Diario Oficial de Galicia
martes, 25 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
186
Páxina do Dog:
15.769
Data da Disposición:
17 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 17 de setembro de 2007 pola que se convocan axudas ao
alumnado que inicie durante o curso 2007-2008 ensinanzas de formación
profesional de grao medio en familias profesionais non vocacionais demandadas
polo mercado laboral.
Orde do 17 de setembro de 2007
pola que se convocan axudas ao alumnado que inicie durante o curso 2007-2008
ensinanzas de formación profesional de grao medio en familias profesionais non
vocacionais demandadas polo mercado laboral.
O artigo 31 do
Estatuto de autonomía de Galicia asígnalle á comunidade autónoma a competencia
plena na regulación e na administración da ensinanza en toda a súa extensión, os
seus niveis e graos, as súas modalidades e especialidades, no ámbito das súas
competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis
orgánicas que o desenvolven.
O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo,
traspasalle á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da
Administración do Estado en materia de educación.
Nas conclusións do
Consello Europeo de Lisboa de 2000 defínese a aprendizaxe permanente como toda
actividade de aprendizaxe útil realizada de xeito continuo con obxecto de
mellorar as cualificacións, os coñecementos e as aptitudes. Esta definición
desenvólvese posteriormente no memorandum sobre a aprendizaxe
permanente.
O
memorandum pretende, entre as súas finalidades, lograr niveis xerais de
educación e cualificación máis altos en todos os sectores, garantir que se
ofreza educación e formación de alta calidade e, ao mesmo tempo, asegurar que os
coñecementos e as capacidades dos cidadáns se axusten ás transformacións dos
requisitos laborais, á organización dos lugares de traballo e aos métodos de
traballo.
A
Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación
profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación
profesional, cualificacións e acreditación que responda con eficacia e
transparencia ás demandas sociais e económicas a través de diversas modalidades
formativas. A oferta de formación sostida con fondos públicos ha favorecer a
formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás distintas expectativas e
situacións persoais e profesionais.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de
educación, establece no artigo 39.2º que a formación profesional no sistema
educativo, ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo
profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poden
producirse ao longo da vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento persoal
e ao exercicio dunha cidadanía democrática.
O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro,
establece no seu artigo 2 que a formación profesional no sistema educativo ten
por finalidade preparar os alumnos e as alumnas para a actividade nun campo
profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poden
producirse ao longo da súa vida, así como contribuír ao seu desenvolvemento
persoal, ao exercicio da cidadanía democrática e á aprendizaxe
permanente.
Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria,
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
Convócanse axudas destinadas ao alumnado que
inicia no curso académico 2007-2008 algún ciclo formativo de grao medio ou
módulo experimental nos centros que se indican no anexo I.
Artigo
2º.-Requisitos.
Estar matriculado por
primeira vez no curso 2007-2008 nalgún ciclo formativo de grao medio ou módulo
experimental dos que se especifican no anexo I e nos centros que nel se
indican.
Seguir a avaliación continua polo menos no 70 por cento dos módulos do
ciclo durante o curso 2007-2008.
Queda excluído destas axudas o alumnado que curse
o segundo ano do ciclo formativo ou módulo experimental e o alumnado repetidor,
así como quen estea matriculado en oferta modular.
Artigo 3º.-Contía das
axudas.
As axudas serán concedidas
con cargo ao concepto orzamentario 09.03.422M.480.1 da Dirección Xeral de
Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, por un importe total máximo de
150.000 euros.
A contía das axudas individuais será única e poderá ascender ata un
máximo de 450 euros por persoa beneficiaria.
Na concesión das axudas procederase ao rateo
entre os beneficiarios da subvención do importe global máximo destinado á
axuda.
A
percepción destas axudas é compatible coa doutras de carácter xeral con cargo a
fondos públicos.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. O
alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a
seguinte documentación no centro onde vaia realizar os estudos de formación
profesional, sen prexuízo de poder acudir a calquera dos rexistros do artigo
38.4º da Lei 30/1992:
-Solicitude de axuda segundo o modelo que se
recolle no anexo II desta orde.
-Fotocopia do DNI.
-Xustificante bancario en que consten os datos da entidade e o código da
conta en que o beneficiario desexa que se lle faga efectivo o pagamento. Nesta
conta, o beneficiario debe figurar necesariamente entre os
titulares.
