Diario Oficial de Galicia
venres, 11 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
8
Páxina do Dog:
749
Data da Disposición:
28 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases e
se convocan para o ano 2008, axudas para a creación e mellora de empresas de
comercialización e transformación de produtos forestais.
Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases e se
convocan para o ano 2008, axudas para a creación e mellora de empresas de
comercialización e transformación de produtos forestais.
O Regulamento
(CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao
desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Rural (Feader) establece no seu artigo 52 a posibilidade de outorgar axudas para
a creación e desenvolvemento de microempresas con vistas ao fomento do espírito
empresarial e do desenvolvemento da estrutura económica.
O
Regulamento (CE) 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e
medianas empresas rexe a concesión de axudas ás pequenas e medianas
empresas.
A conveniencia de repercutir no sector primario
forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos produtos da
madeira, precisa non só dispor de empresas competitivas de aproveitamentos,
senón que tamén sexan capaces de transmitir ao sector forestal os valores que a
sociedade demanda á madeira a través do mercado.
A
competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos
nos produtos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e implantación de
melloras nas condicións laborais, adaptacións ambientais e innovacións na
xestión empresarial que permitan dinamizar a cadea comercializadora, reducir
ineficiencias e adaptarse a futuros criterios exixibles á cadea de custodia. Por
iso, considérase conveniente incentivar non só melloras nos medios de produción,
senón tamén melloras na calidade empresarial e na organización do
sector.
Coa finalidade de lograr unha boa execución dos
recursos dispoñibles e asegurar a calidade dos investimentos que se
subvencionan, considérase a plurianualización das axudas, penalizacións por non
execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de
axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo iso garantindo os
criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas e dentro
do marco normativo establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
En consecuencia, de conformidade co previsto no
artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que
me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto das axudas.
Esta orde ten por obxecto
establecer as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de empresas
de comercialización e transformación de produtos forestais e proceder á súa
convocatoria para o ano 2008 en réxime de concorrencia competitiva.
Artigo 2º.-Investimentos subvencionables.
1) Investimentos
productivos.
Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de
aproveitamento dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas
aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais). No caso da
madeira, biomasa e outros produtos forestais non alimentarios poderán ser
subvencionábles tamén os investimentos relativos ás operacións de
acondicionamento e transformación.
Non se considerarán
substitucións de investimentos subvencionados anteriormente, salvo diferencial
de custo.
Consideraranse con carácter exclusivo os
seguintes:
1.1. Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo,
comercialización e transformación de produtos forestais non madeireiros
(cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos
forestais). No caso de produtos forestais alimentarios, non se considerarán os
investimentos relativos ao acondicionamento ou transformación.
1.2. Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un
aproveitamento comercial da biomasa forestal: asteladoras, fendedoras de leña,
empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.
1.3. Maquinaria, obra civil e instalacións en serras.
1.4. Equipos de
seguridade.
1.5. Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros
equipos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e
implementos.
1.6. Equipos tractocargadores completos e
implementos forestais destes (os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o
xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e
irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas
adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa,
limitándose o importe da máquina tractora ao 60% do valor do
equipo).
1.7. Apeiros e implementos forestais que permitan
un primeiro tratamento dos produtos forestais madeireiros: rozadoras, peladoras
móbiles, serras móbiles e outras, en número non superior aos equipos de saca de
madeira propiedade da empresa.
1.8. Góndolas,
plataformas para o transporte da madeira ou biomasa, e guindastres que se
instalen nelas. O número de plataformas e guindastres limitarase ao número de
equipos de saca (tractocargadores ou autocargadores) subvencionados que teña a
empresa. Non se subvencionará máis dunha góndola por empresa.
1.9. Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior
á maquinaria de saca de madeira.
1.10. Equipos
informáticos ata un máximo subvencionable de 2.000 euros/empresa, descontando as
axudas percibidas anteriormente por este concepto.
2) Plans e ferramentas de xestión empresarial.
Só se poderán
subvencionar conxuntamente con investimentos materiais.
Poderán ser obxecto de
subvención os servizos externos de diagnóstico, seguimento, certificación e
execución de medidas correctoras, salvo adquisición de maquinaria, nas seguintes
actuacións:
2.1. Consecución e actualización de licenzas, e
adaptación das máquinas (de serras, tractocargadores e outras de explotación
forestal) e instalacións á normativa de seguridade industrial e
laboral.
