Diario Oficial de Galicia
luns, 24 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

185


Páxina do Dog:

15.660


Data da Disposición:


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 13 de setembro 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións para o fomento do uso das NTIC a través da implantación do teletraballo en pequenas empresas galegas para a mellora da conciliación da vida laboral e familiar e se procede á súa convocatoria.



Resolución do 13 de setembro 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións para o fomento do uso das NTIC a través da implantación do teletraballo en pequenas empresas galegas para a mellora da conciliación da vida laboral e familiar e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo. Do conxunto de medidas que nesta norma se refiren para acadar este obxectivo, ten especial relevancia a obriga de aplicar todas as competencias para que a maternidade deixe de ser carga exclusiva das nais e motivo de discriminación para as mulleres e a obriga de adoptar medidas para que todas as cargas familiares sexan obxecto de corresponsabilidade familiar. Neste senso, a conciliación do emprego e da vida familiar das mulleres e dos homes e o fomento do emprego feminino por conta propia ou allea é un dos criterios xerais fixados nesta lei que vincula a actuación dos poderes públicos.

Nun dos ámbitos nos que máis sobresaen as discriminacións por razóns de xénero é no laboral, por isto, unha das liñas de actuación prioritarias na promoción da igualdade, desde o punto de vista laboral e profesional, consiste en pór en marcha medidas dirixidas á mellora da empregabilidade feminina, así, o apoio decidido ás iniciativas emprendedoras galegas para que incorporen novas tecnoloxías nas súas actividades empresariais e profesionais de cara a mellorar a súa competitividade, ao tempo que se promove a mellora da súa capacitación, constitúe unha acción de obrigado desenvolvemento por parte dos organismos de igualdade.

Con esta convocatoria ponse en marcha unha medida para a conciliación do emprego e da vida familiar das mulleres e dos homes, tal e como establece a Lei galega para a igualdade de mulleres e homes; unha medida que pretende actuar a prol da empregabilidade feminina a través do fomento do uso das novas tecnoloxías coa implantación do teletraballo e que ten un dobre obxectivo: por unha banda axuda a que as empresas lideradas por mulleres melloren a súa competitividade, e por outra, promove a creación de emprego feminino por conta allea.

O teletraballo é unha nova forma de organización da prestación laboral, que permite realizar parte da xornada laboral sen presenza permanente na empresa, empregando as novas tecnoloxías da información para incrementar a eficacia, a flexibilidade e o desenvolvemento sustentable no emprego dos recursos, supón directamente o desenvolvemento de novas habilidades técnicas e de xestión, de emprego dos tempos, proporciona flexibilidade na execución do traballo que incide directamente na mellora das posibilidades de acceso ao mercado laboral das mulleres con cargas familiares ademais de favorecer o exercicio das responsabilidades familiares compartidas; constitúe, porén, unha importante medida de conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar.

A medida está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e deriva das accións incluídas dentro do obxectivo de incrementar a competitividade do tecido produtivo galego; favorecer a incorporación de servizos e aplicacións informáticas nas pequenas empresas supón a finalidade da medida 1.14º inserida no eixe 1 desenvolvemento da economía do coñecemento.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Capítulo I
Finalidade e réxime das axudas
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a adquisición de equipamentos informáticos para a implantación do teletraballo en empresas autónomas, microempresas e pequenas empresas galegas para o fomento do uso na empresa das Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (NTIC), como medida de conciliación da vida laboral e familiar, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4.

Artigo 2º.-Financiamento.
As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á partida orzamentaria 05.80.313B.770.0 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, están cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o importe global destinado a estas ascende a 320.000 €, desta contía o Federachega o 75% e o Servizo Galego de Igualdade o 25%. Esta contía poderá incrementarse, logo de publicación, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.
A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta resolución, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis, no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2007; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución, rexerá o disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Empresas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) as empresarias autónomas, as sociedades unipersoais das que é titular unha muller e as pequenas empresas e microempresas participadas maioritariamente por mulleres que formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo por un período de tempo non inferior a un ano cunha traballadora ou un traballador vinculado á empresa por contrato laboral, preferentemente indefinido.

b) os empresarios autónomos, sociedades unipersoais e pequenas empresas e microempresas nas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igualitaria á masculina, e que formalicen, como mínimo, un acordo de teletraballo por un período de tempo non inferior a un ano cunha traballadora vinculada á empresa por contrato laboral, preferentemente indefinido.

