Diario Oficial de Galicia
xoves, 27 de decembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
249
Páxina do Dog:
20.257
Data da Disposición:
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 19 de novembro 2007, da Secretaría Xeral de
Comunicación, pola que se establecen, para o ano 2008, axudas económicas, en
réxime de concorrencia competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de
radiodifusión.
Resolución do 19 de novembro 2007, da
Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se establecen, para o ano 2008,
axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a empresas
xornalísticas e de radiodifusión.
En cumprimento
do disposto no Decreto 96/2004, do 13 de maio, polo que se modifica o Decreto
71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas
e de radiodifusión e, en uso das facultades que teño conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta resolución ten por obxecto o establecemento
de subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia
que estean debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda
segundo a forma empresarial que adopten.
Para os efectos desta
resolución entenderase:
a) Por empresas xornalísticas e de radiodifusión,
as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outras, a edición e
distribución de xornais diarios co mesmo título e numeración sucesiva, as
empresas radiofónicas privadas e aquelas que transmitan a súa actividade
informativa diaria a través da internet, vía satélite ou por calquera outro
sistema que empregue soportes das novas tecnoloxías da comunicación.
b) Por empresas radicadas en Galicia, aquelas que conten cun cadro de
persoal estable de cando menos cinco traballadores que presten os seus servizos
no ámbito territorial de Galicia e que elaboren e difundan toda ou parte da súa
produción informativa de forma específica no territorio da comunidade
autónoma.
Artigo 2º.-Actuacións
subvencionables.
1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que
publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes,
colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de
Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da
súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o
idioma galego.
2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión
que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución, comprometeranse a:
respectar, nas informacións redactadas en castelán a lingua das declaracións da
fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo
directo, e a introducir a oferta positiva establecida no plan xeral de
normalización da lingua galega, cando menos na relación xornalística cos
representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva
consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e
a persoa entrevistada.
3. Quedan excluídos da
concesión de axudas:
a) Os boletíns interiores de institucións.
b) As publicacións de
partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.
c) As publicacións de distribución gratuíta.
d) As empresas que emitan
a través de sinal de televisión.
e) As que, ao longo do ano 2007, incluísen
publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de
xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.
Artigo 3º.-Financiamento.
A concesión das subvencións reguladas nesta
resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.461A.470.1,
que dispón de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da
comunidade autónoma para o ano 2008, por unha contía inicial máxima de 86.336,00
€, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de
modificacións orzamentarias nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de
xuño, de subvencións de Galicia.
Esta resolución de axudas
tramítase de conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e
Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de
2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de
expedientes de gasto.
Artigo
4º.-Solicitudes.
As solicitudes, axustadas ao modelo oficial que se publica como anexo
desta resolución, dirixiranse ao secretario xeral de Comunicación e deberán ir
acompañadas da seguinte documentación:
A) Empresas
xornalísticas:
1. Copia do documento nacional de identidade da empresa solicitante ou do
seu representante legal.
2. Testemuño auténtico da
escritura de poder cando o solicitante actúe en representación da persoa física
ou xurídica titular do medio.
3. Certificación da
inscrición no Rexistro Mercantil ou no do órgano correspondente.
4. Memoria en que se fagan constar os números publicados desde o 1 de
xaneiro ao 31 de decembro de 2007, número de traballos ou artigos escritos en
lingua galega durante o mesmo período e porcentaxe de publicacións, informacións
ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e difusión da
identidade e cultura de Galicia.
5. Copia do pagamento do
imposto sobre actividades económicas (IAE) . No caso de que a entidade estea
exenta, deberá xustificar a causa de exención.
6. Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do número anual medio
de traballadores en situación de alta durante o ano 2007.
7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que
se trate durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007, acompañada
da documentación que o acredite. No caso de empresas que emitan a través da
internet, presentarán declaración do número de visitas ou consultas efectuadas
no período citado anteriormente. Incidirá especialmente na valoración a
certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD) , coa
difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007.
8. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de
que vai incrementar o uso da lingua galega un mínimo dun dez por cento sobre o
existente en galego no ano 2007, en cada cabeceira.
9. Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que
se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas
solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no
artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº
121, do 25 de xuño).
10. Os peticionarios das axudas presentarán, coa
solicitude inicial, unha declaración de conxunto de todas as solicitudes
efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas
administracións públicas.
B) Empresas de
radiodifusión:
1. Memoria en que se faga constar a programación, especificando que parte
dela se realiza en lingua galega. Este último extremo acreditarase mediante
declaración xurada.
2. A que se establece nos números 1, 2, 3, 5, 6,
9 e 10 da epígrafe A) deste artigo.
3. Informe do estudo
xeral de medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o
período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007.
4. Declaración xurada do representante da empresa responsabilizándose de
que continuará realizando as emisións en galego ata o 31 de decembro de 2008 no
caso de ser beneficiaria da axuda.