-Anexo III desta orde, relativo á declaración do conxunto de todas as
solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das
distintas administracións públicas competentes, para o curso 2007-2008, de
acordo co establecido nos artigos 8.4º e 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para os efectos do disposto na disposición
adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros
públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os
solicitantes deberán autorizar expresamente a Administración concedente a
incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos
relevantes referidos ás axudas recibidas.
A reserva que o peticionario poida facer no
sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos
rexistros, que en todo caso terá que expresar, poderá dar lugar á exclusión do
proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á
revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe
concedido.
Artigo 5º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun
mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario
Oficial de Galicia.
As solicitudes dirixiranse á secretaría do centro onde o alumnado vaia
cursar os estudos de formación profesional.
As secretarías dos centros enviarán a
documentación, nos cinco días naturais seguintes ao remate do prazo de
presentación de solicitudes, á Dirección Xeral de Formación Profesional e
Ensinanzas Especiais (edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de
Compostela).
O alumnado que, excepcionalmente, se matricule con posterioridade ao
prazo sinalado disporá de cinco días naturais, contados a partir da data de
matriculación no ciclo, para presentar a solicitude na secretaría do centro. En
todo caso, a data límite de presentación de solicitudes será o 31 de outubro.
Nos cinco días naturais posteriores a esta data, o centro educativo remitirá a
documentación deste alumnado á Dirección Xeral de Formación Profesional e
Ensinanzas Especiais.
Artigo 6º.-Comisión de selección.
A selección das peticións levaraa a efecto unha
comisión integrada polas seguintes persoas:
-O subdirector xeral de Formación Profesional,
que actuará como presidente.
-O xefe
do Servizo de Formación en Empresas e Orientación Profesional.
-O xefe do Servizo de Formación
Profesional.
-Un inspector ou
inspectora de educación designado/a pola Subdirección Xeral de Inspección,
Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.
-Un director ou directora dun IES que imparta
ensinanzas de formación profesional, nomeado pola Dirección Xeral de Formación
Profesional e Ensinanzas Especiais.
-Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral
de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que se ocupará da secretaría,
con voz e sen voto.
Artigo 7º.-Adxudicación das axudas.
Vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, a comisión de
selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e enviaralla á
conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que
proceda.
Artigo 8º.-Comunicación.
A
concesión ou a denegación da axuda será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpor recurso
potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación
Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa
publicación no Diario Oficial Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e
117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben
directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses,
perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Artigo 9º.-Aceptación das
axudas.
Nos quince días naturais
seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, as
persoas beneficiarias deberán presentar no centro educativo a documentación
seguinte:
-Anexo IV desta orde, asinado polo alumno beneficiario da axuda, relativo
á aceptación previa da subvención concedida, así como o compromiso de cumprir os
requisitos exixidos na convocatoria.
Ao remate do prazo sinalado, o centro educativo
remitiralle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais os
citados anexos xunto cunha certificación do director conforme o alumno do centro
que figura como beneficiario da axuda segue a avaliación continua polo menos no
70 por cento dos módulos, durante o curso 2007/2008.
De non presentarse a
citada documentación no prazo establecido entenderase que o beneficiario
renuncia á axuda concedida, polo que se procederá ao arquivo do
expediente.
As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución
expresa no prazo de seis meses desde a finalización do prazo de presentación de
solicitudes.
Artigo 10º.-Pagamento das axudas.
As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou cartilla de
aforro abertas a nome da persoa beneficiaria.
Toda alteración das
condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a
obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
Artigo 11º.-Perda da
axuda.
O incumprimento total ou
parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa
determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola persoa beneficiaria
ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do texto da Lei de réxime
financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro.
A
falsidade dos datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera
que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a
perda de todos os dereitos do solicitante e a correspondente devolución da
cantidade total percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber
lugar, logo da apertura do correspondente expediente.
Artigo
12º.-Información.
As direccións dos
centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa
coñecida por todos os membros da comunidade educativa e para que as persoas
beneficiarias cumpran cos requisitos establecidos. Así mesmo, o servizo de
inspección educativa asesorará os centros na tramitación desta orde e velará
polo seu estrito cumprimento.
Artigo 13º.-Adaptación.
Esta orde adáptase ás normas básicas do texto
articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de
subvencións, e ás do seu desenvolvemento, así como aos artigos 78 e 79 do
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola
Lei 14/2004, do 29 de decembro.
Artigo 14º.-Facilitación de
información.
A persoa beneficiaria
deberá facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no
exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das
axudas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e
Ensinanzas Especiais para desenvolver o disposto nesta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación
Universitaria
Ver referencia pdf
"18600D009P017.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es