Diario Oficial de Galicia
xoves, 3 de xaneiro de 2008
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
2
Páxina do Dog:
152
Data da Disposición:
5 de decembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE TRABALLO
Rango:
Orde
Título:
Orde do 5 de decembro de 2007 pola que se convocan axudas para o
fomento e consolidación das asociacións de cooperativas.
Orde do 5 de decembro de 2007 pola que se convocan axudas para o fomento
e consolidación das asociacións de cooperativas.
A Comunidade
Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en
virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro,
ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de
Galicia.
En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18
de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción
e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de
integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a
través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política
de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para
promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.
Segundo o disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se fixa
a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o
exercicio das anteditas competencias e funcións.
As axudas establecidas nesta orde para o fomento e consolidación do
asociacionismo e para a realización de actividades de promoción do
cooperativismo intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo
pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento das estruturas
representativas do cooperativismo.
Neste marco de actuación,
as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia,
eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo
que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007 e na Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas, o
Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que
teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da
Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo
1º.-Finalidade.
1. Esta orde ten por obxecto convocar as axudas para o fomento e
consolidación das estruturas representativas do cooperativismo, subvencionando
parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de
actividades de promoción do cooperativismo, durante o ano 2008.
2. Para estes efectos, pódense considerar como gastos normais de
funcionamento:
-Alugueiros e gastos de mantemento de locais e equipos.
-Gastos de
persoal.
-Gastos de comunicacións (teléfono, internet, correo, mensaxaría e
similares), material de oficina e publicacións diversas.
-Mantemento da páxina web da asociación.
-Cotas asociativas a
entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma
galega.
-Gastos de representación e participación en
congresos, seminarios, xornadas e similares.
-Realización de asembleas
e reunións.
-Servizos profesionais.
3. Poderanse considerar como actividades de
promoción do cooperativismo a organización de cursos, xornadas, conferencias e
simposios; a elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos
de investigación, manuais e folletos divulgativos; a elaboración de proxectos de
intercooperación e integración; a asistencia a feiras, mostras e congresos, así
como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo, incluídas
as dirixidas á realización de procesos formativos de persoal responsable de
titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos
cooperativos.
Artigo 2º.-Financiamento e normativa
reguladora.
1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á
existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación
16.04.324A 481.1, código do proxecto 200800555 da Dirección Xeral de Relacións
Laborais por un crédito por importe de cincocentos noventa e nove mil douscentos
trinta e un euros (599.231 €).
En todo caso o gasto
proxectado tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á
existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin, no momento da
resolución, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2008, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de
febreiro de 1999, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de
outubro de 2001.
2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión
axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei
4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións
de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en
canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007, na Lei de orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
Artigo 3º.-Beneficiarias.
1. Poderán ser
beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade
acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de
Galicia, dependente da Consellería de Traballo.
2. A contía das axudas previstas non poderá superar o 80% dos gastos
necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo,
con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan da contía realmente
xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.
Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e prazo.
1. As solicitudes de
axudas dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Laborais e presentaranse por
calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I
desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
-Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación
fiscal da entidade solicitante.
-Fotocopia compulsada do
documento nacional de identidade da persoa que teña a representación
legal.
-Ficha de solicitude da transferencia bancaria
segundo o anexo IV desta orde.
-Declaración do conxunto de todas as solicitudes
efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, ante as
administracións públicas competentes ou outros entes públicos.
-Memoria, asinada polo órgano competente, segundo modelo que figura como
anexo II desta orde.
-Orzamento detallado dos gastos normais de
funcionamento para os que se solicita a subvención, cuantificado economicamente
en todas as súas epígrafes.
-Proposta das actividades
de promoción do cooperativismo para as que se solicita a subvención,
especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos
para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das
persoas intervenientes e un orzamento detallado cuantificado economicamente en
todas as súas epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade
solicitante no seu financiamento.
3. A presentación da
solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao
órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia
Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e
a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.
4. O prazo de presentación de solicitudes remata aos corenta días
hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no
Diario Oficial de Galicia.
Artigo
5º.-Instrución.
As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas
á Dirección Xeral de Relacións Laborais, por ser o órgano instrutor, para que o
servizo competente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os
requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou
sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a
falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non
o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que
deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.
Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral
da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de
Relacións Laborais.
Artigo 6º.-Avaliación das
solicitudes.
1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo
que unha vez instruídos os expedientes, pasarán para o seu exame á comisión de
avaliación que informará o órgano instrutor. Este órgano elevará proposta ao
conselleiro de Traballo, quen resolverá poñendo fin á vía
administrativa.
2. Para os efectos do disposto no parágrafo
anterio, a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a
directora xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidenta a
subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social, o xefe do Servizo de
Cooperativas e Economía Social, que actuarán como vogais e un funcionario/a
designado/a pola directora xeral, que actuará como secretario/a. Esta comisión
poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela a
presidenta, ou persoa en quen delegue, un/unha vogal e o/a secretario/a. Se por
calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as
solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será
substituída polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de
Relacións Laborais.
3. A comisión de avaliación, motivadamente,
poderá requirir das entidades solicitantes das axudas información ou
documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña
fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das
solicitudes.
Artigo 7º.-Criterios de avaliación.
