 2 do artigo 2º desta orde efectuarase de acordo coas condicións específicas que correspondan ao municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos bens, dereitos e elementos da explotación.


2. Contía e tipo de axudas.

a) A contía máxima de axuda, expresada en porcentaxe do investimento, con carácter xeral, poderá chegar ata:


1º. O 45% do investimento, para bens inmobles, e o 25%, para bens mobles, nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fai referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, que poderán acadar os beneficiarios, agás os incluídos na letra c).


2º. O 35%, para bens inmobles, e o 20%, para bens mobles, nas demais zonas, que poderán acadar os beneficiarios, agás os incluídos na letra c).


3º. O 50% do investimento, para bens inmobles, e o 30%, para bens mobles, nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fai referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, que poderán acadar os beneficiarios incluídos na letra c).


4º. O 40%, para bens inmobles, e o 25%, para bens mobles, nas demais zonas, que poderán acadar os beneficiarios incluídos na letra c).


b) No caso de agricultores ou agricultoras non profesionais, a axuda para bens inmobles reducirase un 10% e a de bens mobles un 5% con respecto ao indicado nos parágrafos 2.a.1º e 2.a.2º do presente artigo.


c) Se o beneficiario da axuda é un agricultor/a profesional, menor de 40 anos no momento da súa primeira instalación que, simultaneamente a ela, ou nos seguintes 5 anos, presente un plan de mellora para a súa explotación, poderá obter unha axuda suplementaria do 5% do investimento, como máximo, das recollidas nos parágrafos 2.a.3º e 2.a.4º deste artigo. Esta axuda suplementaria concederase, na súa integridade, cando o plan de mellora da explotación corresponda a un agricultor/a mozo/a instalado ou que se vai instalar na modalidade de titularidade exclusiva ou, cando se trate dunha explotación prioritaria asociativa e, polo menos, a porcentaxe de socios/as mozos/as que cumpran este requisito sexa igual ou superior ao 50% dos socios totais.


d) Se o beneficiario da axuda é un agricultor/a profesional, de máis de 40 anos e menos de 50 no momento da solicitude e non ten solicitada ou concedida unha axuda á primeira instalación, ou cando se trate dunha explotación agraria prioritaria asociativa e, polo menos, a porcentaxe de socios/as menores de 50 anos, que cumpran este requisito sexa igual ou superior ao 50% dos socios totais, obterán unha axuda suplementaria de ata o 5%, das recollidas nos parágrafos 2.a.1º e 2.a.2º deste artigo.


e) No caso de que o beneficiario da axuda sexa titular dunha explotación de produción ecolóxica obterá unha axuda suplementaria de ata o 5% das recollidas nos parágrafos 2.a.1º e 2.a.2º deste artigo.


f) A axuda consistirá na subvención, total ou parcial, dunha ou varias anualidades de amortización de préstamos formalizados para levar a cabo o investimento, tendo en conta que a subvención non poderá superar o límite de intensidade de axuda sobre o investimento total indicado na letra a). Estes préstamos non poderán superar o 90% do investimento total que se vaia realizar, e formalizaranse no marco do convenio financeiro, entre a Consellaría do Medio Rural e a entidade financeira, en vigor. Os préstamos non se poderán amortizar anticipadamente ata que transcorrese polo menos 4 anos ou a metade do período previsto no documento de formalización coa entidade financeira. Para estes efectos considerarase a data menor das dúas.



g) A axuda á amortización non poderá superar o 80% do importe do préstamo, e poderá aboarlla a consellería, dunha soa vez, directamente á persoa beneficiaria, logo de formalizado o préstamo e certificada a realización dos investimentos previstos.


h) No caso de non solicitar préstamo, poderá obterse unha axuda en forma de subvención de capital ata un máximo de:


1º. O 20% do investimento, para bens inmobles e para bens mobles, nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005.


2º. O 15%, para bens inmobles e para bens mobles, nas demais zonas.

i) Non obstante, serán denegadas as solicitudes para investimentos de plan de mellora cuxo investimento auxiliable sexa inferior a seis mil (6.000) euros por explotación, salvo que o tramo de investimento que reste sen auxiliar, de acordo co límite que corresponda conforme o sinalado no número 1, non supere a dita cantidade.


