Diario Oficial de Galicia
xoves, 27 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
188
Páxina do Dog:
15.965
Data da Disposición:
21 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 21 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases
das axudas para a mellora da eficiencia da xestión técnico-económica das
explotacións agrarias e se convocan para o ano 2007 e 2008.
Orde do 21 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases das axudas
para a mellora da eficiencia da xestión técnico-económica das explotacións
agrarias e se convocan para o ano 2007 e 2008.
O coñecemento
dos distintos índices técnico-económicos das explotacións e da súa evolución
permite diagnosticar os problemas de manexo e xestión das explotacións e, en
consecuencia, suxerir medidas correctoras para reducir os custos de produción e
facilitar a toma de decisións nas explotacións. Ao mesmo tempo, constitúe unha
fonte de información de indubidable importancia para analizar a situación en
cada orientación produtiva, de modo que se poidan elaborar políticas sectoriais
e planos de actuación que melloren a competitividade e permitan incrementar a
renda das explotacións.
Por esa razón, desde hai
anos, a Xunta de Galicia vén financiando os servizos de xestión para aumentar a
formación técnico económica dos agricultores, fomentando a implantación de
programas de xestión e contabilidade entre as explotacións agrarias, no marco do
disposto no Regulamento (CE) 1257/1999, do 17 de maio, sobre axuda ao
desenvolvemento rural, modificado polo previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo,
de modernización de explotacións agrarias e do disposto no Real decreto
613/2001, do 8 de xuño, sobre melloras estruturais e modernización das
explotacións agrarias, modificado polo Real decreto 1650/2004, do 9 de
xullo.
Este proceso de formación e de implantación de
sistemas contables nas explotacións galegas é moi lento e dista moito dos niveis
alcanzados polos países de referencia no seo da Unión Europea. Por esta razón,
seguirá sendo necesario apoiar este tipo de actuación nos vindeiros anos,
especialmente no segmento das pequenas explotacións que é o máis numeroso e onde
o uso da contabilidade segue sendo insuficiente e a información de xestión moi
escasa. Por outra parte, onde con máis urxencia cómpre corrixir estas carencias
é nas explotacións que colaboran con proxectos de investigación ou de
demostración. As axudas ás agrupacións de xestión técnico-económica das
explotacións agrarias para formación e contratación de persoal técnico que
permita a prestación destes servizos parece a forma idónea de conseguir este
obxectivo.
As actuacións previstas nesta orde son
cofinanciadas polo Feoga nun 75% e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 25%
restante, conforme o Programa Operativo Integrado de Galicia, aprobado pola
Comisión da Unión Europea e ao Regulamento (CE) nº 1320/2006 da Comisión do 5 de
setembro de 2006 polo que se establecen normas para a transición á axuda ao
desenvolvemento rural establecida no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do
Consello.
En virtude do exposto, de conformidade co artigo
30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me
confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa
Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; pola Lei 12/1989, do
4 de outubro e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,
DISPOÑO:
Artigo 1º.- Obxecto.
O obxecto desta orde é establecer as bases
reguladoras e efectuar a convocatoria para 2007, en réxime de concorrencia
competitiva, de axudas destinadas a financiar a creación ou adecuación dos
servizos prestados polas agrupacións de xestión de explotacións
(AXE).
Artigo 2º.-Tipo e contía da axuda.
A axuda estará destinada
a sufragar o custo de contratación de axentes encargados da xestión técnica,
económica, financeira e administrativa das explotacións agrarias pertencentes á
AXE. A axuda non poderá superar a cantidade de 15.000 € por axente e ano nin de
45.000 € por solicitante e ano.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
1. Poderán ter acceso a estas axudas as agrupacións de xestión de
explotacións xa constituídas e as asociacións agrarias, cuxa forma xurídica sexa
a de cooperativa, SAT ou agrupación de agricultores, formalmente constituída,
mediante documento subscrito por todos os seus membros, que utilicen os
servizos, a tempo completo, dun técnico cualificado para o desenvolvemento da
xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións
agrarias.