2. Para os efectos desta resolución poden participar as empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan o domicilio social e exerzan unha actividade económica en Galicia e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude da axuda. Dentro da categoría de pequena empresa defínese aquela que ocupa a menos de 50 persoas cun balance xeral anual inferior aos dez millóns de euros, e dentro da categoría de microempresa defínese a que ocupa menos de 10 persoas e cun balance xeral anual que non supera os dous millóns de euros.

Artigo 5º.-Características das axudas.
1. As axudas consistirán nunha subvención de até o 75% do investimento, e por unha soa vez, co tope de 3.000 euros por traballadora ou traballador e o límite máximo de 30.000 euros por empresa. Esta subvención será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade.

2. O réxime de concesión é de concorrencia competitiva, trátase de axudas de minimis polo que en ningún caso se poderá superar o importe máximo deste tipo de axuda no período de tres exercicios fiscais para a mesma empresa, segundo dispón o Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

2. Estas axudas están destinadas ao financiamento dos investimentos en equipamentos informáticos e de comunicación que a empresa debe realizar para o exercicio profesional na modalidade de teletraballo das súas traballadoras e/ou traballadores. É subvencionable a adquisición daqueles compoñentes de hardware necesarios para o exercicio do teletraballo segundo as necesidades que se definan na memoria e orzamentos que se xuntan á solicitude tendo en conta os límites establecidos nesta resolución. Non é subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado; así mesmo non son obxecto de subvención os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión, de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.


Artigo 6º.-Acordo de teletraballo
1. Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo o desenvolvemento dunha actividade laboral remunerada para a que se empregan como ferramentas básicas as tecnoloxías da información e telecomunicación e no que non existe presenza física permanente nin na empresa que ofrece os servizos ou bens, á que está vinculada laboralmente a persoa traballadora, nin na empresa demandante deses servizos ou bens; e considérase teletraballadora ou teletraballador aquela persoa ocupada que realiza unha tarefa profesional fóra da súa sede laboral habitual e por medio dun ordenador persoal, como mínimo, unha xornada semanal.

2. O acordo de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións laborais do posto (establecerá o lugar de traballo, a accesibilidade da traballadora ou traballador a requirimento da empresa, vacacións, retribucións, etc.); os métodos de traballo (fixará o sistema formalizado de traballo (quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma) e os tipos de comunicación; establecerá os custos variables (electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipamento, seguros, etc.) derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación. A propiedade do equipamento de traballo obxecto de axuda, e o seu mantemento correspóndelle á empresa, o acordo debe fixar os criterios e servizos para iso, cómpre tamén que indique que persoas están autorizadas para o seu uso e os distintos usos segundo o traballo de que se trate. No citado acordo recolleranse tamén aqueles aspectos relativos á formación das persoas traballadoras, as cláusulas de confidencialidade, e aqueles outros aspectos necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

Capítulo II
Procedemento
Artigo 7º.-Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse, preferentemente, no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no modelo normalizado que se publica como anexo I, xunto coa documentación que se relaciona:

1) Se a/o solicitante é persoa física, copia do DNI; se é persoa xurídica, copia do documento de constitución da sociedade, copia do DNI de todas/os as socias/os, da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade e do CIF da empresa.

2) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou pola mutualidade profesional, da empresaria/o autónoma/o ou de todas/os as socias/os, segundo corresponda.

3) Copia da alta fiscal da empresa na actividade económica ou certificado da Axencia Tributaria.

4) Cadro de persoal da empresa con indicación de que postos están ocupados por homes e cales por mulleres e dos tipos de contrato.

