Diario Oficial de Galicia
martes, 11 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

176


Páxina do Dog:

14.982


Data da Disposición:

4 de setembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 4 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas galegas do sector téxtil e da confección ou vinculadas ao devandito sector que superen o límite de PEME para a realización de actuacións que repercutan na súa competitividade a medio e longo prazo, e se procede á súa convocatoria (IN515A).



Orde do 4 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas galegas do sector téxtil e da confección ou vinculadas ao devandito sector que superen o límite de PEME para a realización de actuacións que repercutan na súa competitividade a medio e longo prazo, e se procede á súa convocatoria (IN515A).

A política desenvolvida pola Consellería de Innovación e Industria no marco das competencias que lle atribúe o Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que establece a súa estrutura orgánica, está dirixida a fomentar e promocionar os servizos de apoio ás empresas no seu desenvolvemento competitivo.

Neste sentido, as bases para o éxito no mercado son numerosas, pero nun modelo simplificado até agora as fontes tradicionalmente utilizadas para a obtención de vantaxes competitivas baseáronse no estudo e optimización das relacións existentes entre compañías (as empresas), os seus clientes e os seus competidores, as tres ces, denominadas na literatura para o efecto. As vantaxes competitivas, no caso do subsector da confección a nivel internacional, atopáronse na capacidade da empresa para diferenciarse da competencia -marca-, e tamén, na obtención dun custo operacional competitivo no contexto internacional. En resumo, as empresas exitosas baseáronse, ou ben nunha vantaxe fundamentada na eficiencia, ou ben nunha vantaxe sostida sobre a cadea de valor, e no mellor dos casos, en ambas as dúas.

Actualmente, e nun futuro inmediato, a existencia dunha tendencia a que diminúa a «forza da marca», motivado por unha converxencia crecente entre as estratexias seguidas polas empresas do sector, obriga, non só a continuar coa estratexia de innovación para mellorar os procesos, e por tanto, os custos operacionais, senón que tamén se volveu necesario investir en dúas variables que proporcionan vantaxes sustentables a longo prazo, estas son: a distribución/localización e o servizo /valor proporcionado ao cliente interno e externo. Isto conséguese a través da xestión estratéxica das variables e actividades que se engloban na chamada «Dirección de operacións».

Os incentivos previstos nesta orde pretenden, polo tanto, orientar e apoiar os esforzos que están a levar a cabo as empresas galegas do sector téxtil e da confección ou vinculadas ao devandito sector que superen o límite de PEME desde una perpectiva holística, de tal forma que os proxectos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deben repercutir na mellora da competitividade do tecido empresarial relacionado con este.

Con esta finalidade, a Consellería da Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, acorda realizar unha convocatoria de axudas a empresas galegas que superen o límite de PEME para a realización de proxectos de consultoría que repercutan na mellora da cadea de valor de empresa no seu conxunto.

Por todo isto, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para apoiar a elaboracion de plans que conduzan á mellora do tecido productivo relacionado co sector téxtil e da confección e de forma especial no valor engadido, e que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, anexo III e, se é o caso, anexo IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderán obterse a través do DOG, do enderezo da internet «www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php» da Xunta de Galicia no punto «Axudas Consellería de Innovación e Industria» ou nas dependencias da Consellería de Innovación e Industria.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través do teléfono 981 54 55 35 ou 981 54 55 83, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG ata o 15 de outubro de 2007, ambos os dous inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN515A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), no seu punto de «axudas».

b) Os teléfonos 981 54 55 35 e 981 54 55 83 da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

c) O enderezo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es.
d) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información para que dite as disposicións necesarias que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2007.
Fernando Xabier Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a empresas galegas do sector téxtil e da confección ou vinculadas ao devandito sector que superen o límite de PEME para a realización de actuacións que repercutan na súa competitividade a medio e longo prazo.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar o desenvolvemento de actuacións e estratexias que incidan na capacidade competitiva nas empresas galegas do sector téxtil e da confección ou naquelas empresas vinculadas co devandito sector.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e financiarase coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento do sinalado na normativa da Unión Europea. Este procedemento quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, (DOUE do 28-12-2006), en virtude do cal, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non poderá superar o límite de 200.000 euros nun período de 3 exercicios fiscais (a excepción da axuda total de minimis concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada que non pode superar os 100.000 euros). Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. En concreto, consideraranse actuacións subvencionables, aqueles investimentos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou dalgunhas das seguintes liñas de actuación:

1. Mellora da organización ou medidas tendentes a facilitar unha axeitada organización e control interno dos procesos levados a cabo polas empresas.

