Diario Oficial de Galicia
luns, 10 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

175


Páxina do Dog:

14.931


Data da Disposición:

3 de setembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 3 de setembro de 2007 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2007 de 25 bolsas de promoción exterior.



Resolución do 3 de setembro de 2007 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2007 de 25 bolsas de promoción exterior.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior, á captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia. Para iso o Igape conta con presenza permanente en varios países a través dos centros de promoción de negocios do Igape no exterior.


Esta presenza internacional refórzase por medio do programa de bolsas de promoción exterior, a través do cal mozos titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica no ámbito internacional, á vez que, desde os seus destinos, prestan apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e ao establecemento de acordos con empresas estranxeiras.


Por todo o anterior, o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa xuntanza do 1 de xuño de 2007, aprobou as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2007 de 25 bolsas de promoción exterior.


Por todo o que antecede,

RESOLVO:

Único.-Dar publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape do 1 de xuño de 2007 polo que se aproban as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2007 de 25 bolsas de promoción exterior, que se xuntan como anexo I a esta resolución.


Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2007.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández
Director xeral do Instituto Galego
de Promoción Económica

ANEXO I

Bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2007 de 25 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)


Base 1ª.-Obxectivo.

O obxecto destas axudas diríxese a formar a 25 especialistas no ámbito internacional á vez que realizar prácticas encamiñadas á captación de investimentos e expansión exterior da empresa galega, tales como detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia, busca de oportunidades de negocio e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.


Base 2ª.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:


2.1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.


2.2. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media) na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: arquitectura, bioloxía, biotecnoloxía, ciencias ambientais, ciencias do mar, física, xeoloxía, enxeñaría, matemáticas, química, ciencias económicas e empresariais, administración e dirección de empresas, ciencias empresariais, economía, dereito, ciencias políticas, xornalismo, comunicación audiovisual, publicidade e relacións públicas, turismo. A titulación deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2000.


Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación e Cultura español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.


2.3. Dominio dun dos seguintes idiomas (falado e escrito): alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.


A estes efectos os candidatos deberán realizar unha proba do idioma elixido. Os candidatos poderán examinarse como máximo dun dos idiomas anteriores, para o que deberán indicar o idioma obxecto de exame na solicitude.


2.4. Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.


2.5. Non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.


2.6. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.


2.7. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.


Base 3ª.-Duración e destino.

3.1. A duración inicial da bolsa establécese nun mínimo de oito meses e máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata seis meses adicionais en consideración á programación de actividades do Igape e aos resultados acreditados polo bolseiro.


3.2. O período inicial das bolsas desfrutarase preferentemente nos centros de promoción de negocios do Igape no exterior (CPN), nas oficinas económicas e comerciais de España no estranxeiro (Ofcomes) ou outros destinos concertados polo Igape en entidades públicas ou privadas.


A prórroga das bolsas desfrutarase preferentemente en:

a) Organismos de destino do período inicial ou calquera oficina do Igape.

b) Logo da oportuna selección do organismo de destino, conforme os principios de publicidade, concorrencia e igualdade de oportunidades:


1. Consorcios de exportación galegos en destino.

2. Filiais de empresas galegas en destino.

3. Asociacións de empresarios galegos no exterior.

4. Empresas galegas en Galicia.

3.3. Poderanse conceder bolsas para cubrir posibles incidencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a seis meses.


Base 4ª.-Contía.

4.1. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 20.400 euros brutos podendo ascender ata 48.500 euros segundo o país e cidade de destino. En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga. Previamente á adxudicación das bolsas, o Igape publicará a lista de países de destino así como a contía económica da bolsa asignada a cada un deles.


O Igape correrá cos gastos de desprazamento do bolseiro ao país ou cidade de destino proporcionando un billete de ida ao país de destino e outro de volta a España, que lle serán proporcionados con antelación á data de inicio e finalización da bolsa ou da prórroga concedida. En caso de renuncia á bolsa outorgada o Igape non correrá cos gastos de desprazamento a España, sendo o bolseiro quen deberá sufragalos persoalmente.


4.2. Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa os impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento, e en concreto, os seguintes:


-Os gastos de desprazamentos ás oficinas consulares para a obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia exixidos polas autoridades do país de destino.


(Os gastos de obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia exixidos polas autoridades do país de destino correrán por conta do Igape. O dito gasto deberá ser anticipado polo bolseiro e seralle reembolsado contra presentación da factura pagada polo bolseiro).


