Diario Oficial de Galicia
venres, 11 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

8


Páxina do Dog:

729


Data da Disposición:

28 de decembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013 e se convocan para o exercicio orzamentario de 2008.



Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013 e se convocan para o exercicio orzamentario de 2008.

A Consellería do Medio Rural publicou o 14 de maio de 2007 a Orde do 4 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013, e se convocan as correspondentes ao ano 2007. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como na normativa comunitaria sobre axudas de estado.


A entrada en vigor a Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, así como a experiencia adquirida na xestión destas axudas fai conveniente introducir algunhas modificacións que afectan o sistema de xestión e a tipoloxía e requisitos dos investimentos para ser subvencionables. Así mesmo, ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2008, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.


En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 4 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013 e se convocan as correspondentes ao ano 2007, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2008. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.


Sección primeira
Modificación da Orde do 4 de maio de 2007

Artigo 2º.-Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 4 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013:


Primeira.-Modificación dos puntos 2º e 3º do artigo 3 da Orde do 4 de maio de 2007.


Os puntos 2º e 3º do artigo 3 (Investimentos subvencionables) da Orde do 4 de maio de 2007 quedarán redactados como segue:


«2. Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A adquisición de terreos será tamén subvencionable no caso de Pemes e empresas intermedias co límite do 10% do total dos gastos subvencionables.


b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.


c) Os gastos vinculados aos puntos anteriores en honorarios de proxecto e dirección de obra, estudos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas relacionadas co proceso produtivo.


3. No serán, no entanto, obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinaladas no anexo I desta orde. Tampouco serán subvencionables a partir da convocatoria do ano 2009 as solicitudes presentadas por microempresas en que o investimento total sexa inferior a 100.000 €, e estean localizadas nas zonas rurais auxiliables a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)».


Segunda.-Modificación do artigo 7 da Orde do 4 de maio de 2007.

O artigo 7 (Criterios de prioridade) da Orde do 4 de maio de 2007 quedará redactado como segue:


«Para a selección dos proxectos que se van aprobar e para establecer a axuda que se vai conceder utilizaranse os seguintes criterios de valoración:


a) Criterios positivos:

Epígrafe I: asignaranse 20 puntos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:


-Proxectos de cooperativas agrarias galegas ou de empresas participadas maioritariamente (máis do 50%) por estas.


-Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes que, facturando menos de 150.000 €/ano, procesen ou comercialicen materias primas agrarias que procedan maioritariamente (máis do 50%) das súas explotacións.


-Proxectos de industrias que teñan contratos de compravenda homologados pola consellería con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50%) das materias primas que procesan.


-Proxectos con investimentos destinados exclusivamente á elaboración de produtos da agricultura ecolóxica, ou que sen ser de uso exclusivo os realicen industrias nas que polo menos o 25% da súa facturación, ou o 10% no caso de matadoiros, corresponda a produtos da agricultura ecolóxica. En todo caso as materias primas agrarias procesadas deben proceder maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas.


-Proxectos de investimentos en industrias de elaboración de produtos derivados da pataca localizadas en zonas de produción das que proceda a maioría (máis do 50%) da materia prima procesada.


-Proxectos de transformación de produtos agrarios localizadas en concellos de zonas de montaña tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/1999, e nos cales as materias primas agrarias procesadas procedan maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas.


Ademais, no caso de proxectos de empresas que, independentemente de utilizaren materias primas agrarias propias, adquiran materias primas a terceiros para as que a consellería homologou contratos-tipo de compravenda, débese cumprir o requisito adicional de que máis do 50% dos produtos adquiridos deben estar amparados por este tipo de contratos.


Epígrafe II: asignaranse 14 puntos aos proxectos de procesamento de produtos procedentes maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas, que non estean incluídos na epígrafe I, e que sexan dalgún dos seguintes tipos:


-Proxectos incluídos nalgún dos tipos sinalados para a epígrafe I, pero que non cumpran o requisito adicional exixido relativo aos contratos-tipo homologados.


-Proxectos localizados en concellos de zonas desfavorecidas tal como se definen no Regulamento (CE) 1257/1999.


-Proxectos desenvolvidos por produtores agrarios galegos ou entidades participadas por estes, nos cales as materias primas agrarias procesadas ou comercializadas procedan maioritariamente (máis do 50%) das súas explotacións, e non estean incluídos na epígrafe I.


-Proxectos de industrias que teñan contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50%) das materias primas que procesan e non estean incluídos na epígrafe I. Os proxectos de industrias que non adquiran materias primas agrarias directamente a produtores serán tamén incluídos neste punto se acreditan expresamente que os seus subministradores teñen contratos escritos con produtores agrarios galegos da maioría (máis do 50%) das materias primas que procesan.


Epígrafe III: asignaranse 12 puntos aos proxectos de industrias que procesen produtos procedentes maioritariamente (máis do 50%) de explotacións agrarias galegas non incluídos nas dúas epígrafes anteriores, así como proxectos relativos a industrias de alimentación animal.


Epígrafe IV: asignaranse 10 puntos ás solicitudes en función do grao de execución financeira dos proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta orde ou, no caso de non ter, da execución financeira prevista no proxecto.


b) Criterios negativos:

Epígrafe V: asignaranse 4 puntos negativos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:


-Proxectos relativos a refrixeración e/ou termizado de leite de industrias non transformadoras.


