Diario Oficial de Galicia
mércores, 16 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
11
Páxina do Dog:
1.048
Data da Disposición:
28 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR
Rango:
Orde
Título:
Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se regulan as bases que
rexerán as subvencións dirixidas a concellos e mancomunidades de municipios para
o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa
convocatoria para o ano 2008.
Orde do 28 de decembro
de 2007 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a
concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e a realización de
actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano
2008.
No Decreto 517/2005, do 6 de outubro,
establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
No seu artigo 6 número 2.2º b) establécese que lle corresponde á Dirección Xeral
de Xuventude e Solidariedade a xestión e coordinación das actuacións da
Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración
e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a
xestión do sistema de Rexistro Autonómico das Entidades de Acción Voluntaria.
Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción,
investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas
segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de
Galicia.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar
considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades
no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no
desenvolvemento comunitario.
Esta convocatoria
tramítase como anticipada de gasto de acordo coa Orde do 11 de febreiro de 1998
pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada
pola Orde do 28 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001; de
acordo co disposto no capítulo II do título preliminar da Lei 9/2007, do 13 de
xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo
que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e
no establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2008, aprobado na reunión do Consello da Xunta de Galicia do
día 18 de outubro de 2007.
Na tramitación anticipada
deste expediente poderase chegar ata o momento inmediatamente anterior ao da
disposición ou compromiso de gasto, sempre que se fagan constar nas bases
reguladoras ou na convocatoria a circunstancia de que o gasto que se proxecta
queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron
concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases
reguladoras polas cales se rexerán as subvencións dirixidas a concellos e
mancomunidades de municipios para o fomento e realización de actividades de
voluntariado durante o ano 2008.
2. Estas axudas
outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de
publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade,
non-discriminación, eficacia e eficiencia.
3. Serán subvencionables
os programas e actuacións presentados polos concellos e mancomunidades de
municipios sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se
realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das
seguintes áreas:
a) Área de sensibilización: o obxectivo destes
programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e valor
da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o
voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
-Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas
a dar a coñecer a realidade das asociacións, así como a promoción e captación de
voluntariado.
-Realización de campañas que fomenten a
sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas
organizacións.
-Estudos encamiñados a coñecer a realidade do
voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal,
etc.).
b) Área de formación e participación: perséguese
aquí unha modernización e adaptación permanente dos entes locais á realidade
social a través destas liñas fundamentais:
-Gastos de formación de
persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
-Incorporar actuacións innovadoras na aplicación de boas prácticas que
sirvan de referentes, actúen como dinamizadores da participación social e
favorezan a continuidade do voluntariado.
-Fomento e incorporación
de novas tecnoloxías dentro das entidades como por exemplo o deseño e mantemento
de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o
traballo en rede e a coordinación entre os diferentes concellos e mancomunidades
incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes
eidos do voluntariado, así como as iniciativas de carácter experimental que
acheguen solucións innovadoras.
Artigo
2º.-Beneficiarias/os.
As/os beneficiarias/os das axudas serán os
concellos e mancomunidades de municipios de Galicia que realicen proxectos de
voluntariado durante o ano 2008 e que se desenvolvan dentro das áreas de
actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de
Galicia.
Artigo 3º.-Requisitos das/os
beneficiarias/os.
1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións
imprescindibles:
-Que os concellos e mancomunidades de municipios
estean inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na
data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
-Non ter débedas no período executivo de pagamento na Comunidade Autónoma
galega e nas restantes administración públicas.
-Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e
accidentes de todas as persoas voluntarias para o ano en curso e na data de
presentación da solicitude.
2. Polo contrario, non
poderán solicitalas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das
circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral
de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
3. Deberán manter os requisitos exixidos durante
todo o período de realización do programa subvencionado.
Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.
As axudas faranse efectivas con cargo á
aplicación orzamentaria 2008.05.32.312F.460.0 (proxecto 2003 00512) por un
importe 400.000 €, segundo o establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais
da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, aprobado na reunión do
Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2007, quedando condicionado
á existencia de crédito axeitado e suficiente.
Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.
1. Serán conceptos subvencionables os gastos
correntes que deriven da realización das actividades de voluntariado realizadas
e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro
ata o 15 de outubro de 2008, entre os cales se inclúen a contratación laboral de
persoal técnico, gastos derivados de desprazamentos do persoal voluntario,
gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, contratación de
persoal experto, formación de persoal técnico ou voluntario, adquisición de
material funxible pero non inventariable, servizos de comunicación (telefónicos,
postais e telegráficos) e seguros de voluntarias ou voluntarios.
2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de
investimento os xuros debedores das contas bancarias, recargas e sancións
administrativas nin gastos de procedementos xudiciais.
3. En ningún caso o importe da subvención será superior ao 80% do
orzamento total do proxecto.
Artigo 6º.-Solicitudes,
prazo de presentación e documentación.
1. O prazo para a presentación das solicitudes
será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial
de Galicia.
As solicitudes, xunto coa documentación,
dirixiranse ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, presentaranse no
rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións
provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro.
