Diario Oficial de Galicia
venres, 11 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
8
Páxina do Dog:
744
Data da Disposición:
28 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na
Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano
2008.
Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se
establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos
seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano
2008.
O Decreto 332/1995, do 27 de decembro,
establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da
contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de
agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros
como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que
poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos,
coma o clima, enfermidades e outros.
Tendo en conta a
evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, as
recomendacións da Comisión Europea en canto a contías máximas de subvención por
tipos de seguros e coberturas e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia, é necesario regular mediante esta orde determinados aspectos das axudas
para fomentar a contratación de seguros durante o ano 2008.
Conforme o previsto no artigo 5 do título II da Lei 87/1978, do 28 de
decembro, e o regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto
2329/1979, do 14 de setembro, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios elaborou o
Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2008, o contido do cal se
axusta ao acordo de bases para a elaboración dos plans de seguros agrarios
combinados para o trienio 2007-2009, aprobado pola Comisión Delegada do Goberno
para Asuntos Económicos na xuntanza do 27 de xullo de 2006.
No plan determínanse as distintas porcentaxes de subvención que lle
corresponden á Administración do Estado, que achegará Enesa, nos diferentes
grupos de liñas de seguro e os criterios para a súa asignación, os estudos de
viabilidade e condicións de cobertura, as novas liñas de seguro ou garantías
adicionais que se poden incorporar como novidades, a elaboración e revisión das
normas de peritación, as datas de subscrición e prazos de elaboración de cada
seguro; e demais cuestións relacionadas co plan.
O
Plan Anual de Seguros Agrarios foi aprobado para o ano 2008 por Acordo do
Consello de Ministros do día 7 de decembro de 2007 e oportunamente publicarase
no Boletín Oficial del Estado.
Mediante esta orde e en
desenvolvemento do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, a Comunidade
Autónoma de Galicia participará nas subvencións que financien as pólizas de
seguro que se prevexan no plan anual estatal, co fin de fomentar a contratación
de seguros agrarios.
As liñas mestras deste plan estarán destinadas ao
logro dos seguintes obxectivos:
-Avanzar na extensión das
garantías tanto no referido a riscos de carácter epizoótico como de riscos da
natureza.
-Afondar no perfeccionamento daquelas liñas de
aseguramento que na actualidade presentan limitacións para a súa
expansión.
-Potenciar as actuacións que melloren a calidade
do sistema e o servizo que recibe o asegurado.
-Impulsar os traballos precisos para completar o proceso de inclusión no
sistema daquelas producións actualmente non amparadas.
En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de
autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14
da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.
1. O obxecto desta orde é establecer as bases
reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e
convocalas para o ano 2008, para os seguros incluídos no plan de seguros
agrarios combinados para o exercicio 2008, ao abeiro do previsto no Decreto
332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma
galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
2. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en réxime de
concorrencia e poderán ser beneficiarios destas axudas os asegurados titulares
de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,
sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2008 e
liñas gandeiras dos plans 2007 e 2008, e cumpran o establecido no Decreto
332/1995 e na presente orde. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas os
que subscriban, durante o ano 2008, seguros de liñas de cultivos agrícolas que
lles dean cobertura ás colleitas que se leven a cabo no ano 2009.
3. Segundo o establecido no punto 2º do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de
xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar
unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o
esgotamento do orzamento consignado.
4. As subvencións
establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros
contratadas por asegurados que de acordo co artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, teñan a consideración de administracións
públicas.
Artigo 2º.-Entidades aseguradoras
autorizadas.
1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das
entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e
incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros
Agrarios Combinados S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros
autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de
seguros agrarios combinados e demais normativa de desenvolvemento.
2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma
individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non
obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores
da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións
públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.
Artigo 3º.-Liñas de seguros subvencionables e contía das
axudas.
1.
Para o ano 2008 a subvención da Consellería do Medio Rural queda establecida
para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a
esta orde do seguinte xeito:
A. Para todas as liñas
agás as do grupo VI, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles
conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica
no anexo.
B. Para as liñas do grupo VI correspondente aos
seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos
nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos
nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre
o custo neto do seguro especificado no anexo.
2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superarán
as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas
estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres
naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos
adversos asimilables a desastres naturais. Para asegurar o cumprimento desta
normativa, as subvencións terán os seguintes límites:
A. A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural non
poderán superar un límite xenérico do 80% do custo do seguro:
B. Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguinte
contías:
a) Seguros de explotación de gando do grupo IV:
65%.
b)
Seguro de explotación de uva de viño 67%.
c) Seguro combinado e de danos excepcionais de
uva de viño: 65%.
d) Seguro de kiwi e cereixa: 74%.
Artigo 4º.-Procedemento e prazos de
execución.
1.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda,
sempre e cando se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola
normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura,
Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran as distintas epígrafes referentes á
subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na
declaración do seguro especificarase, na epígrafe de subvencións para
comunidades autónomas, a expresión literal de subvención da Comunidade Autónoma
de Galicia.
2. A contratación da póliza do seguro constitúe
unha declaración do asegurado de que xunta os requisitos exixidos nas normas
reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11
da Lei 9/2006, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto
de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o
caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que
xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das
subvencións.
