Diario Oficial de Galicia
xoves, 17 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
12
Páxina do Dog:
1.151
Data da Disposición:
20 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases
que rexen as axudas para adquisición de equipamento e actividades programadas
por asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude e se
procede á súa convocatoria.
Orde do 20 de decembro de
2007 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para adquisición de
equipamento e actividades programadas por asociacións xuvenís e entidades
prestadoras de servizos á xuventude e se procede á súa
convocatoria.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece
no seu artigo 27.22º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a
competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer,
así como a promoción do desenvolvemento comunitario.
Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos
transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en
materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento
comunitario.
Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de
agosto, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto
232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo
1º a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta
coa Secretaría Xeral do Benestar á cal lle corresponde o exercicio das
competencias e funcións en materia de xuventude, a través da Dirección Xeral de
Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de
outubro.
As entidades xuvenís desempeñan un papel
fundamental nos diversos ámbitos da actividade social, contribuíndo a un
exercicio activo da cidadanía e á consolidación dunha democracia avanzada
representando os intereses da mocidade ante os poderes públicos e desenvolvendo
unha función esencial e imprescindible na política de xuventude, para o cal a
lei prevé o outorgamento de axudas e subvencións por parte das diferentes
administracións públicas conforme o marco legal e regulamentario de carácter
xeral que as recolle.
A Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia considera como obxectivos
prioritarios, contribuír á promoción da participación da mocidade desta
comunidade e á súa inserción na vida social de forma participativa, mediante a
dotación de axudas económicas para a realización de actividades e
desenvolvemento de iniciativas e programas, que incidan na consecución dos
obxectivos propostos, ao mesmo tempo que se promove a calidade das accións
destas entidades favorecendo a utilización de ferramentas de
planificación.
Neste sentido, nesta orde, establécense as bases
que deberán rexer as convocatorias de subvencións ás asociacións xuvenís e ás
entidades prestadoras de servizos á xuventude, distinguíndose en cada unha delas
as finalidades e beneficiarios a que van destinadas. Esta diferenciación vén
xustificada pola necesidade de cubrir obxectivos de diversa consideración, sendo
todos eles de capital importancia para o desenvolvemento do tecido asociativo
xuvenil e da participación e dinamización da mocidade que se resumen nos
seguintes:
* Fomentar a vida asociativa das organizacións
especificamente xuvenís como recursos idóneos de expresión dos intereses da
xuventude e de aprendizaxe de valores de cooperación, solidariedade e civismo, a
través da concesión de subvencións a asociacións e federacións xuvenís para o
seu plan de actividades anual e para a adquisición de bens
inventariables.
* Potenciar a realización de proxectos dirixidos
á mocidade que contribúan á mellora das condicións sociais, culturais e
educativas desta, favorecendo a súa participación activa como elemento
pedagóxico, a través da concesión de subvencións a asociacións xuvenís e a
entidades prestadoras de servizos á xuventude.
Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de
obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións
e no establecido na Lei 14/2006 pola que se aproban os orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, así como ás disposicións
aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei
4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración
pública galega e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os
rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións.
Así mesmo, na súa tramitación, obsérvase o disposto na Orde do 11 de
febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda, modificada polas ordes do
27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a
tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto
establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión
de subvencións a asociacións xuvenís e a entidades prestadoras de servizos á
xuventude da Comunidade Autónoma de Galicia para os seguintes fins:
Modalidade A: realización do programa anual de actividades e gastos de
funcionamento, entendido como o conxunto de actividades planificadas con
coherencia co fin de acadar os obxectivos estatutarios dunha
asociación.
Modalidade B: adquisición de equipamento e
material inventariable.
Modalidade C: realización de proxectos de
promoción xuvenil, entendidos como aqueles proxectos con carácter puntual e
extraordinario que unha entidade realiza co obxectivo xeral da promoción da
mocidade e como obxectivos específicos os descritos no artigo 5º, punto 3 b)
desta orde.
Artigo 2º.-Orzamento.
Para o financiamento
destas axudas, existe crédito suficiente e adecuado no proxecto de lei de
orzamentos da comunidade autónoma para 2008, aprobado polo Consello da Xunta de
Galicia o 18 de outubro de 2007, consignado nas aplicacións orzamentarias
05.32.313A.481.0, cunha contía de 500.000 euros, que financiará as axudas para a
realización do programa anual de actividades e gastos de funcionamento, así como
para a realización de proxectos de promoción xuvenil e na 05.32.313A.781.0,
cunha contía de 300.000 euros, que financiará a adquisición de equipamento e
material inventariable.
