Diario Oficial de Galicia
venres, 14 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

179


Páxina do Dog:

15.212


Data da Disposición:

7 de setembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 7 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación, e se convocan para o ano 2007.



Orde do 7 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación, e se convocan para o ano 2007.

A rápida evolución nas dúas últimas décadas do desenvolvemento do subsector de gando vacún, e en especial o do leite, propiciou desequilibrios nos factores de produción que se manifestaron fundamentalmente en problemas de adaptación das estruturas produtivas e da man de obra. Este desequilibrio provocou profundos cambios nos modelos produtivos, con repercusións no abandono de actividades propias do sistema produtivo deste subsector, coma a cría e recría de animais para vida e a produción de carne a través da ceba dos xatos e xatas, non propicias para reprodutores, e a ceba de animais de refugo.


O abandono destas actividades ten consecuencias negativas para procura dunha gandaría de alto estado sanitario e xenético e para a rendibilidade dos esforzos feitos na mellora gandeira ao longo dos últimos anos, así como para o aumento do valor engadido que lles dan as ditas actividades á economía agraria e en último termo para abrir a porta a posibles actividades de diversificación na medida en que liberan carga de traballo nas explotacións.


Neste sentido, a posta en marcha de centros de cría e recría de xovencas, e de cría e ceba de xatos pode contribuír a corrixir os desequilibrios e consecuencias negativas antes sinalados, así como a mellorar as condicións de vida e de traballo dos titulares das explotacións gandeiras de vacún e das súas familias.


As actividades que se van subvencionar enmárcanse dentro do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento do Consello, así como o previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións.


Así mesmo, aféctalle tamén o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.


Ademais o artigo 10 do Regulamento CE 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 establece que as axudas destinadas a compensar polos custos de prevención de enfermidades serán compatibles co mercado común e quedan exentas da obriga de notificación.


En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1ª do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas de apoio á produción para instalacións e equipamentos en común.

Sección primeira
Bases reguladoras

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.


Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) ás axudas reguladas nesta orde e para as seguintes liñas establecidas:


1. Investimentos na construción e/ou mellora de instalacións, para levar a cabo as actividades de cría e recría de xovencas de raza bovina frisona e das razas bovinas autóctonas de Galicia.


2. Investimentos na construción e/ou mellora de instalacións, para levar a cabo actividades de cría e ceba de xatos de raza bovina frisona nados en Galicia.


3. Proxectos de apoio no ámbito da produción das explotacións agrarias, que teñan como obxectivo a mellora dos procesos produtivos nas vertentes técnica, económica e ambiental, así como as condicións de traballo na actividade agraria.


Artigo 4º.-Finalidade.

1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade económica e ambiental, así como da mellora das condicións do traballo.


2. Promover a recría de xovencas e a ceba de xatos, en réxime asociativo, para favorecer un aumento do valor engadido nas explotacións gandeiras.


3. Fomentar a introdución de novas tecnoloxías.

4. Promover a reposición de rabaños con animais de alta calidade xenética.

Artigo 5º.-Requisitos e obrigas comúns dos beneficiarios.

1. En todos os casos:

a) Xustificación, mediante un proxecto de explotación, da necesidade e viabilidade técnico-económica dos investimentos segundo a documentación exixida no artigo 11º.


b) Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, por un período superior a cinco anos desde a data da súa concesión. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto de bens, e en todo caso nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.


c) No caso das novas construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto, segundo a documentación exixida no artigo 11º. Así mesmo, deberán presentar no momento da solicitude licenza de obra, ou no seu defecto, solicitude dela e cualificación urbanística da parcela onde se pretenda construír; no caso de adquisición de inmoble, certificado de taxador independente, debidamente acreditado, do valor do inmoble.


d) No caso das obras de reordenación e acondicionamento de instalacións xa existentes, acreditarase a propiedade destas, o arrendamento, ou figuras xurídicas análogas, mediante a escritura pública correspondente. No caso de ser instalacións arrendadas a duración do contrato non poderá ser inferior a cinco anos, contados a partir da posta en marcha da actividade.


e) No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, deberase presentar como mínimo un anteproxecto asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional.


f) Cando o importe do investimento suxeito a subvención supere a contía de 30.000 euros no caso de obra civil, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos suxeitos a subvención non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.


g) Antes do comezo dos traballos, correspondentes aos proxectos de explotación obxecto de axuda, as autoridades agrarias responsables certificarán o non inicio destas e procederán á confirmación por escrito de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade, co fin de autorizar o inicio das obras, sen prexuízo das disposicións urbanísticas vixentes nese momento.


h) Acadar polo menos unha unidade de traballo agrario (UTA).

i) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de ser o caso, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa operativo de Galicia que aprobe a Unión Europea.


