Diario Oficial de Galicia
martes, 25 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
186
Páxina do Dog:
15.781
Data da Disposición:
21 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 21 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para
o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos
produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal,
da Consellería do Medio Rural, e se convocan para 2007.
Orde do 21 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para
o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos
produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal,
da Consellería do Medio Rural, e se convocan para 2007.
De acordo co
previsto no artigo 20 letra b), inciso iv) e artigo 29 do Regulamento (CE) nº
1698/2005 de Feader, e anexo II, artigo 5.3.1.2.4 do proxecto do Programa
Operativo de Desenvolvemento Rural recollido no anexo II do Regulamento (CE)
1974/2006, procúrase incentivar a competitividade dos sectores agrícola,
alimentario e forestal mediante medidas de reestruturación e expansión do
potencial físico destes sectores, e o fomento da innovación a través de accións
de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de
Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124. O fundamento xurídico das accións
obxecto desta orde atópase nos artigos seguintes: artigo 20, letra b), inciso
iv) do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Feader; artigo 29 do Regulamento (CE) nº
1698/2005 do Feader; artigo 20, anexo II e artigo 5.3.1.2.4. do Regulamento (CE)
nº 1974/2006 polo que se establecen as disposicións de aplicación do
Feader.
No
contexto dunha crecente competencia global en todos os sectores produtivos, é
importante incentivar os sectores agrícola e forestal para que poidan aproveitar
oportunidades de mercado mediante enfoques amplos e innovadores na creación de
novos produtos, procesos e tecnoloxías. Con este fin, débese fomentar a
cooperación entre os agricultores como produtores de materias primas, a
industria de transformación dos alimentos como elemento dinámico da innovación e
comercialización, e os demais axentes interesados. É importante salientar que a
colaboración debe abarcar non só os produtores agrarios e forestais e a
industria de transformación, senón tamén os centros de investigación e
experimentación e centros tecnolóxicos como axentes necesarios nesta
cooperación, na medida en que o tamaño das empresas e das explotacións agrarias
non lles permiten destinar recursos económicos e humanos suficientes para o
adecuado desenvolvemento de actividades de innovación de produtos, procesos e
tecnoloxías.
A diversificación da produción pode brindar novas oportunidades ás
explotacións tradicionais ou en crise. O desenvolvemento e mellora de novos
produtos de calidade diferenciada vai supoñer un valor engadido tanto para o
sector primario como para o sector transformador e comercializador. Así mesmo, é
necesario fomentar a integración dos produtores no sistema
agroindustrial.
Os axentes interesados nesta cooperación serían os produtores e as súas
asociacións, os consellos reguladores de denominación de orixe ou indicación
xeográfica protexida, as empresas e industrias e os centros de investigación ou
tecnolóxicos como elementos aglutinadores que poñen á disposición do consorcio
as ferramentas humanas e materiais para o desenvolvemento
tecnolóxico.
Con esta convocatoria preténdese tamén promover e apoiar a realización de
accións coordinadas coa investigación que mobilicen esforzos e recursos para a
resolución de problemas fundamentais que afecten a competitividade de novos
produtos para a agroindustria de Galicia.
Por todo o exposto, en consecuencia co
establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das
atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta
e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto
das accións.
1. Esta orde ten por
obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas para a
realización de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos,
procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario e forestal para o período
2007-2013 e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e
concorrencia competitiva, para o ano 2007.
2. Por innovación de produto enténdese a
obtención dun ben anteriormente inexistente; a innovación de proceso implica a
obtención dun novo uso transformado para unha materia prima preexistente e unha
innovación tecnolóxica implica a mellora da eficiencia dun proceso
produtivo.
Artigo 2º.-Beneficiarios das axudas e outros axentes
cooperantes.
1. Terán a condición de
beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos
establecidos nestas bases: consellos reguladores de denominación de orixe ou
indicación xeográfica protexida, cooperativas agrarias e empresas ou industrias
transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías
renovables de orixe agrícola e forestal.
2. Terán a condición de axentes cooperantes nas
accións propostas polos beneficiarios das axudas os seguintes: a) Produtores do
sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades
relacionadas coa produción primaria; b) Centros de investigación e
experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos
participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da Xunta
de Galicia.
Artigo 3º.-Actividades subvencionables.