Artigo
3º.-Destinatarios.
1. Poderán solicitar subvención, ao abeiro destas bases reguladoras, as
asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude da
Comunidade Autónoma de Galicia que carezan de interese lucrativo.
1.1. Cando se trate da realización do programa anual de actividades e
gastos de funcionamento:
a) As asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
b) As federacións de asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
1.2. Cando se trate de
adquisición de equipamento e material inventariable:
a) As asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
b) As federacións de asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
1.3. Cando se trate da
realización de proxectos de promoción xuvenil:
a) As asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
b) As federacións de asociacións xuvenís
constituídas conforme a lexislación vixente.
c) As entidades
prestadoras de servizos á xuventude.
d) As federacións de entidades prestadoras de
servizos á xuventude.
Artigo 4º.-Requisitos.
Para ser beneficiarios
das subvencións a que se refire esta orde, os solicitantes deberán reunir os
seguintes requisitos:
1. Estar inscritas no
censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e
Solidariedade, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se
refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, o día da
publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e cumprir a legalidade
vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto
397/1988).
2. Non estar incurso en ningunha das prohibicións
establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
3. Será requisito imprescindible para poder
solicitar a subvención ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no
último ano, se é o caso.
Artigo 5º.-Actividades e
bens subvencionables.
As actividades e bens para os que se solicite
subvención deberán responder aos seguintes criterios:
1. Para a realización do programa anual de actividades, estas deberán ter
coherencia cos fins establecidos nos estatutos da entidade solicitante e que se
realicen no ano en que se efectúe a convocatoria correspondente.
2. Bens subvencionables na solicitude de adquisición de equipamento e
material inventariable da sede social:
a) Poderase subvencionar
a adquisición de equipamento e/ou material inventariable de uso necesario para o
funcionamento interno da entidade e para o desenvolvemento das actividades
habituais, sempre e cando se xustifique convenientemente a
necesidade.
b) Cando o gasto subvencionable supere a contía
de 12.000 euros, a entidade deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de
diferentes provedores.
c) En ningún caso o custo
de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de
mercado.
Para optar á adquisición de equipamento e/ou
material inventariable é condición indispensable presentar declaración xurada de
que a asociación ten local propio, sexa por arrendamento, cesión, doazón,
compra, etc.
3. Para a realización de proxectos de promoción
xuvenil, estes deberán cumprir algunha das seguintes finalidades:
a) Promover a participación social da xuventude na súa comunidade,
mediante actividades que potencien a educación para a participación e que
fomenten valores cívicos e democráticos.
b) Fomentar a aprendizaxe
intercultural, educación en valores, coeducación, igualdade, dereitos humanos,
autoestima persoal e colectiva; tamén intercambios con asociacións xuvenís
doutras comunidades autónomas ou países estranxeiros.
As asociacións xuvenís poderán solicitar un máximo dun proxecto e as
entidades prestadoras de servizos á xuventude un máximo de dous.
4. Quedan excluídos, para os efectos de subvención os programas docentes
e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e
federativo.
5. Subvencionaranse as actividades realizadas
desde o 1 de xaneiro de 2008, tendo en conta os límites establecidos no artigo
13º.
Artigo 6º.-Solicitude e prazo de
presentación.
1. A solicitude, segundo o modelo oficial que figura no anexo I desta
orde, poderá presentarse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos
procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir
do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia,
segundo o disposto no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.
3. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto
para que a solicitude sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes
de proceder á súa certificación.
4. A presentación da
solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e
Solidariedade e ás delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar para solicitaren as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal
da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a
Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.
Artigo 7º.-Documentación.
As solicitudes deberán acompañarse con carácter
xeral de:
a)
Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación
da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do
secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a
composición do órgano de dirección.
b) Fotocopia compulsada
do CIF da entidade.
c) Certificado dunha conta bancaria aberta a nome da
entidade.
d)
Declaración de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de
subvencións de Galicia (anexo II).
e) Os anexos III, IV e V
correspondentes á modalidade solicitada (A, B ou C) debidamente
cubertos.
f) Declaración do conxunto de todas as
solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou
actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes
públicos (anexo II).