Non obstante, cando o proxecto inclúa investimentos destinados a cumprir as normas mínimas recentemente establecidas, entendendo por tales as que entrasen en vigor nun prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda, poderase conceder para o seu cumprimento, un prazo de ata 36 meses a partir da data en que a devandita norma fose obrigatoria.


Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento destas normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.


2. Os proxectos de construción e/ou mellora de centros de cría e recría de xovencas e/ou mellora de centros de cría e ceba de xatos deberán cumprir, ademais do indicado no punto 1 deste artigo:


a) As entidades beneficiarias deberán ser titulares dunha explotación agraria ou no caso de nova creación deberán darse da alta no rexistro de explotacións agrarias.



b) As entidades beneficiarias deberán ser membros de unha agrupación de defensa sanitaria gandeira, inscrita no rexistro das asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia.


c) Realización dun programa sanitario específico vinculado ao proxecto de explotación que se vaia desenvolver, segundo anexo VI, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural, da Xunta de Galicia. Xuntaralle á solicitude unha memoria técnica do programa sanitario segundo a documentación exixida no artigo 11º.


d) As entidades deberán establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a súa continuación da actividade.


Artigo 6º.-Conceptos suxeitos a subvención e contía económica.

1. Conceptos suxeitos a subvención:

a) Adquisición ou construción do conxunto de instalacións necesarios para exercer as actividades previstas nesta orde.


a.1) Na construción de novas instalacións o investimento máximo suxeito a subvención por metro cadrado construído non superará a contía de 113 €/m2 para as construcións de aloxamento dos animais, e 97 €/m2 para os almacéns. Nestes módulos inclúense todas as instalacións básicas para o seu funcionamento, tales como electricidade, fontanaría, cerramentos, etc.


a.2). Os investimentos relacionados, tales como fosas de xurro, cercas, esterqueiras, vaos sanitarios, etc., serán considerados segundo as facturas ou os orzamentos pro forma presentados.


b) Investimentos en obra civil, orientados á reordenación e acondicionamento de instalacións existentes.


b.1) O investimento máximo suxeito a subvención poderá chegar ata o 60% do recollido no punto 1 do da alínea a) deste artigo.


c) Investimentos realizados en instalacións fixas e móbiles, incluídos equipos e programas informáticos para o desenvolvemento da actividade.


d) Gastos de transformación e preparación de terreos incultos, así coma a implantación de cultivos, cun límite de orzamento de 900 euros por hectárea, podendo incrementarse nun 45% se require destocamento previo.


e) Gastos de estudos técnicos económicos e honorarios de proxectos

f) Gastos de adquisición de terreos, ata un importe máximo do 10% dos gastos suxeitos a subvención no conxunto do proxecto de explotación.


g) Gastos vinculados á execución de programas sanitarios específicos, realizados a maiores dos desenvolvidos pola ADSG a que pertence o centro, tales como gastos de honorarios veterinarios, vacinas, análises, medicamentos, etc.


2. Contía económica:

Para todos os conceptos suxeitos a axuda, a subvención a capital máximo poderá chegar ata o 40% do investimento máximo subvencionable e ata o 50% nas zonas desfavorecidas recollidas no Regulamento 1257/1999 do Consello.


Para proxectos de construción ou acondicionamento fixaranse límites máximos específicos do 3%, no caso dos honorarios de proxecto, e do 2%, na dirección e certificación final de obra, sobre o orzamento total do proxecto.


Artigo 7º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se aprobarán teranse en conta os seguintes criterios:


1. Atendendo á localización do instalación, segundo o artigo 17 do Regulamento (CE) nº 1257/1999 do Consello:


a) Zona de montaña: ata 3 puntos.

b) Outras zonas desfavorecidas: ata 2 puntos.

2. Atendendo á introdución de novas actividades nas cooperativas agrarias ou SAT, e polo tanto á xeración de novos valores engadidos:


a) As actividades para as que se solicita a axuda non foron desenvolvidas con anterioridade: ata 3 puntos.


