Diario Oficial de Galicia
martes, 25 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
186
Páxina do Dog:
15.775
Data da Disposición:
18 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango:
Orde 
Título:
Orde do 18 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases e 
se convocan axudas para financiar o mantemento dos servizos de comedor escolar 
xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos 
dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o curso 
académico 2007-2008.
Orde do 18 de setembro de 2007 
pola que se establecen as bases e se convocan axudas para financiar o mantemento 
dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de 
alumnos/as de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e 
Ordenación Universitaria para o curso académico 2007-2008.
O Estatuto de 
autonomía de Galicia declara no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade 
Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa 
extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das 
limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución 
española.
O 
Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica 
da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, enumera dentro das súas 
funcións o deseño e elaboración de campañas de mellora dos recursos educativos 
complementarios.
Pola súa banda, o artigo 82.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de 
educación, LOE (BOE do 4 de maio), establece que as administracións educativas 
prestarán, en determinados supostos, de forma gratuíta os servizos escolares de 
transporte e, se é o caso, comedor.
A rede de comedores escolares en centros públicos 
financiados pola Administración educativa creouse na década dos anos 70, para 
poder levar a cabo a concentración do alumnado nos centros comarcais, e o seu 
funcionamento regulouse polo Decreto 16/1984, do 9 de febreiro, no que se 
manifestaba o seu carácter de servizo complementario na rede de centros 
comarcais. Porén, a partir do ano 1998 moitos centros escolares do medio rural 
desapareceron por falta de alumnado que se foron integrando nos centros públicos 
do núcleo urbano máis próximo.
Este feito, xunto coa circunstancia de que moitos 
centros teñen unha área de influencia cada vez maior en zonas de crecemento 
urbanístico e da necesidade de conciliar a vida familiar e laboral, desembocou 
na implantación do servizo de comedor escolar en centros públicos financiados e 
xestionados integramente polas asociacións de pais e nais de alumnos/as, que 
contratan, pola súa conta, o servizo con empresas hostaleiras.
O tempo transcorrido 
desde a publicación do Decreto 16/1984, e a realidade social actual descrita 
anteriormente desembocaron na publicación do Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro 
(DOG nº 26, do 6 de febreiro), polo que se regula o funcionamento dos comedores 
escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da 
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que derrogou a normativa 
anteriormente vixente.
Dentro das modalidades de prestación do servizo 
reguladas no novo decreto, o artigo 2.3º establece que excepcionalmente, a 
Administración educativa poderá colaborar na xestión e organización do servizo 
de comedor escolar coas asociacións de nais e pais de alumnos e as súas 
federacións.
Para dotar de eficacia o disposto no citado artigo a Consellería de 
Educación e Ordenación Universitaria establece nesta orde un programa de axudas 
económicas coa finalidade de financiar, apoiar e potenciar a prestación do 
servizo de comedor escolar xestionado polas asociacións de nais e pais de 
alumnos/as de centros públicos dependentes dela.
Polo exposto, esta 
consellería dispón:
Artigo 
1º.-Obxecto.
1. Esta orde ten por 
obxecto establecer as bases e convocar axudas económicas ás asociacións, 
federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as legalmente 
constituídas, e que xestionan comedores escolares en centros públicos 
dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
2. A concesión das axudas 
realizarase en réxime de concorrencia competitiva de acordo co disposto no 
artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o 
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, 
modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime 
administrativo.
3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes 
conceptos:
a) Custo diario do menú 
por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o 
caso, o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades 
persoais como complemento ao servizo de comedor, que irá incluído no prezo, 
durante o curso académico 2007/2008.
b) Gastos correntes nos que incorran as 
asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as como 
consecuencia da xestión do comedor, cun máximo do 2 % do importe total da axuda 
concedida e sen que, en ningún caso, a citada porcentaxe supere os 1.500 
euros.
c) 
Gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de 
atención ao alumnado con necesidades específicas, ata un máximo do 50% do seu 
custo.
Artigo 
2º.-Crédito orzamentario.
1. Para a 
concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 1.000.000 con cargo 
á aplicación orzamentaria 09.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade 
Autónoma de Galicia para o ano 2007, de acordo coa seguinte 
distribución:
-427.008,10 € con cargo á anualidade do ano 2007.
