Diario Oficial de Galicia
venres, 11 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
8
Páxina do Dog:
769
Data da Disposición:
27 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO
SOSTIBLE
Rango:
Orde
Título:
Orde do 27 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras e se convocan para o ano 2008 axudas para a mellora do hábitat da
perdiz rubia.
Orde do 27 de decembro de 2007 pola que
se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 axudas para a
mellora do hábitat da perdiz rubia.
A perdiz rubia
é unha das especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso
da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de
cultivo, provocou a expansión do mato, a desaparición dos lindeiros vexetais e,
como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para esta especie,
contribuíndo así á regresión das poboacións.
Partindo da necesidade de
que o colectivo de cazadores se implique na conservación e na xestión dos
recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a
compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos
naturais, considérase necesario poñer en marcha un programa de axudas que,
incentivando actuacións racionais no medio natural, propicien a recuperación das
poboacións de perdiz rubia.
O artigo 148.1º.11 da
Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia,
confírenlle á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de
caza.
O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se
establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo
que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005,
do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da
Xunta de Galicia, atribúen á mesma consellería, dentro das súas competencias, o
fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.
Doutra banda, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece
a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da
caza á citada consellería, que realizará cantas actuacións considere precisas
para acadar os fins da lei. Entre eles, e co fin de conservar, preservar e
mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de
Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro de devandito
obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras
persigan idéntica finalidade. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento
xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento
financeiro orientado ao fomento daquelas actividades que procuren a conservación
e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento
sustentable.
O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa
Comunidade Autónoma estableceuse nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal
está representada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da
precitada normativa.
En virtude do anterior, en concordancia co
disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que
me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a
súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.
1. Esta orde ten por
obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos
para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) a través da
mellora da calidade do seu hábitat.
2. Estas axudas
tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia
competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no
cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos
recursos públicos.
Artigo 2º.-Actuacións
subvencionables.
1. Son obxecto das axudas reguladas por esta orde as seguintes actuacións
nos terreos cinexeticamente ordenados (tecores):
-A roza e trituración mecánica do mato.
-A arada, emenda e/ou
fertilización, sementeira de cereal de inverno e/ou leguminosa.
-A limpeza e adecuación de fontes e mananciais.
2. Estas actuacións
deberán respectar as condicións técnicas especificadas no anexo III desta
orde.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán acollerse a
estas axudas tanto os titulares de tecores galegos como as agrupacións destes
que, aínda carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta.
Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estar situados
nunha mesma provincia. Para cada Tecor, só será admisible unha única
solicitude.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios
das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades nas que concorra algunha
das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño,
de subvencións de Galicia.
Artigo 4º.-Contía dos
investimentos e das axudas.
1. Establécense as seguintes contías máximas
subvencionables para cada unha das actuacións que se realicen:
-Roza e trituración mecánica: 360 € por hectárea.
-Arada, emenda e/ou
fertilización, sementeira: 600 € por hectárea.
-Limpeza e adecuación de
fontes e mananciais: 50 €/unidade.
2. O importe final das axudas será do 50% do
investimento subvencionable, fixándose un máximo para este concepto de 18.000
euros por solicitude. O IVE non se subvencionará.
3. Para os efectos do disposto no artigo 27.2º da Lei 9/2007, do 13 de
xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá subcontratar parte ou a
totalidade da actividade subvencionada. Non poderán subcontratarse actuacións
que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor
engadido ao contido dela.
4. En ningún caso se
concederán aboamentos a conta ou pagamentos anticipados.
Artigo 5º.-Solicitudes e
documentación.
1. Os interesados presentarán as solicitudes de subvención conforme os
modelos dos anexos I ou II, segundo se trate de titulares individuais ou de
agrupacións de titulares respectivamente.
2. Xunto coa solicitude
presentarase a seguinte documentación:
2.1. En todos os casos:
-Fotocopia do CIF/NIF dos
solicitantes da subvención.
-Se o titular fose unha sociedade, acordo do
órgano competente dela polo que se aproban as accións solicitadas e os
compromisos correspondentes, e no cal deberá figurar, así mesmo, a persoa
designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Anexarase o
DNI da persoa designada.
-No caso de agrupacións
de titulares, acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban
as accións solicitadas e os compromisos correspondentes con indicación da
porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha
delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante
delas para os efectos desta solicitude, anexándose o DNI e o nome do titular en
cuxa conta bancaria deberase realizar o ingreso.