1. A concesión e contía
das axudas para os gastos normais de funcionamento serán fixados en función da
representatividade que teñan as asociacións solicitantes, en primeiro lugar, e
tendo en conta os niveis de actividade que desenvolvan, en segundo lugar, de
acordo co seguinte baremo:
1º Polo número de
cooperativas asociadas, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de
Galicia: 1 punto por cada entidade asociada.
Neste suposto, se a
cooperativa asociada é de segundo grao, computaranse as cooperativas integradas
a través dela sempre e cando non estean asociadas directamente.
2º Polo nivel de actividade da asociación outorgarase:
-8 puntos por cada local
en funcionamento.
-5 puntos pola participación no Consello Galego de
Cooperativas.
-4 puntos por cada traballador ou traballadora.
-4 puntos pola existencia
de páxina web operativa.
2. Para as subvencións de actividades de
promoción do cooperativismo teranse en conta os seguintes criterios ordenados
segundo a súa importancia:
1º Pola adecuación aos
obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para cooperativismo, ata un
máximo de 30 puntos.
2º Por propostas innovadoras ou que pola súa
singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa
promoción, ata un máximo de 25 puntos.
3º Pola solvencia da
entidade solicitante para levar a cabo a actividade, acreditada mediante memoria
específica, e cumprimento dos compromisos derivados das actividades
subvencionadas anteriormente, de ser o caso, ata un máximo de 20
puntos.
4º Pola adecuación dos medios previstos e
viabilidade do proxecto presentado, ata un máximo de 15 puntos.
5º Polo emprego da lingua galega na realización das actividades para as
que solicita a axuda, ata un máximo de 15 puntos.
A
concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as
solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos
criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase a aquelas
propostas que obtivesen maior puntuación.
Artigo 8º.-Resolución e
recursos.
1.
A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde
corresponderalle ao conselleiro de Traballo.
2. Logo da fiscalización
da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a
correspondente resolución que se lles notificará ás entidades
interesadas.
3. O prazo para resolver e notificar será de tres
meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computar ata que transcorra
o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito
prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude
de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño,
de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, do 13 de xaneiro,
de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía
administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo
no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición
contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo,
recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a
resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de
xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
5. De acordo co
establecido nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto
132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Traballo publicará no Diario Oficial
de Galicia e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro deste
orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.
6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de
decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo
incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de
xullo, os datos relevantes referidos as subvencións recibidas ao abeiro desta
orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación,
cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC
como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán 9-15702 Santiago de
Compostela).
Artigo 9º.-Forma de pagamento e
xustificación.
1. As axudas materializaranse a través de convenios de colaboración
subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias. En
concepto de anticipo poderase facer efectivo ata o 50% do total da contía da
subvención, unha vez acreditada a súa aceptación coa subscrición do
convenio.
2. Os convenios de colaboración deberán conter,
como mínimo, os seguintes extremos:
a) Obxecto da
colaboración e asociación colaboradora.
b) Normativa reguladora.
c) Prazo de
duración.
d)
Requisitos que deben cumprirse nas diferentes fases do procedemento.
e) Prazo e forma da
presentación da xustificación da subvención.
f) Determinación dos libros e rexistros contables
específicos que deben levar as asociacións para facilitar a adecuada
xustificación da subvención e comprobación do cumprimento das condicións
establecidas.
g) Obriga de reintegro da subvención no suposto
de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidos para a súa concesión e
nos supostos previstos legalmente.
h) Obriga da asociación
de someterse ás actuación de comprobación e control previstas
legalmente.
i) Contía económica da subvención.
3. O pagamento das axudas
efectuarase segundo se estableza no correspondente convenio de colaboración e
quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa, para
acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, antes
do 15 de novembro de 2008. Unicamente se aboará ata o 80% dos pagamentos
realmente realizados, correspondentes aos gastos xustificados, ata o tope máximo
da contía inicialmente concedida como subvención.
En todo caso a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo
28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá
presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a
mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de
resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes
públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou
subvencións.
Artigo 10º.-Prohibicións, incompatibilidades e
concorrencia.
A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para
obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17
de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións
de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no
anexo I desta orde.
En ningún caso o importe das subvencións ou
axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente
ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos
ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que
vaia desenvolver a entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos
gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.
Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
Son obrigas das entidades
beneficiarias das axudas as referidas no artigo 11 da Lei 9/2007, en especial as
seguintes:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias
estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de
pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública
da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de
concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións
tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e
obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención
concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de
calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que
efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan,
se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na
lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos
da Administración do Estado ou da Unión Europea.
d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos
recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das
actuacións de comprobación e control.
Artigo 12º.-Modificación
da resolución, revogación e reintegro.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión das axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e
axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.
2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou
parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e
nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto
287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido na Lei
9/2007.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo
anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo
5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre
infraccións e sancións na orde social.
Artigo 13º.-Seguimento e
control.
Sen
prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a
Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, avaliación e
seguimento.
Para realizar as devanditas funcións poderanse
utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento,
a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento
dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de
aplicación. Para estes efectos as entidades beneficiarias deberán cumprir as
obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e no convenio de
colaboración.
Disposición adicional
Única.-A Consellería de
Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se
considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións
exixidas nesta orde.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a
directora xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas
competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e
cumprimento desta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de
2007.
Ricardo
Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de
Traballo
Ver referencia pdf
"00200D012P064.PDF"
Ver referencia
pdf "00200D013P071.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es