Diario Oficial de Galicia
martes, 22 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

15


Páxina do Dog:

1.360


Data da Disposición:

16 de xaneiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 16 de xaneiro de 2008 pola que se regulan as bases para a concesión de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria.



Resolución do 16 de xaneiro de 2008 pola que se regulan as bases para a concesión de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria.

En virtude do artigo 148.1º.20 da Constitución española e o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, a comunidade autónoma asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. No exercicio da dita competencia o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, relacionando de entre as áreas de actuación a destinada á muller. No seu artigo 50 prevé a posibilidade de concederlles prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade.

O Decreto 211/2006, do 3 de agosto, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e a través do Decreto 232/2006, do 11 de agosto, modificado polos decretos 332/2006, do 18 de agosto e 454/2006, do 1 de setembro, establece a estrutura dos seus departamentos. De conformidade cos referidos decretos a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asume o exercicio das competencias en materia de políticas autonómicas, de igualdade e xénero e as de benestar.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo que depende da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, establece no seu artigo 3 como funcións deste organismo promover medidas para a consecución da igualdade efectiva das mulleres, coordinar e avaliar plans e programas de acción e colaborar no desenvolvemento de actividades que realicen as administracións locais e todas as entidades que polos seus fins contribúan para á consecución dos obxectivos previstos nesta lei.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, establece no seu título I referido as actuacións administrativas da Xunta de Galicia, e concretamente no capítulo IV sobre a violencia contra as mulleres, as medidas da erradicación da violencia tanto nas áreas da prevención, intervención como da integración. Dentro das áreas de integración a Comunidade Autónoma de Galicia posibilita que as mulleres vítimas desta violencia en estratos menos favorecidos poidan acceder ás rendas de integración e ás axudas de emerxencia.

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. No seu preámbulo refire as accións que os poderes públicos han levar a cabo para protexer e asistir as mulleres que sofren violencia de xénero, menciona a asistencia sanitaria, xurídica, social e psicolóxica integral, os dispositivos de alarma e os programas de reeducación, como instrumentos básicos de protección, mais a propia lei indica que todas estas medidas son insuficientes se as vítimas carecen de recursos para iniciar unha nova vida en liberdade e afastada dos seus agresores, polo que se establecen procedementos abreviados para o acceso a distintas axudas e se establece unha prestación económica de apoio ás vítimas seguindo o camiño aberto polo salario da liberdade.

Porén, o artigo 39 da lei indica que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero, a prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación de violencia e para iso estableceranse as bases reguladoras a través dunha convocatoria de axudas dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.

En consecuencia, a través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas, para a convocatoria do ano 2008, que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva, e que van dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 24 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no exercicio anterior ao dos orzamentos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2008 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de outubro de 2008.

Así, o financiamento destas axudas farase con cargo aos créditos consignados no programa 05.80.313D.480.0 e que ascenden a 965.000 euros para o exercicio 2008 e para o financiamento das subvencións plurianuais correspondentes ás prestacións que pola súa duración xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte, circunstancia suxeita a autorización previa do Consello da Xunta, resérvase un crédito de 1.141.000 euros, aténdose ao disposto no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A resolución destas axudas axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade e obxectividade, agás o réxime xeral de concorrencia competitiva.

Por todo o disposto, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e finalidade e réxime.
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que rexerán a concesión de axudas económicas, individuais e de carácter periódico, de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, baixo o réxime de concorrencia non competitiva.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para lles garantir unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Artigo 2º.-Beneficiarias.
Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas mulleres que, residindo na Comunidade Autónoma de Galicia e acreditando unha situación de convivencia que as poña en risco de sufrir violencia de xénero, se atopen nunhas condicións económicas que lles impida afrontar o seu futuro dun xeito autónomo e independente do seu agresor e que dispoñan dalgún dos documentos acreditativos desta situación de violencia adoptado ou emitido no período de doce meses inmediatamente anteriores á data da solicitude sempre que nese momento se producira o cesamento da convivencia.