2.2. Plans correctores e preventivos de riscos
ambientais, de adaptación á normativa fitosanitaria e implantación de códigos ou
normas de boas prácticas.
2.3. Implantación na
empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade para o
control de custos, calidade e mantemento.
2.4. Preparación do
proceso produtivo para a adaptación á cadea de custodia de madeira certificada,
e/ou normativa de calidade.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ser microempresas ou
Pemes (pequenas e medianas empresas) do sector forestal radicadas en Galicia,
mancomunidades de montes ou comunidades de montes veciñais en man común. A
condición de microempresa é a establecida no artigo 2.3º da Recomendación da
Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e
medianas empresas, que cualifica a microempresa como a que ocupa a menos de dez
empregados, cuxo volume de negocios anual e/ou balance xeral anual non supera os
dous millóns de euros. Considérase PEME a aquela empresa que ocupa a menos de
250 empregados e cuxo volume de negocios anual non excede de 50 millóns de euros
ou cuxo balance xeral anual non excede de 43 millóns de euros.
2. Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes
circunstancias:
- Dispoñibilidade de crédito bancario para o
investimento, dun mínimo do 70% do importe deste.
-Vendas por importe superior ao triple do investimento (na declaración
anual de facenda).
-Amortizacións máis beneficios superior á sexta
parte dos investimentos (na declaración anual de facenda).
-Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao
investimento.
-Estudo de viabilidade asinado por profesional
cualificado.
3. Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa
presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou
certificación da axencia tributaria relativa a este) e co número de rexistro de
establecementos industriais, que se consignará no anexo VII nas empresas en que
proceda. As mancomunidades de montes e as comunidades de montes veciñais en man
común deberán ter un plan de ordenación ou plan técnico de xestión.
4. Deberán ter, polo menos, o 33% do cadro de persoal da empresa con
contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación abondará o
compromiso de acadar, como mínimo, o 33% de estabilidade laboral ao remate do
prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este
requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. No caso de empresas con 10
ou máis traballadores, a porcentaxe de estabilidade laboral mínima exixida é do
35%. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a
mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións
que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se
subvencione.
De xeito excepcional e coa debida motivación, en
casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector
ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos
Económicos poderá autorizar a non exixencia da porcentaxe mínima de emprego
estable para obter a consideración da axuda, do que se dará coñecemento á
comisión de seguimento dos acordos de apoio á promoción.
Artigo 4º.-Exclusións.
Non será subvencionable:
a) A adquisición de
terreos, edificacións e mobiliario.
b) A adquisición de maquinaria usada.
c) Os tributos
recuperables polo beneficiario, como o IVE.
d) A renovación de maquinaria que non implique
melloras tecnolóxicas, produtivas ou de seguridade. Neste caso valorarase
unicamente a diferenza de custo.
e) Os gastos de
reparación e mantemento.
f) Os investimentos financiados mediante
arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.
g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de
produtos de países non comunitarios.
h) Investimentos
destinados ao comercio polo miúdo.
i) Investimentos e actuacións con axudas
financiadas con fondos comunitarios.
j) Motoserras, rozadoras manuais e outras
ferramentas manuais.
k) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro
desta convocatoria e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con
anterioridade á solicitude no caso de obra civil, instalacións ou maquinaria
fixa.
Artigo 5º.-Importe das axudas.
Os investimentos en bens
de equipo, recollidos no artigo 2º.1, terán unha subvención básica dun 35%, que
poderá incrementarse ata o 45%, segundo os criterios indicados no anexo
II.
Os investimentos en plans e ferramentas de
xestión empresarial recollidos no artigo 2º.2 subvencionaranse cunha axuda dun
50%.
A axuda máxima por solicitante limitarase a
150.000 euros.
Artigo 6º.-Criterios de selección.
A concesión de axudas axustarase aos principios
de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, segundo o artigo 14 da
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Baremaranse por separado as solicitudes presentadas por microempresas e
as presentadas por pequenas ou medianas empresas (Pemes).
A
dispoñibilidade orzamentaria limitará o número de expedientes que se van
aprobar.