Artigo 8º.-Prazo de execución do plan de mellora.

As axudas recollidas na sección primeira, segunda e terceira desta orde terán carácter plurianual, e o prazo de execución dos investimentos, como máximo, de 18 meses computados a partir do día seguinte ao da data da notificación da concesión da axuda.


En casos excepcionais en que a persoa beneficiaria, por causa debidamente xustificada, non poida rematar a mellora no prazo previsto, deberá solicitar unha prórroga do prazo de execución, con anterioridade ao transcurso do prazo máximo, especificando os motivos e o prazo de prórroga de execución, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.


Artigo 9º.-Modificación dos plans de mellora.

1. Cando se produzan modificacións do plan de mellora relacionadas coa produción ou co programa de investimentos presentarase un plan de mellora complementario ou alternativo. No caso de modificacións de menor entidade recoñecidas pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, bastará a certificación da realización dos investimentos que comprenda o dito plan.


2. Non obstante o establecido no número anterior, en casos en que a persoa beneficiaria non execute o plan de mellora para o cal ten concedido axudas ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e o aprobado para a execución do plan ou o préstamo formulado, reducirase a axuda segundo a normativa de aplicación.


Así mesmo, axustarase, se é o caso, ao importe que corresponda a axuda suplementaria para o/a agricultor/a mozo/a.


2.-Primeira instalación de agricultores/as mozos/as.

Artigo 10º.-Requisitos dos/as beneficiarios/as.

1. Os/as agricultores/as mozos/as que desexen acceder a estas axudas, ademais dos requisitos que se desprenden da definición recollida no artigo 2º.8, deberán cumprir os seguintes:


a) Posuír, no momento da súa instalación, o nivel de capacitación profesional suficiente, segundo o punto 2 b) 3º do artigo 3º desta orde ou comprometerse a adquirilo nun prazo de dous anos, a partir da data de concesión da axuda.


b) Instalarse nunha explotación agraria que requira un volume de traballo equivalente polo menos a unha UTA ou acadar esta condición nun prazo máximo de dous anos desde a súa instalación.


c) Comprometerse por escrito a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde a data de concesión da axuda.


d) Cumprir a explotación as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, segundo o indicado no anexo II desta orde, no prazo máximo de dous anos desde a instalación do/a mozo/a.


e) Persoa maior de 18 anos e menor de 40 anos de idade no momento da solicitude de axuda.


2. A solicitude da axuda deberá presentarse antes da primeira instalación do peticionario ou dentro dos seis primeiros meses posteriores a ela. Os investimentos ou gastos de instalación realizados polo mozo/a dentro dos referidos seis primeiros meses poderán ser considerados auxiliables. Os beneficiarios presentarán a solicitude de axuda, segundo o modelo que se especifica no anexo I, acompañada da documentación seguinte:


a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Plan de explotación (plan empresarial do art. 13 do Regulamento (CE) 1974/2006) que reflicta o grao de viabilidade económica e a situación da explotación en que se instala e prevexa para este, en xeral, unha renda procedente daquela, medida en termos de marxe neta, superior ao 35% da renda de referencia e inferior ao 120% desta. A marxe neta anterior deberá acadarse nos dous anos seguintes á instalación, e a revisión do plan empresarial farase ao final dos 5 anos da data da aprobación da axuda e consistirá en comprobar o mantemento das condicións deste e unha avaliación dos progresos e previsións expostos nel.


O plan de explotación non será requirido no caso de que o/a mozo/a que se instala presente un plan de mellora.


c) Informe de vida laboral, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social sobre afiliación, tipo de réxime e períodos de alta.


d) Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo/a solicitante e, se é o caso, copia das indicadas no punto 2 a)1º do artigo 3º desta orde.


e) Solicitude de cambio de titularidade da explotación, se é o caso, en favor do agricultor/a mozo/a, axustado ao modelo normalizado da consellería.


f) Solicitudes de transferencia, en favor da nova persoa titular, de ser o caso, dos dereitos de prima e da cota láctea que tivese a explotación, agás no caso de instalación nunha explotación asociativa.


g) A xustificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias, fiscais e coa Seguridade Social.


h) O cumprimento na explotación das normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, segundo o anexo II desta orde, mediante a presentación de informe, emitido polos servizos técnicos competentes desta consellería, que o confirme ou, de non ser ese o caso, mediante documento asinado en que se manifeste o compromiso de cumprilas no prazo de dous anos, contados desde o momento da súa instalación.


