Diario Oficial de Galicia
luns, 14 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

9


Páxina do Dog:

831


Data da Disposición:

31 de decembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Rango:

Orde


Título:

Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo, e se convocan para o ano 2008.



Orde do 31 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo, e se convocan para o ano 2008.

De acordo co disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e establécese a súa estrutura orgánica básica mediante o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, no que se establece a Dirección Xeral de Conservación da Natureza como un dos centros directivos adscritos a ela. Así mesmo, segundo o disposto no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, compételle á dita consellería a través da precitada dirección xeral a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve. As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos nosos gandeiros, que sofren a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para conciliar o interese pola pervivencia da especie co dos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún e equino de Galicia.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal está represenada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

Nos vindeiros exercicios estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para o 2008 o referido importe recóllese na disposición adicional segunda.

En virtude do anterior, en corcondancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e principios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensarlles polos danos ocasionados no gando da súa facenda.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de gando, especificado no anexo I, afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos.
O gando deberá pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto, agás no caso do gando cabalar que soamente deberá estar identificado individualmente.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.
As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2007 ata o 30 de novembro de 2008.

Artigo 5º.-Comunicación do dano.
1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque, os propietarios das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible mediante unha chamada ao teléfono 900 18 61 86, a través do cal se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Os animais mortos non poderán ser manipulados, para non obstaculizar o labor investigador dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

2. Dado que a cobertura dos danos amparados por esta orde só é ata o 30 de novembro de 2008, os danos producidos desde o 1 de decembro ata a entrada en vigor da orde do próximo ano, no caso de habela, terán que axustarse ao procedemento establecido nos parágrafos anteriores deste artigo.

3. As comunicacións de danos a partir do 1 de decembro de 2008 só darán dereito a axudas no caso de que se tramite a orde de axudas para os danos causados polo lobo do ano próximo.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo modelo formalizado que se recolle no anexo II desta orde.

Presentarase, preferentemente, nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Así mesmo, tamén se poderán presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axuda correspondentes aos danos producidos entre o 1 de outubro de 2007 e o 31 de decembro dese ano cursaranse dentro do mes de xaneiro de 2008.

Para os danos ocasionados no 2008 a presentación das solicitudes de axuda deberase facer dentro do mes seguinte ao de produción do dano.

3. Dado o carácter compensatorio das axudas, non será necesario acreditar estar ao día das débedas tributarias coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Facenda autonómica, de acordo co disposto no artigo 41.1 i) da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Copia das follas do libro da explotación gandeira en que aparezan os animais afectados, así como as datas de alta e baixa destes na explotación.

b) Fotocopia do CIF/NIF do propietario das reses.
c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.

d) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente deste polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

e) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.

f) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

g) No caso de animais feridos, a factura do veterinario segundo vén especificado no artigo 7.2.

Artigo 7º.-Importe das axudas.
1. O importe destas axudas que figura no anexo I desta orde corresponderá ao suposto de morte e estará condicionado á existencia de crédito orzamentario.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados, nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das axudas previstas no anexo I para os animais mortos. Cando os feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se faga relación individual dos animais feridos coa súa idade; nesta factura tamén deberá desagregarse o prezo individual da asistencia prestada a cada un deles. O sacrificio eutanásico poderase equiparar á morte, non indemnizándose polo tanto a atención veterinaria.

3. O importe das axudas poderá ter carácter decrecente nos próximos exercicios, no caso de que se dirixan a gandeiros que xa sufrisen ataques anteriores do lobo na súa facenda e non tomasen as medidas de vixilancia e protección axeitadas.

Artigo 8º.-Tramitación.
1. Recibidas as solicitudes nas delegacións provinciais, os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinaranas xunto coa documentación anexa.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requerimento, se emenden ou completen, coa indicación de que se non o fixesen así se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os referidos servizos provinciais avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, a natureza dos ataque dos lobos obxecto da solicitude de subvención e realizarán a súa valoración. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.


4. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, e efectuada a correspondente valoración, os servizos provinciais de Conservación da Natureza elaborarán a oportuna proposta, que elevarán á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que esta continúe coa súa tramitación.

5. Para o anterior, quincenalmente, cada servizo provincial de Conservación da Natureza elevará as propostas relativas ás solicitudes avaliadas.

6. Na semana seguinte á recepción das propostas dos servizos provinciais, a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tramitará os expedientes relativos ás devanditas propostas, ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. Unha vez esgotado o crédito, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria para dotar a aplicación financiadora do crédito necesario para atender as solicitudes que se produzan no período anual dado.

Non obstante o anterior, as solicitudes que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte.

8. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.
Artigo 9º.-Resolución e recursos.
1. O director xeral de Conservación da Natureza, á vista das propostas formuladas e por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, resolverá expresa e motivadamente sobre a denegación ou concesión da subvención compensatoria.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude polo interesado no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o prazo máximo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa da resolución, deberanse ter en conta os efectos previstos no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 42 desta lei.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición diante do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a este poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición por parte do interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 10º.-Crédito.
No exercicio de 2008 as axudas que se concedan con cargo a esta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541.B.470.1, ata un importe máximo de cen mil euros (100.000 €).

Esta dotación inicial poderá incrementarse en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Compatibilidade.
1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivadas dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 12º.-Disposicións xerais.
1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, e segundo o establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

6. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3º e 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se poidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións adicionais
Primeira.-Delegación de funcións.
Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9.1º, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Anticipado de gasto.
Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostible
Ver referencia pdf "00900D009P023.PDF"
Ver referencia pdf "00900D010P029.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es