Para iso, ordenarase cada un dos investimentos
solicitados de maior a menor orde de prioridade e, dentro da mesma prioridade,
de maior a menor puntuación, de acordo co criterio de priorización e baremo que
se indica a continuación. Aprobaranse os investimentos así ordenados ata esgotar
o orzamento. Os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial
indicados no artigo 2.2º subvencionaranse xunto cos investimentos en activos
materiais, segundo estes se aproben en función do baremo. A inclusión dun
investimento material como subvencionable dá dereito á inclusión como
subvencionable de todos os investimentos en plans e ferramentas de xestión
empresarial, que cumpran os requisitos, presentados pola mesma
empresa.
A) Criterios de priorización das
solicitudes:
1º Seleccionaranse os investimentos en activos fixos produtivos en serras
e empresas de produtos non madeireiros, citados nos puntos 1.1 a 1.3 do artigo
2º.1, así como os equipos informáticos citados no punto 1.10 solicitados por
estas empresas.
2º A continuación consideraranse os investimentos
en aproveitamentos forestais indicados nos puntos 1.4 a 1.9 do artigo 2º.1 e os
equipos informáticos citados no punto 1.10 solicitados por empresas de
aproveitamentos forestais madereiros.
B) Cada investimento será
puntuado, dentro de cada prioridade, de acordo co baremo que se indica. A
puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados nos puntos
B.1 e B.2.
Ver referencia pdf "00800D012P085.PDF"
Artigo 7º.-Solicitudes e
documentación.
Os interesados deberán presentar, na forma prevista no artigo 38 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte
documentación:
a) No caso de prever investimentos en obra civil
ou instalacións fixas, deberá solicitar a comprobación de non inicio dos
investimentos acompañando bosquexo actual das instalacións con indicación da
localización do obxecto do investimento.
b) Instancia-solicitude,
asinada polo representante legal ou persoa acreditada, dirixida ao conselleiro
do Medio Rural, segundo modelo que figura no anexo I desta orde. A solicitude de
axudas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as
certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da
Seguridade Social e a Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de
Galicia.
c) Para cada investimento superior a 12.000 euros
deberase achegar contrato, factura proforma ou similar de 3 provedores
distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que, polas especiais
características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente
número de entidades que o subministren. No caso de obra civil, deberase
presentar esta documentación para cada investimento superior a 30.000
euros.
O investimento subvencionable elixirase conforme
a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha
memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.
Para cada investimento inferior a 12.000 euros deberase achegar contrato,
factura proforma ou similar dun só provedor. No caso de obra civil, deberase
presentar esta documentación para cada investimento inferior a 30.000
euros.
d) Certificación da condición de
microempresa/PEME, segundo o anexo IV. Os empresarios autónomos deberán cubrir
os puntos b) e) e f).
e) Declaración relativa a
outras axudas solicitadas para os mesmos investimentos para os que se solicita
subvención, ao abeiro desta orde segundo o anexo V.
f) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo VI desta
orde.
g)
Ficha cos datos da empresa, segundo as distintas follas do anexo VII, con todos
os dato formalizados que procedan, segundo o tipo de empresa e asinada na última
folla.
h) Copia dos seguintes documentos:
-Último imposto de
sociedades ou, no seu defecto, do IRPF.
-Copia cotexada do NIF ou CIF da empresa e DNI do
xerente (para efectos do cómputo do baremo).
-TC1, TC2 e TC1/8 da
empresa do mes de decembro de 2006 ou certificado da Seguridade Social de non
ter traballadores nos réxime xeral e/ou agrario.
-Último recibo de pagamento dos autónomos da empresa.
-Documento de alta no
imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da axencia tributaria
relativa a este.
i) Documentación xustificativa da viabilidade da
empresa, segundo o indicado no artigo 3º, punto 2.
j) No caso dos investimentos do artigo 2º.2 (plans e ferramentas de
xestión empresarial): memoria asinada detallada do contido que se vai
desenvolver.
k) No caso de empresas de acondicionado e/ou
transformación de produtos silvícolas e serras: planos ou bosquexos de situación
da parcela con indicación de edificación e bosquexo da obra civil, instalacións
e maquinaria existente e que se vai instalar. Os planos e bosquexos deberán
estar asinados.
l) Os montes veciñais en man común deberán
presentar documentación xustificativa de ter un plan de ordenación ou plan
técnico de xestión e deberán estar actualizados no rexistro xeral de montes
veciñais en man común, de acordo co título sétimo do Decreto 260/1992, do 4 de
setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do
10 de outubro, de montes veciñais en man común. Este dato será comprobado pola
Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.