Considerarase como data de primeira instalación a máis antiga da alta en Facenda na actividade agraria ou alta na Seguridade Social.


Non obstante, e para os efectos da axuda, naqueles casos en que o/a mozo/a estean dados de alta na Seguridade Social Agraria e o titular da explotación sexa outra persoa, poderase considerar como data da instalación a da alta en Facenda na actividade agraria.


Non procederán estas axudas cando a instalación do/da mozo/a implique unha segregación de parte da explotación.


Os documentos públicos sinalados nos puntos 1 e 2 do artigo 11º, así como a solicitude de cambio de titularidade da alínea e) e as solicitudes de transferencia recollidas na alínea f), poderán ser presentados unha vez aprobado o expediente xunto coa xustificación da realización dos investimentos. Nestes casos, coa solicitude de axuda á primeira instalación xuntarase un compromiso debidamente asinado polas dúas partes.


Artigo 11º.-Modalidade da primeira instalación prevista.

A primeira instalación dun agricultor mozo poderá realizarse mediante as seguintes modalidades:


1. Acceso á titularidade exclusiva ou compartida da explotación agraria, por compra, herdanza, pacto sucesorio, doazón, arrendamento, parzaría ou figuras xurídicas análogas, asumindo o/a mozo/a que se instala, polo menos, o 50 por 100 dos riscos e das responsabilidades civil, fiscal e social da xestión da explotación. Isto acreditarase mediante escritura pública correspondente, así como a declaración do IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso, do anterior titular.


2. Acceso á cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria.

Na escritura pública que se asine para tal efecto deberá constar o seguinte:

a) A relación de todos os elementos que compoñen a explotación, valorados a prezo de mercado dos que, sendo propietario ou titular, estean integrados nela, con expresión detallada dos que se lle transmiten ao/á mozo/a, que deberán representar, polo menos, un terzo do valor total daqueles. Sen prexuízo do anterior, incluirase na transmisión, polo menos, un terzo da propiedade, tanto dos predios rústicos como do conxunto dos restantes bens inmobles. En todo caso, deberá indicarse expresamente que os usos e o aproveitamento de todos os elementos da explotación transmitidos ao/á mozo/a cotitular continuarán integrados na referida explotación.


b) O acordo, cunha duración mínima de seis anos, entre a persoa titular e o/ agricultor/a mozo/a conforme este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e aos investimentos que nela se realicen, nunha proporción igual ou superior ao 50%.


3. Integración como socio/a nunha entidade asociativa con personalidade xurídica, preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación agraria prioritaria, presentarase a seguinte documentación:



a) Unha certificación, expedida polo órgano reitor da entidade, onde se especifiquen as condicións de participación do/a agricultor/a mozo/a e a súa contribución.


b) Os estatutos da entidade.

c) A relación de socios/as que exercen a dirección técnica e de xestión, e

d) A condición da explotación como prioritaria, conforme o disposto nos artigos 3 e 4 da Orde do 16 de xuño de 1998.


Cando entre os gastos ou investimentos dun mozo/a que se instale como socio/a dunha entidade asociativa figure o concepto de achega económica do mozo/a á entidade, a xustificación do gasto poderá realizarse mediante a acreditación correspondente da achega en diñeiro do/a mozo/a á entidade e a acreditación do gasto realmente efectuado pola sociedade nos ditos investimentos.


