Diario Oficial de Galicia
martes, 4 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
171
Páxina do Dog:
14.692
Data da Disposición:
29 de agosto de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 29 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras das axudas para a dotación das explotacións gandeiras con sistemas
de almacenamento de animais mortos e se convocan para o ano
2007.
Orde do 29 de agosto de 2007 pola que se
establecen as bases reguladoras das axudas para a dotación das explotacións
gandeiras con sistemas de almacenamento de animais mortos e se convocan para o
ano 2007.
O Regulamento (CE) 1774/2002, do 3 de
outubro, do parlamento e do Consello da Unión Europea establece as normas
sanitarias aplicables aos subprodutos de orixe animal non destinados a consumo
humano, prohibindo a súa entrada na cadea alimentaria. Este regulamento foi
desenvolvido polos regulamentos (CEE) 917/2004 da Comisión, do 29 de abril, e
1484/2004, do 20 de agosto.
O Real decreto 1429/2003,
do 21 de novembro, regula as condicións de aplicación da normativa comunitaria
en materia de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.
Neste texto lexislativo amplíase a obriga xa existente da destrución de
cadáveres de animais ruminantes nas condicións indicadas no devandito
regulamento incluíndo novas especies animais.
Pola Orde do 23 de decembro de 2004 establecéronse as axudas para a
implantación dun sistema de recolla de subprodutos animais nas explotacións
agrarias. Máis concretamente auxiliábase a adquisición de contedores e
conxeladores que facilitasen as condicións sanitarias e de respecto ao ambiente
en que se facía a recolla de animais mortos das especies cunícola, aviar e
porcina.
Dado que moitos dos beneficiarios se acolleron
tan so á subvención para a adquisición do contedor, a recolla dos animais das
especies aviar e cunícola faise en moitos casos nunhas condicións en que é moi
custoso a súa recolla e, asemade, aínda que se cumpre a regulamentación
existente, non se fai nas debidas condicións de salubridade e respecto ao
ambiente. Faise logo preciso estimular a adquisición dos conxeladores a aqueles
beneficiarios que non os adquiriron na anterior convocatoria, como paso previo a
facelos obligatorios para poder subscribir o seguro de recolla de cadáveres de
animais non bovinos para Galicia, no caso das especies aviar e
cunícola.
O Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do
15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das
axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de
produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001,
contempla no seu artigo 4º a posibilidade de outorgar axudas para auxiliar
investimentos nas explotacións sempre que se respecten os condicionamentos do
citado artigo, podendo acadar nas condicions especificadas na alínea e un 75% en
zonas desfavorecidas e un 60% no resto das zonas.
Nesta orde terase en conta o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
En virtude do exposto, e
de conformidade co artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso
das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999,
polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto
establecer as bases reguladoras das axudas para a dotación das explotación
gandeiras con sistemas de almacenamento de animais mortos e a súa convocatoria
para o ano 2007.
Sección primeira
Bases reguladoras das axudas
Artigo
2º.-Obxecto.
Esta sección ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras das
axudas para a dotación das explotacións gandeiras con sistemas de almacenamento
de animais mortos, con destino ás explotacións inscritas no Rexistro de
Explotacións Gandeiras (en diante Rega) da Dirección Xeral de Produción,
Industrias e Calidade Agroalimentaria.
Artigo 3º.-Principios de
concesión e beneficiarios.
1. As axudas e subvencións reguladas nesta orde
concederanse en réxime de concorrencia competitiva e, en todo caso, con
suxeición aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, e estarán
supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nas correspondentes
partidas orzamentarias.
2. Poderán ser
beneficiarios destas axudas:
1. As personas físicas ou xurídicas titulares de
explotacións de gando aviar ou cunícola inscritas no Rega da Dirección Xeral de
Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que na anterior convocatoria
non fosen beneficiarios dunha axuda para a adquisición dun
conxelador.