-Proxectos de adegas de viño de mesa en zonas incluídas en denominación de orixe.


-Proxectos de novas adegas en zonas con denominación de orixe, salvo se están incluídas na D.O. Monterrei.


-Proxectos de instalacións dedicadas maioritariamente ao despezamento e/ou comercialización de carne que non estean relacionadas accionarialmente con matadoiros ou outras industrias cárnicas.


Epígrafe VI: asignaranse 10 puntos negativos aos proxectos que sexan dalgún dos seguintes tipos:


-Industrias lácteas que, sendo compradoras de leite a produtores, non cumpran os acordos sectoriais existentes na data da finalización do prazo de solicitude de axuda, destinados a mellorar a transparencia nas relacións entre produtores e industrias.


-Industrias lácteas que non sendo compradoras de leite a produtores, adquiran o leite a empresas que sexan compradoras de leite a produtores e que non cumpran os acordos sectoriais existentes á data da finalización do prazo de solicitude de axuda, destinados a mellorar a transparencia nas relacións entre produtores e industrias. Esta limitación non se aplicará ás industrias lácteas que procesen leite procedente maioritariamente (máis do 50%) das súas explotacións.


Estes criterios aplicaranse de forma independente para os proxectos de grandes empresas, con axudas financiadas exclusivamente con fondos propios, e para o resto, financiables con fondos do Feader.



Terceira.-Modificación do punto 6º do artigo 11 da Orde do 4 de maio de 2007.

O punto 6 do artigo 11º (pagamento das axudas) da Orde do 4 de maio de 2007 quedará redactado como segue:


«6. En aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro de 2006, a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario será examinada para determinar o importe subvencionable, establecéndose o seguinte:


a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.


b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras o estudo da admisibilidade da solicitude de pagamento.


Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.


Este criterio aplicarase a todas as axudas concedidas independentemente da fonte de financiamento».


Cuarta.-Modificación do artigo 14º da Orde do 4 de maio de 2007.

O artigo 14 (Reintegro das axudas, infraccións e sancións) da Orde do 4 de maio de 2007 quedará redactado como segue:


«Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro de 2006. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida, non pagando cantidade ningunha e debendo reintegrar o beneficiario as contías percibidas xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento. Ademais ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes».


Quinta.-Modificación da disposición adicional primeira da Orde do 4 de maio de 2007.


A disposición adicional primeira da Orde do 4 de maio de 2007 quedará redactada como segue:


«Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia».


Sexta.-Modificación dos puntos 7, 8 e 19 da epígrafe B do anexo I da Orde do 4 de maio de 2007.


Os puntos 7, 8 e 19 da epígrafe B do anexo I (Conceptos non subvencionables ) da Orde do 4 de maio de 2007 quedarán redactados como segue:


«7. A compra de terreos por un importe superior ao 10% do total dos gastos subvencionables.


8. A compra de locais ou edificios que vaian ser derrubados, ou se foron subvencionados anteriormente por esta consellería. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reforma de locais que fosen subvencionados anteriormente por esta consellería nos que aínda non pasasen 5 anos desde a súa finalización.


19. A compra de vehículos de transporte exterior. No entanto, cando o solicitante sexa unha PEME ou empresa intermedia con instalacións de transformación ou manipulación de produtos agrarios ou unha entidade asociativa de produtores dedicada á comercialización de produtos agrarios, a compra de vehículos de transporte de produtos será subvencionable se se trata de novas adquisicións e non substitúen a vehículos utilizados anteriormente».


Sétima.-Modificación do anexo A2 da Orde do 4 de maio de 2007.

O anexo A2 (Memoria) que hai que presentar coa solicitude de axuda substitúese polo incluído como anexo a esta orde.


Sección segunda
Convocatoria de axudas para 2008

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2008, as axudas reguladas pola Orde do 4 de maio de 2007 (DOG nº 92, do 14 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.


Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas para os investimentos en transformación e comercialización, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 4 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.


2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.


Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes, documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 4 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2007-2013, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.


Artigo 6º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde. Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional dun mes ao sinalado anteriormente para presentar a preceptiva licenza de obras.


Artigo 7º.-Execución.

Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade 2008 do 70% do total subvencionable cando o beneficiario sexa unha grande empresa, e do 60% no resto dos casos. Cando o importe do investimento subvencionable en obra civil e instalacións sexa superior a dous millóns de euros, as porcentaxes de execución indicadas reduciranse á metade.


Porén, este requisito non será exixible cando a concesión da axuda sexa posterior ao 30 de setembro de 2008.


Artigo 8º.-Financiamento.

As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:


a) Fondos cofinanciados polo Feader: aplicación 11.03.741A.770.0 por un importe máximo de 15.000.000 € para a anualidade 2008, 10.000.000 € para a anualidade 2009 e 3.000.000 € para a anualidade 2010.


b) Fondos propios: aplicación 11.03.713D.770.0 por un importe máximo de 3.500.000 € para a anualidade 2008, 2.000.000 € para a anualidade 2009 e 1.000.000 € para a anualidade 2010.


Estes importes poderanse incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.


Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativas á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2008, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.


Disposición adicional

A concesión e o pagamento das axudas queda condicionado en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que considere oportunas para a aplicación desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "00800D010P065.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es