Diario Oficial de Galicia
martes, 15 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

10


Páxina do Dog:

950


Data da Disposición:

31 de decembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a conservación e recuperación das poboacións de coello de monte autóctono e se convocan para o ano 2008.



Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a conservación e recuperación das poboacións de coello de monte autóctono e se convocan para o ano 2008.

O coello de monte é o principal obxectivo da caza menor en Galicia. Este lagomorfo sufriu nos últimos anos o progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural e o paulatino abandono dos cultivos que constituían unha parte importante da dieta deste animal e, a maiores, o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, polo que diminuíron dramaticamente as súas poboacións.

Co obxecto de reforzar estas poboacións deficitarias recorreuse a repoboar os nosos montes con coellos híbridos, procedentes de granxas cinexéticas, que están poñendo en perigo a calidade xenética das poboacións cunícolas autóctonas.

Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e os aproveitamentos sustentables dos recursos.

Por todo isto, faise necesario poñer en marcha un programa de axudas que incentivando actuacións racionais no medio natural propicien a recuperación do noso coello autóctono.

Esta orde pretende establecer unha liña de axudas económicas para fomentar a construción de instalacións de produción e cría en semiliberdade do coello de monte, propiciar o restablecemento das súas poboacións, naqueles espazos en que xa non queden efectivos ou se atopen en niveis moi baixos, ao tempo que se reforza a presenza de exemplares autóctonos en substitución dos coellos híbridos utilizados nas repoboacións dos montes nos últimos anos.

O artigo 148.1.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confírenlle á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza. O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúelle á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

Por outra parte, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza á consellería, a cal realizará cantas actuacións considere precisas para alcanzar os fins da lei. Entre elas, e co fin de conservar, preservar e mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro de devandito obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades destinadas á conservación e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento sustentable.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa comunidade autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, en todo o que non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa cría en semiliberdade e a súa reintrodución no medio natural. Para tal fin a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible levará a cabo un programa de actividades de divulgación das técnicas e medidas precisas para a consecución destes obxectivos.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.
Son actuacións subvencionables destas axudas a construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade, que se inicien a partir da publicación da orde e que terminen no prazo sinalado na resolución de adxudicación (supeditado ao límite temporal do ano 2008) a que se refire o artigo 10 desta orde, así como de tobeiras artificiais a aqueles beneficiarios que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas, seguindo as instrucións do anexo II.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderanse acoller a estas axudas os titulares de terreos cinexeticamente ordenados de carácter societario (Tecor), que teñan a dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Contía dos investimentos e das axudas.
1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará investimentos ata un máximo de 18.000 euros por beneficiario para as instalacións que cumpran os requisitos do anexo II e doutros investimentos necesarios para a reintrodución dos coellos no medio natural, podendo chegar a porcentaxe da axuda ata o 100% do custo, onde soamente será opcional o peche superior.

O IVE non será subvencionable, tampouco todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

2. Para os efectos do disposto no artigo 27.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao seu contido.

3. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretende executar e poderanse presentar no rexistro da consellería, nos das súas delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
-Fotocopia do CIF/NIF do beneficiario da subvención.
-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do beneficiario da axuda, con expresión do seu CIF/NIF e o número de conta (vinte díxitos).

-Se o titular fose unha sociedade, acordo do seu órgano competente polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, en que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Anexarase o DNI da persoa designada.

-Declaración da existencia de persoal encargado das instalacións.
-Memoria do proxecto, que se adecue ás indicacións do anexo II e que deberá incluír: descrición das instalacións, plano de captura ou adquisición dos reprodutores, programa orzamentario, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución, así como de calquera outra instalación que se pretenda facer. O plan de manexo do cerramento e o programa sanitario que se vaia aplicar acomodaranse ás especificacións do anexo III. (Facilitarase un modelo nas dependencias dos servizos provinciais).

-Declaración do conxunto das solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas competentes.

-Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións (anexo IV).

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir calquera documentación complementaria que considere conveniente.

3. Para a acreditación dos méritos recollidos no artigo 8 e que sexan alegados, deberán presentarse:

Punto a): copia do contrato cunha duración mínima dun ano.
Puntos b) e c): compromiso por escrito.
Punto d): será válida como xustificación a certificación do técnico ou axente do servizo provincial que comprobase no momento oportuno a realización das actuacións, logo da comunicación por parte da sociedade ao citado servizo.

Punto e): táboas de resultados diarios das xornadas cinexéticas segundo o modelo do caderno de caza dispoñible nos servizos provinciais de Conservación da Natureza (cubrir o anexo V).

Punto f): memoria en que se recolla a metodoloxía empregada e os resultados obtidos nos estudos levados a cabo. Deberase demostrar o uso do galego para acollerse ao incremento de puntos.