Artigo 8º.-Emenda de defectos.
1. Se na solicitude se
apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e
Solidariedade ou as delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar,
requirirán o solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou
achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese considerarase que
desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do
26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de
resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.
2. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou as delegacións
provinciais da Igualdade e do Benestar, poderán demandar do solicitante a
modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles
levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.
Artigo 9º.-Contía máxima da subvención.
1. O importe da
subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en
concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou
doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo
da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe
máxima do gasto subvencionable que legalmente se estableza.
2. A contía da axuda concedida non poderá superar o 75% do orzamento
total das actividades subvencionadas.
Artigo 10º.-Comisión de
avaliación.
1. No caso de entidades de ámbito autonómico a comisión de avaliación
estará formada polos seguintes membros:
a) Presidenta: a
subdirectora xeral de Programas ou persoa en quen delegue.
b) Secretario/a: un/ha
funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
c) Vogais:
-A xefa do Servizo de Asociacionismo.
-Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude
e Solidariedade.
-Un/ha representante do Consello da Xuventude de Galicia.
1.1. A comisión de
avaliación poderá solicitar dos interesados a achega de cantos datos e
documentos se consideren necesarios ou convenientes para a
avaliación.
1.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes
admitidas a trámite, a comisión de avaliación elaborará un informe proposta de
resolución que elevará ao director xeral de Xuventude e Solidariedade. Con
anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os
beneficiarios que superen os 1.500 euros, para a adquisición de equipamento e
material inventariable, están ao día das súas obrigas tributarias estatais e
autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento
ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de
Galicia.
1.3. Se por calquera causa, no momento en que a
comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes
non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se
nomee.
2. No caso de entidades de ámbito provincial ou
inferior, a devandita comisión terá a seguinte composición:
a) O/a secretario/a da delegación provincial da Igualdade e do Benestar
que actuará como presidente.
b) O/a xefe/a do Servizo
de Xuventude e Solidariedade.
c) Un/ha representante do Servizo de
Administración e Contratación.
d) Un/ha representante do Consello da Xuventude
de Galicia.
e) Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da delegación
provincial.
2.1. A comisión de avaliación poderá solicitar dos interesados a achega
de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a
avaliación.
2.2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes
admitidas a trámite, a comisión de avaliación elaborará un informe proposta de
resolución que elevará ao/á delegado/a provincial da Igualdade e do Benestar.
Con anterioridade a ditar a proposta de resolución, deberase acreditar que os
beneficiarios que superen os 1.500 euros para a adquisición de equipamento e
material inventariable están ao día das súas obrigas tributarias estatais e
autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento
ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de
Galicia.
2.3. Se por calquera causa, no momento en que a
comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes
non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se
nomee.
Artigo 11º.-Criterios de avaliación.
A concesión da subvención
tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á subvención
requirirase unha puntuación mínima en cada un dos puntos sinalados nos
criterios, que será establecida pola comisión de avaliación unha vez baremados
todos os proxectos. A comisión de avaliación aplicará os seguintes criterios e
baremos para a valoración das solicitudes:
Modalidade A. Cando se
trate da realización do programa anual de actividades:
1. Criterios
cualitativos:
1.1. Fundamentación das actividades: ata 10 puntos.
1.2. Obxectivos.
Adecuación entre estes e as actividades que se van desenvolver: ata 10
puntos.
1.3. Metodoloxía. Aspectos innovadores e
participación activa da mocidade na organización das actividades: ata 10
puntos.
1.4. Participación de mozos/zas desfavorecidos/as
ou con menos oportunidades: ata 7 puntos.
1.5. Beneficiarios: se as
actividades se dirixen exclusivamente a membros da asociación valorarase ata 5
puntos. Se as actividades se dirixen a mozos/as en xeral e as realizan os
membros da asociación valorarase ata 20 puntos.
2. Criterios cuantitativos:
2.1. Número de beneficiarios directos: ata 5
puntos.
2.2.
Recursos económicos. Existencia doutras achegas para o cofinanciamento do
proxecto: ata 5 puntos.
Modalidade B. Cando se
trate da adquisición de equipamento e material inventariable da sede
social:
-O maior número de socios da entidade, acreditado
con certificación desta: ata 5 puntos.