m) No caso de serras que queren levar a cabo un plan de modernización da
empresa, deberán presentar unha memoria técnica asinada cun proxecto de
actuacións a medio prazo, onde se reflicta a situación actual da empresa e das
instalacións, os obxectivos que se queren acadar e as actuacións que se van
realizar, debéndose incluír obrigatoriamente a adaptación da maquinaria e
instalacións á normativa de seguridade industrial, así como un cronograma das
ditas actuacións e un compromiso de pór en marcha o plan.
n) No caso de obra civil ou novas instalacións: licenza municipal de
actividade e, de ser o caso, licenza de obra. No seu defecto, poderán presentar
solicitude de licenza no concello e informe urbanístico favorable, tendo que
presentar, neste caso, a licenza xunto coa solicitude de cobramento final da
subvención.
Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes e
convocatorias.
As solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes contado desde o día
seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 9º.-Tramitación e concesión de axudas.
A tramitación corresponde
á Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.
Recibidas as solicitudes
examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas
ou omisións, requirirase, conforme o artigo 71 da LRXAP e PAC, ao interesado
para emendar os erros ou acompañar a documentación preceptiva no prazo de dez
días hábiles, téndose por desistido da súa solicitude en caso contrario, logo de
resolución en tal sentido.
Todos os expedientes
presentados polo mesmo solicitante serán considerados como un só para efectos de
tramitación. Non se exixirá a presentación dos documentos que consten en poder
da Xunta de Galicia, debendo o solicitante indicar para iso o órgano e
procedemento administrativo ante o que achegou tal documentación.
A
distribución das anualidades nas axudas individuais realizarase con base nas
previsións de execución comunicadas polos beneficiarios no anexo VI e aos
condicionantes orzamentarios indicados no artigo 13º.
A
Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, como órgano xestor, valorará
as solicitudes de axuda seguindo os criterios marcados no artigo 6º, emitindo un
informe con base no cal o director xeral de Montes e Industrias Forestais
formulará a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O
conselleiro do Medio Rural resolverá os expedientes.
A resolución individual e
motivada notificarase ao interesado.
As solicitudes que, unha vez transcorridos 6
meses desde a convocatoria á que se acolleron, non tiveran unha comunicación de
aprobación de axuda, poderán entenderse desestimadas, segundo o establecido no
artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, sen prexuízo da
obriga legal de resolver pola Administración.
Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía
administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o
conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do
día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres
meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo;
ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.
Artigo 10º.-Procedemento de pago e xustificación.
1) O prazo de
xustificación finalizará o 30 de outubro de 2008 e o 31 de maio de 2009, segundo
a anualidade que corresponda. Poderase conceder prórrogas de cada anualidade, de
acordo co artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de solicitude
razoada realizada cunha antelación superior a dous meses antes do remate do
prazo de xustificación.
2) Para a percepción dos
pagos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse a seguinte
documentación:
a) Solicitude de cobramento da
subvención.
b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:
-Relación ordenada dos
investimentos e os pagamentos efectuados (anexo IX).
-Copias cotexadas das
facturas orixinais, así como copias cotexadas dos documentos bancarios de
pagamento.
c) Certificado bancario de conta
corrente.
d)
Declaración do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas
para os mesmos investimentos, segundo o anexo V.
e) No último pagamento achegaranse os seguintes documentos:
e.1 Memoria (anexo VIII),
indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a
importancia destas na actividade futura da empresa.
e.2 Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VII da
orde.
e.3
Xustificantes das accións recollidas no anexo II que se presentaron para
incrementar a porcentaxe de axuda.
e.4 Informe oficial da
Seguridade Social de vida laboral da empresa dende o inicio do ano no que se
solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos, coa
relación de traballadores e as datas de alta e baixa, ou certificado de non ter
traballadores se é o caso. Presentarase para os réximes xeral e
agrario.
e.5 Últimos recibos dos autónomos da empresa
anteriores á xustificación do cobramento.
f) Específicas dos
investimentos obxecto de subvención:
f.1 Plans e ferramentas de xestión empresarial:
para o pagamento final presentarase informe de seguimento do plan con detalle
das accións correctoras.