3. Por desenvolver un programa de mellora xenética: ata 3 puntos.

4. Polo sistema de manexo do gando en réxime de pastoreo polo menos despois do diagnóstico positivo de preñez: ata 4 puntos.


5. Polo alcance do programa sanitario a maiores do recollido na regulamentación das agrupacións de defensa sanitaria gandeira en Galicia: ata 5 puntos.

Artigo 8º.-Prazo de execución dos proxectos.

As axudas recollidas nesta orde terán carácter plurianual, e o prazo de execución dos investimentos será, como máximo, ata o 31 de outubro do segundo ano posterior ao da solicitude da axuda.


En casos excepcionais en que a entidade beneficiaria, por causa debidamente xustificada, non poida rematar o proxecto no prazo previsto, deberá solicitar unha prórroga de execución, con anterioridade ao transcurso do prazo máximo, especificando os motivos e o prazo de prórroga de execución, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.


Artigo 9º.-Modificación dos proxectos.

1. Cando se produzan modificacións relacionadas co proxecto obxecto de axuda ou co programa de investimentos, serán comunicadas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, e presentarase un proxecto complementario ou alternativo rectificando as modificacións propostas.


2. Non obstante o establecido no número anterior, non se admitirán incrementos entre o investimento realizado e o aprobado para a execución do proxecto. No caso de redución da contía de gastos realizados, e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente.


Sección segunda
Procedemento de concesión das axudas

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo que se xunta, que se compón dos seguintes anexos:


a) Anexo I: instancia de solicitude.

b) Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

c) Anexo III: relación da documentación que se presenta.

d) Anexo IV: certificación do acordo de solicitude de subvención.

e) Anexo V: certificación de compromisos e obrigas exixidos na orde.

f) Anexo VI: programa sanitario e medidas de bioseguridade.

g) Anexo VII: aspectos relacionados co cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais exixibles.


2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. É imprescindible cubrir os anexos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes presentarase a documentación que se detalla no artigo 11º desta orde.


3. No caso das entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.


4. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se rexe a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.


5. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.


6. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as especificadas no artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.


7. De acordo co previsto no artigo 5.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos conceptos subvencionados nesta orde pola Consellería do Medio Rural, empregarase preferentemente a lingua galega en todo o conxunto de documentación que teña que presentar coa solicitude para a súa tramitación.


Artigo 11º.-Documentación.

1. Documento acreditativo de titularidade de explotación agraria ou no seu defecto de alta no rexistro de explotacións agrarias.



2. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.


3. No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axudas, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición no rexistro. Se se encontrase en fase de constitución, composición da comisión promotora. Neste caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade.


4. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta de reunión do consello reitor. Segundo modelo do anexo IV, no cal se:


a) Aproba realizar os investimentos para os que se vai pedir a subvención.

b) Acorda solicitar a subvención.

c) Autoriza a persoa encargada dos trámites

5. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, sobre os seguintes aspectos:


a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que se establecen no artigo 5º.


b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.


6. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.


7. Plan de investimentos, que incluirá relación dos investimentos que se vaian desenvolver e a súa contía económica.


8. Solicitude de licenza de obras, debendo presentar no momento da certificación a licenza ou excepcionalmente informe favorable do órgano municipal que teña atribuída a competencia para outorgar a licenza de obra (circular 2/2003 da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, número 5.6.3).


9. No caso de adquisición de inmobles presentarase taxación oficial que irá acompañada de bosquexo do establecemento e a súa situación.


10. Certificación bancaria asinada e orixinal do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.


11. Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico competente que deberá incluír:


a) En todos os casos:

a.1) Relación das instalacións necesarias acordes co conxunto dos puntos do proxecto que se vaia desenvolver.


a.2) No caso das novas construcións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto asinado por persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, tal e como se indica no artigo 41.2º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro. Esta documentación incluirá como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición.


a.3) Orzamento desagregado dos investimentos obxecto da solicitude de axuda.

a.4) Carga de traballo prevista para desenvolver na actividade vinculada ao proxecto.


a.5) Financiamento previsto.

a.6) Análise económica da súa viabilidade.

b) No caso de proxectos de construción e/ou mellora de centros de cría e ceba de xatos de raza frisona, ou de centros de cría e recría de xovencas de raza frisona ou razas autóctonas de Galicia, ademais do indicado na alínea a) do punto 9º deste artigo, presentarase:


b.1) Sistema de manexo e aproveitamento da base territorial e sistema de manexo e alimentación do gando.