A presentación da
solicitude implica o coñecemento e aceptación do réxime contido nesta
resolución. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a
presentación da solicitude da axuda pola persoa interesada comportará a
autorización para que a Secretaría Xeral de Comunicación obteña de forma directa
a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa
comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados
telemáticos.
Artigo 5º.-Prazo e presentación de
solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día
seguinte á publicación desta resolución.
As solicitudes poderán
presentarse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, sito no edificio administrativo de San Caetano, Santiago de
Compostela, directamente ou a través dos procedementos establecidos nos artigos
38.4º e 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.
As solicitudes
presentadas serán tramitadas polo servizo competente da Secretaría Xeral de
Comunicación. As ditas solicitudes serán avaliadas por unha comisión integrada
polos seguintes membros:
Presidente: o secretario
xeral de Comunicación.
Vogais:
-A secretaria xeral de Política
Lingüística.
-Un funcionario da Secretaría Xeral de Comunicación con categoría non
inferior á de xefe de servizo.
-Un funcionario proposto
pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de
xefe de servizo.
Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de
Comunicación, por proposta do presidente, que actuará con voz pero sen
voto.
Artigo 7º.-Criterios de valoración.
A valoración das
solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:
a) Criterio referido á
difusión: tiraxe de exemplares, número de lectores ou oíntes e número de visitas
ou consultas.
b) Criterio referido ao emprego regular do galego
por parte do medio, seguindo o establecido no Decreto 172/1982, do 17 de
novembro, de normas sobre uso e ensino da lingua galega e na disposición
adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e de
acordo coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12
de xullo de 2003.
c) Criterio referido á porcentaxe de
publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua
galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia.
O
crédito destinado a financiar estar axudas distribuirase proporcionalmente en
aplicación dos ditos criterios.
Artigo
8º.-Resolución.
1. As solicitudes de axuda realizadas ao abeiro desta resolución serán
resoltas polo secretario xeral de Comunicación ao abeiro do establecido na
disposición adicional segunda, alínea c), do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de
estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de
Galicia.
2. As axudas concedidas ao abeiro desta
resolución daráselles publicidade nos termos do establecido no artigo 15 da Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No suposto de que a contía
individualmente considerada sexa inferior a 3.000 euros publicarase no taboleiro
de anuncios da Secretaría Xeral de Comunicación.
3. Os datos relativos a estas axudas e as sancións, que como consecuencia
delas puidesen interpoñerse, serán publicados de acordo co previsto no artigo 9
do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos
creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Os datos identificativos das entidades solicitantes, beneficiarias e
participantes, integraranse en ficheiros informáticos para os efectos oportunos,
e as persoas interesadas poderán exercer os dereitos recoñecidos con carácter
xeral na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de
carácter persoal e demais normativa de desenvolvemento.
4. A comisión poderá solicitar todos os informes que considere
necesarios, realizando proposta, para que se adopte a resolución que proceda.
Contra a dita resolución poderá interpoñerse potestativamente recurso de
reposición nos prazos estipulados no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, ou acudir directamente á xurisdición
contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde a súa notificación
perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
5. A concesión ou denegación desta liña de subvencións, axustarase aos
artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común. No prazo de
seis meses desde a data de publicación desta convocatoria, ditarase resolución
expresa, e notificarase a cada unha das empresas ou entidades solicitantes, de
non producirse a notificación no referido prazo e de conformidade co artigo
44.1º da citada lei, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as
súas pretensións por silencio administrativo.
Artigo 9º.-Obrigas das empresas beneficiarias.
1. As empresas
beneficiarias das axudas quedan obrigadas:
a) A aceptar expresamente a subvención e a
atoparse ao día das súas obrigas tributarias e sociais, e a non ter pendente de
pagamento ningunha débeda coa Facenda da comunidade autónoma.
b) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto
de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, e en todo
caso nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
c) A someterse ás
actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral de
Comunicación, así como calquera outra comprobación e control financeiro que
poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de
Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e
control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa
requirida.
d) A non estar incursas en ningunha das
prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas
recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de
Galicia.
e) A comunicarlle á Secretaría Xeral de
Comunicación no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á
xustificación da aplicación dos fondos, a obtención doutras subvencións, axudas,
ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a
modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da
axuda.
2. Para os efectos de xustificar o compromiso
establecido no artigo 2º.2 desta resolución, as empresas beneficiarias deberán
achegar declaración do representante da empresa responsabilizándose de respectar
as declaracións da fonte ou da persoa entrevistada e a introdución da oferta
positiva, nos termos recollidos no citado artigo.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da
subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas
outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais
ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de
concesión.
O pagamento farase efectivo na súa totalidade
unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo anterior.
As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de
infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia.
Disposición
derradeira
Única.-Nos aspectos non contidos nesta resolución aplicarase o Decreto
71/1999, do 18 de marzo, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e o
disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2007.
P.D. (Disposición
adicional segunda
do Decreto 44/2006,
do 2 de marzo)
Fernando Salgado
García
Secretario xeral de
Comunicación
Ver referencia pdf
"24900D002P009.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es