1. As propostas deberán adecuarse ás seguintes
prioridades temáticas:
-Iniciativas
de cooperación que ofrezan saídas alternativas ou incrementen o valor engadido
dos produtos agrarios e os seus transformados, acollidos ou susceptibles de
acollerse aos diferentes distintivos de calidade diferenciada recoñecidos pola
Administración galega.
-Iniciativas de cooperación que ofrezan saídas
alternativas ou incrementen o valor engadido dos produtos agrarios obtidos
mediante sistemas de produción integrada ou ecolóxica e os seus
transformados.
-Iniciativas de cooperación que permitan introducir novos produtos,
procesos ou tecnoloxías para o desenvolvemento de fontes renovables de enerxía
de orixe agraria e forestal en Galicia.
2. A solicitude de axuda para a realización das
accións de cooperación será presentada necesariamente por algunha das entidades
a que se fai referencia no artigo 2º, punto 1 desta orde, quen asumirá a
coordinación do proxecto. A proposta deberá incluír, como mínimo, a
participación dun centro de investigación dos enumerados no punto 2. b) do
devandito artigo, como axente cooperante.
3. A duración da iniciativa de cooperación será
de tres anos como máximo.
Artigo
4º.-Contía das axudas.
1. A contía
máxima subvencionada en cada proposta de cooperación será de 200.000 euros. A
dita subvención pode chegar a cubrir o custo total da actividade, e a contía
concreta para cada caso determinarase en función dos criterios de avaliación e
selección e das dispoñibilidades orzamentarias.
2. O financiamento das
propostas de cooperación a que se refire esta convocatoria imputarase segundo a
natureza das axudas e beneficiarios á aplicación orzamentaria 11.05.561A.770.0
por un valor total de 1.428.365 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:
714.183 euros en 2007; 428.509 euros en 2008 e 285.673 euros en 2009. Existe
crédito adecuado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano
2007. A concesión de subvencións imputadas aos exercicios orzamentarios
correspondentes aos anos 2008 e 2009 está condicionada á existencia de dotación
económica suficiente en cada momento.
3. As axudas están financiadas con fondos Feader
e fondos propios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e
Alimentación.
Artigo 5º.-Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas
públicas.
De acordo co establecido no
artigo 57.2º e no punto 9.B do anexo II do Regulamento (CE) nº 1974/2006, as
axudas a proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do
Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto
final non estea incluído no anexo I do tratado, concederanse ao amparo do
Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 379
do 28 de decembro), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás
axudas de minimis. Neste caso, o importe total das axudas de minimis que poderán
recibir as entidades solicitantes non superará o importe de 200.000 € nun
período de tres anos. Para comprobar o cumprimento deste requisito, os
solicitantes incluídos neste suposto deberán presentar unha declaración sobre as
axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais no momento de
presentaren a solicitude e cando se solicite o pagamento da axuda, tal e como se
indica nos artigos 11º e 17º, respectivamente, desta orde.
Artigo
6º.-Compatibilidade das axudas.
As
axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que,
co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido en relación
coa concorrencia doutras axudas no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1998/2006
para as axudas amparadas no réxime de minimis, sen que en ningún caso o importe
das axudas acumuladas poida superar o custo total do proxecto.
Artigo 7º.-Conceptos
susceptibles de axuda.
1. De acordo
co artigo 20 do Regulamento (CE) nº 1974/2006, os custos da cooperación para o
desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrícola,
alimentario e no sector forestal aos cales fai referencia o artigo 29, punto 2º
do Regulamento (CE) nº 1698/2005, corresponderán a actividades preparatorias,
incluído o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos, procesos e
tecnoloxías e os investimentos materiais e inmateriais relacionados coa
cooperación antes da aplicación dos novos produtos, procesos e tecnoloxías
desenvolvidas con propósitos comerciais por parte dos
beneficiarios.
2. As axudas previstas nesta convocatoria destinaranse a cubrir os gastos
que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se
concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan. Os
ditos conceptos, coa excepción do que se refire ás colaboracións externas, non
teñen a consideración de subcontratación.
I. Custos directos:
a) Custo de persoal. Os gastos debidos á
imputación de custos de persoal propio das entidades privadas solicitantes non
poderán superar o 25% do custo do seu subproxecto, mentres que os centros
públicos de investigación ou tecnolóxicos non poderán imputar custos de persoal
propio. O persoal temporal contratado con cargo ao proxecto poderán ser persoas
coa titulación de doutor, titulación universitaria ou técnica de grao medio ou
superior, así como outro persoal de apoio non vinculado estatutaria ou
contratualmente cos organismos de investigación ou coas entidades solicitantes.