2. As personas físicas ou xurídicas titulares de
explotacións de gando aviar ou cunícola inscritas no Rega da Dirección Xeral de
Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que na anterior convocatoria
foron beneficiarios dunha axuda para a adquisición dun conxelador, pero
acrediten que na actualidade son titulares doutra unidade produtiva separada
fisicamente da anterior e identificada con outro Rega, que non foi beneficiaria
da axuda.
Artigo 4º.-Clase e contía das axudas.
As axudas previstas nesta
sección consistirán nunha axuda para a adquisición dun conxelador. O máximo
investimento subvencionable será de 2,5 euros por litro de capacidade do
conxelador, sen superar o seu custo, excluído o IVE.
A
axuda consistirá nunha subvención de ata o 75% do investimento subvencionable
para o caso de zonas desfavorecidas ou de montaña e dun 60% no resto das zonas
sen superar os 375 euros de subvención por conxelador e ata un máximo de tres
unidades, cando o beneficiario sexa titular de polo menos tres explotacións
identificadas no Rega da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade
Agroalimentaria, con diferente identificación e separadas fisicamente de forma
que se faga necesario un conxelador individual para cada unha delas.
Artigo 5º.-Compromisos dos beneficiarios.
Os beneficiarios das
axudas deberán cumprir os seguintes compromisos:
1. Non allear o
conxelador por un período de cinco anos desde a súa adquisición.
2. Dedicalo en
exclusividade para a recolla e almacenamento de cadáveres.
3. Mantelo nun adecuado
estado de conservación.
Artigo 6º.-Requisitos do conxelador.
Deberan ter unha
capacidade mínima de 140 litros e estar dotados de regulación de temperatura de
xeito que se poida optimizar o seu consumo enerxético e un deseño que facilite a
súa hixienización periódica. Deberán ser de clase enerxética A ou
superior.
Artigo 7º.-Solicitudes e documentación
complementaria.
Os interesados en acceder ás axudas previstas nesta orde deberán
presentar unha única solicitude axustada ao modelo do anexo I, á cal
xuntarán:
1. Certificado orixinal da conta
bancaria.
2.
Factura proforma do conxelador.
3. Declaración doutras axudas solicitadas para a
mesma finalidade.
4. Copia do NIF do solicitante.
No caso de solicitar axudas para varias unidades
produtivas, farase constar na cabeceira da solicitude aquela en que se
desenvolve a maioría da actividade produtiva e á cal se lle adxudicará desde o
punto de vista administrativo a subvención.
Procederase á revisión
das solicitudes e comprobarase que reúnen os requisitos e que conteñen a
documentación exixida. De apreciarse algún erro ou omisión, requerirase ao
solicitante que presente a documentación que falte ou emende o erro da
solicitude nun prazo de dez días, facéndolle saber que, de non facelo, se
entenderá que desiste da súa petición.
A presentación da
solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente
obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas
tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social a través
de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de presentar
a correspondente certificación.
Artigo 8º.-Tramitación e
resolución.
O
órgano de instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de
Produción, Industrias, e Calidade Agroalimentaria. Por proposta desta dirección
xeral logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado presidido polo
subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo e
integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non
inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, o
conselleiro do Medio Rural resolverá sobre as solicitudes presentadas no prazo
de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da
convocatoria. Transcorrido ese prazo sen que se ditase e notificase a
correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa
solicitude por silencio administrativo.
Artigo 9º.-Criterios de
selección.
Para a avaliación das solicitudes presentadas empregaranse os seguintes
criterios xerais de selección:
1. Por estar en zona
desfavorecida ou de montaña: 3 puntos.
2. Por tratarse dunha explotación prioritaria: 2
puntos.
3.
Por ter contratado un seguro de recolla de cadáveres de animais das especies non
bovinas: 3 puntos. Para acreditar este último requisito xuntarase copia da
póliza do seguro en vigor.
Artigo 10º.-Execución do
programa e certificación.
1. Unha vez realizados os investimentos
previstos, os interesados deberán comunicar a finalización da execución do
investimento antes do prazo indicado na resolución aprobatoria, por escrito,
preferentemente nas oficinas agrarias comarcais ou nas delegacións provinciais
da Consellería do Medio Rural. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes
do investido.