b.2) Referencias catastrais ou datos referencias do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SixPac) -provincia, concello, zona, polígono e parcela- da base territorial e Plan de xestión produtiva desta, do que se levará obrigatoriamente un rexistro.


b.3) Estudo da capacidade de auto abastecemento de alimento que inclúa a carga gandeira e a capacidade produtiva da base territorial en función da súa aptitude e do manexo, de ser o caso.


b.4) Plan de xestión de xurros e de dexeccións dos animais, do cal se levará obrigatoriamente un rexistro do balance de achega, así como dos residuos producidos na explotación.


b.5) Estudo ambiental que inclúa a carga gandeira baseada nos equivalentes de unidades de gando maior (UGM) en función da idade.


b.6) Memoria do programa sanitario e das medidas de bioseguridade, elaborada por técnico competente, segundo modelo do anexo VI, que incluirá polo menos os seguintes puntos:


1. Medidas de bioseguridade das instalacións.

2. Medidas relativas ao benestar dos animais.

3. Condicións de manexo dos animais.

4. Condicións sanitarias mínimas exixibles de entrada dos animais ao centro.

5. Condicións sanitarias mínimas exixibles das explotacións de orixe dos animais.


6. Condicións sanitarias de permanencia dos animais no centro.

7. Condicións sanitarias dos animais á saída do centro.

8. Plan de investimentos para a execución do programa sanitario, detallando a relación de investimentos e a súa contía.


A carga gandeira máxima admisible estará vinculada á aptitude e orientación produtiva da superficie agraria útil, e será de 2 a 2,5 UGM/ha cando a SAU estea dedicada a pradaría, e de 2,5 a 3,5 UGM cando se dediquen a pradaría con rotación de cultivos intensivos.


Para todo o referido nesta orde, o cálculo das UGM farase segundo tramos de idade, tal e como se indica na táboa a seguir:

Ver referencia pdf "17900D003P008.PDF"
12. Copia do regulamento de réxime interno polo cal se regula a xestión das actuacións recollidas nesta orde e polas que se solicita a axuda.


Artigo 12º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa existente.


Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en sanidade animal, o xefe de servizo competente en fomento asociativo agrario, un xefe de área ou sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que pola súa vez a elevará ao conselleiro do Medio Rural.


Artigo 13º.-Resolución.

O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.


Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e do seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.


Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.


Artigo 14º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda das administracións públicas para os mesmos conceptos, salvo coas subvencións ao tipo de xuro dos préstamos para financiar o investimento, sempre que non procedan de fondos da Unión Europea. En todo caso, a subvención bruta equivalente total non poderá superar o recollido no punto 2 do artigo 6º.


Artigo 15º.-Certificación dos investimentos e gastos.

1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude, sempre e cando se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.



2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, as entidades beneficiarias deberán comunicarllo por escrito preferentemente ao Servizo de Fomento Asociativo Agrario da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria (Consellería do Medio Rural, edificios administrativos de Salgueiriños, rúa Irmandiños s/n, Santiago de Compostela), con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución dos proxectos, e presentarase tamén a seguinte documentación:


a) Facturas orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite de xeito fidedigno o seu pagamento efectivo. As facturas deberán traer o IVE desagregado correctamente.


b) Certificación da entidade, na cal se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.


c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.


d) Certificación do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo artigo 15.4º do Decreto 287/2000, sobre normas de control de acumulación de axudas.


e) No caso das construcións, licenza definitiva de obras.

f) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, e quedará sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades ás que houber lugar.


4. A non xustificación de polo menos o 80% do gasto correspondente aos investimentos suxeitos a subvención comportará a perda da totalidade da subvención.


5. No caso de redución da contía de gastos realizados, e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente.


6. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.


Artigo 16º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.


2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellaría, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.


3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria (DXPICA) realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da DXPICA, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección e control.


4. Seralles de aplicación ás axudas establecidas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión regulado no Regulamento (CE) 1975/2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.


5. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos demais supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).


6. Igualmente estarán suxeitos ao réxime de infraccións e sancións da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).


Artigo 17º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.


Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, na marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.


Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, e nas infraestruturas cuxo custo total supere os 500.000 euros instalarase un panel publicitario.