4. Instalación por primeira vez nunha explotación agraria non prioritaria: aquela na que o/a mozo/a se instala por primeira vez como titular persoa física, que acade polo menos o 15% da renda de referencia en termos de marxe neta, compatibilizando a actividade agraria desenvolvida na súa propia explotación con calquera outra actividade económica. Neste caso a axuda será ata o 60% dos indicados no artigo 12. Excluiranse desta posibilidade as persoas contratadas por conta allea a tempo completo todo o ano. Ademais a dimensión da explotación deberá absorber, como mínimo, 0,50 UTA. No caso de non acadar este mínimo asinarase o compromiso de cumprir este requisito no prazo de dous anos desde a data de concesión da axuda. A acreditación da UTA efectuarase no momento da certificación coa alta do/a mozo/a no réxime agrario da Seguridade Social que lle corresponda, a alta en Facenda na actividade agraria e co compromiso da presentación da declaración da renda que xustifique a obtención de ingresos agrarios.


Artigo 12º.-Axudas á primeira instalación.

A axuda á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, dirixidas a auxiliar gastos e investimentos derivados dela consistirá en:


1. Unha prima por explotación, nunha contía máxima de 20.000 euros que se poderá substituír, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuro equivalente.


2. Unha bonificación de xuros, que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade, por un importe non superior a 20.000 euros dun préstamo formalizado no marco do convenio financeiro establecido entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras, cuxo importe non poderá superar o 90% do gasto total e será compatible coas axudas do número 1.


A contía máxima de axuda expresadas anteriormente poderanse incrementar nun 10% nos seguintes casos:


a) Cando se xere na explotación, polo menos, 1 UTA asalariada adicional á do/a mozo/a que se instala;


b) Cando a explotación estea situada nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fai referencia os incisos i), ii) e iii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005.


c) Cando o mozo teña aprobado un contrato de explotación sustentable.

Artigo 13º.-Casos especiais de primeiras instalacións.

1. Respecto dunha mesma explotación non poderá percibirse máis dunha prima por primeira instalación, durante o prazo dos cinco anos seguintes á data da súa concesión. No caso de instalacións múltiples, as axudas distribuiranse en función do grao de participación de cada mozo/a no conxunto dos gastos e investimentos derivados das ditas instalacións. Exceptúanse desta regra as primeiras instalacións dos/as mozos/as mediante a súa integración como socios nunha entidade asociativa, que se outorgarán de forma íntegra a cada mozo/a solicitante, sempre que o volume de traballo na explotación asociativa requira unha UTA para cada mozo/a que se instale.


2. As axudas á 1ª instalación de agricultores/as mozos/as poderanse conceder tamén naqueles casos nos que a instalación se produza nunha explotación de nova creación. Nestas situacións deberase acreditar o acceso á explotación, mediante documento público, xa sexa de arrendamento do predio ou predios, compra - venda, cesión, etc..., ou documento de arrendamento a través do Bantegal.


3. Os cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, en réxime de separación de bens, serán asimilados ás axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as nalgunha das modalidades indicadas no artigo 11. No caso de cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, en réxime de gananciais, só poderán ser beneficiarios das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as cando se dea algunha das seguintes circunstancias:


a) Cando o/a mozo/a se incorpore nunha explotación na cal o titular sexa o seu cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, e constitúan unha sociedade entre si, sempre que a explotación proporcione polo menos unha RUT do 35% da renda de referencia para cada un dos membros.


b) Cando se instale por integración como socio/a dunha entidade asociativa, que sexa resultado da fusión de, polo menos, dúas explotacións preexistentes en funcionamento, aínda que figure como socio/a partícipe o outro cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, sempre que a explotación resultante proporcione unha RUT para cada mozo ou moza, polo menos, do 35% da renda de referencia.


Artigo 14º.-Aplicación das axudas da primeira instalación.

Para os efectos de aplicación das axudas recollidas neste artigo, teranse en conta os seguintes gastos e investimentos:


-Pagamento da anualidade dun contrato de arrendamento de terras.

-Gastos notariais e rexistrais derivados da primeira instalación.

-Gastos de permisos, licenzas e autorizacións administrativas orixinados pola instalación do beneficiario.


-Achega económica do mozo á entidade asociativa para a súa integración como socio/a nela.


-Adquisición de dereitos de produción e dereitos a prima de carácter individual e transferible conforme a normativa vixente de carácter sectorial que resulte de aplicación.


-Custos de avais dos préstamos de primeira instalación.

-Pagamento dos dereitos hereditarios, se é o caso, a coherdeiros/as da explotación familiar en que se instala a persoa beneficiaria.


