Diario Oficial de Galicia
luns, 24 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
185
Páxina do Dog:
15.642
Data da Disposición:
17 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 17 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das
subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, e
se procede á súa convocatoria.
Orde do 17 de setembro
de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime
de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e
sistematización da innovación, e se procede á súa
convocatoria.
A Constitución española, no seu artigo 44.2º,
obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e
técnica en beneficio do interese xeral. Ademais establece no artigo 149.1º.15
que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son
competencia exclusiva do Estado.
O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo
27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento
da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo
149.2º da Constitución.
A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de
investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º,
establece como obxectivo xeral, o fomento da investigación científica e a
innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e
produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo,
a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación e
desenvolvemento tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do
21 de setembro de 2006, aprobou o Plan galego de investigación, desenvolvemento
e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite) (en diante,
PGIDIT-INCITE).
De acordo coa Lei 12/1993, do 6 de agosto, PGIDIT-INCITE) está integrado
por tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os
programas sectoriais. Dentro dos programas horizontais, o PGIDIT-INCITE conta
con tres programas: o de Recursos Humanos (RHS), o de Articulación do Sistema
Galego de Innovación (ART) e o de Comunicacións e Sensibilización Social
(CSS).
No
Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que establece a estrutura orgánica da
Consellería de Innovación e Industria, indícase que á Dirección Xeral de
Investigación, Desenvolvemento e Innovación correspóndelle a ordenación,
planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia
de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia
en virtude do establecido no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía de Galicia,
así como o Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a
competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da
Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos
procedementos sancionadores nas materias da súa competencia, na Lei estatal
13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación
científica e técnica, e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da
investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; así como a elaboración,
xestión, coordinación e control do Plan galego de investigación, desenvolvemento
e innovación tecnolóxica.
O novo Plan galego de investigación,
desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite), configúrase como
unha actuación estratéxica que busca vertebrar o sistema e desenvolver dunha
maneira eficaz e completa o potencial investigador e innovador do noso país de
xeito que repercuta cualitativamente e cuantitativamente no desenvolvemento
económico e no benestar social.
O Incite estrutúrase en programas e actuacións
dirixidos aos distintos axentes que conforman o Sistema Galego de Innovación. As
empresas, e en particular as Pemes, son un destinatario preferente de actuacións
do Incite, que pretende incrementar e potenciar a súa participación na dinámica
innovadora. Un instrumento de particular relevancia para acadar este obxectivos
son os proxectos de I+D+I, pero para que as Pemes teñan capacidade de xerar un
fluxo continuo de proxectos e consigan extraer o máximo partido destes proxectos
de I+D+I é necesario que previamente existan na empresa certas dinámicas de
traballo e formas organizativas (cultura innovadora e capacidade de xestión da
innovación).
O obxectivo desta orde é sensibilizar sobre a importancia dunha adecuada
xestión da innovación e ir creando dinámicas e competencias que permitan tanto o
óptimo aproveitamento dos recursos de innovación como o acceso a socios e
colaboradores que faciliten os procesos de cambio na empresa.
Nesta misión teñen un
papel especialmente importante dous tipos de organizacións diferentes que poden
dar apoio e cobertura as Pemes:
-Os organismos de intermediación e representación
empresariais, que aglutinan colectivos sectoriais e/ou xeográficos de empresas,
e que ademais dunha función de representación do colectivo teñen unha importante
capacidade de intermediación, ao seren percibidos como unha organización propia
que facilita o acceso a servizos de asesoría, sensibilización, difusión e
capacitación en asuntos de interese para os seus asociados.
-Os especialistas
privados en xestión da innovación que a través do seu labor de asesoría
especializada, capacitación e desenvolvemento, complementan capacidades de
xestión de innovación nas Pemes.
Polo que antecede, esta consellería,
DISPÓN:
Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases
polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e
Industria para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación
(código de procedemento: IN828A), que se inclúen como anexo I.
2. Esta orde ten por
obxecto financiar proxectos de mobilización, dinamización e sistematización da
innovación que acheguen a estrutura e o clima básico necesarios para unha
implantación sistemática da innovación nas Pemes e para desenvolver un maior
grao de cooperación entre axentes do Sistema Galego de Investigación e
Innovación (SGII):
-Sensibilizando e mobilizando as empresas a prol da necesidade dunha
xestión sistemática e profesionalizada da innovación.
-Implantando metodoloxías
de traballo que redunden nunha maior eficacia dos procesos de innovación que
teñen lugar na empresa.