3. Para os efectos do establecido no parágrafo
anterior, dada a natureza das subvencións aos seguros agrarios exceptúase ao
asegurado do requisito de acreditar atoparse ao día no cumprimento das súas
obrigas tributarias, Seguridade Social e non ter débedas da comunidade autónoma,
cando a axuda non pase de 1.500 euros segundo o establecido na alínea g) do
artigo 45 da Lei de orzamentos para o ano 2008.
4. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade
renovable, terán a consideración de solicitude de subvención, a póliza de seguro
inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro,
conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste eido,
presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da
aceptación das condicións do seguro e dos requisitos para a percepción das
subvencións correspondentes.
5. As datas de inicio e o
prazo da subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro,
sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no plan anual para
o ano 2008, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas do
seguro de que se trate.
6. O importe da axuda que
lle corresponda á Consellaría do Medio Rural deducirase do importe da prima que
aboará o tomador ou o asegurado no momento da subscrición da póliza. As
cantidades así descontadas pagarallas a consellería a Agroseguro contra
certificacións de liquidacións, sempre de acordo co procedemento establecido no
correspondente convenio de colaboración subscrito entre a consellería e
Agroseguro.
7. No dito convenio establécense os prazos e a
documentación que Agroseguro deberá xuntarlle a cada certificación de
liquidación co fin de que se poidan efectuar as comprobacións oportunas para a
resolución por parte da Consellería do Medio Rural, antes de realizar os
correspondentes pagamentos da axuda a Agroseguro.
8. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das
subvencións será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria.
9. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias e de
acordo coa orde de presentación de solicitudes, o conselleiro do Medio Rural,
logo da proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria, ditará a correspondente resolución de concesión ou denegación
da axuda, no prazo máximo de seis meses contados desde a presentación da
solicitude. Poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo as
solicitudes, se no devandito prazo non se ditase a correspondente
resolución.
10. As resolucións expresas ou presuntas ditadas
en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e contra elas poderase
interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio
Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación
ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o
acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107,
116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo a redacción dada pola Lei
4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional
contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir
do día seguinte ao da súa notificación.
Artigo 5º.-Obrigas dos
beneficiarios e tomadores dos seguros.
1. Os tomadores dos seguros e, de ser o caso, os
asegurados beneficiarios achegarán unha lista resumo das pólizas subscritas así
como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, sempre
que así lles fose exixida expresamente pola Dirección Xeral de Produción,
Industrias e Calidade Agroalimentaria. Así mesmo, aqueles terán a obriga de
facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas
públicas.
2. Na formalización do seguro, os beneficiarios
das axudas farán constar as axudas solicitadas ou concedidas, das distintas
administracións públicas competentes, para a mesma finalidade.
3. O incumprimento das obrigas sinaladas nos dous puntos anteriores
poderá supoñer a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír
as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen
incorrer os beneficiarios ou perceptores.
4. Os asegurados, polo
feito de contrataren a póliza do seguro agrario, autorizan a Consellería do
Medio Rural para que, en caso necesario, e co obxecto de verificar o cumprimento
dos requisitos exixidos nesta orde, poida solicitar a cesión de información a
outras administracións, por medios informáticos ou telemáticos, sobre a
circunstancia de estar ou non ao día das súas obrigas tributarias, así como
calquera outra información que permita certificar o cumprimento dos requisitos
exixidos para a obtención das subvencións reguladas na presente
orde.
Artigo 6º.-Modificación da resolución de
concesión e infraccións administrativas.
1. Toda alteración das
condicións que se tivesen en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.
2. Para os efectos do control das subvencións reguladas nesta orde, o
tomador do seguro, no caso de pólizas de contratación colectiva, ou o asegurado,
no caso de pólizas individuais, serán responsables das infraccións
administrativas en materia de subvencións e estarán suxeitos ás sancións
reguladas ao respecto, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións
de Galicia.
Artigo 7º.-Reintegro das axudas.
No caso de pagamentos
indebidos, os beneficiarios ou perceptores das axudas quedarán obrigados ao
reembolso do importe indebidamente percibido, xunto cos xuros de demora
producidos desde o pagamento, sen prexuízo doutras responsabilidades a que
houber lugar segundo os artigos 37, 38, 39 e 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
Artigo
8º.-Financiamento.
1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito
adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2008, por un importe total de 7.800.000 euros,
que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo
de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións
orzamentarias, na aplicación 11.03. 713C 773.0 código de proxecto (2006
00271).
2. De conformidade co establecido na orde da
Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas
ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a
tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito
adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2008
aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. A presente orde enténdese
condicionada a que, unha vez aprobados os orzamentos, exista crédito adecuado e
suficiente e subsistan as circunstancias de feito e de dereito existentes no
momento de ditarse a mesma.
Disposicións
adicionais
Primeira.-Para o non previsto nesta orde observarase o disposto
preferentemente na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
Segunda.-Sen prexuízo da sua publicación no
Diario Oficial de Galicia e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30
de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega,
a consellería publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas
reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a
autorización para o tratamento necesario dos datos na citada páxina
web.
Disposición derradeira
Facúltase o director
xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as
instrucións precisas para o desenvolvemento e a execución desta
orde.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.
Alfredo Suárez
Canal
Conselleiro do Medio
Rural
Ver referencia pdf
"00800D011P080.PDF"
Ver referencia
pdf "00800D012P085.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es