-Memoria valorada, que se axeite ás indicacións do anexo III e que deberá
incluír como mínimo: datos do solicitante ou solicitantes; datos dos terreos
cinexéticos en que se localizarán as actuacións; descrición da problemática
actual do terreo cinexético en relación coa especie, xustificando a adopción das
medidas propostas; descrición das actuacións que se van realizar con indicación
das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar, o tipo de
roza previa e especies que se van sementar; orzamento detallado no que figuren
os custos unitarios por hectárea; orzamento total; plano de situación 1:25.000 e
fotografía do SIXPAC ou planos catastrais nos que se identifiquen perfectamente
as parcelas sobre as cales se actuará mediante as referencias
catastrais.
-Declaración do conxunto das solicitudes de axuda
efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións
públicas competentes (anexo IV).
-Declaración responsable
da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións (anexo
V).
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza
poderá requirir calquera documentación complementaria que considere
conveniente.
2.2. Para a acreditación dos criterios de
avaliación establecidos no artigo 8º e que fosen alegados, deberán
presentarse:
-Punto c: será válida como xustificación a
certificación do técnico ou axente do servizo provincial que comprobase no
momento oportuno a realización das actuacións, logo de comunicación por parte da
sociedade ao citado servizo.
-Punto d: plano 1:25.000
sobre o cal se localizarán as zonas vedadas do Tecor. Sobre a relación do anexo
V, na que se indicarán as referencias catastrais de todas as parcelas, márcanse
cun X aquelas incluídas nos vedados sobre as que se vaia actuar. Os vedados do
Tecor deberán estar correctamente sinalizados sobre o terreo, conforme o
disposto na normativa vixente.
-Punto e: táboas de
resultados diarios das xornadas cinexéticas, segundo o modelo do caderno de caza
dispoñible nos servizos de Conservación da Natureza.
-Punto f: memoria na que se recolla a metodoloxía empregada e os
resultados obtidos nos estudos levados a cabo. Deberase demostrar o uso do
galego para acollerse ao incremento de puntos.
-Punto g: documentos xustificantes da realización da actividade
(convocatoria, anuncio publicitario, documentación entregada...) dos cales se
deduza o contido e a duración. Deberase demostrar o uso do galego para acollerse
ao incremento de puntos.
3. No caso de solicitar
axudas por un importe subvencionable superior a 30.000 euros no suposto de custo
por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens
de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou
asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de
diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a
prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o recollido no artigo 29.3º da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes de
subvención irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostible, segundo o modelo que figura nos anexos I e II desta orde, e
presentaranse no rexistro da consellería, nos das delegacións provinciais ou en
calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común. O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día
seguinte ao da entrada en vigor desta orde.
2. A presentación da
solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo
20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a
autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir
a Axencia Estatal da administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade
Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, agás
denegación expresa por parte do solicitante, debendo presentar entón a
certificación nos termos previstos regulamentariamente. Esta comprobación
efectuarase antes de resolverse a concesión e antes de proceder á tramitación do
pagamento. En todo caso, o solicitante haberá de estar ao corrente das obrigas
tributarias e coa seguridade Social.
Artigo 7º.-Inspección
previa.
En
todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal
técnico realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción
proxectada e recollida na memoria presentada se axusta á realidade física e
técnica, que cumpre cos requisitos recollidos no anexo III e que os
investimentos non están realizados con data anterior á de publicación desta
orde.
Artigo 8º.-Criterios obxectivos para a
adxudicación das axudas.
1. A orde de prelación para a concesión das
subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude segundo o
seguinte baremo:
Ver referencia pdf "00800D015P105.PDF"
2. No caso de solicitudes presentadas por
agrupacións de sociedades titulares de diferentes tecores, puntuarase cada un
dos criterios referidos nas letras b), c), e), f), g), h) e i), do parágrafo
anterior, coa media dos puntos que lle correspondan en cada apartado a cada unha
das sociedades de forma independente.
Unha vez establecida a
orde de prelación pola comisión de valoración recollida no artigo 9º.3, e
determinados os importes subvencionables para cada solicitante, o criterio de
repartición atenderá as solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata
esgotar o crédito.
Os posibles casos de empate resolveranse dando
prioridade a aquelas solicitudes de sociedades ás que, a título individual ou en
agrupación, non lles fosen concedidas axudas para os mesmos conceptos nos
derradeiros tres anos con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia; se isto non
fose suficiente para desfacer o empate, daráselle prioridade á solicitude cunha
menor contía subvencionable.