Punto g): documentos xustificantes da realización da actividade (convocatoria, anuncio publicitario, documentación entregada…) dos cales se deduza o contido e duración desta. Deberase demostrar o uso do galego para acollerse ao incremento de puntos.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Esta comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión como da tramitación do pagamento. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

5. No caso de solicitar axudas por un importe subvencionable superior a 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o establecido no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.
As solicitudes de subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e presentaranse, debidamente asinadas, por duplicado, nas delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde.

Artigo 7º.-Inspección previa e final.
En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal técnico realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica, e en caso de solicitar tobeiras artificiais soamente, ver que teñen realizadas as instalacións previas de cría, e unha inspección final unha vez terminadas as obras para poder facer a correspondente certificación.

Artigo 8º.-Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.
1. A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:

Ver referencia pdf "01000D007P022.PDF"
Artigo 9º.-Tramitación.
1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se acompañan dos documentos sinalados.

Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos, indicándolle que, de non facelo, terase por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, os servizos provinciais de Conservación da Natureza enviarán os expedientes completos no prazo de dous meses a partir da data de presentación de solicitudes para a súa baremación conxunta na Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas por parte dunha comisión que establecerá a puntuación mínima que deben alcanzar os solicitantes para obter a condición final de beneficiarios tendo en conta o límite orzamentario. Esta comisión presidiraa o titular da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen delegue. Ademais serán membros da citada comisión os titulares das xefaturas de servizo e sección competentes en materia de recursos cinexéticos e piscícolas nos servizos centrais. Este último actuará como secretario.

3. A Administración autonómica procurará unha repartición xeográfica equilibrada dos cerramentos, para propiciar o efecto divulgador da eficacia deste tipo de instalacións. Para tal efecto, terase en conta este criterio para resolver as posibles situacións de igualdade, que se puidesen dar entre as solicitudes que se presenten.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.
1. O director xeral de Conservación da Natureza, por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta convocatoria, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos criterios preferentes contidos na mesma e das dispoñibilidades orzamentarias. Transcorridos seis meses a partir da entrada en vigor desta orde, as solicitudes que non sexan expresamente resoltas entenderanse denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver establecida nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición diante do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Notificación aos interesados.
As resolucións seranlles notificadas a cada un dos solicitantes, dentro dos dez días seguintes á sinatura da resolución.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.
1. As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu comezo coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas fosen necesarias.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberase manter durante un prazo mínimo de 5 anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os investimentos obxecto de subvención deberanse realizar no prazo que se indique na resolución de adxudicación (supeditado ao límite temporal do ano 2008). Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder, por delegación do conselleiro e antes de que remate o período de execución, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os beneficiarios deberán de conservar os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos.

Artigo 13º.-Aceptación.
O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo máximo de 15 días, desde a súa notificación coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo14º.-Compatibilidade.
As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Publicidade da resolución.
1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, dos beneficiarios, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a orde e a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Así mesmo, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida segundo o disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a este poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.


Artigo 16º.-Xustificación do gasto.
1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobará a realización efectiva das instalacións, o cumprimento da finalidade e asistirá tecnicamente os adxudicatarios para que as técnicas de reprodución, cría e reintrodución sexan aplicadas coa maior corrección, todo iso de conformidade co establecido no artigo 30.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O Servizo Provincial de Conservación da Natureza, logo da correspondente inspección final, deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante documentación que acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. De ser o caso, á anterior documentación anexaráselle a copia das facturas emitidas polos provedores.

Vista a certificación final das obras coa documentación presentada e o informe do servizo provincial correspondente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza fará proposta de subscrición da subvención concedida.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7º da Lei 9/2007.

Artigo 17º.-Disposicións xerais.
1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo o anexo VI.

Artigo 18º.-Revogación.
1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, tras o informe previo do servizo provincial, e tras a audiencia previa ao interesado, o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, coa subscrición dos xuros de demora fixados pola lei.

Artigo 19º.-Alteración das condicións da subvención.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Artigo 20º.-Obriga de facilitar información.
Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Financiamento.
As axudas concedidas ao abeiro desta orde financiaraas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541 B. 781.0, código de proxecto (2007 00642), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, ata un importe de 160.000 euros para o exercicio orzamentario

Esta dotación inicial poderá incrementarse en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais
Primeira.-Delegación de funcións.
Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 10.1º, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Expediente anticipado de gasto.
Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf "01000D007P022.PDF"
ANEXO II
Indicacións xerais básicas ás que deben axustarse os proxectos de produción e cría de coellos de monte en réxime de semiliberdade.

Os terreos dedicados á cría de coellos en semilibertade terán entre 2.500 e 3.500 m2 , incluíndo os cerramentos de produción principal e de apoio.

Os cerramentos estarán rodeados por un valo dunha altura non inferior aos dous metros, que impida tanto a entrada doutros animais, especialmente predadores, ou persoas, como a saída dos coellos. Ademais débese profundar no solo máis de medio metro, ou ata atopar un substrato dificilmente escavable. A gabia escavada encherase cunha cimentación de formigón, ou ben enterrarase unha malla metálica. Poderase incluír un peche superior de malla de rede para minimizar a depredación.

