Diario Oficial de Galicia
martes, 15 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

10


Páxina do Dog:

970


Data da Disposición:

31 de decembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 axudas para a prevención de ataques de lobo ao gando.



Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 axudas para a prevención de ataques de lobo ao gando.

Ao abeiro do disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución española, en virtude do establecido no artigo 27.15º do Estatuto de Autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, establecendo a súa estrutura orgánica básica polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, en que se recolle a Dirección Xeral de Conservación da Natureza como un dos centros directivos adscritos a ela. Así mesmo, segundo o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, compételle á dita consellería, a través da precitada dirección xeral a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

A presenza do lobo en espazos rurais moi humanizados é, con frecuencia, causa de conflito cos gandeiros. Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estableceu unha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados por esta actividade depredadora dos lobos. Nesa mesma liña, preténdense agora artellar diversas accións de protección dos rabaños para evitar os danos que causan estes cánidos sobre a facenda gandeira do noso país. Son medidas, tradicionais unhas e máis innovadoras outras, que pretenden afastar do gando doméstico, que pasta en réxime de liberdade ou de semiliberdade, os lobos que puidesen depredalo.

O réxime xeral das axudas e subvencións nesta Administración pública establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal está representada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

Na súa virtude, conforme co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e principios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer unha liña de axudas para fomentar a aplicación de medidas de protección do gando saneado en explotacións extensivas ou semiextensivas, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos e disuasorios dos ataques do lobo á facenda gandeira saneada das especies vacún, cabrúa e ovina.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.
1. Ao abeiro desta orde, subvencionarase a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos, o emprego de curros e a instalación de detonadores de propano.

2. Non será obxecto de subvención nesta campaña o transporte dos materiais, nin man de obra para a instalación e mantemento dos pastores eléctricos, nin a adquisición de cables e postes e todos aqueles que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables.

Artigo 3º.-Beneficiarios e requisitos comúns.
1. Poderanse acoller a estas axudas os gandeiros con explotacións na Comunidade Autónoma de Galicia, das especies ovina, vacún e cabrúa.

2. O gando deberá estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

3. Os beneficiarios destas axudas terán que acreditar a súa condición de propietarios dun conxunto de gando maior superior a 10 cabezas ou de gando menor superior a 30 cabezas.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Adquisición de cans mastíns.
1. Será subvencionable a adquisición durante o ano 2008 dos cans de raza mastín leonés dunha idade inferior aos 4 meses, debendo presentar a documentación relativa aos controis sanitarios realizados segundo as indicacións establecidas no anexo III desta convocatoria.

2. Estas axudas poderán cubrir a totalidade do custo de adquisición dos cans mastíns. O número dos subvencionables por explotación estará en función da facenda gandeira e pode subvencionarse un máximo dun mastín por cada 30 reses de gando menor ou 10 reses de gando maior; ata dous mastíns por explotación.

3. O importe das axudas non excederá de 150 € por mastín e poderán minorarse na contía que proceda, en función do número de solicitudes e da contía orzamentaria.

Artigo 5º.-Pastores eléctricos.
1. As axudas relativas á instalación dos pastores eléctricos poderán cubrir a totalidade do seu custo de adquisición. Instalaranse en valados segundo as especificacións establecidas no anexo III.

2. A contía máxima da axuda por cada pastor será de 100 € e poden concederse varias axudas para a instalación de máis pastores nunha mesma explotación e formuladas nunha mesma solicitude, non superando en ningún caso o número de 4.

3. Os investimentos relativos ás instalacións dos pastores eléctricos deberán realizarse dentro do período comprendido entre a notificación da concesión da axuda e o 15 de setembro, conforme prevé o artigo 15º desta orde.

Artigo 6º.-Emprego de curros.
1. As axudas concedidas poderán cubrir a totalidade do custo da adquisición dos curros, sendo a contía máxima da devandita axuda para o emprego de curros de 60 € por explotación.

2. Así mesmo, os investimentos relativos ao emprego de curros deberán realizarse dentro do período comprendido entre a notificación da concesión da axuda e o 15 de setembro, conforme prevé o artigo 15º desta orde.

Artigo 7º.-Detonadores de propano.
1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará un máximo dun detonador por cada 30 reses de gando menor ou 10 reses de gando maior e ata tres detonadores por explotación.

2. O importe máximo da axuda será de 150 € por detonador, sen que poida superarse, en ningún caso, o seu custo total.

Artigo 8º.-Compromisos por parte do gandeiro que perciba unha subvención.
1. O gandeiro perceptor da axuda asume o compromiso do mantemento e debido uso dos sistemas de prevención de danos que sexan obxecto de subvención. Para tal efecto, poderá solicitar asesoramento técnico á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

2. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá realizar as inspeccións que considere oportunas para comprobar o estado, o manexo e a eficiencia dos sistemas de prevención de danos subvencionados.

3. O beneficiario destas axudas asume a obriga, polo menos durante un prazo de tres anos, de destinar os devanditos elementos preventivos e disuasorios obxecto de subvención para os fins de protección previstos nesta orde.