-Adquisición ou acondicionamento da vivenda, a cal deberá constituír a residencia habitual do mozo ou moza e estar situada na mesma comarca ou nunha comarca limítrofe á da explotación. Ademais, a construción nova efectuarase nun soar da propiedade, privativa ou ganancial, do mozo ou moza.


Pola súa banda, a construción ou acondicionamento exterior da vivenda deberá ser acorde coa tipoloxía da zona e coa normativa urbanística correspondente.


Así mesmo, as construcións novas deberán contar no momento da solicitude coa preceptiva licenza municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística.


-Adecuación do capital de explotación.

Artigo 15º.-Prazo de execución e acreditación da primeira instalación.

1. O prazo de execución dos investimentos e gastos para a primeira instalación será o mesmo que o previsto para os plans de mellora, aplicándose o previsto no artigo 8º desta orde.


2. A acreditación de que se produciu a primeira instalación, con carácter previo á percepción da axuda, efectuarase coa presentación de:


a) A documentación suficiente xustificativa da realización dos gastos de instalación aprobados.


b) O documento de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime de autónomos na actividade agraria e o documento de alta no censo de actividades económicas do Ministerio de Economía e Facenda (declaración censual modelo 036 ou 037).


c) A declaración do IRPF correspondente ao último período, se é o caso.

d) Os documentos indicados no último parágrafo do artigo 10, de non telos presentado coa solicitude de axuda.


3. Será de aplicación o disposto no artigo 10º.1.c) desta orde, canto ao compromiso de exercer a actividade agraria durante cinco anos.


4. A consellería poderá decidir que o pagamento da axuda se efectúe fraccionadamente, aboando o 50% coa certificación da realización dos gastos e investimentos, e o outro 50%, coa acreditación do cumprimento de todos os compromisos adquiridos coa solicitude de axuda.


Sección segunda
Procedemento de concesión das axudas

Artigo 16º.-Presentación de solicitudes.

1. A presentación das solicitudes de axudas para cada medida das incluídas nesta orde realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida nesta orde para cada tipo de axuda solicitada.


Na presente convocatoria, para dar cumprimento ao requisito da presentación da licenza municipal (art. 5º.4 e 14º desta orde), será suficiente con que entre a documentación que se vaia xuntar coa solicitude de axuda ao plan de mellora, entregue a correspondente solicitude de licenza de obras, debendo presentarse no momento da certificación a preceptiva licenza municipal e a certificación final de obra valorada.



2. Ademais, de acordo co artigo 11º e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas que soliciten as axudas previstas nesta orde, acreditarán, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto ningún, coa Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada comportará a autorización á Consellería do Medio Rural para todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


3. As oficinas agrarias comarcais asesorarán as persoas solicitantes na realización dos estudos técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora das estruturas das explotacións e das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, iniciando a instrución dos expedientes, os cales serán remitidos debidamente formalizados aos servizos de explotacións agrarias nun prazo máximo de dous meses desde a data de rexistro da solicitude.


Artigo 17º.-Conformidade previa á formalización do préstamo.

Na tramitación de calquera das solicitudes de axuda previstas nesta orde que estean vinculadas a préstamo, e como condición para que a axuda sexa aprobada, a persoa solicitante deberá achegar a conformidade á concesión do préstamo correspondente dunha entidade financeira asinante do convenio financeiro.


Artigo 18º.-Criterios de prioridade.

Posto que as axudas previstas nesta orde se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación e coa seguinte puntuación máxima por criterio:


1. Plans de mellora:

O conxunto de solicitudes para investimentos en explotacións agrarias clasificarase en dous grupos, distinguindo as explotacións prioritarias das do resto de solicitudes.


Posteriormente a cada un destes grupos aplicaráselles os seguintes criterios de prioridade:


a) Titular muller: 4 puntos.

b) Investimento por UTA: ata 4 puntos.

c) Tipo de investimento: ata 3 puntos.

d) Tipo de axuda ligada a préstamo: ata 3 puntos.

e) Plans de mellora para agricultores/as profesionais: 3 puntos.

f) Titularidade dunha explotación prioritaria: ata 2 puntos.

g) Diversificación da produción: ata 2 puntos.

h) Viabilidade económica da explotación: ata 2puntos.

i) Explotacións de produción ecolóxica: ata 2 puntos.

j) Suscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.

k) Situación da explotación nun concello de montaña: ata 2 puntos.

l) Persoas titulares inscritas nalgún rexistro de denominacións de calidade en materia agroalimentaria: ata 2 puntos.


m) Orientación produtiva da explotación de vacún de leite: ata 1 punto.