2. O número de agricultores afiliados non será
inferior a 15 por cada técnico, agás naqueles casos en que, por razóns da
orientación produtiva das explotacións, ou por colaborar en proxectos de
investigación ligados a centros dependentes da Dirección Xeral de Investigación,
Tecnoloxía e Formación Agroforestal, esta considere oportuno aceptar un número
menor.
Artigo 4º.-Presentación de solicitudes,
documentación e prazo.
1. As agrupacións e asociacións agrarias que,
reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen recibir as axudas descritas
no artigo 2º, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo
normalizado que se publica como anexo I, e que estará á disposición dos
interesados nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería do Medio
Rural, nas oficinas agrarias comarcais e mais na páxina web da Consellería do
Medio Rural.
2. A solicitude será subscrita polo representante
legal das entidades e acompañarase da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para
asinar a solicitude.
b) Copia dos estatutos e do CIF da
entidade.
c)
Documento subscrito por cada un dos membros participantes no programa, no cal se
indiquen os seus datos de identificación, así como os das súas explotacións, a
finalidade do programa de xestión empresarial que se vaia realizar e os
compromisos adquiridos para levalo a cabo.
d) Programa de xestión,
que inclúa unha memoria, indicando a necesidade, medios materiais e humanos para
realizalo, normas de funcionamento, fins e resultados esperados. Este programa
de xestión empresarial terá que considerar os seguintes obxectivos:
-
Analizar os resultados das contabilidades dos agricultores, co fin de
fundamentar consellos de xestión para as súas explotacións e as de agricultores
con explotacións similares.
-Prestar asistencia
técnica en aspectos relacionados coa actividade produtiva desenvolvida polas
explotacións dos asociados, incidindo nas materias relacionadas co cumprimento
da normativa das boas prácticas agrarias e ambientais, benestar animal e
hixiene, así como asesoramento en materia de planificación, execución e
financiamento de investimentos nas explotacións.
-Outros aspectos relacionados coa xestión técnica, económica, financeira
e administrativa das explotacións e, de ser o caso, breve memoria das
actividades de colaboración con proxectos de investigación dos centros
dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación
Agroforestal.
e) Presentar o curriculum vitae, que inclúa copia
da titulación académica, de cada axente de xestión para que a Dirección Xeral de
Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal poda avaliar a súa idoneidade
para o desenvolvemento das funcións previstas no programa de xestión empresarial
de acordo coa súa titulación e experiencia.
f) Certificación da
entidade bancaria, que acredite a existencia da conta a nome da entidade
solicitante.
g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas
fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da comunidade autónoma, de
ser o caso.
h) Declaración do conxunto de todas as
solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas
distintas administracións públicas.
3. As solicitudes
presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería do Medio Rural, en
calquera das súas dependencias provinciais e comarcais ou por calquera das
formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e irán dirixidas ao conselleiro do
Medio Rural.
4. O prazo para a presentación das solicitudes
será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta
orde.
5. No suposto de que a solicitude non cumpra os
requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña
erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de 10
días hábiles proceda a corrixir a deficiencia detectada, mediante a presentación
da documentación requirida. Se non o fixese, considerarase que desiste da súa
solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
Artigo 5º.-Tramitación e
resolución.
O
procedemento que se seguirá para a resolución das solicitudes é o
seguinte:
1.
As solicitudes presentadas coa documentación correspondente remitiranse á
Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal que será o
órgano a quen competa a tramitación das axudas.
2. Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha
comisión de avaliación, que será a encargada de realizar o informe que lle
elevará ao director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal,
quen redactará a oportuna proposta de resolución.
3. A Comisión de Avaliación estará presidida polo subdirector xeral de
Formación e Transferencia Tecnolóxica e dela tamén forman parte: como
secretario, un funcionario do Servizo de Formación Agroforestal, e, como vogais,
o xefe do Servizo de Formación Agroforestal e o xefe do Servizo de Transferencia
Tecnolóxica, Estudos e Publicacións.
Se por calquera causa, no
momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algún
dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que
para o efecto designe o director xeral de Investigación Tecnoloxía e Formación
Agroforestal.