2. Análise de aplicacións dos novos sistemas de información e tecnoloxías de comunicacións aos novos modelos de organización empresarial.

3. Mellorar a flexibidade e eficacia das operacións e procesos loxísticos, co obxecto de mellorar o tempo de acceso ao mercado time to market.

4. Análise de sistemas, modelos e instrumentos de mercadotecnia relacional que permitan xestionar de forma máis eficiente a identificación e resposta ás necesidades dos clientes finais e da canle de distribución.

5. Análise de sistemas, modelos e instrumentos que melloren a capacidade das empresas de adaptación e acceso ás necesidades dos mercados internacionais.


6. Identificación e análise de novos modelos de cooperación empresarial intrasectorial e extrasectorial, para o fortalecemento e sustentabilidade dos procesos intermedios, ou ben para a comercialización e expansión das empresas.

As axudas destinaranse a cubrir:
1. Gastos de consultoría para a elaboración de estudos, plans de mellora, modelos de actuación e asistencias técnicas en xeral.

2. Aplicacións informáticas estándard que precisen dun proceso de adaptación e implantación na empresa ou aplicacións de desenvolvemento específico necesarias para a implantación das melloras.

3. Gastos de formación necesarios para a implantación por parte do persoal técnico asignado ao proxecto.

4. Gastos de viaxe para os proxectos de cooperación, sempre que exista un documento de compromiso de participación no proxecto por parte das empresas potencialmente interesadas na cooperación.

5. Gastos de consultoría de implantación do proxecto en empresas auxiliares, ou aquelas coas que se estableza un acordo de cooperación, sempre que o montante total destinado a esta función non supere o 50% do proxecto, e a súa participación sexa indispensable para o éxito do proxecto.

Os gastos de asesoramento e consultoría serán subvencionables sempre que sexan realizados por entidades externas á entidade beneficiaria e dispoñan da necesaria experiencia e formación.

Os provedores de bens e servizos subvencionados non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

As actuacións subvencionables deberán manterse, como mínimo durante 5 anos. A administración poderá comprobar a permanencia da actuación, transcorridos os cinco anos.

Considéranse actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2007 e a data límite de xustificación, establecida no artigo 17º.

Os gastos inherentes a cada actuación deberán ter unhas contías que estean acordes aos valores do mercado.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as gastos seguintes:

a) Os gastos de persoal e calquera outro derivado da actividade habitual da empresa solicitante.

b) Os gastos relativos aos regalos promocionais, ás celebracións de cócteles e actos análogos.

c) Aqueles gastos que resulten de carácter xeralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. Para a concesión das axudas, que terán a modalidade de subvención, destinaranse un crédito global de 300.000 € correspondente á aplicación orzamentaria 10.04.741A.770.0 «Achegas a empresas non Pemes», cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 9º.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar o 70% do investimento subvencionable.

3. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outras das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto e conceptos.

O importe da axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 70% do custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas privadas de carácter industrial, legalmente constituídas, con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que superen o límite de pequena e mediana empresa, pertencentes o sector téxtil e da confección ou aquelas empresas vinculadas co devandito sector.

Para estes efectos considerarase PEME a empresa que empregue a menos de 250 traballadores e cuxo volume de negocio anual non exceda de 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros, así como que cumpra co criterio de independencia, segundo os criterios definidos na recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003. Para o cómputo e límites sinalados, no caso de empresas asociadas ou vencelladas efectuarase tal e como dispoñen os puntos 2º e 3º do artigo 6 do anexo da antedita recomendación.

As empresas beneficiarias deberán reunir os requisitos que fundamentan a concesión, así como os demais que se prevexan nesta orde. Non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da empresa interesada que se presentará ao mesmo tempo que a solicitude, tal como se recolle no anexo III.

Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen no artigo 3º da convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada, excepto a documentación técnica que poderá ser copia simple; tendo en conta que a documentación das epígrafes a) e b) redactarase en galego se se asina o anexo IV, que se relaciona a continuación, por comprometerse a utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica como consecuencia deste procedemento administrativo:

a) Formularios normalizados de solicitude compostos polos anexos II, anexos III e, se e o caso, anexo IV, debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da empresa correspondente :

a.1. Anexo II (modelo normalizado da solicitude).
-Solicitude.
a.2. Anexo III (modelo de declaración xurada).
-Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais.

-Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas suxeitas ao réxime de minimis.

-Declaración expresa de que os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos, memoria e demais documentos son certos e que a empresa non pertence á categoría de PEME, de acordo cos criterios establecidos na Recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003 (DOCE do 20 de maio de 2003), sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

-Declaración expresa de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre cos requisitos establecidos nesta.

-Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Declaración expresa de que os provedores/consultoría non están vinculados coa entidade solicitante ou con seus órganos directivos ou xestores.

-Declaración expresa na que se indique a epígrafe do imposto da actividades económicas na que figura dado de alta o solicitante correspondente a súa actividade principal.

a.3. Anexo IV (modelo de compromiso coa utilización da lingua galega).
-No caso de comprometerse coa utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica como consecuencia deste procedemento administrativo así como, cando proceda, naqueles elementos que se deriven da materialización das actuacións subvencionables, presentarase o anexo IV debidamente asinado pola persoa ou persoas que desempeñen a representación legal da entidade.

b) Documentación técnica relativa ao proxecto (copia simple):
b.1. Informe da empresa solicitante na que se reflicta o obxecto social, a data de constitución, número de empregados, certificacións de calidade, ambiente ou RSE que posúe e obxectivos perseguidos co proxecto.

b.2. Memoria explicativa de cada unha dos proxectos polos que se solicita a subvención, que incluirá, cando menos, a súa descrición pormenorizada, interese, oportunidade e obxectivos, calendario de execución e orzamento desagregado e detallado ao máximo dos diferentes gastos necesarios para a correcta execución do proxecto presentado. Consignaranse tamén todos os aspectos inherentes ao proxecto e que sexan obxecto de valoración competitiva conxunta, conforme o artigo 9º das bases reguladoras.

b.3. Orzamentos e ofertas desagregadas de cada un dos/as provedores/as ou consultorías que deberán cumprir co disposto no parágrafo seguinte. Estes orzamentos presentaranse na mesma orde que a utilizada na relación presentada na memoria. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola empresa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

Segundo o artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á presentación da solicitude de subvención, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención (circunstancia que se acreditará mediante factura e a súa correspondente acreditación do pagamento). A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa memoria de solicitude, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.


As ofertas presentaranse coa solicitude.
b.4. Para as actuacións realizadas por unha consultora externa cómpre a entrega de memoria descritiva da entidade consultora e unha relación das tarifas de aplicación da entidade consultora.

c) Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante (orixinal ou copia compulsada) que deberá estar en vigor:

c.1. Escritura pública de constitución e estatutos, modificacións posteriores se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c.2. CIF da entidade solicitante en vigor. Se o CIF que se vai a presentar dispón de código electrónico de verificación coa AEAT, poderá presentar documento sen compulsar.

c.3. Documento público acreditativo do poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da empresa solicitante.

c.4. DNI, pasaporte ou NIE en vigor da persoa ou persoas (en caso de poder mancomunado) que desempeñen a representación dunha persoa xurídica solicitante, ou do propio solicitante no caso de que sexa empresario individual.

c.5. Certificación da axencia tributaria na que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas nos que figura dada de alta a empresa solicitante.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º, resulta que o solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan á documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.
1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da(-s) subvención(-s) aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:
a. Presidenta.-A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

b. Dous vogais.-A subdirectora xeral de Promoción Industrial e Comercio Exterior. A xefa de Servizo de Xestión e Cooperación Empresarial.

c. Secretario/a.-Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

3. Os/as suplentes serán nomeadas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.
5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do(-s) crédito(-s) orzamentario(-s) destinado(-s) a esta(-s) subvención(-s). Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. A comisión de valoración pode considerar como non viables tecnicamente, economicamente ou financeiramente os proxectos ou actuacións presentadas polo que non se concederá subvención.