-Gastos de estadía no país de destino.

-A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.


-Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

4.3. O Igape correrá cos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención do bolseiro no país de destino ocasionados pola asistencia a feiras ou acompañamento de empresarios galegos no ámbito das actividades da bolsa. Para estes efectos o bolseiro solicitará ao Igape con carácter xeral con polo menos 15 días de antelación a realización do desprazamento, mediante o oportuno formulario de orde de servizos que lle será proporcionado, e deberá obter a preceptiva autorización do Igape. A liquidación dos ditos gastos efectuarase de acordo co establecido no Consello de Dirección do Igape polo que se fixan as contías por indemnización por razón de servizo.


4.4. O Igape poderá financiar cursos do idioma oficial do país de destino, logo de autorización con polo menos 15 días de antelación ao inicio do curso, sempre que a lingua de estudo non coincida con algún dos idiomas de entre os elixidos polo bolseiro de acordo coa base 2.3 desta convocatoria e sempre que se acredite que o seu coñecemento sexa necesario para o correcto desenvolvemento da bolsa. Unicamente admitiranse aqueles cursos que se realicen nun centro de ensinanza de idiomas. A liquidación deste gasto realizarase contra presentación do orixinal/is da factura/s pagadas polo bolseiro, así como dun informe emitido polo centro en cuestión no que se indicará o grao acadado.



4.5. Así mesmo, o Igape poderá aboarlle ao bolseiro, logo de autorización, calquera outro gasto desembolsado previamente, sempre e cando sexa directamente imputable á actividade desenvolvida no ámbito da bolsa, como poden ser os gastos de envío dos informes realizados. A liquidación deste gasto realizarase contra presentación do orixinal/is da factura/s pagadas polo bolseiro.


4.6. No caso das actividades de formación que o Igape organice previamente á incorporación dos bolseiros e os reservas, este período terá a consideración de non computable no período da bolsa. Terá unha duración mínima de dous meses, durante os que os bolseiros e reservas percibirán 18,70 euros por día de asistencia. As ditas actividades de formación son obrigatorias tanto para os bolseiros como para os reservas, entendéndose a non asistencia como renuncia á bolsa, procedéndose ao arquivo da solicitude logo de resolución do Igape declarativa desa circunstancia.


4.7. A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende ao importe de 1.721.250 euros con cargo ás seguintes partidas:


-01.04-E3/20/03-623200 do orzamento do Igape, distribuído en 7.500 euros para o exercicio 2007, 145.000 euros para o exercicio 2008 e 67.500 euros para o exercicio 2009.


-01.04-E3/20/03-627200 do orzamento do Igape, distribuído en 25.000 euros para o exercicio 2007, 37.500 euros para o exercicio 2008 e 6.250 euros para o exercicio 2009.


-01.04-E3/20/03-629400 do orzamento do Igape, distribuído en 43.750 euros para o exercicio 2008 e 43.750 euros para o exercicio 2009.


-01.04-E3/20/03-650450 do orzamento do Igape, 55.000 euros para o exercicio 2007.


-01.04-E3/20/03-651800 do orzamento do Igape, distribuído en 86.000 euros para o exercicio 2007, 946.000 euros para o exercicio 2008 e 258.000 euros para o exercicio 2009.


Base 5ª.-Libramento.

5.1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro en cinco pagamentos parciais segundo o seguinte detalle:


-Un 10% da dotación a partir do momento de aceptación da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan e unha vez rematadas as actividades de formación.


-Un 30% da dotación unha vez recibida a notificación de incorporación ao destino asignado.


-Un 25% da dotación ao termo do primeiro cuadrimestre.

-Un 25% da dotación ao termo do segundo cuadrimestre.

-Un 10% da dotación ao termo da vixencia da bolsa, contra a presentación polo bolseiro dunha memoria final da bolsa, así como dos traballos ou estudos encomendados. O prazo para presentar a dita documentación será de 15 días naturais desde a finalización da vixencia.


5.2. A dotación correspondente á prórroga da bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o seguinte detalle:


-O 60% da dotación a partir do momento da recepción no Igape da aceptación da prórroga da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.


-O 30% da dotación ao inicio do segundo trimestre.

-O 10% restante ao termo da vixencia da bolsa, contra a presentación polo bolseiro dunha memoria final da bolsa, así como dos traballos ou estudos encomendados. O prazo para presentar a dita documentación será de 15 días naturais dende a finalización da vixencia.


5.3. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu desfrute.


Base 6ª.-Residencia, mobilidade xeográfica e titorización.