-Favorecendo o traballo conxunto de distintos
axentes do SGII, o seu mutuo coñecemento e o desenvolvemento de actividades en
cooperación especialmente Pemes ou colectivos de Pemes con axentes xeradores de
coñecemento.
-Contribuíndo á xeración de proxectos de I+D+I e en particular de
proxectos colaborativos.
-Fomentando a transferencia de coñecemento,
resultados de investigación e tecnoloxía.
-Complementando e rendibilizando a utilización
doutros programas do Plan galego de I+D+I.
3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as
devanditas subvencións para o ano 2007.
Artigo 2º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das subvencións
deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe
como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican
no artigo 4.2º das bases reguladoras.
2. A solicitude de subvención (anexo II) e os
demais anexos que a acompañan (do III ao VIII) se poderanse obter a través do
enderezo do internet http://www.conselleriaiei.org/dxidi,
ou http://www.xunta.es/servizos.
Artigo 3º.-Lugar e prazo
de presentación das solicitudes.
1.
As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de
Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración
xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a
Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno
convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
2. O prazo de presentación de solicitudes será
dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia.
Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.
Unha vez rematado o prazo para a presentación de
solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento
establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a
seis meses.
Artigo 5º.-Información aos interesados.
1. Sobre este procedemento administrativo, que
ten o código IN828A, poderase obter documentación normalizada ou información
adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a
través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da consellería
(www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina
virtual.
b) O
teléfono 981 95 73 00 da devandita dirección xeral.
c) O enderezo electrónico
info.segapi@xunta.es
d)
Presencialmente.
2. Así mesmo, para
cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do
teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o
981 54 43 41.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase o director xeral de Investigación,
Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas
para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Segunda.-Entrada en
vigor.
Esta orde entrará en vigor o
día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
17 de setembro de 2007.
Fernando
Xabier Blanco Álvarez
Conselleiro de
Innovación e Industria
ANEXO
I
Bases reguladoras para a
concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a
mobilización, dinamización e sistematización da innovación.
Artigo 1º.-Obxecto e
réxime das subvencións.
1. As
subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o financiamento de
actuacións destinadas a:
-Sensibilizar e mobilizar as empresas acerca da
importancia da innovación e da necesidade dunha xestión sistemática e
profesionalizada desta.
-Ensaiar e implantar procedementos de
sistematización dos procesos de innovación na empresas que redunden nunha maior
eficacia destes.
-Desenvolver dinámicas de utilización continuada de servizos externos
para a xestión da innovación como unha actividade habitual da
empresa.
-Fomentar o desenvolvemento dunha cultura e estrutura empresarial
proclives á innovación.
-Fomentar a cooperación entre axentes do sistema
de innovación
i. Favorecendo o
traballo conxunto de distintos axentes do SGII, o seu mutuo coñecemento e o
desenvolvemento de actividades en cooperación especialmente Pemes ou colectivos
de Pemes con axentes xeradores de coñecemento.
ii. Contribuíndo á
xeración de proxectos de I+D+I e en particular de proxectos
colaborativos
iii. Fomentando a transferencia de coñecemento, resultados de
investigación e tecnoloxía.
2. O procedemento de concesión destas subvencións
tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao
Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á
aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis.
3. En concreto,
consideraranse actuacións subvencionables:
a) Xornadas, seminarios e obradoiros sobre a importancia da innovación e
a súa aplicación sistemática e profesionalizada. Terán a consideración de gastos
subvencionables os seguintes:
-Pagamentos a conferenciantes.
-Gastos de desprazamento, manutención e
aloxamento de conferenciantes.
-Aluguer de salas ou instalacións.
-Dedicación de persoal propio da entidade organizadora do evento, sempre
que non supere o 20% do orzamento total da acción.
No caso de xornadas e
seminarios de sensibilización valorarase especialmente a capacidade de
convocatoria e impacto sobre un elevado número de destinatarios.
No caso de obradoiros de
innovación priorizaranse aqueles dirixidos a grupos reducidos de empresas,
orientados a desenvolver accións concretas con cada empresa
participante.
b) Accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais de
ámbito xeográfico e/ou sectorial e proxectos piloto de implantación de
sistemáticas de innovación en Pemes en particular:
i. Implantación de
metodoloxías e sistemas de xestión da innovación.
ii. Adecuación das estruturas organizativas para
facilitar a implantación, dinamización ou sistematización dos procesos de
innovación.
iii. Creación e dinamización de equipos/grupos de traballo de innovación
na empresa.
Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:
-Gastos de persoal propio ou contratado dedicado
directamente ás actuacións do proxecto que se presente. En caso de persoal
propio deberá especificarse que tarefas desenvolverá este persoal no proxecto e
xustificar a experiencia e capacitación para o desempeño destas tarefas. As
taxas horarias de persoal deberan ser acordes co nivel de competencia e
retribución na empresa; a intensidade de dedicación o proxecto deberá ser
coherente coa función desempeñada polo persoal na empresa.
-Gastos de asesoría,
consultoría, titoría ou formación realizadas por entidades consultoras
externas.
-Outros gastos, sempre que a súa necesidade e pertinencia estea
debidamente xustificada.
-Con carácter xeral non se admitirán gastos en
material inventariable. Só en casos excepcionais, debidamente xustificados
poderíase considerar o financiamento deste tipo de gastos.
4. Estas subvencións
terán unha única anualidade; polo tanto só se admitirán aqueles gastos, dos
relacionados no punto anterior, que fosen realizados dentro do período
comprendido entre o 1 de xaneiro e a data de xustificación establecida no artigo
16.1º destas bases.
5. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as
actuacións seguintes:
a) Estudos de viabilidade de proxectos de I+D e
diagnósticos tecnolóxicos e de innovación para empresas realizados de xeito
individualizado tal como están formulados na orde de subvencións para o Fomento
da Innovación do Incite.
b) Realización de estudos de innovación de ámbito
sectorial ou xeográfico e diagnósticos de tecnoloxías críticas para determinados
sectores.
c)
Desenvolvemento de páxinas web e ferramentas informáticas para a xestión da
innovación.
Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. As subvencións imputaranse ás aplicacións
orzamentarias que se indican no seguinte cadro, expresadas todas en euros, nas
que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma
galega para o ano 2007, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como
consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria. A
aplicación orzamentaria 10.02.741A.771.0 está cofinanciada con Fondos Feder e
FCI.
Aplicación orzamentaria Crédito anualidade 2007
10.02.741A.771.0 1.000.000
10.02.741A.781.0 1.000.000
Total 2.000.000
2. A axuda a conceder asume a forma de subvención
a fondo perdido e a súa contía será o 100% dos gastos subvencionables, sempre
que exista crédito na partida correspondente ao tipo de
beneficiario.
3. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas
demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no
último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros, agás para as
empresas que operen no sector do transporte por estrada que será de 100.000
euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis
ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida está
financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe
comunitario.
4. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera
outra axuda outorgada, para os mesmos gastos, por calquera outra Administración,
organismo ou ente público ou privado.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen
prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os axentes de
intermediación, organizacións colectivas de empresas e expertos privados en
xestión de innovación, que teñan o seu domicilio social ou algún centro de
traballo na Comunidade Autónoma galega, en particular:
a) Organizacións sen fin
de lucro, con personalidade xurídica propia, que teñan entre os seus obxectivos
o fomento da investigación e a innovación e presten de forma habitual servizos
de apoio ás empresas. Poderán ser de organizacións de ámbito xeográfico
autonómico, provincial ou local tanto de carácter xeral como sectoriais ou de
especialización tecnolóxica.
b) Empresas consultoras con especialización e
experiencia demostrable na xestión da innovación e no fomento de accións de
articulación do Sistema de Innovación.
Entenderase por axentes de intermediación aquelas
organizacións sen fin de lucro, empresas consultoras, organizacións colectivas
de empresas, expertos privados e outras entidades que teñan como cometido a
dinamización da cultura de innovación nas empresas mediante a transferencia de
coñecemento e de tecnoloxía, que teñan como obxectivo a sensibilización do
tecido produtivo galego da importancia de xestionar a innovación como proceso
estratéxico de negocio, que estean dedicados á transferencia e difusión de
tecnoloxía para converter o coñecemento en valor económico nas empresas e
contribúan á competitividade, modernización e diversificación da economía
produtiva.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As
solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións
presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.