-A existencia de
cofinanciamento para a adquisición do equipamento: ata 5 puntos.
-As actividades realizadas pola entidade no ano natural anterior á súa
solicitude: ata 5 puntos.
-A accesibilidade doutras
asociacións ou público en xeral a este material: ata 5 puntos.
-Que a asociación dispoña de local propio: ata 5 puntos.
Modalidade C. Cando se
trate da realización de proxectos de promoción xuvenil:
1. Criterios
cualitativos:
1.1. Análise da situación e fundamentación da actuación que xustifiquen o
seu interese social: ata 15 puntos.
1.2. Adecuación dos
obxectivos específicos do proxecto á finalidade e obxectivos xerais expostos no
artigo 5º desta orde: ata 5 puntos.
1.3. Programa detallado
de actividades. Coherencia entre estas e os obxectivos formulados: ata 15
puntos.
1.4. Metodoloxía. Desenvolvemento de procesos de
participación da xuventude na realización do proxecto, incluídas as fases de
elaboración, execución e avaliación. Neste sentido, considerarase imprescindible
que os/as mozos/as participen na toma de decisións: ata 20 puntos.
1.5. Impacto local. Repercusión na comunidade. Implicación doutras
entidades e colectivos sociais no desenvolvemento do proxecto: ata 15
puntos.
1.6. Avaliación. Obxecto, técnicas e indicadores:
ata 10 puntos.
2. Criterios cuantitativos:
2.1. Número de mozos/as que interveñan na
realización do proxecto e distribución de responsabilidades e tarefas: ata 10
puntos.
2.2. Número de beneficiarios directos e
indirectos: ata 5 puntos.
2.3. Recursos económicos. Existencia doutras
achegas para o cofinanciamento do proxecto: ata 5 puntos.
Artigo 12º.-Resolución.
1. Serán órganos competentes para resolver, por
delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar:
a) No caso de entidades de ámbito autonómico: o director xeral de
Xuventude e Solidariedade.
b) No caso de entidades
de ámbito provincial ou inferior: os delegados provinciais da Igualdade e do
Benestar.
2. A resolución da solicitude de subvención
seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de nove meses,
contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de
Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá
entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía
administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de
reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do
día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo
de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto
presunto, ou ser impugnados directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza,
órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é
expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da
notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de
xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reserva para si o dereito
de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e comprobar a súa execución,
cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente
as actividades subvencionadas.
4. As entidades
solicitantes ás cales non lles fose concedida a subvención disporán dun mes de
prazo, contado a partir da recepción da notificación, para retiraren a
documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.
Artigo 13º.-Xustificación e pagamento da subvención.
Unha vez notificada a
resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e pagamento na
forma en que se indica a continuación.
A xustificación das
axudas efectuarase ata o día 31 de outubro de 2008.
1. As entidades
beneficiarias presentarán para xustificar a axuda:
a) Anexo VI das
modalidades A, B ou C debidamente cuberto.
b) Facturas orixinais. As entidades que teñan
concedida subvención para máis dunha modalidade (programa de actividades,
proxecto de promoción xuvenil ou equipamento e material inventariable), deberán
facer unha xustificación para cada unha delas e cada factura só valerá para unha
modalidade, tendo en conta ademais que as facturas de compra de material
inventariable ou equipamento só son válidas para a modalidade B descrita no
artigo 1º.
c) Declaración complementaria do conxunto das
axudas solicitadas para o mesmo programa de actividades e gastos de
funcionamento, adquisición de equipamento ou material inventariable ou proxecto
de promoción xuvenil, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de
resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus
organismos, entes ou sociedades. Modelo no anexo VI.
2. Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao
pagamento da subvención. Aboarase o 75 % do gasto certificado con data do 31 de
outubro, ata o límite do importe concedido.
2.1. Nos casos das
subvencións concedidas para o programa anual de actividades e gastos de
funcionamento e para os proxectos de promoción xuvenil:
a) Poderánselles facer anticipos de pagamento do 50%, a aquelas entidades
que non superen de importe concedido os 6.010,12 euros, e librarase o importe
restante no momento da completa xustificación.
b) Para as entidades que superen os 6.010,12 euros, poderá acordarse un
pagamento parcial de ata o 50%, sempre que xustifiquen a realización da
actividade e o gasto realizado segundo se especifica nas alíneas a) e b) do
punto 1, e librarase o importe restante no momento da completa
xustificación.