4. A Comisión de Avaliación valorará, en función
das dispoñibilidades orzamentarias, as solicitudes recibidas, que cumpran os
requisitos establecidos nesta orde, de acordo cos seguintes
criterios:
a) Orientación produtiva e tamaño das
explotacións: até 10 puntos.
b) Colaboración en proxectos de investigación
ligados a centros dependentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e
Formación Agroforestal: até10 puntos.
c) Número de explotacións
receptoras do servizo: até 10 puntos.
d) Número de explotacións que van informatizar a
súa xestión: até 10 puntos.
e) Porcentaxe de xóvenes ao fronte das
explotacións: até 10 puntos.
f) Situación das explotacións en zona de montaña
ou desfavorecida: 5 puntos.
5. A resolución de aprobación ou denegación das
solicitudes, logo de informe da comisión de valoración e por proposta do
director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal,
correspóndelle ao conselleiro do Medio Rural, e seralle notificada aos
solicitantes.
6. As solicitudes poderán entenderse desestimadas
se non se ditase resolución expresa no prazo de catro meses contados desde o día
seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
7. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto
132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e
convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda
consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos
ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o
caso.
8. A concesión ou denegación da axuda seralle
notificada directamente aos interesados, a través da Dirección Xeral de
Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal. As resolucións ditadas poñen
fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpor, potestativamente,
recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde
a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117, da Lei 30/1992, do 26
de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 ou, directamente, recurso
contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo
de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de
conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa.
Artigo 6º.-Modificación
da resolución de concesión.
Toda alteración das condicións para a concesión
das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión.
Artigo 7º.-Obrigas das
entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias das axudas deberán
cumprir as seguintes obrigas:
a) Informar os receptores do servizo de que a
axuda está financiada pola Consellería do Medio Rural e o Feoga e incluír os
anagramas de ambas institucións nos documentos e publicidade relativos ao dito
servizo.
b) Facilitar toda a información que lles sexa
requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de
Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de
fiscalización e control do destino dos fondos públicos e someterse ás actuacións
de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos
competentes da Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación
Agroforestal no relativo ao cumprimento do programa de xestión da acción
financiada.
c) Cando un axente de xestión cause baixa na
agrupación e sexa substituído por outro, esta circunstancia deberá ser posta en
coñecemento da Consellería do Medio Rural nun prazo máximo de 30 días desde que
se produciu a baixa, solicitándose a autorización para o cambio e presentando a
devandita documentación referida ao novo técnico.
Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.
1. Conforme o previsto no artigo 16.3º do Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán concederse
anticipos de até o 50% da subvención concedida, unha vez notificada a resolución
da concesión da axuda.
2. Xunto coa
certificación final e as facturas e nóminas pagadas, a agrupación de xestión
empresarial entregará antes do 1 de decembro de 2008, unha memoria da actividade
realizada, na cal se indicarán os datos técnicos e económicos que permitan
avaliar os resultados do programa de xestión. Esta memoria incluirá, ademais,
unha relación das explotacións que recibiron asistencia técnica e un resumo das
visitas efectuadas.
3. A AXE remitirá certificado de estar ao día nas
súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da comunidade
autónoma, e unha copia cotexada das nóminas percibidas polos axentes de
xestión.
4. No momento da xustificación da execución total
do proxecto, e antes do pagamento final, o solicitante presentará unha
declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as
aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto,
das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus
organismos, entes ou sociedades.
Artigo 9º.-Financiamento
das axudas.
O
importe destas axudas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria
11.05.712C.772.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2007 cunha dotación de cento setenta e cinco mil setecentos trinta e catro
euros con setenta e nove céntimos (175.734,79 €) para o ano 2007, e de
douscentos dez mil euros (210.000 €) para 2008.
Disposición adicional
Nos aspectos non regulados nesta orde, haberá que
aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro), e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Disposición derradeira
Primeira.-Facúltase o
director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal para ditar
as resolucións necesarias para a execución desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
21 de setembro de 2007.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro de Medio Rural
Ver referencia pdf
"18800D004P013.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es