Tanto na placa como no panel publicitario figurará unha descrición do proxecto de explotación, que ocupará como mínimo o 25% da placa ou panel. Ademais, figurará a bandeira europea, de acordo coas normas gráficas establecidas no punto 4 do anexo VI do Regulamento (CE) nº 1974/2006, xunto co lema Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais.


Artigo 18º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou unha respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:


1. Baixo potestade, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.


2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presente, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


Convocatoria 2007

Artigo 19º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2007 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.


Artigo 20º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común e, preferentemente, no Rexistro da Consellería do Medio Rural, edificios administrativos de San Caetano s/n 15781, Santiago de Compostela.


Artigo 21º.-Financiamento das axudas.

As axudas concedidas nesta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:


1. Fondos cofinanciados polo Feader: aplicación 11.03.712-C.770.1, por un importe de 50.000 € para a anualidade 2007, 500.000 € para o 2008 e 900.000 € para o 2009.


2. Fondos propios: aplicación 11.03.713E.770.3, por un importe de 10.000 € para a anualidade 2007 e 200.000 € para a anualidade 2008.


As devanditas aplicacións orzamentarias poderán ser incrementadas con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.


A concesión da axuda someterase á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.


Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior; no Regulamento 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural; nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia; así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias.



Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións de axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia; a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.


Terceira.-Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos non será necesario que os presente a entidade solicitante, obteraos directamente a unidade tramitante do expediente.


Cuarta.-A concesión e pagamento das axudas quedará condicionada en todo caso á aprobación pola Unión Europea do Marco Nacional de Desenvolvemento Rural e do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, e ás posibles observacións e modificacións derivadas diso.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2007.

Alfredo Súarez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "17900D003P008.PDF"
ANEXO VI

Programa sanitario e medidas de bioseguridade

Sección primeira
Requisitos sanitarios mínimos para centros de cría
e recría de xovencas frisonas para produción de leite e de xovencas de razas autóctonas


Os centros de cría e recría de xovencas, con carácter xeral, deberán cumprir a lexislación sectorial correspondente. Especificamente serán analizados de forma particular os seguintes aspectos:


1. Aplicación dos programas estatais contra as enfermidades suxeitas a controis oficiais.


2. Os centros terán dedicación exclusiva á actividade de cría e recría de xovencas, polo que non pode haber presenza doutros animais ou actividades alleas a esta e á produción agrícola vinculada á parcela en que está situado o centro.


3. Cumprimento da normativa relativa sobre identificación animal.

4. Cumprimento da normativa relativa ao benestar animal. Sobre este aspecto será obrigado dispoñer da documentación propia do movemento de gando, do conxunto de documentación relativa ao transporte, tal coma a folla de ruta na cal conste o percorrido polas distintas explotacións, tempo empregado, animais transportados e certificado de desinfección dos vehículos.


5. Os centros de cría e recría de xovencas deberán pertencer a unha ADSG. Así mesmo, as explotacións que pretender facer uso destas instalacións tamén deberán pertencer a unha ADSG, ou en caso contrario, acreditar mediante certificado veterinario que desenvolven un programa sanitario que recolla cando menos os puntos do programa sanitario marco da orde de axudas anual ás ADSG.


6. O centro terá asignado un veterinario responsable da xestión sanitaria do control. No caso de substitución, os responsables da xestión do centro deben comunicala nun prazo de dous meses á Dirección Xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.


7. Requisitos referidos a estruturas, equipamento e manexo:

a) A superficie do terreo ocupada pola explotación debe permitir o correcto desenvolvemento da actividade gandeira e a disposición do conxunto das instalacións necesarias para cumprir as condicións básicas do programa en materia de bioseguranza.


b) As instalacións e equipamentos estarán deseñados e construídos de xeito que permitan unha limpeza e desinfección eficaz.


c) O deseño do conxunto das instalacións ou adaptación de instalacións existentes, de ser o caso, terá en conta as condicións seguintes:


i. Os ventos dominantes de xeito que favorezan unha correcta ventilación e unha minorización do risco de contaxios.


ii. Illamento suficiente das instalacións de corentena, enfermaría e se for o caso dos diferentes lotes de animais.


iii. Acceso ás instalacións de vehículos e persoal, de tal xeito que permitan extremar as medidas de bioseguranza. Así, o acceso de maquinaria de transporte de materias primas dedicadas á alimentación ten que ser directa á instalación de almacenamento e sen acceder ao interior do peche perimetral onde se atopan as instalacións dos animais, e igualmente a maquinaria de evacuación de xurros e esterco tampouco terá aceso a estas zonas de estadía dos animais.