5) Memoria do proxecto para implantación do teletraballo indicativa das actuacións para levar a cabo con referencia a todos os custos nos que precisa incorrer a empresa para esta implantación.

6) Compromiso expreso do número de postos de traballo por conta allea que se van desempeñar na modalidade de teletraballo indicando se van ser ocupados por mulleres ou homes e os tipos de contrato.

7) Texto do acordo de teletraballo para asinar coas traballadoras ou traballadores.

8) Orzamentos ou facturas pro-forma do custo dos investimentos expedidos en data actual por empresas subministradoras de equipamentos informáticos en que consten con claridade as características dos equipamentos.

9) Programa de formación para as persoas traballadoras vinculadas ao proxecto, de ser o caso.

10) Declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo II).

11) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta en que conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

12) Documentación acreditativa das situacións específicas obxecto de valoración segundo o establecido no artigo 11.

2. Para o caso de que a solicitude se presente nun rexistro distinto ao do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e co fin de evitar atrasos innecesarios, a empresa comunicará por fax a súa presentación ao organismo remitindo o anexo I ao número 981 54 53 65, todo iso sen prexuízo do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo.
1. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as empresas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Obrigas tributarias e sociais.
A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social de que as empresas se atopan ao corrente nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración galega. A comprobación por parte do órgano xestor realizarase con anterioridade á proposta de resolución, no caso de resultaren negativas as solicitudes serán denegadas posto que a acreditación de estar ao corrente no cumprimento destas obrigas é requisito para obter a condición de beneficiaria.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.
A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración, que estará composta, polo menos, por tres membros, a presidenta, que será a secretaria do organismo, e dous vogais, actuando un deles como secretario. A comisión de valoración poderá solicitar asesoramento para a avaliación dos proxectos de persoas expertas designadas por calquera universidade galega ou polo departamento competente en innovación e desenvolvemento da Xunta de Galicia. Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.
1. A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas conforme o seguinte baremo:

a) segundo o tipo e localización das empresas:
a.1) empresarias/os autónomas/os con tres ou menos postos de traballo por conta allea: 10 puntos.

a.2) empresarias/os autónomas/os con máis de tres e menos de cinco postos de traballo por conta allea: 8 puntos.

a.3) microempresas: 6 puntos.
a.4) pequenas empresas: 4 puntos.
a.5) empresas situadas en zonas rurais ou desfavorecidas: 2 puntos.
b) segundo os postos de teletraballo:
b.1) ocupados por persoas residentes en zonas rurais ou desfavorecidas: 2 puntos.

b.2) establecemento dun programa estable de formación continua para as persoas teletraballadoras: 2 puntos.

b.3) desempeñados por persoas con contrato laboral indefinido: 2 puntos por posto.

b.4) desempeñados por persoas con responsabilidades familiares en solitario: 5 puntos por posto.

b.5) desempeñados por persoas con responsabilidades familiares compartidas: 2 puntos por posto.

b.6) desempeñados por mulleres vítimas de violencia de xénero: 5 puntos por posto.

b.7) período de tempo, en cómputo anual e superior ao mínimo, polo que se establece o acordo de teletraballo: 2 puntos por ano co máximo de 10 puntos.

2. A comisión avaliará as solicitudes e determinará cales son susceptibles de adxudicación con fixación da contía, elaborará unha única relación de todas as solicitudes recibidas que reflicta o motivo de exclusión e a puntuación e importe dos expedientes favorables, e proporá á directora xeral do organismo a adxudicación das axudas até o esgotamento do crédito asignado no artigo 2º. Para o caso de que se produzan situacións de empate na puntuación final, dirimiranse outorgando preferencia a aquela empresa que estableza maior número de postos de teletraballo ocupados por mulleres.

3. No caso de que a proposta da comisión non acadase a totalidade de solicitudes positivas e se produzan renuncias ás concesións iniciais ou se incremente o orzamento establecido no artigo 2º, a comisión poderá propor adxudicacións complementarias seguindo a orde establecida e pola contía fixada na relación referida no punto anterior.