Estes contratos son incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración.
O dito persoal incorporarase baixo calquera modalidade de contratación temporal
acorde coa normativa laboral vixente e coa da entidade solicitante, e sen que
iso implique compromiso ningún en canto á súa posterior incorporación ao
organismo ou entidade.
b) Custo de execución. Serán subvencionables os
gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:
-Material inventariable:
adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do
proxecto, na medida en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean
debidamente xustificados. Admitiranse os alugamentos de equipamentos só en casos
específicos e debidamente razoados. Non se admitirán custos de utilización nin
amortizacións.
-Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.
-Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o
desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos
tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta,
que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto
poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio; enxeñaría
para a montaxe e operación; estudos e actividades complementarias, e
consultorías externas. Se a actividade que se vai realizar é desenvolvida por un
dos axentes cooperantes deberá ser considerada como colaboración externa, e non
como servizo tecnolóxico externo. Non se admitirán servizos tecnolóxicos
externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo
empresarial que a solicitante.
-Material funxible: adquisición de materiais
funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente
xustificados.
-Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto,
debidamente xustificadas, nas contías establecidas pola normativa vixente que
regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na
Administración autonómica de Galicia (Resolución do 29 de decembro de 2005 da
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que
a substitúa).
II. Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados nopunto 2 do
artigo 2º desta orde, segundo o orzamento aprobado na correspondente resolución
para cada subproxecto. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos
conceptos sinalados nos puntos anteriores e, no caso de colaboracións con
centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos, o custo da
colaboración poderá incrementarse ata un 10% en concepto de gastos indirectos.
Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades
pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.
3. Como regra xeral, non
será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades
anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. No entanto, no caso de
gastos realizados na primeira anualidade admitiranse custos do proxecto
realizados desde o 1 de xaneiro de 2007, quedando supeditada a súa admisión á
consideración da relación do gasto coa preparación e execución da acción de
cooperación.
Artigo 8º.-Requisitos dos solicitantes.
As entidades solicitantes na acción de
cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ter o seu domicilio
social ou algún dos seus centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de
Galicia.
2.
Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de
Galicia.
3. Estar ao día nas súas
obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
4. Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.
5. Posuír personalidade xurídica propia e
suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública
ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes
públicos.
6.
Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 13.2º da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
7. Os demais exixibles en
virtude de norma de dereito necesaria.
Transitoriamente, e en canto non se complete o proceso de adaptación dos
consellos reguladores ao disposto no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que
se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os
seus consellos reguladores, considérase que estas entidades cumpren o
establecido no número 5 deste artigo ao respecto de posuír personalidade
xurídica propia para solicitar as axudas reguladas por esta orde.
Artigo 9º.-Presentación
das solicitudes.
1. As solicitudes
estarán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural e serán presentadas pola
entidade coordinadora do proxecto, segundo o disposto no artigo 2º, número 1
desta orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación
no DOG.
2.
Poderán ser presentadas nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal, sitas en rúa As Fontiñas 31, baixo, 15703
Santiago de Compostela, teléfono 981 54 66 50, ou ben en calquera dos lugares
previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. A solicitude deberá
conter a seguinte información:
a)
Documento nº 1. Anexo de solicitude da axuda cos datos de identificación do
proxecto e das entidades participantes.
b) Documento nº 2. Composto polos seguintes
documentos:
-Declaración na que se
fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase
de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera administración ou
ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto e en
particular para garantir que non existe dobre financiamento para as operacións
incluídas nos réximes de axudas enumerados no anexo I do Regulamento
1974/2006.
-No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a
operacións non reguladas polo artigo 36 do tratado constitutivo da Comunidade
Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo
I do dito tratado (ver anexo II desta orde) deberase presentar unha declaración
sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da
entidade solicitante.
-Unha copia compulsada do CIF da entidade
solicitante, ou o NIF no caso de empresario individual.
-Unha copia compulsada da
solicitude de alta na Seguridade Social, no caso das entidades
privadas.
-Unha copia compulsada do DNI do representante legal da entidade, no caso
das entidades privadas, acompañada de xustificante que acredite tal
condición.
-Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das
prohibicións para a obtención de subvencións previstas no artigo 13 da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Documento nº 3.
Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos axentes
participantes na acción de cooperación, en que conste:
-Relación do persoal
participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes e fotocopias do
DNI.
-Un
resumo do proxecto.
-Unha introdución
na que se presente o estado de arte e a xustificación da execución da acción e o
proxecto que se propón.
-Obxectivos do proxecto.
-Metodoloxía usada no proxecto.
-Plan de traballo e cronograma que hai que
desenvolver no tempo de execución do proxecto, no que se inclúan as actividades
que se van realizar por cada unha das partes que colaboran e o seu
desenvolvemento temporal.
-Referencias bibliográficas utilizadas na
redacción do proxecto.
-Beneficios
que poidan derivar do proxecto, desde o punto de vista da súa repercusión
económica, social e tecnolóxica.
-Orzamentos do custo total do proxecto e o
correspondente a cada un dos axentes que colaboran nel, especificando a contía
subvencionable de cada parte, con detalle de cada unha das anualidades e dos
diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 8º desta orde.
d) Documento nº 4.
Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro
tecnolóxico participantes na acción de cooperación.
e) Documento nº 5. Unha
copia compulsada do contrato, convenio ou acordo de colaboración entre os
distintos axentes cooperantes no proxecto, asinado polos representantes legais
das partes.
Os formularios dos documentos 1 e 3 poderán baixarse da páxina web http://mediorural.xunta.es/axudas/.
O documento correspondente ao curriculum vitae do persoal do centro público de
investigación ou centro tecnolóxico será cuberto en formato normalizado da
dirección xeral de I+D+i, da Consellaría de Innovación e Industria, que se
poderá obter na páxina web http://www.dxid.org/, ou en formato similar que
conteña as epígrafes do documento normalizado.
4. No suposto de que a
solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a
documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o
solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles proceda a corrixir as
deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non
o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos
termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
5. De
acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, na
documentación presentada para optar ás axudas reguladas por esta orde
empregarase de xeito preferente a lingua galega.
Artigo
10º.-Tramitación.
1. O órgano
responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será
a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación
Agroforestal.
2. Para a selección das solicitudes recibidas teranse en conta os
seguintes criterios:
a) Axentes cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima 60
puntos):
-Proxectos de cooperación
que se desenvolvan en colaboración coa rede de centros públicos de investigación
e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural (ata 30
puntos).
-Proxectos en que participen consellos reguladores e cooperativas que
poidan ter unha implantación extensa no sector agrario, alimentario e forestal,
os que promovan procesos de integración entre o sector produtor e empresas para
a posta en mercado de produtos de calidade diferenciada, así como os que
promovan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de transformación
agroalimentarias e os correspondentes á área da produción de enerxías renovables
de orixe agroforestal (ata 30 puntos).
b) Calidade técnica da proposta (valoración
máxima 60 puntos):
-Viabilidade do
proxecto (ata 10 puntos).
-Grao de
innovación tecnolóxica (ata 10 puntos).
Claridade e coherencia dos obxectivos propostos (ata 10
puntos).
-Utilización dunha
metodoloxía axeitada e un plan de traballo coherente (ata 10
puntos).
-Beneficios potenciais derivados do proxecto (ata 10 puntos).
-Adecuación do equipo investigador participante
(ata 10 puntos).
Adecuación do
orzamento solicitado ás actividades que hai que desenvolver e valor engadido que
se pretende (ata 10 puntos).
c) Impacto previsto da acción de cooperación
(valoración máxima 60 puntos).
-Aplicabilidade dos resultados (ata 10 puntos).
-Conservación e mellora do ambiente (ata 10
puntos).
-Revalorización dos produtos
agroforestais (ata 10 puntos).
-Redución do consumo e da dependencia enerxética (ata 10
puntos).
-Redución dos custos de
produción (ata 10 puntos).
-Implicación de produtores primarios e de pequenas e medianas empresas
(ata 10 puntos).
3. A avaliación e selección das solicitudes e a determinación da contía
da axuda será realizada por unha comisión de selección, que actuará como un
órgano colexiado constituído polos seguintes membros:
-Presidente: o director
xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, ou persoa na que
delegue.
-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal, nomeado polo director xeral, que actuará
con voz e voto.
-Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polos directores
xerais de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, de Produción,
Industrias e Calidade Agroalimentaria e de Desenvolvemento Rural da Consellería
do Medio Rural.