6.1. Durante a duración da bolsa o bolseiro terá o obriga de residir na cidade de destino que se lle asignase. Non obstante durante o prazo de desfrute da bolsa, en caso de concorrer causa xustificada, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou do país de destino temporal ou definitivamente, sendo por conta do Igape os gastos de traslado que, se é o caso, se deriven.


6.2. O bolseiro poderá dispor dun máximo de catorce días laborais para a realización de actividades de carácter persoal durante os doce meses de duración máxima da bolsa. No caso de prorroga da bolsa o bolseiro poderá dispor dos días que proporcionalmente correspondan ao período de prórroga. Para o seu desfrute deberase solicitar a aceptación e conformidade do Igape e do organismo de destino con carácter xeral con 10 días de antelación.


No caso de prórroga da bolsa, os días para a realización de actividades de carácter persoal non desfrutados con anterioridade, poderán acumularse aos que correspondan ao período de prórroga, non tendo en modo algún a consideración de gratificables economicamente.


6.3. Para a realización do seu cometido o bolseiro rendirá conta en todo momento ao Igape, estando sometido ás instrucións e criterios fixados ou transmitidos por este, ou aos que, se é o caso, este organismo acorde coa institución ou empresa que o acolla.


Base 7ª.-Procedemento de selección.

7.1. As solicitudes presentaranse no modelo oficial que se publica como anexo III xunto coa documentación que se publica como anexo II no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá presentarse acompañada de tradución realizada por intérprete xurado.


7.2. O prazo de presentación de solicitudes establécese nun mes a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia destas bases.


7.3. A valoración das solicitudes e das probas selectivas será realizada por un comité de selección que estará presidido polo director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros tres membros de entre o persoal técnico da dirección da área (ou os seus suplentes, en caso de necesidade) designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.


7.4. Proba de idiomas.-Todos os aspirantes que presentaran a súa solicitude dentro do prazo establecido no punto 7.2 serán convocados a unha proba eliminatoria do idioma elixido na base 2.3. As probas constarán dunha parte escrita e outra oral. A data, hora e lugar de realización comunicarase nos taboleiros de anuncios e na páxina web do Igape. Será necesario acadar unha nota igual ou superior a 5 para seguir no procedemento.


7.5. Preselección.-Unha vez realizada e corrixida a proba de idioma, o comité de selección confeccionará unha lista provisional na que constará:


a) A nota obtida na proba de idioma.

b) A valoración do expediente académico, segundo o seguinte baremo de puntuación:


Matrícula de honra: 10 puntos.

Sobresaliente: 9 puntos.

Notable: 7 puntos.

Aprobado: 5 puntos.

c) A experiencia laboral por conta allea ou por conta propia de polo menos un ano obterá medio punto neste punto. Para a súa acreditación presentarase a documentación establecida no anexo II punto 12.


d) A formación específica en comercio exterior (mestrado, curso de postgrao, cursos ou similares), polo que os candidatos que acrediten a realización, de acordo co establecido no anexo II punto 13, dun curso completo nesta materia de duración igual ou superior a 300 horas ou 30 créditos obterán medio punto neste punto, ou un cuarto de punto se o curso acreditado é de duración igual ou superior a 140 horas ou 14 créditos e inferior a 300 horas ou 30 créditos.


e) Os posibles motivos de exclusión derivados de defectos na presentación da documentación requirida establecida no anexo II.


7.6. A lista provisional será exposta nos taboleiros de anuncios e na páxina web do Igape, e abrirase una prazo de dez días hábiles para que os interesados poidan completar a súa solicitude, achegando a documentación necesaria, así como presentar alegacións respecto da puntuación obtida.


7.7. Finalizado o prazo de emendas e alegacións, o Igape publicará nos taboleiros de anuncios e na súa web a lista definitiva de ata os cen candidatos que tiveran obtido mellor puntuación global, os cales serán convocados á entrevista persoal. Publicarase igualmente a lista de excluídos e a causa de exclusión.


Os anteriores criterios de avaliación ponderaranse do seguinte xeito:

-Proba de idioma: 20%.

-Expediente académico: 50%.

-0,5 puntos por experiencia laboral previa.

-0,5 ou 0,25 puntos por formación específica en comercio exterior.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 8 puntos.

7.8. Entrevista persoal.-Os aspirantes admitidos someteranse a unha entrevista persoal tendente a avaliar a adecuación do perfil do candidato ás tarefas que van desempeñar durante o período de desfrute da bolsa. A entrevista persoal valorarase ata un 20% da avaliación total, puntuando cun máximo de 2 puntos.



