Diario Oficial de Galicia
xoves, 6 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

173


Páxina do Dog:

14.835


Data da Disposición:

30 de agosto de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 30 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de bolsas para o acceso en aluguer a vivenda para estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial.



Orde do 30 de agosto de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de bolsas para o acceso en aluguer a vivenda para estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial.

A Consellería de Vivenda e Solo, no ámbito das súas competencias, está a desenvolver políticas que lle facilitan á poboación galega o exercicio do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada e, moi en especial, a aquela capa de poboación con baixos niveis de renda.

Estas políticas véñense implementando a través de programas e liñas de axudas e subvencións recollidas en diversos textos normativos. Incardinado nesta política de fomento atopamos, como o é esta orde, programas tendentes a incentivar o aluguer dirixido a xente moza co fin de posibilitarlles levar unha vida autónoma.

Por outra banda, o Goberno galego ten como obxectivo estratéxico e transversal mellorar o nivel de formación e cualificación da mocidade para facilitar a súa incorporación e incrementar a súa competitividade no eido profesional.

Dentro da formación profesional existe unha ampla oferta de ciclos formativos cuxos centros están disgregados por diversas poboacións do territorio galego. Esta circunstancia unida ás características propias de dispersión do hábitat galego fan que o estudantado destes ciclos se teña que desprazar necesariamente, e en ocasións a importantes distancias, para recibir esta formación.

Por todo o exposto, co fin de que os estudantes de ciclos de formación profesional poidan desenvolver con normalidade e calidade os seus estudos sen que o lugar de residencia supoña unha discriminación, tendendo así á busca do equilibrio territorial na igualdade de oportunidades, e de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galiza, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión de bolsas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a paliar os gastos derivados do aluguer de vivenda por parte de estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial como consecuencia da dispersión xeográfica da oferta formativa.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
Poderán solicitar as devanditas bolsas os estudantes que durante o curso académico 2007-2008 cursen ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial en centros públicos e que teñan que desprazarse desde o seu domicilio familiar ao centro de ensino máis de 60 quilómetros.

Artigo 3º.-Requisitos.
Para poder beneficiarse destas bolsas deberá acreditar as seguintes circunstancias:

a) Ter empadroamento durante os dous últimos anos nunha localidade que diste máis de 60 quilómetros do centro de ensino.

b) Ter aprobadas todas as materias ou módulos do curso 2006-2007 na convocatoria de xuño.

c) Os ingresos anuais, calculados segundo se indica no seguinte artigo.
d) Ter feita a matrícula para un curso completo de ciclo formativo de formación profesional polo réxime ordinario para o curso 2007-2008 nalgún centro público da Comunidade Autónoma galega e non dispor de praza nun centro máis próximo ao seu domicilio familiar.

e) Non estar matriculado/a só no módulo de formación en centros de traballo.
f) Non ter perdido o dereito de avaliación continua en ningún dos módulos para os que se matriculara.

g) Non ter praza nun centro residencial docente.
h) Ter asinado o contrato de arrendamento de vivenda ou de tempada.
Artigo 4º.-Cálculo dos ingresos.
1. Considérase unidade familiar aquela que resulte de aplicar a normativa do Imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para efectuar o cálculo dos ingresos anuais partirase da contía da parte xeral e especial da renda, regulados nos artigos 48, 49 e 20 da Lei 35/2006, do Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Así, a operación consistirá en sumar os recadros 476+479 e restarase o recadro 490 da declaración da renda correspondente ao exercicio fiscal do ano 2006. Non obstante, para verificar, no seu caso, o cumprimento dos ingresos mínimos, non se restará o importe do recadro 490.

3. Tomaranse en conta as seguintes rendas:
a) No caso de que o solicitante estea integrado nunha unidade familiar: a contía que resulte da renda desa unidade familiar. Presumirase que a unidade familiar da que depende é a formada polos pais, salvo proba en contrario.

b) Se depende doutra unidade familiar: sumarase a contía que resulte da súa propia renda, no caso de tela, e a contía que resulte da renda da unidade familiar da que dependa.

c) Se non depende de ningunha unidade familiar: a contía que resulte da súa propia renda.

4. Os ingresos así calculados non poderán superar os 20.000 euros. E no caso de que o solicitante non estea integrado nunha unidade familiar e tampouco dependa de ningunha unidade familiar os ingresos anuais non poderán ser inferiores a 4.000 euros nin superiores aos 20.000 euros.

Artigo 5º.-Solicitudes.
1. As solicitudes deberán dirixirse á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e xuntando os documentos que nel se requiren. Presentaranse no rexistro central da Consellería de Vivenda e Solo, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado de achegar a correspondente certificación.

3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.
b) Certificación de titularidade de conta bancaria.
c) Certificado de empadroamento acreditativo da residencia dos dous últimos anos.

d) Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas dos outros membros da unidade familiar.

e) Libro de escolaridade ou certificación académica na que conste ter superadas todas as materias ou módulos do curso 2006-2007 na convocatoria de xuño.

f) A declaración da renda da unidade familiar á que pertenza ou da que dependa, respecto do exercicio fiscal de 2006.

g) A matrícula aprobada para un ciclo formativo de formación profesional no curso 2007-2008 nun centro público da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Declaración responsable de non ter praza en ningún centro máis próximo do seu domicilio para cursar o ciclo formativo que desexa e de non ter praza nun centro residencial docente.

i) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes natural contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Se o día no que remate o prazo fose inhábil na comunidade autónoma, o prazo finalizará o día hábil seguinte.

Artigo 7º.-Procedemento de concesión.
1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde e debidamente cuberta, á que se deberá xuntar a documentación que nela se indica.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, a Consellería de Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. A documentación presentada será complementada polo solicitante, antes do 12 de novembro deste ano, achegando o seguinte:

-A certificación emitida polo director do centro, expedida con data do 30 de outubro de 2007, e acreditativa de non ter perdido o dereito de avaliación continua en ningún dos módulos nos que se matriculou.

-Copia compulsada do contrato de arrendamento de vivenda ou de tempada.
Esta documentación deberá presentarse no rexistro central da Consellería de Vivenda e Solo. No caso de empregar as outras formas de presentación de documentos previstas pola Lei 30/1992, deberá remitir por telefax, ao número 981 54 19 02 e dirixido ao Servizo de Subvencións, unha copia da dita documentación unha vez rexistrada antes da referida data. De non facelo considerarase que non cumpre cos requisitos exixidos.

3. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda elevará a proposta de resolución de cada expediente ao titular da Consellería de Vivenda e Solo, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 13º desta orde, resolverá o que segundo dereito proceda.


4. Concederase un máximo de 2.000 euros a cada beneficiario e o importe da bolsa non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere a contía resultante de multiplicar a renda fixada no contrato de aluguer polo número de meses que teña de duración o ciclo.

No caso de que o orzamento establecido para esta bolsa non fose suficiente para proceder ao aboamento de todas as concesións, o importe máximo previsto será reducido nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta convocatoria.

Artigo 8º.-Resolución
1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses segundo o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as bolsas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

2. Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser recorrido directamente ante a xurisdición do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Pagamento.
Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as bolsas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria. Servirá de xustificación do pagamento a mesma documentación presentada polos interesados para obter a concesión da bolsa.

Artigo 10º.-Compatibilidade.
Esta bolsa é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Artigo 11º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.
1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da bolsa levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da bolsa percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Publicidade.
1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 13º.-Crédito orzamentario e contía.
O importe destinado ao financiamento destas bolsas é de 1.000.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.480.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2007.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo
Ver referencia pdf "17300D002P019.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es