Serán excluídas as solicitudes que na valoración técnica non acaden unha
puntuación mínima de 25 puntos. A Comisión de Selección poderá solicitar a
colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas
correspondentes ás propostas presentadas, co fin de informar os respectivos
proxectos solicitados.
Artigo 11º.-Resolución e
notificacións.
1. A resolución de
concesión das axudas corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta
do director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal logo da
avaliación das solicitudes polo órgano colexiado. A proposta de resolución
conterá unha relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser
financiados co seu correspondente orzamento, acompañada dunha relación dos
proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación de proxectos
que se consideran non financiables.
2. A resolución deberá serlles notificada aos
beneficiarios de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59
da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no
Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co
establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro
desta convocatoria será de seis meses contados desde a apertura do prazo da
presentación da solicitude. De non mediar resolución expresa no devandito prazo
as solicitudes poderán entenderse desestimadas.
4. A Dirección Xeral de
Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá solicitar calquera
aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do
expediente.
5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou
beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias co Ministerio de
Economía e Facenda e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de
pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de
Economía e Facenda). Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda
implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións
acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria,
Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Economía e
Facenda.
6.
De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006,
do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e
de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá
expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas
e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o
caso.
7. No
prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión
publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas
con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e
finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das
subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a
3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que
será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da
Consellería do Medio Rural.
Artigo 12º.-Modificación da
resolución.
1. Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Poderase acordar a
modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que estea
presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización
do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os
seguintes requisitos:
-Que a actividade, conduta ou modificación do
proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases
reguladoras.
-Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
-Que os novos elementos e circunstancias que
motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a
denegación da subvención.
3. O acto polo que se acorde ou se denegue a
modificación da resolución será ditado polo conselleiro do Medio Rural logo da
instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao
interesado.
Artigo 13º.-Aceptación e renuncia.
Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos
quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase
expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese
momento adquirirá a condición de beneficiario.
A renuncia á subvención
poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o
conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da
mesma lei.
Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da
disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que
se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma
de Galicia os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde
quedan obrigados a:
1. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no
suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos
demais previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).
2. Facilitar toda a
información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas
funcións de fiscalización e control.
Artigo 15º.-Pagamento das
subvencións.
1. A entidade
solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na
resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da
axuda dentro do prazo indicado para iso que non poderá exceder o 15 de decembro
de cada ano. As solicitudes de pagamentos presentaranse nas dependencias da
Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal (rúa As
Fontiñas, 31, 15703- Santiago de Compostela), antes da data límite que se
indique na notificación da resolución de concesión, acompañadas dos seguintes
documentos:
a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto
subvencionable, o provedor, o importe (co IVE excluído e desagregado) e a data
de cada un dos xustificantes agrupados por entidade participante e por conceptos
de gastos.
b)
Documentación acreditativa de realización de investimento ou gasto, que
consistirá en orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes
xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. En ningún caso se
admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio
correspondente.
c) De acordo co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións, no caso de adquisición de material inventariable
ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia
técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse:
-Tres ofertas de
diferentes provedores, agás que polas especiais características dos gastos
subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o
subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á
solicitude de subvención.
-Unha memoria xustificativa cando a elección non
recaia na proposta económica máis vantaxosa.
d) No caso de custo de persoal, tanto técnico
propio como adicional contratado, con destino específico ao proxecto, deberá
achegarse:
-Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do
xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses
do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome
e apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das
retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa e custo
proporcional imputado ao proxecto (retribucións+Seguridade Social) segundo a
dedicación a este de cada traballador.
-Copia compulsada do contrato de traballo no caso
de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.
e) No caso de viaxes e
axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto deberá achegarse unha
certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da
realización do gasto.
f) Certificación expedida pola entidade bancaria
en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o
pagamento.
g)
No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 30.050 euros,
xustificante de depósito de aval bancario ou de entidade aseguradora depositado
na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, que deberá cubrir o importe da
correspondente anualidade xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal
do diñeiro, vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data
da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da
data en que remata do prazo de xustificación previsto.
h) No caso de proxectos
plurianuais presentarase anualmente un informe parcial de resultados, en formato
normalizado que poderá obterse na páxina web http://mediorural.xunta.es/axudas/,
no cal se reflectirán os datos do nivel de execución do proxecto.
i) No caso de proxectos
dunha única anualidade ou cando se trate da derradeira anualidade dun proxecto
plurianual achegarase, ademais dun informe final de resultados en formato
normalizado, unha memoria en formato libre en que se detallará o desenvolvemento
científico-técnico do proxecto así como os resultados obtidos.