7.9. As probas e entrevistas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estancia e manutención.


7.10. Adxudicación das bolsas.

a) Unha vez feita pública, a través dos taboleiros de anuncios e páxina web do Igape, a relación de países de destino, a contía da súa dotación económica e o idioma que será tido en conta para acceder a cada un deles, e á vista dos resultados globais do proceso de selección, o comité de selección convocará, a través dos taboleiros de anuncios e da páxina web do Igape, os candidatos con mellor puntuación final para elección de destino, segundo o seguinte procedemento:


I) Haberá 7 grupos de países:

Grupo 1: países nos que o idioma oficial é o inglés.

Grupo 2: países nos que o idioma oficial é o francés.

Grupo 3: países nos que o idioma oficial é o alemán.

Grupo 4: países nos que o idioma oficial é o italiano.

Grupo 5: países nos que o idioma oficial é o portugués.

Grupo 6: países nos que o idioma oficial é o castelán.

Grupo 7: países nos que o idioma oficial é distinto aos indicados nos grupos anteriores.


II) Primeiramente convocarase aos candidatos en igual número que os destinos dispoñibles para cada grupo de países, exceptuando os destinos do grupo 6, e por orde de puntuación final obtida irán realizando a súa elección dentro de cada grupo de países, segundo o seguinte procedemento: os candidatos que superasen a proba do idioma inglés poderán elixir entre os destinos dos grupos 1 e 7, os que superasen a proba do idioma francés poderán elixir entre os destinos do grupo 2, os que superasen a proba do idioma alemán poderán elixir entre os destinos do grupo 3, os que superasen a proba do idioma italiano poderán elixir entre os destinos do grupo 4, os que superasen a proba de portugués poderán elixir entre os destinos do grupo 5.


III) Seguidamente, para a elección dos destinos nos países do grupo 6, convocarase, en igual número que destinos dispoñibles, os candidatos non elixidos para os destinos dos grupos 1, 2, 3, 4, 5 e 7, que farán a súa elección por orde de puntuación final obtida.


IV) En caso de empate na puntuación final obtida, o desempate realizarase por esta orde: maior puntuación na proba de idiomas, maior puntuación no expediente académico, maior puntuación na experiencia laboral, maior puntuación en comercio exterior, maior puntuación na entrevista persoal.


b) Unha vez preseleccionados ata 25 bolseiros polo procedemento descrito, o resto dos candidatos con maior puntuación ata un máximo de 25 (doce do idioma inglés, catro do idioma alemán e tres por cada un dos restantes idiomas: francés, italiano e portugués) pasarán a integrar as listas de reservas que servirán para resolver as posibles renuncias ou incidencias.


O procedemento para cubrir as renuncias realizarase na forma prevista no punto b) anterior.


No caso de que non houbese ningún destino dispoñible para algún dos idiomas recollidos no punto 2.3, os bolseiros que se examinasen do dito idioma pasarán a optar aos destinos nos que o idioma oficial é o castelán (punto 7.10, a), i), grupo 6).


No caso de esgotarse os reservas dispoñibles para un determinado destino, este poderá cubrirse cun reserva de outro idioma, por orde de puntuación final obtida e sempre que acredite un nivel mínimo do idioma exixido para o destino en cuestión.


c) Unha vez elixidos os destinos, a Dirección da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial do Igape remitirá proposta de adxudicación, para a súa resolución pola dirección xeral. A resolución conterá o nome do adxudicatario, a data de comezo da bolsa, o destino, a dotación económica, as listas de reservas e cantas cuestións se consideren convenientes en orde ao correcto desenvolvemento das actividades a realizar polos bolseiros.


d) Para os efectos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nestas bases será de 6 meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa. No caso de que por disposición legal variase o sentido do silencio o procedemento adaptarase ao disposto nela.


e) As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpor contra elas recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.


Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpor no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o director xeral do Igape.


Base 8ª.-Aceptación da bolsa.

O Igape notificará a cada adxudicatario a concesión da bolsa, quen no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nestas bases e na resolución de concesión. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa entenderase que renuncia aos seus dereitos, procedéndose ao arquivo do expediente logo de resolución do Igape declarativa desa circunstancia.


Base 9ª.-Bolsa de traballo.

Unha vez rematada a bolsa, os seus beneficiarios poderán formar parte dunha bolsa de traballo publicada na web do Igape, sempre e cando expresen a súa conformidade, e durante un período mínimo dun ano desde o remate da bolsa.