f.2 Maquinaria móbil:
certificado de homologación (ou, no caso de vehículos de rodas, ficha técnica e
permiso de circulación) do conxunto máquina base -modificacións- apeiros
instalados, e seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con
indicación expresa do vehículo. Ademais, deberase presentar a mesma
documentación dos equipos do mesmo tipo subvencionados anteriormente ou dos que
os substituíron.
f.3 Vehículos e implementos de transporte de
madeira por estrada: documentación indicada no punto anterior, tanto dos bens
obxecto de subvención como dos equipos de saca que condicionan a súa
subvención.
f.4 Obra civil, instalacións e bens de equipo en
serras e instalacións doutros produtos forestais non alimentarios: planos de
planta e de distribución da maquinaria (só no caso de que haxa variacións con
respecto ao reflectido nos planos presentados na solicitude de subvención),
certificado de fabricación con indicación da data, nº de bastidor e homologación
e certificado de conformidade coa normativa ambiental e de seguridade industrial
vixente das instalacións/modificacións realizadas. No caso de obra civil e novas
instalacións, deberán achegar a licenza municipal e a de obra se non foron
achegadas na solicitude de subvención.
3) Unha vez comprobada a
documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos
investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais
emitirá a correspondente proposta de pagamento.
4) De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime xurídico de axudas e subvencións públicas na Comunidade
Autónoma de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais. Os pagamentos
parciais non superarán o 80% da subvención concedida.
5) Os pagamentos parciais, cando a axuda total supere os 30.000 euros,
serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente,
que se depositará por tempo indefinido a disposición da Consellaría do Medio
Rural na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a
cantidade anticipada máis os xuros, calculados ao xuro legal do diñeiro vixente
no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e,
como mínimo, dous meses tras o remate do prazo de xustificación previsto. O
certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ao interesado, unha vez
se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da
subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán
ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais
correspondentes a fases ou partes do investimento susceptibles de avaliación
independente e se comprobe a realización do investimento.
6) O pagamento da porcentaxe adicional aos investimentos en activos
produtivos, recollido no artigo 5º, queda condicionado á execución das accións
que incrementan a axuda e ao seu seguimento por parte da empresa.
Artigo 11º.-Posibilidade de modificación da resolución e reintegros da
axuda.
1) Se
no transcurso da tramitación do expediente de axudas, o solicitante precisara
introducir modificacións a este, solicitará autorización da Consellería do Medio
Rural, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización
do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. Poderanse
modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e
circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección
aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a
terceiros.
A modificación realizarase mediante resolución do
conselleiro do Medio Rural, previa instrución do correspondente expediente de
modificación e proposta motivada do director xeral de Montes e Industrias
Forestais, aplicando os criterios de selección do artigo 6º.
2) No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as
indicadas na resolución de concesión de subvención, procederase á anulación da
axuda, así como nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13
de xuño, de subvencións de Galicia.
Se o beneficiario
percibira pagamentos parciais e a execución parcial non cumprira os obxectivos
iniciais previstos ou as accións do anexo II comprometidas, así como as
condicións da resolución, procederase á tramitación do expediente de reintegro
da subvención percibida máis os xuros de demora.
3) No caso de que se xustificasen investimentos por menor importe do
aprobado, a subvención que se vai pagar será proporcional aos investimentos
xustificados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e
cumpran os fins previstos inicialmente.
Aplicarase unha
penalización equivalente ao 20% da axuda correspondente aos investimentos non
xustificados, salvo que o beneficiario comunique a imposibilidade de executar
estes investimentos cunha antelación superior a dous meses antes do remate do
prazo de execución non prorrogado.
Esta penalización
aplicarase tamén para as accións do anexo II non xustificadas.
4) No caso de que o
importe xustificado polo beneficiario na solicitude de cobramento supere en máis
dun 3% o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da
Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda a percibir resultante
da comprobación final na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se
aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é
responsable da inclusión do importe non subvencionable.
5) Se se descubre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha
declaración falsa, o expediente de que se trate quedará excluído da axuda do
Feader e recuperaranse todos os importes que foran aboados polo dito expediente.
Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión
durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader
seguinte.
Artigo 12º.-Controis.
1) A Consellería do Medio
Rural realizará os controis sobre o terreo e os controis administrativos
previstos no Regulamento (CE) nº 1975/2006, como mínimo dun 5% dos expedientes
aprobados, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co
fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como
o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade
e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria.