2. Axudas á primeira instalación:

a) Titular muller: 4 puntos.

b) Axuda ligada ao préstamo: ata 4 puntos.

c) Primeira instalación ligada a un plan de mellora: ata 3 puntos.

d) Maior dimensión produtiva da explotación: ata 3 puntos.

e) Instalación nunha explotación ecolóxica: 3 puntos.

f) Viabilidade económica da explotación: ata 2 puntos.

g) Situación da explotación nun concello de montaña: ata 2 puntos.

h) Subscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.

i) Instalación do/a mozo/a mediante a modalidade A: 1 punto.

Artigo 19º.-Tramitación e resolución.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. A resolución de cada expediente corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Posteriormente serán notificadas as persoas interesadas, e de ser o caso, a entidade financeira correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e nos convenios establecidos ou que se establezan entre a Consellería do Medio Rural coas entidades financeiras.


2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 9 meses segundo o previsto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sempre antes do 31 de decembro de 2008.


Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.


Artigo 20º.-Certificación dos investimentos e gasto.

1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos, agás o previsto no artigo 10.2º desta orde.


2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicarllo, por escrito, preferentemente ás oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución das melloras, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos cumprindo as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro), acompañándose do xustificante que verifique o pagamento efectivo delas co xustificante bancario selado pola entidade bancaria ou xustificante de recepción e pagamento da entidade que facture.


3. Tal como se indica no art. 54 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sempre que o beneficiario presente documento contable de valor probatorio equivalente, poderá quedar exento da presentación das facturas correspondentes ao traballo nas actividades voluntarias non remuneradas para a execución do investimento aprobado en conducións de auga, transformación e arroteamento de montes con establecemento de pradarías, plantacións de cultivos leñosos, e instalación de cercas fixas. O valor destas actividades determinarase segundo o tempo e a remuneración por hora e día aboada por actividades equivalentes, cando proceda sobre a base dun sistema de cálculo de custos estándar previamente establecido. Neste caso o gasto público cofinanciado polo Feader non poderá ser superior ao total dos gastos subvencionables, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación.


En calquera caso, para cada un dos conceptos de investimento citados, a exención non poderá superar o cincuenta (50) por cento do importe do correspondente investimento auxiliado ou, se é o caso, certificado. Para que o referido documento teña validez, deberá figurar nel a oportuna dilixencia, emitida por funcionario da Consellería do Medio Rural, na cal se faga constar que o importe aceptado en concepto de man de obra achegada persoalmente polo beneficiario non supera os límites anteditos. Este importe nunca poderá superar os 6.000 euros por UTA inicial.


4. Unha vez comunicada a finalización dos investimentos, o persoal técnico das oficinas agrarias comarcais, dos servizos provinciais de explotacións agrarias ou outro designado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestuturas Agrarias, realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 6.000 euros de investimento, agás nos casos referidos no último parágrafo do artigo 7º.


A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.


5. Antes do pagamento das axudas para plans de mellora ou da primeira instalación de agricultores/as mozos/as, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.


Artigo 21º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda, excepto nas previstas no Real decreto 1539/2006, do 15 de decembro, polo que se regula a concesión de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola.


2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.


Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.


Artigo 22º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou pola Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.


Artigo 23º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.


2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, sempre que cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada Lei 9/2007.


Artigo 24º.-Reintegro das axudas.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.


2. Axudas non reintegrables.

a) Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:


1º Falecemento do beneficiario.

2º Longa incapacidade profesional da persoa beneficiaria.

3º Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día no que se subscribiu o compromiso.


4º Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación.


5º Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.

6º Epizootia que afecte a totalidade ou a unha parte do gando do/a produtor/a.