2.2. Nos casos das subvencións concedidas para a
adquisición de equipamento e material inventariable, poderá acordarse un
pagamento parcial de ata o 50%, sempre que xustifique o investimento segundo se
especifica nas alíneas a) e b) do punto 1, e librarase o importe restante no
momento da completa xustificación. Non obstante, naquelas axudas que superen os
30.050,60 euros, a realización destes pagamentos parciais á conta da liquidación
definitiva, quedará condicionada a que concorran as circunstancias especificadas
no artigo 16.Dous.2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, en especial a que se
xustifique non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma
proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida
ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.
No caso de que o importe concedido supere os 30.050,60 euros, o
beneficiario está obrigado á presentación dunha garantía mediante seguro de
caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade
de crédito ou sociedade de garantía recíproca, no que cubrirá o importe do
anticipo xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro no
momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e, como
mínimo, aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de
xustificación. A presentación da garantía realizarase perante o órgano
concedente no prazo de quince días a partir da notificación da resolución de
concesión. Unha vez xustificada a subvención a garantía será
liberada.
Artigo 14º.-Obrigas dos
beneficiarios.
As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas a:
a) Realizar a actividade
que fundamenta a concesión da subvención.
b) Acreditar perante a Dirección Xeral de
Xuventude e Solidariedade ou a delegación provincial da Igualdade e do Benestar
a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou das
condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento
desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa
regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta
orde.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que
deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou a delegación
provincial da Igualdade e do Benestar, así como calquera outra comprobación e
control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto
nacionais coma comunitarios e achegar canta información lles sexa requirida no
exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle á
Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou á delegación provincial da
Igualdade e do Benestar a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos
que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse
tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da
aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dispoñer dos libros
contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos
termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario
en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de
comprobación e control.
f) Conservar os
documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os
documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de
comprobación e control.
g) Adoptar as medidas de
difusión contidas no punto 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
h) Incluír en todo o
material de divulgación das actividades obxecto desta axuda, a referencia de que
esta está subvencionada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través
da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, mediante a inclusión da súa
imaxe corporativa, así como realizar todo este material (folletos, carteis,
cartas, circulares, etc.) en galego.
i) Comunicar á Dirección
Xeral de Xuventude e Solidariedade ou aos respectivos servizos provinciais, con
15 días de antelación, a realización das actividades para as que se pide
subvención.
j) Figurar ao día do cumprimento das súas obrigas
tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non ser debedor en
virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha
débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade
autónoma. En caso contrario non se fará o pagamento da subvención.
Artigo 15º.-Control e reintegro da subvención.
1. Procederá o reintegro
nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:
a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente
nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia e no establecido nesta orde.
b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa
concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación
daquelas que o impedisen.
c) Incumprimento das
condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública,
así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao
modo en que deben acadarse os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o
proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención
ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de
verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a
realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de
subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de
calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión
Europea ou de organismos internacionais.
d) Incumprimento da
obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo
anterior.
e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás
actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento
das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso
derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o
cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades
subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos
para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos
ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos
internacionais.
2. Con independencia das causas de reintegro
enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou
anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos
artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra
algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver
as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de
concesión cando concorra causa de reintegro.
3. As cantidades que se
deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público,
resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23
da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 16º.-Modificación da subvención.
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención de conformidade co
disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposicións adicionais
Primeira.-No caso de que unha vez ditada a
resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen
adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións.
En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na
correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma
para o ano 2008 e, dada a tramitación anticipada deste expediente de gasto, a
súa efectividade queda condicionada a que unha vez aprobada a Lei de orzamentos
para 2008, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes
no momento da convocatoria.
Segunda.-Apróbase a
delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no
director xeral de Xuventude e Solidariedade e nos/as delegados/as provinciais,
en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión,
denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta
orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas
e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de
infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cuarta.-De conformidade
co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas
prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o
importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude autoriza
expresamente para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa
publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude o
beneficiario autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e
facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de
axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas
concedidas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude
e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o
desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela,
20 de decembro de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do
Benestar
Ver referencia pdf
"01200D002P047.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es