-572.991,90 € con cargo á anualidade do ano 
2008.
2. A percepción destas axudas é 
compatible coa doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma 
finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente, público ou 
privado, aínda que o importe da subvención concedida en ningún caso poderá, en 
concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade a 
desenvolver polo beneficiario.
Artigo 3º.-Actividade subvencionable.
As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50% 
do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente, de acordo cos 
criterios de valoración reflectidos no artigo 8 desta orde. Para iso terase en 
conta o orzamento que o/a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa 
solicitude, e que deberá reunir os requisitos establecidos no artigo 5 a) desta 
orde. En todo caso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria velará 
polo axuste dos orzamentos aos prezos de mercado, e poderá, motivadamente, 
rexeitar os orzamentos que non se correspondan a tales prezos.
A concesión das axudas 
está subordinada á existencia de crédito axeitado e suficiente, tendo como 
límite o fixado no artigo 2.1º desta orde.
No caso de solicitantes que sexan perceptores 
doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar 
documentalmente a súa natureza e contía e percibirán, se é o caso, a axuda cos 
límites expresados no artigo 2.2º.
Artigo 4º.-Destinatarios.
1. Poderán solicitar estas axudas as asociacións, 
federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, con anterioridade 
ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da 
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben presentasen a 
correspondente solicitude de inscrición e que xestionen o servizo do comedor no 
centro escolar correspondente ou teñan solicitado a autorización de apertura e 
funcionamento.
2. Poderán acollerse a esta orde as actuacións a realizar que se 
describen no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso 
académico 2007/2008.
Artigo 5º.-Solicitudes.
1. As 
solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde, subscrita 
pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante, achegaranse 
coa seguinte documentación:
a) Orzamento do custo do servizo de comedor, no 
que se especifiquen o centro público onde se presta o servizo, os prezos por 
menú e día, nº de días de prestación do servizo e nº de alumnos usuarios 
deste.
b) 
Memoria explicativa na que se detalle o carácter continuado e non ocasional do 
servizo, así como a calidade, orixinalidade e carácter innovador do programa de 
promoción da saúde e habilidades persoais.
c) Certificación do acordo do órgano competente 
da entidade solicitante polo que se decide solicitar a axuda.
d) Relación de 
asociacións de nais e pais de alumnos/as que integran a federación ou das 
federacións que integran a confederación, se é o caso.
e) Declaración xurada de 
ter solicitado, ou non, outras axudas para a mesma finalidade doutras 
administracións ou entes públicos, con indicación do nº de alumnos/as que serían 
beneficiarios/as desas axudas (anexo II).
f) Certificación bancaria a nome da entidade 
solicitante, na que conste o número de conta na que se ingresaría o importe da 
axuda.
g) 
Copia do CIF da asociación, federación ou confederación 
correspondente.
h) Declaración de non 
estar incursa en ningunha das prohibicións para a obtención de subvención 
recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de 
subvenciónes.
2. Os documentos a que se fai referencia nas letras f) e g) deste artigo 
non é preciso que se acheguen se xa están en poder da 
Administración.
Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e 
documentación.
1. As solicitudes e 
demais documentación presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación 
e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano s/n, 15780 
Santiago de Compostela; así como nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do 
procedemento administrativo común.
2. O prazo de presentación de instancias será dun 
mes contado a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de 
Galicia.
Artigo 7º.-Instrución do procedemento.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, 
o Servizo de Recursos Educativos Complementarios realizará de oficio cantas 
actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación 
dos datos en virtude dos que se deba pronunciar a resolución, conforme o 
establecido nesta orde, a normativa xeral e específica de subvencións e de 
acordo coas normas de procedemento administrativo común.
O órgano xestor examinará 
a documentación presentada polos solicitantes e, segundo o disposto no artigo 71 
da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións 
públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de iniciación 
non reúne os requisitos que sinala o artigo 70 desta lei e os exixidos na propia 
orde de convocatoria, requirirase o interesado que, no prazo de dez días, emende 
a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o 
fixese así terase por desistido da súa petición previa resolución que deberá ser 
ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.