Artigo 3º.-Natureza e contía das axudas.
1. A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude agás no suposto en que a solicitante estivera percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 11º, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

2. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función dos ingresos da solicitante en relación co Indicador Público de Renda e Efectos Múltiples (IPREM) para o ano 2008 e calcularase de acordo coas seguintes especificacións:

a) Axuda de seiscentos (600) euros ao mes, ata o máximo de doce mensualidades, no suposto de que a beneficiaria perciba rendas de contía igual ou inferior ao IPREM ou no caso de que acredite unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

b) Axuda de catrocentos (400) euros ao mes, ata o máximo de doce mensualidades, cando perciba rendas superiores ao IPREM e iguais ou inferiores ao dobre do IPREM.

c) Douscentos (200) euros ao mes, ata o máximo de doce mensualidades, cando perciba entre o dobre e o triplo do IPREM.

3. As contías establecidas no parágrafo anterior incrementaranse en cincuenta (50) euros ao mes por cada filla/o menor de idade a cargo.

4. As beneficiarias quedan incorporadas ao programa de busca activa e mellora do emprego que se desenvolve dende o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller en colaboración con outras administracións e entidades. A incorporación e permanencia no programa é obrigatoria durante o período de percepción da axuda polo que, de rexeitarse esta incorporación, a beneficiaria pode incorrer nun suposto de incumprimento de obrigas establecido nesta resolución polo que será de aplicación o disposto no artigo 12º desta resolución.

Artigo 4º.-Requisitos das solicitantes.
1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia. Este requisito acreditarase co certificado de empadroamento ou ben cun informe dos servizos sociais do concello que acredite a residencia en Galicia de xeito temporal por motivos de seguridade. As mulleres estranxeiras deberán acreditar a posesión do permiso de residencia.

c) Acreditar a situación de violencia derivada de convivencia con algún dos documentos seguintes:

c.1) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.


c.2) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

c.3) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

c.4) Informe dos servizos de acollida.
c.5) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor.

e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.
2. Atendendo ao disposto no artigo 2º e para os casos en que se acredite a situación de violencia por medio dunha disposición xudicial e nela non se refira que a situación de risco ocorre nunha relación de convivencia con dependencia, cómpre achegar, xunto co documento xudicial, un informe dos servizos públicos de atención directa ou, no seu defecto, declaración responsable da solicitante onde se reflicta esta circunstancia e a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
A solicitude da axuda dirixirase á directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e presentarase segundo o modelo previsto no anexo I desta resolución, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI da solicitante. No caso de solicitantes estranxeiras deberán achegar copia compulsada da tarxeta de identidade de estranxeira ou da tarxeta de residencia.

b) Declaración responsable de ingresos da unidade de convivencia da solicitante (anexo II) que comprende rendas do traballo, axudas ou subvencións públicas e similares; declarará os ingresos percibidos no mes en que se produce o cesamento da convivencia co agresor se coincide co mes en que presenta a solicitude, de non ser coincidente declarará os ingresos do período desde que ten lugar a ruptura da convivencia ate o mes en que solicita a axuda. Para os ingresos ou rendas de percepción superior ao mes aplicarase o rateo para o seu cómputo mensual. Para os efectos do cómputo da axuda non se teñen en conta as rendas individuais do agresor.

c) Certificación expedida pola entidade bancaria da conta bancaria da que a solicitante é titular única ou compartida con persoa distinta do agresor, con expresión de códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

d) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero mediante algún dos documentos establecidos no punto c) do artigo 4º.

e) De ser o caso, acreditación de discapacidade co certificado expedido polas unidades correspondentes das delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar.

f) De ser o caso, acreditación de fillas/os a cargo a través do libro de familia e o informe de servizos sociais ou sentenza xudicial de custodia.

g) Declaración de axudas públicas solicitadas ou concedidas (anexo III).
Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes e tramitación.
1. As solicitudes presentarase no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes comeza a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución e rematará o 30 de novembro de 2008.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá a solicitante para que no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixese no prazo indicado, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.
1. A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración constituída pola presidenta, que será a secretaria do organismo e, polo menos, por catro vogais elixidos entre o persoal do organismo e da subdirección xeral para o tratamento da violencia de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade, un deles actuará como secretario. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora do organismo.

2. As solicitudes asignaráselles un número identificativo segundo a orde de entrada no rexistro do organismo e unha vez completada a documentación remitirase á comisión de avaliación que realizará as propostas de resolución á directora xeral do organismo, de acordo co establecido nesta disposición. A comisión reunirase polo menos unha vez ao mes, agás circunstancias xustificadas, e presentará unha proposta de resolución das solicitudes completas ate ese momento, sempre que nese período se tramitasen todos os trámites administrativos da solicitude.