No caso dos centros
públicos de investigación e centros tecnolóxicos será suficiente para xustificar
o gasto a emisión dunha única factura onde se reflictan os diferentes conceptos
de gasto, debidamente conformada polo responsable da xestión económica e de
persoal do centro. Todo iso sen prexuízo da obriga de dispoñer dos
correspondentes xustificantes orixinais de execución do gasto de acordo co
especificado nas alíneas a) ao e) deste artigo no momento de emisión da factura,
a efectos de calquera comprobación ou auditoría.
Todos os datos incluídos
nos dous documentos anteriores, excepto cando explicitamente se indique,
formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer
uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.
2. Transcorrido o prazo
indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase
entender que renuncia á subvención e observarase o disposto no artigo 78.10º da
Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999,
do 7 de outubro). Neste caso, o conselleiro do Medio Rural ditará a oportuna
resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
3. Nos
proxectos plurianuais enténdese que os investimentos que se efectúen desde a
data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano
corresponden a anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como
xustificante para o cobramento desta anualidade.
4. Para efectuar o último
pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto
das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións
públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as
aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución. Así mesmo, cando a
axuda fose concedida para a realización de proxectos relativos a operacións non
reguladas polo artigo 36 do tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir,
aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito tratado
deberase presentar unha declaración complementaria sobre as axudas de minimis
percibidas nos tres últimos anos fiscais pola entidade beneficiaria.
Artigo
16º.-Control.
1. A Consellería do
Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas
para controlar o cumprimento das subvencións. Ademais do seguimento baseado nos
informes anuais e final recibidos, a Dirección Xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal poderá facer un seguimento técnico do
proxecto mediante a presenza in situ de persoal técnico nomeado para este fin. O
seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións propostas, así como
o plan de traballo previsto en cada etapa do proxecto e os datos e resultados
derivados do proxecto.
2. A entidade beneficiaria someterase aos
procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación
subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, o órgano pagador do
Feader, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o
Tribunal de Contas.
3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde o referido ao
réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (CE)
1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE)
nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de
control e a condicionalidade en relación coas medidas de desenvolvemento
rural.
Artigo
17º.-Recursos.
1. A convocatoria
desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven de la
poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro.
2.
As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a
vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de
reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir
do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou
ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional
contencioso-administrativo no prazo de dous meses.
Artigo
18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións
establecidas nesta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros
créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra administración
pública, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu
reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, así como
as demais circunstancias previstas no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7
de outubro.
2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de
infraccións e sancións previsto no citado Decreto lexislativo
1/1999.
3. En
todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado nos artigos 78 e 79 do
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto
lexislativo 1/1999) e no Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de
axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 19º.-Difusión e
explotación de resultados.
Os
traballos e os resultados obtidos serán propiedade intelectual dos seus autores
que, no momento da súa publicación, deberán facer constar a referencia
específica da axuda recibida e remitirán á Dirección Xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal un exemplar das correspondentes
publicacións. As condicións de explotación dos resultados derivados das accións
de cooperación serán as que se especifiquen no correspondente contrato, convenio
ou acordo de cooperación ao que se alude na alíneas e) do punto 4 do artigo 10º
desta orde.
Disposición adicional
Única.-Condición suspensiva.
As axudas reguladas nesta orde forman parte do Programa de
Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, polo que esta convocatoria e as súas
bases deben axustarse ao contido do programa, quedando, así mesmo, condicionadas
ás eventuais modificacións que poida sufrir o documento de programación como
consecuencia do exame pola comisión e a súa posterior aprobación mediante
directiva comunitaria.
A eficacia das resolucións de concesión de
subvencións e o seu pagamento quedan así mesmo condicionados á aprobación do
Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e ás eventuais
observacións e modificacións que poidan derivarse da dita
aprobación.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Autorízase o director xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal para ditar as instrucións necesarias que
permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Entrada en
vigor.
Esta orde entrará en vigor o
día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
21 de setembro de 2007.
Alfredo
Suárez Canal
Conselleiro do Medio
Rural
Ver referencia pdf
"18600D013P029.PDF"
ANEXO
I
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es