O órgano instrutor 
realizará finalmente un informe no que conste que da documentación que existe no 
seu poder despréndese que os solicitantes cumpren os requisitos para acceder ás 
axudas.
Artigo 8º.-Valoración.
1. Unha 
vez instruído o procedemento, os expedientes serán enviados para o seu informe 
preceptivo á comisión de valoración, que efectuará a proposta de resolución e 
enviaraa á Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación 
Universitaria.
Para tal efecto constituirase unha comisión que estará integrada polos 
seguintes membros:
-O subdirector xeral de Xestión Orzamentaria e Recursos Educativos 
Complementarios, que actuará como presidente.
-O xefe do servizo de 
Recursos Educativos Complementarios.
-Un xefe dos servizos provinciais de Recursos Educativos 
Complementarios.
-Un representante da 
Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema 
Educativo.
-Un/unha funcionario/a do Servizo de Recursos Educativos Complementarios, 
que actuará como secretario/a.
2. Para os efectos de valoración seguiranse os 
criterios que se detallan:
a) Maior 
implicación dos concellos no financiamento do servizo obxecto de subvención, ata 
15 puntos repartidos do seguinte xeito:
5 puntos cando o concello se faga cargo da 
vixilancia no comedor escolar.
5 
puntos cando o concello dispoña de bolsas de servizos sociais para o alumnado do 
comedor escolar correspondente.
Ata 5 puntos por calquera outra achega económica 
do concello.
b) Carácter continuado e 
non ocasional do servizo, ata 5 puntos repartidos do seguinte xeito: 1 punto por 
curso, cun máximo de 5 cursos consecutivos excluído o curso obxecto da 
orde.
c) 
Número de comensais: ata 5 puntos, repartidos do xeito seguinte:
Comensais: ata 75. Puntuación: 5.
Comensais: de 76 a 150. Puntuación: 
4.
Comensais: de 151 a 190. 
Puntuación: 3.
Comensais: de 191 a 
275. Puntuación: 2.
Comensais: máis 
de 275. Puntuación: 1.
d) Programa de 
promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e do 
desenvolvemento das habilidades persoais do alumnado do comedor. A documentación 
xustificativa do devandito programa deberá contar, cando menos, cos seguintes 
aspectos (sen prexuízo de que se recollan outros diferentes):
-Nome do 
programa.
-Entidade organizadora do 
programa.
-Descrición das actividades 
que se desenvolven nel.
-Programación 
diaria, semanal ou mensual das actividades a desenvolver.
-Descrición do persoal encargado do seu 
desenvolvemento, con referencia expresa ao número e á súa 
cualificación.
-Descrición do material que se achegue ao alumnado usuario do comedor 
para o desenvolvemento do programa.
Os programas recollidos nesta epígrafe 
valoraranse cun máximo de 10 puntos repartidos do seguinte xeito:
Ata 2 puntos pola 
orixinalidade, carácter innovador e creatividade do programa.
Ata 2 puntos polo seu carácter continuado e non 
ocasional.
Ata 2 puntos pola calidade 
do material achegado para o seu desenvolvemento.
Ata 4 puntos cando o programa sexa impartido por 
persoal cualificado.
3. A concesión 
das axudas farase mediante pro rateo de todas as solicitudes de acordo cos 
citados criterios de valoración e, en ningún caso, poderá superar o límite 
sinalado no artigo 3 desta orde.
Artigo 9º.-Resolución e formalización das 
subvencións.
1. Completado o 
expediente, o secretario xeral elevará á conselleira a proposta da comisión de 
valoración para a resolución do procedemento e notificación das resolucións no 
prazo máximo de seis meses contados a partir da publicación desta 
convocatoria.
2. Transcorrido o prazo de seis meses sen que fose notificada resolución 
expresa, entenderase desestimada a concesión da subvención, podendo presentar os 
interesados recurso de reposición no prazo de tres meses ou acudir directamente 
ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.
3. As resolucións 
recaídas serán notificadas aos interesados de acordo co disposto no artigo 58 da 
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas 
e do procedemento administrativo común.