2. As facturas acreditativas dos investimentos
deberán ter unha data posterior á da resolución da concesión da axuda,
cumprindo, en xeral, as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real
decreto do 1496/2003), acompañándose do xustificante que verifique o pagamento
efectivo delas, a sinatura e «recibín» ou «pagado» da entidade que facture, ou
ben o comprobante da transferencia bancaria selado.
3. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos con
posterioridade á data prevista entenderase como renuncia ás axudas concedidas,
quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda.
Artigo 11º.-Concorrencia e acumulación de axudas.
1. As axudas reguladas
nesta orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas
administracións públicas, referidas aos mesmos investimentos e, en particular,
coas axudas para a mellora e modernización das estruturas de produción das
explotacións agrarias, agás aquelas referidas á eficiencia enerxética dos
electrodomésticos. Se no momento da certificación se acreditara unha axuda por
desmantelamento dun conxelador vello, minoraríase o importe da axuda na mesma
contía da axuda percibida por este concepto.
2. Ademais do previsto no
número 3 do artigo 7º desta orde respecto da declaración que se vai presentar
coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa xustificación da
execución do investimento e, en todo caso, antes do pagamento final da axuda,
unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto
aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das
distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus
organismos, entes ou sociedades.
Artigo 12º.-Obriga de
facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que
durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes
da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de
facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas
públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección
ou control da Unión Europea.
Artigo 13º.-Modificación
da resolución de concesión.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención
concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou
entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á
modificación da resolución de concesión.
2. Así mesmo, poderá
acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do
beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas no artigo 12 do
Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Artigo 14º.-Reintegro das
axudas.
Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda e os xuros de
demora producidos desde o pagamento no suposto de incumprimento das condicións
establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 15º.-Recursos administrativos.
As resolucións expresas ou presuntas dos
expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de
convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os
seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante o
conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte
ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a
aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co
establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada
pola Lei 4/1999.
2. Directamente, recurso
contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional
contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir
do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.
Artigo 16º.-Infraccións e sancións.
Seralles de aplicación aos beneficiarios das
axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de
subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se
aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
Sección segunda
Convocatoria para o ano 2007
Artigo
17º-Obxecto.
Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2007 das axudas
para a dotación das explotación gandeiras con sistemas de almacenamento de
animais mortos, segundo as bases reguladoras establecidas na sección primeira
desta orde.
Artigo 18º.-Presentación de
solicitudes.
As solicitudes de axuda para a convocatoria para o ano 2007 presentaranse
no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde,
preferentemente nos rexistros das oficinas agrarias comarcais ou das delegacións
provinciais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo dos outros medios
previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 19º.-Financiamento para o ano 2007.
As axudas reguladas nesta
orde estarán financiadas no exercicio 2007 con cargo á aplicación orzamentaria
2007 11 03 713E 7703, da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia
para o ano 2007, por un importe de 300.000 euros, sen prexuízo de poder utilizar
outros remanentes dispoñibles.
Disposicións
adicionais
Primeira.-Os beneficiarios destas axudas están exentos de acreditar non
ter pendente de pagamento ningunha débeda por calquera concepto coa
Administración da comunidade autónoma, así como de estar ao día nas súas obrigas
tributarias estatais e coa Seguridade Social segundo permite a alínea g) do
artigo 41 da Lei 14/2006, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007.
Segunda.-No non previsto
nesta orde aplicarase o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia.
Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei
4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración
pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial
as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 23 de decembro de 2004
(Diario Oficial de Galicia nº 252, do 29 de decembro) pola que se establecen as
bases e se convocan as axudas para a implantación dun sistema de recolla de
subprodutos animais nas explotacións agrarias para o ano 2006.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de
Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións
precisas para a execución do disposto nesta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
29 de agosto de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf
"17100D004P012.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es