A persoa beneficiaria ou o seu habente-causa notificaralle por escrito á autoridade competente os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas pertinentes a satisfacción da devandita autoridade, no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a persoa beneficiaria ou o seu habente-causa estea en condicións de facelo.


b) Cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria transfira a súa explotación a outra persoa que cumpra os requisitos exixidos, esta poderá asumir o compromiso e subrogarse en compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas. Poderá non exixir o reembolso, se no caso de cesamento definitivo das actividades agrarias por parte dunha persoa beneficiaria que cumprise unha parte significativa do compromiso, a asunción do compromiso polo/a sucesor/a non resulta factible.


Artigo 25º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:


1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.


2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.


Artigo 26º.-Controis, reducións, exclusións e sancións.

1. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, previos e posteriores ao pagamento, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a estas medidas.


2. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o Regulamento (CE) 1975/2006, en particular o establecido no seu artigo 31, no caso de que se constate que unha persoa beneficiaria fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida debendo reintegrar, se é o caso, as contías percibidas xunto cos xuros de demora producidos desde o seu pagamento. Ademais, quedará excluída das axudas reguladas nesta orde nas dúas convocatorias seguintes. Así mesmo, será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Todo o anterior é sen prexuízo das sancións as que puidesen dar lugar en aplicación da lexislación vixente en materia de axudas.


Sección terceira
Convocatoria 2008

Artigo 27º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2008 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.


Artigo 28º.-Prazo.

1. Establécense para o ano 2008 dous períodos de convocatoria:

1ª) O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes


2ª) Do 24 de marzo ao 31 de maio, ambos os dous inclusive.

O prazo de resolución para ambos os casos será de 6 meses a partir do inicio de cada convocatoria.


2. No primeiro período de convocatoria, o número de resolucións máximo será de 1.800 por importe máximo de 28.300.000 euros para as axudas a plans de mellora e 700 resolucións e 11.000.000 de euros para axudas de incorporación de mozos á actividade agraria.


No segundo período de convocatoria, o número de resolucións será de 1.700 por importe máximo de 8.000.000 de euros para as axudas a plans de mellora e 700 resolucións e 2.100.000 euros para as axudas de incorporación de mozos á actividade agraria.


Cando á finalización da primeira convocatoria non se esgotase o importe máximo a outorgar, poderase trasladar a cantidade non aplicada á segunda convocatoria.


3. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.


4. Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos/as motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas do Real decreto 5/2001, ou por falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.


Artigo 29º.-Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.



1. 11.02.712B 772.0, para as axudas previstas na sección primeira número 1: Plans de mellora da devandita orde, na cal existe crédito adecuado para o ano 2008, de cincocentos mil euros (500.000 euros), para o ano 2009 de cinco millóns de euros (5.000.000 de euros), para o ano 2010 de dezaoito millóns de euros (18.000.000 euros) e doce millóns cincocentos mil euros (12.500.000 de euros) para o ano 2011. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.


2. 11.02.712B 772.0 para as axudas previstas na sección primeira número 2: primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2008, de cen mil euros (100.000 euros), para o ano 2009 de cinco millóns de euros (5.000.000 de euros) e para o ano 2010 de oito millóns de euros (8.000.000 de euros). A dita aplicación poderase incrementar con fondos adicionais comunitarios e da comunidade autónoma.


3. 11.02.712B 772.0, para axudas ao impulso a explotacións de produtos ecolóxicos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2008 de trescentos mil euros (300.000 euros).


No suposto de existir remanentes nalgunha das aplicacións sinaladas nos puntos, 2 e 3 poderíanse utilizar para financiar solicitudes de calquera deles.


Disposicións adicionais

Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa abonda e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido na Orde do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia.


Segunda.-Expedientes do ano 2007.

Os expedientes de axuda presentados ao abeiro da convocatoria de 2007 respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria de 2008, sempre que a persoa interesada así o solicite expresamente e cumpra co disposto nesta convocatoria.


Terceira.-Normativa subsidiaria.

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada Lei 9/2007, así como na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, do 4 de xullo.


Cuarta.-Publicidade das axudas.

Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, e nas infraestruturas cuxo custo total supere os 500.000 euros instalarase un panel publicitario.