Artigo 9º.-Criterios para a concesión da axuda.
1. Para a concesión das axudas establécense os seguintes criterios de valoración, por orde de preferencia:

a) Existencia de ataques de lobos e reincidencia de ataques (*) (10 puntos; e 1 punto máis por cada ataque reincidente).

b) Presenza e densidade de lobo no concello (**): zona 1: 8 puntos, zona 2: 4 puntos, zona 3: 1 punto.

c) Nº de cabezas de gando:
Gando maior, máis de 10 cabezas: 2 puntos.
Gando maior, máis de 20 cabezas: 4 puntos.
Gando maior, máis de 40 cabezas: 6 puntos.
Gando menor, máis de 30 cabezas: 2 puntos.
Gando menor, máis de 60 cabezas: 4 puntos.
Gando menor, máis de 100 cabezas: 6 puntos.
(*) A existencia de ataques de lobos toma como criterio espacial o do municipio en que se produciron os ataques e, como criterio temporal, o do último ano segundo establece o anexo IV.

(**) A presenza e densidade de lobos na zona determinarase en función dos datos que figuran no mapa de densidades do proxecto de Plan de xestión do lobo que elaborou a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

2. O criterio de repartición será atendendo ás solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata esgotar o crédito.

Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o modelo normalizado que se recolle no anexo I desta convocatoria.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir da data de entrada en vigor desta orde.

3. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:
a) Copia das follas de saneamento.
b) Fotocopia do CIF/NIF do propietario das reses.
c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo II a esta orde.

d) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente deste polo que se aprobou a solicitude desta axuda.


e) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación coa que se actúa e ademais o acordo dos partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais acreditarase que o acordo se tomou pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na devandita comunidade.

f) Declaración do conxunto das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para mesmo fin, das distintas administracións públicas.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, agás denegación expresa por parte do solicitante; debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Esta comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión coma da tramitación do pagamento.

Artigo 11º.-Tramitación.
1. As solicitudes da axuda serán examinadas xunto coa documentación anexa nos servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. No caso de carencias ou defectos de forma, requirirase ao interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou proporcione os documentos preceptivos. De non se proceder á devandita emenda no prazo indicado, terase por desistido da súa petición segundo o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá será ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes xunto co seu informe á Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, no prazo máximo de dous meses, contados a partir da data límite de presentación de solicitudes.

3. Os expedientes serán valorados por unha comisión de avaliación creada para tal fin. Esta comisión. establecerá a puntuación mínima que deben acadar os solicitantes para obter a condición final de beneficiarios, tendo en conta o límite orzamentario previsto. A comisión estará presidida polo titular da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión os titulares das xefaturas de servizo e sección competentes en materia de recursos cinexéticos nos servizos centrais. Este último actuará como secretario desta.

4. Esta comisión de avaliación formulará o correspondente informe-proposta de concesión ou denegación das subvencións, proposta que se axustará ao disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e que será elevada ao órgano competente para resolver.

Artigo 12º.-Resolución e recursos.
1. O director xeral de Conservación da Natureza, por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta orde, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos criterios preferentes contidos nela e das dispoñibilidades orzamentarias.

2. Transcorrido o devandito prazo para resolver y notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa da resolución, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo máximo de 15 días, desde a súa notificación coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

5. O solicitante verase obrigado á comunicación de calquera das modificacións que foron tidas en conta para ditar a resolución de aprobación da subvención solicitada e, en especial, as relativas ao previsto no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e do coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 13º.-Publicidade da resolución.
1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, expresando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se lle imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Igualmente, de conformidade cos punto 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 14º.-Compatibilidade.
As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Xustificación do gasto.
1. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante documentación que acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. De ser o caso, á anterior documentación xuntaráselle a copia das facturas emitidas polos provedores.

2. No caso de adquisición de cans mastíns presentarase ademais do especificado no punto 1, o certificado expedido por un veterinario colexiado, en que se acredite a idade do can e a súa raza. Deberase acompañar así mesmo da documentación sobre os controis sanitarios.

3. Con carácter xeral e agás que a resolución da concesión da axuda dispoña o contrario, as xustificacións dos investimentos deberanse realizar antes do 15 de setembro, presentando a documentación acreditativa de tal circunstancia nos servizos provinciais de Conservación da Natureza.

Artigo 16º.-Revogación.
1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das cuantías percibidas e a exixencia dos xuros de mora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. Aos beneficiarios seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable segundo o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 17º.-Control das actividades subvencionadas.
1. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir o órgano xestor correspondente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


2. De conformidade co establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 18º.-Financiamento.
As axudas concedidas ao abeiro desta orde financiaranse pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541 B. 770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, ata un importe de 94.500 euros para o exercicio orzamentario.

Esta dotación inicial poderá incrementarse en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais
Primeira.-Delegación de funcións.
Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1º, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Anticipado de gasto.
Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf "01000D009P042.PDF"
Ver referencia pdf "01000D010P047.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es