4. Toda alteración das circunstancias tidas en 
conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente da 
subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou 
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da 
resolución da concesión.
5. As resolucións recaídas porán fin á vía 
administrativa e poderán ser obxecto de recurso potestativamente en reposición 
ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou ser impugnadas 
directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de 
dous meses, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da 
xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 10º.-Pagamento das axudas.
1. O pagamento da subvención realizarase logo de 
xustificación, polo beneficiario, da realización da actividade subvencionada. 
Atendendo á natureza da subvención poderán realizarse pagamentos á conta, logo 
de xustificación dos gastos realizados en atención ao calendario de prestación 
do servizo de comedor escolar e consonte o disposto nos parágrafos segundo e 
terceiro deste artigo.
2. A subvención correspondente á anualidade 2007 
exixirá a presentación polo beneficiario da documentación á que se refire o 
artigo 11.2º desta orde. Os xustificantes de gasto referiranse aos incorridos no 
período comprendido entre os meses de setembro e decembro de 2007.
3. A xustificación dos 
gastos deberá ser presentada antes do día 7 de decembro de 2007 ante á 
Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos 
Complementarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio 
administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.
Artigo 11º.-Xustificación 
da axuda.
1. A rendición de conta 
xustificativa total enviarase antes do 20 de outubro de 2008 á Subdirección 
Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios da 
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San 
Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.
2. Os beneficiarios deberán xustificar a xestión 
do servizo de comedor a través dun certificado do secretario da asociación, 
federación ou confederación correspondente, co visto e prace do seu presidente, 
acompañado da conta xustificativa na que se deberán incluír, baixo a 
responsabilidade do declarante, os xustificantes de gasto que permitan acreditar 
o cumprimento obxecto da subvención.
3. A conta xustificativa incluirá a declaración 
das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, 
coa desagregación de cada un dos gastos incorridos. Os gastos acreditaranse 
mediante copias compulsadas das facturas orixinais que deberán estar a nome do 
solicitante ou do seu beneficiario. A conta xustificativa deberá incluír o 
importe, procedencia e aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou 
axudas destinadas ás accións subvencionadas.
4. Cando o importe do gasto subvencionado supere 
os 12.000 €, no suposto de prestación de servizos por empresas, o beneficiario 
deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores nos termos do 
establecido no artigo 31 da Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de 
subvencións, salvo que o contrato se realizase con anterioridade á concesión da 
subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na 
xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase 
conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente 
na memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis 
vantaxosa.
5. 
Se os beneficiarios non xustificasen a totalidade da axuda concedida en relación 
ao orzamento presentado na solicitude, esta minorarase proporcionalmente á 
xustificación presentada por eles.
Artigo 12º.-Outras obrigas dos beneficiarios das 
axudas.
1. Os beneficiarios estarán 
sometidos ao disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de 
outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias 
e réxime administrativo:
Acreditar ante a entidade concedente a 
realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se 
determinan na concesión da subvención.
Comunicar á Consellería de Educación e Ordenación 
Universitaria a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que 
financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación efectuarase tan 
pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da 
aplicación dada aos fondos percibidos.
Facilitar toda a información que lle sexa 
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e 
o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control 
do destino das axudas.
2. Ademais, e para os efectos do disposto na 
disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan 
os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de 
decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 
2006, os solicitantes deberán consentir expresamente á Administración concedente 
a incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos 
relevantes referidos ás axudas recibidas.
A reserva que o peticionario poida facer no senso 
de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, 
que, en todo caso, terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso 
de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación 
do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe 
concedido.
Artigo 13º.-Revogación e reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública 
percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata 
a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no 
artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba 
o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, 
modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime 
administrativo, e no suposto sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 12 desta 
orde.
Artigo 
14º.-Infraccións e sancións.
No 
relativo a esta materia haberá que aterse ao disposto no Decreto lexislativo 
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime 
financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de 
decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo.
Disposicións 
derradeiras
Primeira.-Facúltase o 
secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 
ditar os actos necesarios para o desenvolvemento e aplicación desta 
orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación 
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 
2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación 
Universitaria
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de 
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e 
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es