2. As solicitudes cubertas segundo o modelo do
anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia compulsada do DNI da/o representante legal do concello ou da
mancomunidade.
b) Fotocopia compulsada do CIF da concello ou da
mancomunidade.
c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta do concello ou
da mancomunidade onde se fará o ingreso da subvención.
d) Certificación expedida pola/o secretaria/o do concello ou da
mancomunidade co visto e prace do representante legal (anexo II), que recolla: o
acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a
subvención, a acreditación da persoa que teña o cargo do representante legal,
así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo
proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes
públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como os fondos propios
que achega a entidade.
e) Proxecto tal e como se
recolle no anexo IV, admitíndose un só proxecto por municipio ou
mancomunidade.
f) Acreditar que a entidade esta ao día no
cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non
ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da
comunidade autónoma e das restantes administracións públicas.
3. No caso de que algún dos documentos relacionados nas alíneas a), b), e
c) fosen presentados na Administración, deberán facelo constar, así como o
expediente para o cal foron presentados, e queda, deste xeito, exento de
presentación.
4. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os
requisitos exixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo
de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do
devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con
indicación de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa
solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no
artigo 42 da devandita lei.
Artigo 7º.-Instrución e
resolución.
1. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade será o órgano
competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do
disposto nesta orde.
2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de
valoración que estará composta polos seguintes membros:
Presidenta/e: subdirectora ou subdirector xeral de Solidariedade e
Participación.
Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección
Xeral de Solidariedade e Participación a/o cal participará con voz pero sen
voto.
Vogais:a/o xefa/e de Servizo de Solidariedade,
dúas/os técnicas/os da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación,
as/os xefas/es dos servizos de Xuventude e Solidariedade das catro delegacións
provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa
para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.
4. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para
que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas
seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º desta
orde.
5. A comisión proporá a contía das axudas
correspondentes a cada concello ou mancomunidade de municipios, que en ningún
caso superará o 80% do orzamento total, ata esgotar o crédito
dispoñible.
6. A comisión poderá establecer un mínimo de
puntuación a partir do cal non se valoren os proxectos por considerarse que non
se adecuan á calidade exixida nas bases.
Artigo 8º.-Criterios de
valoración.
A
valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de
valoración do artigo 7º.
No devandito procedemento
teranse en conta os seguintes criterios:
a) Coherencia xeral do proxecto (ata 30
puntos).
-Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos,
programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades
aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación; os resultados previstos, a
oportunidade e interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva,
clara, de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van
desenvolver.
-Información precisa e detallada de cada unha das
actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións
debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade
dirixidos ás actividades propostas, explicando o orzamento co cal se parte e as
cantidades que se solicitan.
-Secuencia lóxica da
intervención: situación da cal se parte e a onde se quere chegar detalladamente,
información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que conta e os
que terán que incrementar.
-Importancia da actuación
en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da
sociedade.
b) Capacidade da entidade e solvencia (ata 20
puntos).
-Se
a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior
contía ca o que presenta.
-Achega financeira da
entidade ao proxecto.
-Concorrencia doutras fontes de financiamento do
programa de caracter privado.
c) Proxectos innovadores que introduzan novas
prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito
educativo, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos
novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).
d) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de
voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a
inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado e a
participación de voluntarias/os da organización (ata 10 puntos).
e) Participación do voluntariado nas actividades do proxecto, acreditado
mediante xustificación bancaria de aboamento da prima das pólizas dos seguros
correspondentes (ata 10 puntos).
f) Consonancia entre a
formación recibida polas/os voluntarias/os da entidade e a actividade
desenvolvida nela (ata 5 puntos).
g) Proxecto conxunto con
outras entidades (ata 5 puntos).
h) Garantir, na presentación do proxecto, a esta
Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación o uso do galego. Así mesmo,
facer constar en toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos
públicos, material que se cree e propaganda relativos á actividade
subvencionada, o seu contido en galego e a colaboración deste organismo,
incorporando de xeito visible o seu logotipo (ata 5 puntos).
Artigo 9º.-Resolución.
1. Analizadas as solicitudes pola comisión de
valoración, esta levantará acta na cal se recollerá a proposta de resolución
para a súa elevación ao director xeral de Xuventude e Solidariedade quen
resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento
non poderá exceder seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao
da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3. No momento do vencemento do prazo máximo sen se ter notificado a
resolución aos interesados, poderá entenderse desestimada a solicitude de
concesión da subvención por silencio administrativo.
4. Notificada a resolución polo órgano concedente, o beneficiaria/o
disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcurrido o cal sen
que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente
aceptada.
Artigo 10º.-Réxime de recursos.
As resolucións expresas
ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía
administrativa, e contra ela caberá interpoñer directamente recurso
contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día
seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a
partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo isto sen
prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da
xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 11º.-Xustificación
da axuda concedida.