Artigo 12º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.


2. O prazo para resolver remata o 5 de decembro de 2007. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Aceptación da subvención.
No prazo de cinco (5) días hábiles, desde a recepción da notificación da concesión da subvención, as empresas beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación, comprometéndose a cumprir os prazos e requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación neste prazo, enténdese que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo da resolución, ao arquivo do expediente. O escrito de aceptación dirixirase ao órgano competente para resolver e, sen prexuízo da obriga de presentación por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co fin de evitar atrasos na tramitación, comunicarase por fax (981 54 53 65) ao órgano competente durante o período de aceptación.

Artigo 14º.-Publicidade das axudas.
1. As subvencións concedidas publicaranse segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo e nos cinco días seguintes á notificación da concesión e unha vez recibida a aceptación, publicarase a relación de concesións con expresión da beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 15º.-Obrigas.
1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para a percepción de axudas públicas, as empresas beneficiarias das subvencións están obrigadas a:

a) Non alterar o destino da subvención.
c) Comunicar, no prazo de 10 días, todas as variacións que se produzan na empresa.

d) Facer o investimento previsto para implantación do teletraballo.
e) Ter unha permanencia ininterrompida na actividade de cinco anos como mínimo mantendo os requisitos exixidos sobre a porcentaxe de liderado feminino e da taxa de ocupación feminina. Neste período deben cumprirse os requisitos de publicidade.

f) Cumprir os compromisos específicos de creación/transformación de emprego adquiridos na modalidade de teletraballo.

g) Efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.
h) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 16º.-Xustificación e pagamento.
1. Unha vez concedida e aceptada a subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as empresas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Orixinais das facturas ou documentos equivalentes dos gastos para os que se concedeu a axuda polos conceptos subvencionables. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos extractos bancarios xustificantes do pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

c) Copias compulsadas dos documentos de alta na Seguridade Social das/os teletraballadoras/es por conta allea e dos contratos correspondentes, segundo o compromiso de creación de teletraballo incorporado á solicitude.

d) Declaración responsable acreditativa da finalidade para a que se concedeu a subvención en que constarán os importes de todos gastos realmente efectuados na implantación do teletraballo e os datos das facturas correspondentes.

e) Declaración complementaria, actualizada, do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. As datas das facturas e dos xustificantes de pagamento teñen que ser necesariamente posteriores á data da solicitude e anteriores a data de finalización do prazo de xustificación. As altas na Seguridade Social e os contratos das teletraballadoras e teletraballadores teñen que ser necesariamente anteriores á data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Artigo 17º.-Período de xustificación.
1. A xustificación poderase presentar desde o momento da aceptación da subvención ata o 15 de decembro de 2007.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que de non facelo procederase, logo da resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18º.-Publicidade.
Na sede da empresa deberá figurar, de forma visible para o público en xeral, un cartel informativo que indique que a acción está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade e dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, cos seus respectivos anagramas. O modelo de cartel publicitario coas características técnicas estará na páxina web do organismo na epígrafe de subvencións.

Artigo 19º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, á súa revogación.

Artigo 20º.-Reintegro.
Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na normativa europea de aplicación.

Artigo 21º.-Seguimento e control.
As actuacións subvencionadas quedan sometidas, durante os cinco anos seguintes á concesión da axuda, ás actuacións de supervisión e control do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; e ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou ás daqueloutros organismos públicos que, de ser o caso, procedan.

Disposicións adicionais
Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá ditar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario, cando existan fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación, logo de publicación, do crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que atenderán solicitudes inicialmente desestimadas por razón do baremo aplicado.

Segunda.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Terceira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta resolución.

Cuarta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.


Disposicións derradeiras
Primeira.-A Dirección Xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2007.
Ana Luísa Bouza Santiago
Directora do Servizo Galego de Promoción
da Igualdade do Home e da Muller
Ver referencia pdf "18500D013P028.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es