2) O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control
financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellaría do Medio
Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o
Tribunal de Contas, así como das instancias comunitarias de control respecto das
operacións cofinanciadas con Feader.
3) Seralles de aplicación
ás axudas recollidas nesta orde, o referido a controis sobre o terreo, así como
o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE)
1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE)
nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de
control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao
desenvolvemento rural.
Artigo 13º.-Distribución
do orzamento.
As axudas fixadas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións
orzamentarias dos orzamentos xerais da comunidade autónoma:
Microempresas: aplicación orzamentaria 11.06.713B.770.0, código de
proxecto 2007/00/464, con 3.085.558.81 euros para o ano 2008 e 2.914.441,19
euros para o ano 2009.
Pemes: aplicación
orzamentaria 11.06.713B.770.0, código de proxecto 2008/00/394, con 1.000.000
euros para o ano 2008 e 2.100.000 euros para o ano 2009.
Este orzamento pode verse incrementado con fondos comunitarios, do Estado
ou da Comunidade Autónoma.
Esta orde tramítase
conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de
febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de
outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo
que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente
nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2008,
aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario
actualmente.
Artigo 14º.-Infraccións e sancións.
En materia de infraccións
e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de
xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 15º.-Alteración de
condicións.
Toda alteración das condicións consideradas na concesión da subvención e,
en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por
outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou
internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de
concesión.
Artigo 16º.-Obrigas.
1) O beneficiario da
axuda está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola
Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de
Contas e instancias comunitarias de control e fiscalización no caso de
operacións cofinanciadas con fondos comunitarios, no exercicio das súas funcións
de fiscalización e control do destino das axudas.
2) O beneficiario non poderá substituír os equipamentos subvencionados
anteriormente polos equipos obxecto de subvención e deberá manter os
investimentos subvencionados e os requisitos que condicionaron a obtención da
axuda, durante un período mínimo de 5 anos, contados desde a data da resolución
de concesión da subvención.
Artigo 17º.-Información e
publicidade.
Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE)
1974/2006 o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre
información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido
regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo
total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa
na que figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o
lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas
rurais»
Disposicións adicionais
Primeira.-As axudas serán
incompatibles con calquera outra destinada para os mesmos fins que teña fondos
comunitarios. Serán compatibles con outras con fondos non comunitarios ata un
máximo de subvención global do 45% do custo do investimento.
Segunda.-No non previsto nesta orde, haberá que aterse ao disposto na Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos regulamentos (CE)
1974/2006, (CE) 1975/2006 e (CE) 1698/2006 do Consello.
Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño,
de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a
Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das
axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios
e da súa publicación na citada páxina web.
Cuarta.-De acordo co
establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de
sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá
expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas
e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o
caso.
Quinta.-Tanto esta convocatoria como as bases
quedan condicionadas á aprobación do Programa de Desenvolvemento Rural de
Galicia 2007-2013 pola Comisión e ás eventuais modificacións que poida sufrir o
documento de programación como consecuencia do exame e aprobación do programa
pola Comisión, así como a comunicación da axuda con cargo ao Regulamento (CE)
70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos
87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas
empresas.
Sexta.-Estas axudas axustaranse ao establecido no
Regulamento CE nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais as pequenas e
medianas empresas.
Disposicións adicionais
Primeira.-Facúltase o
director xeral de Montes e Industrias Forestais para ditar cantas disposicións
complementarias estime oportunas para a execución desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
28 de decembro de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf
"00800D012P085.PDF"
Os cursos de
formación deberán ter un recoñecemento oficial. Non se contabilizarán os propios
dos plans de seguridade laboral. Para valorar os cursos de formación poderase
achegar un compromiso mediante declaración xurada, acompañado de informe
favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do
curso. Os traballadores deberán estar en activo na empresa.
As empresas novas poderán achegar compromiso de realización das
accións.
Adaptacións á normativa de seguridade industrial, plans de adaptación á
cadea de custodia e de mellora da xestión empresarial: no momento da solicitude
bastará contrato ou orzamento comercial da acción e memoria en detalle do
contido que se vai desenvolver.
Estas accións serán
comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorporadas
ao funcionamento normal da empresa. A non execución será penalizada de acordo co
indicado no artigo 11.3º.
Ver referencia pdf
"00800D012P085.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es