2. Xunto coas solicitudes
deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Copia compulsada do CIF do solicitante ou do NIF en caso de empresario
individual.
b) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder co que
actúa o seu representante e do seu DNI (en caso de poder mancomunado deberán
achegarse copias compulsadas dos DNI de todos os representantes).
c) Declaración de axudas
obtidas ou solicitadas, para os mesmos gastos, en calquera outra Administración,
organismos ou entes públicos ou privados, que haberá de formularse segundo o
modelo recollido no anexo IV desta orde. Se é o caso, para as axudas concedidas
deberá presentarse copia da resolución de concesión.
d) Declaración de axudas,
amparadas pola cláusula de minimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos
tres anos, en calquera outra Administración, organismos ou entes públicos ou
privados, que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo V desta
orde. Se é o caso, para as axudas concedidas deberá presentarse copia da
resolución de concesión.
e) Declaración de cumprimento dos requisitos de
beneficiario que haberá de formularse segundo o modelo recollido no anexo VI
desta orde.
f) Certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas
tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento
ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da
Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non presentarse estes certificados, e
en aplicación do establecido no artigo 5.1º destas bases, serán solicitados polo
órgano concedente.
g) Cadro de gastos, que haberá de formularse segundo o modelo recollido
no anexo III desta orde, no que deberán detallarse os gastos.
h) Memoria libre,
composta polo menos polas seguintes epígrafes:
-Resumo do proxecto.
-Obxecto, obxectivos e destinatarios do
proxecto.
-Descrición do plan de
traballo.
-Descrición das capacidades
da empresa e do seu persoal para desenvolver as accións descritas.
i) Calquera outro
documento que se requira, en orde á determinación e comprobación dos datos en
virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.
Artigo 5º.-Consentimentos
e autorizacións.
1. A presentación da
solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De
conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da
solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante
para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do
cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e
coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
Igualmente, de
conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación
que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración, a
presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para
acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e
identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o
que foi presentada.
2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto
132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e
convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención
consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos
ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito
rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente
establecidos
3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de
transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta
consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o
importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva
implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios
e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas
leis.
Artigo
6º.-Órganos competentes.
A Dirección
Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente
para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao
conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de
concesión.
Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos
requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria
requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta
ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación
expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo
da correspondente resolución.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das
certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º resulta que o solicitante
non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co
Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.
2. Sen prexuízo do
disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue
cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para
a tramitación e resolución do procedemento.
3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas
feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a
documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración,
de acordo co establecido no artigo seguinte.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias
contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a
documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que
formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas
desta.
Artigo
8º.-Comisión de valoración.
1. A
comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as
solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así
como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos
interesados.
2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:
a) Subdirector/a xeral de Innovación Empresarial
da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou persoa en
quen delegue, que actuará como presidente.
b) Xefe do Servizo Galego de Propiedade
Industrial Innovación ou persoa en quen delegue.
c) Un xestor do Programa
de Fomento da Innovación Empresarial.
d) Xestor/a do Programa de Articulación.
e) Un funcionario da Dirección Xeral de
Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que actuará como secretario con voz
e voto.
3. Na
proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado
os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación
que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así
mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o
crédito dispoñible.
4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren
atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou
modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos
créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos
poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste
artigo.
Artigo 9º.-Criterios de valoración.
1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica,
económica e financeiramente viables, adecuándose aos obxectivos da
orde.
2. Na
valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes
criterios (máximo 100 puntos):
a) A relevancia e a oportunidade dos obxectivos
do proxecto para favorecer a sensibilización e mobilización das Pemes cara á
innovación, á implantación sistemática desta e á articulación do Sistema Galego
de Innovación (15 puntos).
b) Descrición e coherencia do plan de traballo.
(15 puntos).
c) Concordancia entre as
accións propostas, o orzamento e o impacto previsible (15 puntos).
d) Carácter innovador da
proposta (10 puntos).
e) Achegamento
de recursos propios para a realización do proxecto (10 puntos).
f) Capacidade de representación e mobilización da
organización propoñente así como experiencia no ámbito da innovación (no caso de
organizacións de intermediación), e experiencia da empresa no ámbito da
innovación e equipo de traballo proposta (10 puntos).
g) Impacto e implicación
directa na acción dos destinatarios finais, en particular as Pemes (10
puntos).
h)
Coherencia global da proposta (5 puntos).
i) Aplicación do principio de igualdade de xénero (5 puntos).
j) Compromiso de utilización da lingua galega en
todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de
acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de
normalización lingüística (5 puntos). Este compromiso acreditarase mediante a
presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo
V.
Artigo
10º.-Audiencia.
1. Instruído o
procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución,
porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan
formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren
pertinentes.
2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto
anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na
resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo
interesado.
Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a
comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a
través do órgano instrutor, ao conselleiro.
2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a
correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará,
cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención
concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.
3. En ningún caso o
importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade a
desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do
investimento subvencionable legalmente establecido.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a
resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da
publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se
transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os
interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio
administrativo.
5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co
establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións
concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no
Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e
Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o
beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As
solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das
causas da desestimación.
Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da
correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra
elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os
interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de
reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes
contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose
expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se
produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala
do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no
prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da
resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte
a aquel no que se produza o acto presunto.
Artigo 13º.-Modificación da
resolución.
1. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Poderase acordar a
modificación da resolución de concesión a instancia do beneficiario, sempre que
estea presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de
finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e
se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a actividade, conduta ou modificación do
proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases
reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que
motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a
denegación da subvención.
3. O acto polo que se acorde ou se denegue a
modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e
Industria logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará
audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º desta
convocatoria.
Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de
concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou
publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á
subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición
de beneficiario. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo
que se inclúe como anexo VIII, así como por calquera outro medio que permita a
súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
2. No caso de que se comunicase a renuncia en
prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo
42.1º da mesma lei.
Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da
disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que
se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma
de Galicia, os beneficiarios das axudas quedan obrigados a:
a) Proceder ao reintegro,
total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das
condicións establecidas para a súa concesión.
b) Someterse ás
actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control
financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en
relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de
Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da
Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información
lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Comunicarlle ao órgano
concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que
financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan
pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da
aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 16º.-Xustificación da
subvención.
1. Para cobrar a
subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no
artigo 3º desta convocatoria, e na data límite do 15 de novembro de 2007, un
exemplar da seguinte documentación:
a) Un resumo da execución do investimento no que
conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data
de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de
gastos.
b)
Xustificación do investimento: copia compulsada das facturas en relación cos
gastos subvencionados, emitidas dentro do período comprendido entre a data de
inicio e a data límite de xustificación da anualidade
correspondente.
c) Xustificación do pagamento: transferencia bancaria, certificación
bancaria ou extracto de pagamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de
pagamento con data posterior ao 31 de decembro do exercicio correspondente.
Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor
do pagamento e a satisfacción do importe total da factura.
d) Para cada un dos
gastos de consultoría ou servizos externos que superen os 12.000 euros, ou cando
de forma excepcional se considera o financiamento de material inventariable,
deberán achegarse:
-Un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas
especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de
entidades que fagan esas subministracións ou presten eses servizos, ou salvo que
o gasto se realizase con anterioridade á presentación da solicitude de
subvención. Se é o caso, estas excepcións deberán xustificarse.
-Unha memoria
xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis
vantaxosa.
e)
No caso dos custos de persoal, tanto propio como adicional contratado, destinado
ao proxecto, deberá achegarse:
-Certificación emitida polo responsable de
persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha
relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír
os seguintes datos: sinatura do traballador, DNI, nome, apelidos, posto na
empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe
da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da S.S. e custo
total imputado ao proxecto (retribucións + S.S.). Poderanse requirir
xustificantes de pagamento relativos aos datos que figuran na devandita
certificación.
f) No caso de gastos de viaxes deberá achegarse:
-Certificación emitida polo responsable do
proxecto co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha
relación das viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto que deberá
incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos e posto na empresa das persoas
desprazadas, xustificación da necesidade da viaxe, lugar de destino, data de
ida, data de volta, e conceptos e custos imputados.
-Xustificantes da
realización e pagamento dos gastos imputados para cada unha das viaxes
relacionadas nesta certificación.
g) Certificación expedida pola entidade bancaria
de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na que
conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código de banco, código
de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.
2. Transcorrido o prazo
indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase
entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna
resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
17º.-Pagamento.
1. Recibida a
documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da
consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións
de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade
subvencionada.
2. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final
nas condicións establecidas na normativa vixente.
Artigo
18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na
convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é
o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de
devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de
demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución á que se
refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se
axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, e ao recollido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencions de Galicia, e nas súas normativas de desenvolvemento.
3. Aos beneficiarios das
subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de
infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,
polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo
19º.-Control.
1. A Consellería de
Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que
considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Ademais do anterior,
as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro
exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que
establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei
9/2007, do 13 de xuño, de subvencions de Galicia, e as súas normativas de
desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación
previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de
Contas.
Artigo 20º.-Publicidade.
1. No
prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión
publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas
con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e
finalidade da subvención.
Artigo 21º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases haberá que
aterse ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se
aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,
no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de
axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencions de Galicia, no relativo, segundo a disposición
transitoria primeira, aos procedementos de control financeiro, reintergro e
revisión de actos, e no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de
decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das
axudas de minimis e na restante normativa que resulte de aplicación.
Ver referencia pdf
"18500D007P010.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es