8. A comisión de valoración, á vista das solicitudes presentadas, poderá considerar como non subvencionables ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda; así mesmo, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.
Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Elementos innovadores do proxecto e posible repercusión no tecido produtivo téxtil galego de 0 a 35.

2. Número de persoal indefinido existente na empresa e número de persoal que hai que contratar para a implantación das actuacións relacionadas co proxecto presentado, tendo en conta o perfil deste de 0 a 30.

3. Involucración e participación no proxecto de empresas galegas do sector ou afíns, cuxa participación é estratéxica para o éxito do proxecto de 0 a 22 puntos.

4. Certificación que acredite a existencia na empresa de sistemas de calidade, ambientais responsabilidade social empresarial ou excelencia de 0 a 10.

5. Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, así como, cando proceda, naqueles elementos que se deriven da materialización das actuacións subvencionables, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinada, do modelo que se inclúe como anexo IV de 0 a 3.

Artigo 10º.-Audiencia.
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.


2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será 6 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de la Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando, por circunstancias técnicas, se varíe o contido específico dos investimentos, os provedores de contía superior a 12.000 euros, ou as actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do/a beneficiario/a, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

c) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

3. A empresa beneficiaria deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, antes do día 1 de decembro de 2007. De non facelo implicará a perda da subvención afectada pola modificación e no caso que esta implique unha variación substancial do proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a perda total da subvención concedida.

4. A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas das empresas beneficiarias:
a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte coa Lei 14/2006, do 28 de decembro, desen como resultado que o/a solicitante ou o/a beneficiario/a ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requirirase ao/a solicitante ou beneficiario/a que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

d) A obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/a beneficiario/a en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) A obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

i) Os beneficiarios deberán dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento, en concreto, as entidades beneficiarias da axuda deberán facer constar, na súa publicidade ou información que xeren en relación ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento con fondos europeos de desenvolvemento rexional (Feder), así como pola Xunta de Galicia-Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Para lle dar cumprimento á publicidade de cofinanciamento seguiranse as instrucións que se recollen no enderezo da internet:

http://www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php, no punto de axudas.
Artigo 16º.-Subcontratación.
A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, podendo acadar o custo total da actividade proposta e acreditando o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 68 do Real decreto 887/2006, do 21 xullo, polo que aproba o regulamento da Lei 38/2003, sobre subcontratación das actividades subvencionadas. Os beneficiarios asumen expresamente o contido e os límites do artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información poderá comprobar o custo, e o valor de mercado das actividades que son obxecto de subcontratación.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.
1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada, nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 15 de decembro de 2007, tendo en conta que a documentación redactarase en galego no caso de asinar e presentar o anexo IV na solicitude segundo o artigo 4º das bases:

a) Solicitude de libramento da subvención (modelo dispoñible no enderezo da internet http://www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php).


b) Memoria final na que se constate a realización da actividade e o grao de cumprimento dos obxectivos marcados, e na que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos e os servizos prestados, así como os datos e incidencias habidos na súa execución.

c) Copia en formato electrónico dos contidos das actuacións realizadas.
d) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente, (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Acompañarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificándose, se é o caso, o tipo de cambio aplicado).

e) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

f) Declaración complementaria de axudas obtidas e solicitadas para os mesmos conceptos e proxectos para os que se concedeu esta subvención en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou privados (modelo dispoñible no enderezo da internet sinalado no punto a) deste artigo). De ser o caso, declaración de axudas de minimis obtidas e solicitadas. No caso de ser beneficiario dalgunha outra axuda ou subvención para os mesmos conceptos e proxecto, deberá achegarse a documentación necesaria para os efectos de establecer a súa concorrencia coa axuda outorgada pola Consellería de Innovación e Industria.

g) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento na que conste a razón social e o CIF da entidade subvencionada, así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

h) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento con fondos europeos de desenvolvemento rexional (Feder) e do cofinanciamento da Xunta de Galicia segundo o sinalado no artigo 15º desta orde.

i) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa entenderase que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria verifiquen a documentación xustificativa e, se é o caso, a materialización do cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión.

3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado e xustificado teña un importe inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia sempre que este sexa máis favorable ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Control.
1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21º.-Publicidade.
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo sustituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Disposición adicional
Única.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "17600D005P010.PDF"
Ver referencia pdf "17600D006P024.PDF"
INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es