Tanto na placa como no panel publicitario figurará unha descrición do proxecto ou da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa ou panel. Ademais, figurará a bandeira europea, de acordo coas normas gráficas establecidas no punto 4 do anexo VI do Regulamento (CE) número 1974/2006, xunto co lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».


De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.


Quinta.-Documentación en poder da Administración.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, folla de saneamento gandeiro, cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para o establecemento das marxes brutas das principais actividades produtivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2008.

Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "03800D007P063.PDF"
ANEXO II

Aspectos relacionados coas limitacións sectoriais e o cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias destas axudas


A) Limitacións sectoriais.

1. En razón do produto, do tipo de investimento e da capacidade actual e prevista da explotación poderán excluírse deste réxime de axudas os investimentos que aumenten a produción sen saídas normais do mercado. En todo caso, serán de aplicación as limitacións á produción, investimentos ou axudas reguladas nas organizacións comúns de mercado.


2. Os investimentos que se vaian realizar naqueles sectores para os cales se teñan establecido cotas, primas ou calquera outro dereito de produción, serán auxiliables sempre que se acredite, ao seu remate, a dispoñibilidade deles en contía suficiente, o cal se comprobará na base de datos da consellaría.


3. Os investimentos no sector de produción de leite que teñan por efecto exceder a cota láctea do titular, poderán ser auxiliables se a explotación ten concedida, previamente á data de remate das melloras, unha cota láctea adicional, de acordo coa normativa reguladora das cotas lácteas e da taxa suplementaria.


4. Estas axudas non serán de aplicación aos investimentos dirixidos a mellorar a produción agraria que sexan auxiliados acolléndose aos fondos establecidos nas organizacións comúns de mercado. No caso concreto da viña, non se concederán axudas para a súa reestruturación previstas no Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece a OCM vitivinícola, e normativa de desenvolvemento.


5. No sector da produción do mel non se auxiliarán as accións establecidas no Regulamento (CE) 797/2004, do Consello, do 26 de abril, relativo ás medidas destinadas a mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos da apicultura.


6. Estas axudas non se aplicarán a investimentos no sector forestal, xa previstas na subsección segunda do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).


B) Para poder acceder ás axudas ao desenvolvemento rural no período 2007-2013, e en particular ás destinadas á mellora das estruturas agrarias, a normativa aplicable a este período establece no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no artigo 26 na súa alínea b) que as explotacións agrarias cumpran as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate.


1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias.


a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003, de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.


b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e normativa que a desenvolve.



A seguir enuméranse as normas de aplicación:

Normas ambientais.

Directiva 96/61/CE do Consello, do 24 de setembro, relativa á prevención e ao control integrados da contaminación.


Lei 4/1989, de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres (Directiva 79/409 CEE e parte da Directivo 92/43/CE) e as súas modificacións.


Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade.

Real decreto 1997/1995 polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitat naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva 92/43 CE), e as súas modificacións.


Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE), e as súas modificacións.

Real decreto 261/1996 sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/76CE), e as súas modificacións.


Real decreto 1310/90 e Orde do 26 de outubro de 1993 sobre o emprego de lodos de depuradora en agricultura e as súas modificacións.


Normas de hixiene.

Entre as normas de hixiene que requiren adaptación das explotacións e de recente entrada en vigor figuran:


Regulamento (CE) 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios.


Regulamento (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.


Directiva 2002/99/CE sobre normas zoosanitarias aplicables á produción, transformación, distribución e introdución dos produtos animais destinados a consumo humano.


Normas de benestar dos animais.

Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE), e as súas modificacións.


Sector vacún (becerros).

Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de becerros, modificado polo Real decreto 229/1998, do 16 de febreiro. (Directiva 91/629/CEE), e as súas modificacións.


Sector avícola.

a) Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e as súas modificacións.


b) Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación de avicultura de carne, e as súas modificacións.


Sector porcino:

a) Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección de porcos, e as súas modificacións.


b) Decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións porcinas, e as súas modificacións.


Sector cunícola:

Explotacións cunícolas: Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, que establece as normas de ordenación das explotacións cunícolas, e as súas modificacións.


Sector apícola:

Explotacións apícolas: Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e as súas modificacións.





[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es