Diario Oficial de Galicia
xoves, 27 de decembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

249


Páxina do Dog:

20.312


Data da Disposición:

19 de decembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE TRABALLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 19 de decembro de 2007 pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.



Orde do 19 de decembro de 2007 pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.


En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.


A mesma lei prevé, así mesmo, a participación doutros ámbitos da administración pública, establecendo que a administración local procurará considerar dentro dos seus plans ou programas de actuación a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas.


Segundo o disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.


Esta consellería, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, a necesidade de que o labor de divulgación e fomento se realice tamén desde os ámbitos máis próximos aos cidadáns, así como as sinerxías derivadas da cooperación entre as distintas administracións, quere estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia.


A través desta orde regúlase o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades propostas por parte dos concellos seleccionados. Entre os criterios de selección, outórgaselle especial importancia á sintonía do proxecto co Plan estratéxico para o desenvolvemento do cooperativismo. Como novas para o exercicio 2008 destácase o impulso á incorporación de mulleres a proxectos cooperativos, outorgando unha puntuación adicional por este concepto.


A regulación axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007.


Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Cooperativas, o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e réxime das subvencións.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufragar parcialmente a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia.


2. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 16.04.324A 460.0, código do proxecto 200800545 da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de trescentos nove mil euros (309.000 €).


3. En todo caso o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin, no momento da resolución, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1999, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.


4. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e nesta orde.


Artigo 2º.-Beneficiarios e contía.

1. Poderán ser beneficiarios os concellos de Galicia ou mancomunidades de concellos de Galicia que, logo da solicitude, resulten seleccionados segundo o establecido nesta orde e realicen as devanditas actividades antes do 15 de novembro de 2008.


2. No poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades que incorran nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.


3. As actividades obxecto de subvención poderán consistir en calquera tipo de acción promocional do cooperativismo dirixida ao ámbito territorial do concello ou concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo, poderá consistir na elaboración e publicación de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; realización de feiras, mostras, congresos; organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios.


Coidarase especialmente o enfoque de carácter práctico e eficaz das actividades, así como a súa imbricación coa realidade do contorno socioeconómico local onde se desenvolven. Na medida en que resulte posible, procurarase a participación das asociacións de cooperativas representadas no Consello Galego de Cooperativas como xeito de contribuír á difusión dos valores e potencialidades do cooperativismo.


4. A contía das subvencións non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.


Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes de subvencións deberán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Laborais, e presentaranse mediante calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


2. As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:


*Memoria do proxecto que conteña:

­Identificación do concello ou mancomunidade solicitante e do seu ámbito de influencia.


­Indicación das actividades de fomento do cooperativismo que realizou en anos anteriores ou se é a primeira ocasión que accede a esta liña de axudas.


­Director ou coordinador do proxecto.

­Descrición das actividades que se pretenden realizar, especificando a súa finalidade e as persoas destinatarias.


­Medios previstos para a súa realización, así como un informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes, de ser o caso.


­Orzamento detallado, cuantificado en todos os seus puntos, indicando a procedencia dos recursos non achegados pola consellería.


*Certificación expedida polo secretario da entidade local, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incurso o concello ou mancomunidade nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia


*Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo II).


3. O prazo de presentación de solicitudes remata aos corenta días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 4º.-Instrución.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, por ser o órgano instrutor, para que o servizo competente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.



Artigo 5º.-Avaliación das solicitudes.

1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que realizará a selección e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta ao conselleiro de Traballo, quen resolverá poñendo fin á vía administrativa.


2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a directora xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidenta, a subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social, tres representantes dos concellos de Galicia nomeados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, un/unha representante das asociacións de cooperativas; con representación no Consello Galego de Cooperativas e o xefe do servizo de Cooperativas e Economía Social que actuará como secretario.


Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a presidenta, ou persoa en que delegue, o secretario e polo menos a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos funcionarios que a compoñen non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Relacións Laborais.


3. A comisión de avaliación rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.


4. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.


Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

1. A comisión realizará a estimación do número de beneficiarios e da contía da subvención, sempre tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias previstas para este fin e os límites fixados nesta orde, a comisión non terá en conta os proxectos que non se adapten a estas bases.


2. Como criterios de avaliación teranse en conta as seguintes características dos proxectos, ordenadas como se indica a continuación:


1º Pola adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo, ata 30 puntos.


2º Por tratarse de concellos ou mancomunidades que presenten proxectos que impulsen a incorporación de mulleres como socias de cooperativas, ata 28 puntos.


3º Por accións encamiñadas a facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais que dean saída profesional aos desempregados do ámbito territorial de influencia, mediante a creación de cooperativas ou a incorporación ás xa existentes, ata 26 puntos.


4º Por actuacións dirixidas á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais, a través de proxectos empresariais cooperativos que agrupen titulares de explotacións agrarias (agrícolas, gandeiras, forestais e outras), pesqueiras (pesca, marisqueo, acuicultura e relacionadas), ou doutro tipo de actividades empresariais e profesionais, ata 24 puntos.


5º Por actuacións que tendan ao aproveitamento integral dos recursos humanos e materiais, que no devandito ámbito territorial teñan como obxectivo o impulso de proxectos empresariais, de promoción do emprego, de orientación de emprendedores e de actividades de asesoramento e formación relacionadas con elas, ata 22 puntos.


6º Por proxectos innovadores ou que pola súa singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa promoción, ata 20 puntos.


7º Pola coordinación das actuacións entre distintos concellos, así como pola colaboración con sociedades cooperativas galegas e as súas asociacións, ata 18 puntos.


8º Polo emprego da lingua galega na realización das actividades para as que solicita a axuda, ata un máximo de 18 puntos.


Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle ao conselleiro de Traballo.


2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se notificará aos interesados. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva do concello ou mancomunidade solicitante, ben que a consellería, debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas. En todos os soportes, materiais ou publicacións e calquera medio de divulgación das actividades deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo.


3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes.


Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


5. De acordo co establecido nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006 do 27 de xullo, a Consellería de Traballo publicará no DOG e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.


6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal a Consellería de Traballo incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos as subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros- rúa Domingo Fontán 9-15702 Santiago de Compostela).


Artigo 8º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, os interesados dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.


2. Ao remate da actividade, deberase presentar informe exhaustivo da súa realización, acompañado de copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor dos beneficiarios e logo de acreditación dos gastos e dos pagamentos realizados. Unicamente se aboará ata o 80% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.


En todo caso a forma de xustificación deberá aterse o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


3. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, antes do 15 de novembro de 2008, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.


4. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.


Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:


a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.



b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.


Artigo 10º.-Modificación da resolución, revogación e reintegro.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.


2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007.


Artigo 11º.-Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.


Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde.


Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.


Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo
Ver referencia pdf "24900D008P064.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es