Base 10ª.-Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuízo doutras obrigas conforme a esta convocatoria e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:


10.1. Participar nas actividades de formación teórica e práctica que o Igape organice para os bolseiros antes de ocupar o seu destino.


10.2. Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.


10.3. Cumprir as instrucións fixadas ou que lle sexan transmitidas polo Igape para o desenvolvemento do obxecto da bolsa.


10.4. Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade onde o bolseiro estea instalado.


10.5. Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos que lle sexan encomendados durante a duración da bolsa e, ao remate desta, presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se for o caso, devolver o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.


10.6. Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.


10.7. Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.


10.8. Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.


Base 11ª.-Incumprimento.

11.1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devengados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.


En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.


11.2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.


11.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito, con polo menos 15 días de antelación á data na que abandone o seu posto no organismo de destino. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas de forza maior non poida cumprirse o dito prazo.


11.4. En todos os casos, a cantidade anticipada a devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.


11.5. O procedemento de incumprimento iniciarase polo Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.


11.6. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolver o expediente será aquel que ditou a resolución de concesión.



11.7. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou aportar documentos e outros elementos de xuízo.


11.8. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.


11.9. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape ditará resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.


11.10. O prazo máximo para resolver os procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se ditase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.


11.11. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.


Base 12ª.-Certificado da bolsa.

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro que así o desexe poderá solicitar ao Igape un certificado de beneficiario da bolsa concedida.


Base 13ª.-Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, pola dirección do Igape.


As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva.


Base 14ª.-Propiedade dos traballos.

Coa aceptación da bolsa, todos os dereitos de explotación dos estudos, informes e outros traballos que realice o bolseiro no desenvolvemento das prácticas realizadas, cédenselle ao Igape, que poderá facer uso deles e explotalos como crea conveniente directamente ou mediante a súa cesión a terceiros.


Base 15ª.- Natureza e incompatibilidade da bolsa.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, non presentando o bolseiro, en ningún caso, a representación do Igape.


As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.


Base 16ª.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento de axudas con fondos europeos. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polos ditos organismos.


Base 17ª.-Interpretación.

Correspóndelle ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.


Disposición derradeira

Estas bases entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


ANEXO II

Documentación solicitantes

1. Instancia de solicitude segundo o modelo establecido no anexo III.

2. Dúas fotografías tamaño carné co nome do solicitante ao dorso.

3. Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

4. Curriculum vitae.

5. Acreditación do cumprimento de polo menos unha das seguintes condicións:

5.1. Veciñanza administrativa en Galicia: orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de empadroamento cunha antigüidade superior a 24 meses.


5.2. Ser natural de Galicia: fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

5.3. Ser fillo ou descendente directo ata o terceiro grao de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada da documentación oficial acreditativa da ascendencia natural de Galicia (fotocopia compulsada do pasaporte ou DNI do ascendente/s en que figure o lugar de nacemento ou no seu defecto a partida/s de nacemento)


6. Fotocopia compulsada do título segundo o expresado na base 2.2, ou no seu defecto, do resgardo de ter pagadas as taxas para a súa obtención.


7. Fotocopia compulsada do expediente académico expedido polo centro ou institución onde o solicitante realizara os seus estudos superiores.


8. Declaración responsable de non ter obtido ou desfrutado dunha bolsa concedida mediante resolución do Igape en convocatorias anteriores, así como de non estar desfrutando durante o proceso de selección doutra bolsa no Igape doutras institucións.


9. Declaración responsable de non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos segundo o establecido na base 2.5.


10. Declaración responsable de atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.


11. Certificado médico oficial de boa saúde para o normal exercicio da bolsa, emitido cunha antigüidade inferior ou igual a 30 días naturais desde a data de presentación da solicitude.


12. Acreditación, se é o caso, da experiencia laboral:

-Por conta allea: orixinal ou fotocopia compulsada do informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou organismo equivalente estranxeiro.


-Por conta propia: orixinal ou fotocopia compulsada dos recibos do último ano de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.


13. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación concedida polo Ministerio de Educación e Cultura español, ademais da copia compulsada do expediente académico, que no caso de estar nun idioma non oficial en Galicia terá que ir traducido por un intérprete xurado.


14. Acreditación da formación específica en comercio exterior mediante fotocopia compulsada do certificado de realización do curso completo nesta materia no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado na data de publicación de esta convocatoria.

Ver referencia pdf "17500D006P011.PDF"
SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es