1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de
subvención e para xustificar o correspondente pagamento é a que establece esta
convocatoria, é dicir, o 15 de outubro de 2008. Para isto o beneficiario deberá
presentar, na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou nas delegacións
provinciais da Igualdade e do Benestar ou a través dalgunha das formas
recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte
documentación por duplicado:
1.1. Certificación
expedida pola/o secretaria/o da entidade co visto e prace da/o representante
legal (anexo III), na cal se farán constar:
a) Conxunto de todas as
axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das
distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados,
nacionais ou internacionais, así como os fondos propios do concello ou
mancomunidade.
b) A relación de actividades
realizadas.
c) O importe do gasto efectuado (en cifras e letra).
d) Cumprimento da
finalidade para a cal se concedeu a subvención.
1.2. Memoria descritiva
das actividades realizadas de acordo co proxecto presentado que, como mínimo,
conterá as seguintes epígrafes: obxectivos acadados, descrición das actividades
desenvolvidas especificando, por cada unha delas, o lugar e as datas de
realización, o número de beneficiarios e o persoal implicado na súa execución
(voluntariado e persoal remunerado).
2. Os órganos competentes
da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións
ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que
a/o beneficiaria/o non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase
que renuncia á axuda.
Artigo 12º.-Concorrencia
de subvencións públicas e modificacións da resolución.
1. O importe das axudas e
subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que,
illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo
do proxecto subvencionable.
2. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación
da resolución de concesión.
3. O órgano competente
para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por
instancia da/o beneficiaria/o. Os requisitos que se deberán cumprir para isto
son que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da
finalidade das bases reguladoras.
4. O acto polo que se
acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado
polo órgano concedente logo da instrución do correspondente
expediente.
Artigo 13º.-Anticipos e pagamentos.
Unha vez ditada a
resolución de concesión e aceptada, poderase facer un anticipo de pagamento de
ata o 10% nos supostos do artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo
que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia e de acordo co artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
Nos demais casos a
subvención farase efectiva nun único pagamento tras a aceptación pola entidade
solicitante e presentación de xustificantes de ter realizadas as actividades
segundo o proxecto presentado polo importe total do proxecto; non obstante,
poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16.2º do Decreto
287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na
medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase no momento da
completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e
demais condicións coas cales lle foi concedida a subvención.
Artigo 14º.-Obrigas das/os beneficiarias/os.
Os concellos ou
mancomunidades de municipios que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas
recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
1. As obrigas das entidades beneficiarias das
axudas serían:
a) Cumprir o proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión de
subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e
condicións que determinen a concesión da subvención así como a realización da
actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da
subvención.
c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación
que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que
poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como
estatais ou comunitarios.
d) Comunicarlle ao órgano
concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que
financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das
circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Esta comunicación
deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á
xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Acreditar, con anterioridade a que se dite proposta de resolución de
concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa
Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa
Administración pública da comunidade autónoma.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais
documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das
facultades de comprobación e control.
g) Conservar os
documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser
obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos
proxectos. Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en
todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as
actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do
Benestar.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos
nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
2. Sen perxuízo do disposto no punto anterior, as
entidades deberán comunicarlle por escrito certificado, nun prazo de vinte (20)
días antes da realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á
Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Artigo 15º.-Fiscalización e control.
A concesión das axudas e subvencións reguladas
nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control
financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos
que establece no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de
comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de
Contas.
Artigo 16º.-Reintegro das axudas ou
subvencións.
Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de
demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde
a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que son as seguintes:
-Obtención da subvención falseando ou ocultando as condicións
requiridas.
-Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de
subvención.
-Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente
nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia e nesta orde.
-Incumprimento da obriga
de adoptar medidas de difusión.
-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás
actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente,
así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de
documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos
fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e
a concorrencia doutras axudas.
-Incumprimento das
obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos
beneficiarios cando derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que
afecten o modo en que se conseguen os obxectivos ou cando do incumprimento
derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou o
cumprimento do obxecto.
De acordo co disposto no
artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración
xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación comportará a obriga de
devolver as cantidades percibidas.
Así mesmo, procederá o
reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención,
illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións
públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais,
supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.
Artigo 17º.-Publicidade.
1. Unha vez ditada a concesión das axudas,
publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con
indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao cal se imputen,
a entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención, de conformidade co
disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de
Galicia.
2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta
de Galicia a concesión indicando a relación de beneficiarias/os e o importe das
axudas, ao abeiro do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e
boas prácticas na Administración pública galega.
Disposicións adicionais
Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do
vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e
Solidariedade, para desenvolver a concesión, denegación, modificación ou outras
incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer
o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co
disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
Segunda.-No caso de que unha vez ditada a
resolución de concesión de axudas amparada nesta orde quedase crédito
orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria
de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade
consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da
comunidade autónoma para o ano 2008.
Terceira.-Os
beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións
previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, e demais normas de aplicación.
Cuarta.-Coa presentación da solicitude (anexo I), a/o beneficiaria/o dá a
súa conformidade a que os datos facilitados para concesión da subvención figuren
no Rexistro Público de Subvención coas excepcións do artigo 15.2º d) da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A
relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina
web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en
cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia;
na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na
Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 26 de xullo, polo que
se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do
29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2006.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o
director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan
precisas en relación con esta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de decembro de
2007.
Anxo
Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf
"01100D003P008.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es