O cerrado de produción principal terá dúas partes, unha de alimentación e outra de refuxio, separadas por un valado con pasos que poidan pecharse á vontade.

A zona de alimentación ocupará o 90 % do peche principal e disporá dunha pradaría para a alimentación dos coellos, na cal se instalarán bebedoiros e comedeiros e que contará con algunha estrutura de refuxio provisional que facilite a captura dos animais. A pradaría sementarase unicamente con gramíneas perennes de porte baixo, evitando as especies propias de prados de sega. Disporá necesariamente dun sistema de rega.

Na zona de refuxio instalaranse polo menos 6 tobeiras artificiais, onde os coellos poidan construír as súas tobeiras de acubillo e cría. As tobeiras artificiais terán unha estrutura piramidal, duns 20-30 m2 de base e uns 2 m de altura, composta de pedras ou raíces de árbores co tamaño suficiente como para deixar ocos entre elas e cubertas de terra en abundancia. A terra empregada debe ser rica en materia orgánica.

O peche de apoio terá unha superficie mínima de 500 metros cadrados, cunhas características similares á zona de alimentación do peche principal

Directrices xerais para a construción de tobeiras artificiais.
A construción das tobeiras realizase a partir de materiais naturais que se van superpoñendo en diferentes fases da construción sobre unha estrutura de palés de madeira, obténdose unha estrutura circular ou elíptica. Construiranse con catro pisos de catro ou seis palés cada un que se colocan directamente sobre o chan sen necesidade de escavación previa. Os palés serán robustos e con un grosor de polo menos dous centímetros. As dimensións oscilarán entre 110 e 130 cm de lado e deberá estar totalmente pechados na súa parte superior, para evitar que a terra penetre no interior da tobeira (no caso de aberturas moi amplas colocarase sobre eles unha tea de estopa para reducir o paso de terra). En ningún caso se empregará material plástico para esta finalidade. Estas tobeiras terán, polo menos, dúas entradas para facilitar a introdución dos coellos, e a entrada e saída ata que os animais constrúan novas bocas. As entradas poden ser tubos robustos de PVC ou similar duns 120 cm de lonxitude e dun diámetro interior de polo menos 12 cm, que conecten co interior dalgún dos pisos de palés. Estes tubos colocaranse de maneira que sobresaian uns 30 cm da tobeira (tamén poden deixarse cunha maior lonxitude, por exemplo 50 cm ou máis, para que así non queden cubertos con terra durante a construción), posteriormente, xusto antes da introdución de coellos, procederase a recortar o sobrante. É moi importante que estes tubos estean horizontais e que as entradas se manteñan pechadas durante o proceso de construción e ata a introdución dos coellos. Ao redor dos palés e a uns 100 cm de distancia dos seus bordos disporase unha barreira de contención duns 50 cm de altura, constituída por pedras e/ou troncos, para a suxeición dos diferentes materiais que constitúen a tobeira. Esta barreira pode reforzarse coa colocación de troncos que faciliten a suxeición da estrutura. No referente ao tamaño de construción é recomendable que o raio maior non sexa moi inferior aos 5 m e o eixe menor (no caso de forma elíptica) sexa de 3 m. A altura inicial deberá ser superior a 1,5 m. En canto á densidade situaranse ao redor de 20 tobeiras a distancias mínimas de entre 15-25 m entre eles.


Finalmente, para favorecer a supervivencia dos animais e o asentamento na zona, colocarase unha malla tipo galiñeiro que rodee a tobeira e que impida a saída dos animais durante os primeiros días de solta.

ANEXO III
Indicacións básicas a que deben axustarse os programas de manexo e sanitario dos centros de cría de coello de monte en semiliberdade.

A densidade de reprodutores deberá manterse en torno a 1 macho por cada 200 m2 de superficie e 1 femia por cada 100 m2 de superficie. Admitiranse variacións dun 20% destes valores.

A procedencia dos reproductores debe asegurar que se trata de coellos de monte procedentes de Galicia, nunca hibridados con coellos domésticos.

Deberá contarse cun sistema de identificación dos coellos e cun sistema de rexistro documental que permita un axeitado manexo. Estes sistemas deberán detallarse no plan de manexo.

Deberá establecerse un réxime de capturas (mínimo 1 ao mes, durante os meses de actividade reprodutora) que permita a revisión dos reprodutores e o seu tratamento veterinario se fose preciso, e a captura dos novos individuos para a súa marcación, revisión, tratamento e traslado ao cerramento de apoio.

O programa sanitario incluirá un protocolo de vacinación fronte a mixomatose e a enfermidade hemorráxica vírica e medidas de loita contra os parasitos internos e externos, entre outras cuestións. Prestaráselle especial atención á coccidiose.

Ver referencia pdf "01000D007P022.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es