Artigo 8º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora do Servizo Galego de Igualdade. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva polo que se recoñecerán axudas ate o esgotamento do crédito orzamento segundo o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver será de 6 meses que se computarán a partir do seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

4. A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá modificar, suspender ou revogar as concesións, logo de procedemento nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou por incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

5. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión e/ou revogación ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

6. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Pagamento das axudas.
1. O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo. A contía da axuda concedida aboaráselles ás solicitantes en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que lle corresponderan segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Durante o período de pagamento, o órgano xestor constatará, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), a vixencia das medidas xudiciais de protección, e incorporará ao expediente, de ser o caso, os informes dos servizos de atención ás mulleres da administración local ou autonómica, segundo corresponda, co obxecto de acreditar que se mantén a finalidade que motivou a concesión da axuda.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta que as solicitantes fixesen constar na solicitude, debendo permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

4. No prazo máximo dun mes, desde a finalización do período máximo de percepción da axuda, a solicitante presentará unha declaración na cal indique a utilidade da axuda recibida que determine que os fondos percibidos foron utilizados para os fins propostos.

Artigo 10º.-Obrigas das beneficiarias. Seguimento e control.
1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia na comunidade autónoma durante a percepción da axuda e a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.


3. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de busca activa e mellora de emprego desenvolvidos polo organismo en colaboración con outras administracións e entidades.

4. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a continuación, ademais daqueloutros que o órgano designado considere salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá, polo menos, os documentos referidos no artigo 9.2º desta disposición e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 11º.-Compatibilidade, alteración e modificación.
1. As axudas reguladas nesta disposición non serán compatibles coa percepción de calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación.

3. Cando as solicitantes teñan solicitado ou perciban a renda activa de inserción por vítima de violencia farán constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas xunto coa solicitude, e nos casos en que a solicitaran con posterioridade deberán comunicalo de xeito inmediato, xa que no caso de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor daralles opción para que no prazo de 5 días manifesten a súa opción, indicándolles que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición.

4. Para os efectos da concorrencia de axudas públicas, as solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas como a renda de integración social de Galicia, as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para esta axuda polo que no momento de recibir a notificación de concesión desta axuda deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estiveran a percibir.

5. Procederá a modificación da concesión nos supostos en que durante a percepción se produza un incremento de ingresos que supere o límite de referencia do artigo 3º tido en conta para o cálculo inicial da axuda; nestes casos a comisión de avaliación proporá a modificación da concesión por minoración ao obxecto de regularizar o importe da concesión. Nos casos en que o incremento determine que se supera o límite establecido no artigo 3º.2 c) procederá resolver a suspensión da axuda.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.
1. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor comunicaralle a interesada a apertura de procedemento de revogación no momento en que teña constancia, pola actuación dos servizos de control ou de atención ás vítimas, da variación das circunstancias da concesión ou por incumprimento das obrigas establecidas, e en todo caso cando a beneficiaria retome a convivencia co agresor ou cando solicite deixar sen efecto as medidas de protección que tivera vixentes. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ate que se dite resolución definitiva, ou ben ate que se deixe sen efecto por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais e se reinicien os pagamentos pendentes.

2. Procederá a revogación da axuda concedida, ou a apertura de expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.
b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para esta convocatoria. Os créditos para estas axudas son ampliables e poderán incrementarse, de acordo co disposto na Lei anual de orzamentos e na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, co fin de atender a todas as mulleres que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

Segunda.-As solicitudes recibidas no prazo establecido na Resolución do 2 de marzo de 2007, publicada o 7 de marzo de 2007, que ao remate do exercicio anterior non se someteran ao estudo da comisión de valoración por non estaren completos os trámites previos resolveranse ao abeiro desta resolución, fixándose a data de inicio de cómputo de mensualidades para os efectos económicos no día 1 de xaneiro de 2008 para todos os expedientes que resultaran positivos.

Terceira.-As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 7/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-As concesións destas axudas non serán obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

Disposicións derradeiras
Primeira.-A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2008.
Ana Luisa Bouza Santiago
Directora do Servizo Galego de Promoción
da Igualdade do Home e da Muller
Ver referencia pdf "01500D005P028.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es