3. Non serán
subvencionables as actuacións localizadas nas zonas de caza permanente, zonas de
adestramento de cans, ou áreas nas que se realicen competicións de caza.
Tampouco serán valoradas, segundo os criterios anteriores, as actuacións de anos
anteriores localizadas nestas zonas.
Artigo 9º.-Órganos de
xestión e resolución.
1. A avaliación da documentación presentada coa
solicitude realizarana os servizos provinciais de Conservación da
Natureza.
Se a solicitude de axuda non reúne algún dos
requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá o solicitante
para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción
do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos,
indicándolle que, de non facelo, terase por desistido da súa petición logo de
resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. Os servizos
provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes xunto co seu
informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo de 40
días naturais, contados a partir da data límite de presentación das
solicitudes.
3. Atendendo ao disposto nos informes dos
servizos provinciais e aos criterios establecidos na orde, os expedientes serán
valorados por unha comisión creada para tal fin que establecerá a puntuación
acadada polos solicitantes, determinará os importes subvencionables e fará a
proposta de resolución segundo o criterio de repartición que atenderá as
solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación ata esgotar o
crédito.
A comisión estará presidida polo titular da
Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen
delegue. Ademais, serán membros da citada comisión os titulares das xefaturas de
servizo e sección competentes en materia de recursos cinexéticos nos servizos
centrais.
4. A proposta de resolución fará mención aos
solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a contía desta
de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo a aplicación
dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a
súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa, segundo o disposto no
artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Artigo 10º.-Resolución e recursos.
1. O director xeral de
Conservación da Natureza, por delegación expresa do conselleiro de Medio
Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de 6 meses, contados a
partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de
Galicia, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos
criterios preferentes contidos nesta e das dispoñibilidades
orzamentarias.
2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que
se ditase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan
entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de
conformidade co disposto no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, e 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen
prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes, de
conformidade co previsto no artigo 42 desta lei.
3. Na resolución que se dite especificaranse os investimentos
subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida,
os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da
subvención.
4. A resolución ditada, segundo o disposto no
punto 1 de este artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra dela poderá
interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio
Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a notificación da
resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou tres meses
desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co
disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei
26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
5. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no
Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda
co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os
datos incorporados ao rexistro poderán ser obxecto de rectificación, cancelación
e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do
beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á
intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982,
do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e
familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se
fagan públicos os seus datos.
Artigo 11º.-Publicidade
da resolución.
1. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas
concedidas cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou
superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e
denegadas farase pública a través da páxina web da Consellería, nos termos
establecidos no artigo 13, puntos 3º e 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as
sancións que se puidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios
e da súa publicación na citada páxina web.
2. Así mesmo, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de
publicidade da axuda concedida ao abeiro do disposto no artigo 15.3º da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12º.-Modificación da resolución.
Toda alteración nas
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co
disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Artigo 13º.-Obrigas dos
beneficiarios.
1. As actuacións obxecto de subvención deberán contar no momento do seu
inicio coas licenzas e autorizacións preceptivas.
2. A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de
executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das
actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións
técnicas recollidas na memoria e, en todo caso, axustaranse aos termos
recollidos na resolución.
3. Os investimentos
obxecto de subvención deberán realizarse antes do 15 de outubro.
Excepcionalmente, cando isto non sexa posible, por causas debidamente
xustificadas de forza maior, o director xeral de Conservación da Natureza poderá
conceder, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostible, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
4. Os beneficiarios
haberán de conservar polo menos durante 5 anos os documentos acreditativos da
aplicación dos fondos recibidos.
Artigo 14º.-Xustificación
dos gastos.
1. Con carácter xeral, agás que a resolución de concesión da axuda
dispoña o contrario, a xustificación do remate das actividades e do pagamento de
conceptos correspondentes a elas, deberá realizarse antes do 15 de outubro de
2007.
2. Documentación acreditativa da realización das
investimentos:
-Anexos VI, VII e VIII debidamente cubertos.
-Documentación que
acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de
transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. No
caso de acudirse á contratación externa, á anterior documentación xuntaráselle
copia das facturas emitidas polos provedores.
-Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras
subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento das
actividades.
-Certificado da entidade financeira en que se
solicite o pagamento da axuda, no cal consten a titularidade, os códigos
identificadores da entidade, da sucursal díxito de control, e o número de conta
(vinte díxitos).
3. Os servizos provinciais de Conservación da
Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao
de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á
documentación que serviu de base para ao outorgamento da axuda.
4. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase xunto cunha
proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Artigo 15º.-Modificación das actividades subvencionadas.
Calquera modificación que
se pretenda realizar nas actividades inicialmente previstas, tanto no referente
ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a
aceptación expresa e previa do director xeral de Conservación da Natureza, por
delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Para tal
efecto, a proposta de modificación deberase presentar con quince días hábiles de
antelación á súa realización.
Se por causa xustificada
o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o
pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.
Artigo 16º.-Pagamento.
1. O pagamento corresponderase co importe que
resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables.
Excepcionalmente, por resolución do director xeral de Conservación da Natureza,
poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados sempre que se
xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que
a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso,
aplicarase a correspondente minoración. No entanto, cando a realización e
xustificación da acción subvencionada fose inferior nun 50% ou mais á proposta,
agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo
da correspondente valoración polos técnicos dos servizos
provinciais.
2. Non poderá realizarse o pagamento da
subvención se non se cumpren os requisitos establecidos no artigo 31.7º da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17º.-Crédito.
As axudas previstas nesta orde concederanse con
cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541B.781.0 do exercicio orzamentario 2008
(código do proxecto 2007-00642), dotada cun crédito inicial de cento sesenta mil
euros (160.000 €) correspondentes a fondos propios na súa
totalidade.
Esta dotación inicial poderá incrementarse en
proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con
cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 18º.-Control das actividades subvencionadas.
A Consellería de Medio
Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá, en calquera momento, inspeccionar e
controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron
concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se
realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para
comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera
momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere
necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto
das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño,
de subvencións de Galicia.
Artigo
19º.-Compatibilidade.
As axudas previstas nesta orde serán compatibles
con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas
finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o
importe total dos gastos, consonte o establecido no artigo 17.3º da citada Lei
9/2007, do 13 de xuño.
Artigo
20º.-Reintegro.
1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro
total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de
acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións
de Galicia nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.
2. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o
réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no título
IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o
procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se
aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade
sancionadora.
Artigo 21º.-Obriga de facilitar
información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do
procedemento, poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de
Conservación da Natureza, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen
a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas
públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección
ou control.
Disposicións adicionais
Primeira.-Delegación de
funcións.
Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da
competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no
seu artigo 10º.1, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
Segunda.-Anticipado de
gasto.
Esta
convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de
febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a
tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a
súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da
comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Desenvolvemento.
Facúltase o director
xeral de Conservación da Natureza para ditar todas as resolucións necesarias
para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.
Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de
Compostela, 27 de decembro de 2007.
Manuel Vázquez Fernández
Conselleiro de Medio Ambiente
e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf
"00800D015P105.PDF"
ANEXO
III
Condicións técnicas ás que se
deben axustar
as actuacións
previstas
-A
zona do Tecor na que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie
mínima de 200 ha de mato.
-As rozas realizaranse en
pequenas parcelas de 0.5 a 1 ha dispersas pola superficie.
-Os restos da roza serán triturados mecanicamente ou, se non fora
tecnicamente posible, serán amoreados.
-Estas rozas deben ir
acompañadas da sementeira dun cereal de inverno e/ou unha leguminosa, nunha
porcentaxe mínima do 50% da superficie total rozada. A preparación do terreo
tras a roza consistirá nun pase de grade de discos e un encalado coa maior
antelación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu
aproveitamento pola fauna.
-Respectaranse pés
illados de mato alto (por exemplo, de máis de 1 m de altura) e pequenas manchas
de mato de pouca altura coa finalidade de achegar heteroxeneidade e refuxio nas
zonas de actuación.
-Nas limpezas e acondicionamento de fontes
evitarase que estes queden totalmente despexados de cobertura vexetal coa
finalidade de non favorecer a depredación sobre as aves nestes
lugares.
-Evitaranse as actuacións en superficies
xeométricas de lindeiros lineais.
-As actuacións obxecto de axuda non poderán
realizarse nos meses de xuño, xullo e agosto para evitar posibles prexuízos
tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na
zona.
-As actuacións en terreos incluídos nun espazo
natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias
co determinado na norma reguladora que lle atinxa e, en todo caso, deberán
contar co informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza.
En ningún caso serán aprobadas actuacións previstas nos hábitats prioritarios
recollidos no anexo I da Directiva 92/43, do 21 de maio, relativa á conservación
dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
Ver referencia pdf
"00800D015P105.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es