iv. A carga e descarga de animais farase en peiraos separados para a entrada de animais no centro, saída para as explotacións e para animais enfermos con destino ao matadoiro e cadáveres.


v. Debe contar con mangas, trabadoiras ou outros medios adecuados para o manexo dos animais, de xeito que garantan a seguranza tanto para as persoas como para os animais.


vi. O centro disporá dunhas instalacións de corentena suficientes e axeitadas ao sistema de manexo, ó número e idade dos animais. Cando as instalacións de corentena prevexan a entrada en lotes, utilizarase o sistema de todo dentro, todo fóra.


vii. Se o deseño dispón de unidades fisicamente independentes entre si, para albergar os distintos tramos de idade, debe recoller o avance dos animais sempre cara adiante, sen cruzamentos de animais ou lotes con outros máis novos.


d) O deseño de novas instalacións, ou a reordenación e acondicionamento de instalacións existentes, terá en conta a localización afastada do local para depositar os cadáveres, con acceso a el desde o exterior do peche perimetral e ás entradas dos diferentes locais, naves ou parques, situaranse pediluvios ou calquera outro medio de eficacia semellante que evite a transmisión de enfermidades.


e) O conxunto das instalacións deben cumprir e acreditar un protocolo de limpeza e desinfección, así como o tempo de baldeiro despois de cada uso que se recolla no programa sanitario, de ser o caso.


f) Disporase de vestiario de persoal, útiles de limpeza e manexo de uso adecuado e exclusivo da explotación. Así mesmo, disporase das medidas hixiénico sanitarias necesarias para que o persoal e os útiles empregados non poidan transmitir enfermidades. A zona de vestiario para o persoal estará fisicamente separada dos animais.


8. O programa sanitario do centro incluirá aspectos de prevención das afeccións podolóxicas


9. Ademais dos libros de rexistro obrigatorios, establecidos pola normativa vixente, os centros de cría e recría de xovencas levarán un libro de visitas onde se anotarán todas as que se produzan, coa data, o fin da visita e a matrícula dos vehículos que accederon á explotación.


10. A separación sanitaria para reducir o risco de difusión de enfermidades infecto-contaxiosas desde ou cara a outras explotacións, establécense as seguintes distancias mínimas:


a) Os centros de cría e recría de xovencas gardarán unha distancia mínima de 1 km con áreas municipais e privadas de enterramento de cadáveres animais e as instalacións centralizadas de uso común para tratamento de xurros ou residuos sólidos urbanos.


b) En calquera caso os centros de cría e recría de xovencas distarán mínimo 1 km dos centros de concentración, recollidos no Real decreto 1716/2000, do 13 de outubro, sobre normas sanitarias para o intercambio intracomunitario de animais das especies bovina e porcina, coas súas modificacións. O mesmo criterio se aplicará con relación a matadoiros, industrias cárnicas, mercados e establecementos de transformación ou eliminación de cadáveres.


11. Aspectos de infraestrutura sanitaria:

a) Os xestores do centro serán responsables de garantir que os animais non contacten con outros animais doutras explotacións, nin sequera cos que transitan polos camiños circundantes do centro.


b) Ademais, as instalacións que alberguen os animais estarán rodeadas dun peche que garante de forma segura a entrada de alimañas ou outros animais.


c) Os centros que se poñan en marcha en instalacións existentes adaptadas a estas actividades tomarán as medidas posibles para garantir un axeitado illamento e condicións de bioseguranza, que en todo caso deben detallar no programa sanitario.


d) As instalacións disporán das estruturas axeitadas para a subministración de auga e alimento. Así mesmo, os xestores do centro serán responsables de garantir que a auga de bebida sexa potable. Os silos, pensos e en xeral os alimentos almacenados estarán afastados das fontes de contaminación.



e) A explotación disporá de vaos sanitarios, ou de sistemas eficaces nos accesos, para a desinfección dos vehículos que entren ou saian da explotación.


f) Disporá de lazareto e medios adecuados para a observación e secuestro dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidades infecto-contaxiosas ou con problemas de comportamento adecuados á idade dos animais.


g) O centro realizará un programa estrito de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización das instalacións.


12. Os centros de cría e recría de xovencas establecerán no seu programa sanitario os seguintes aspectos:


a) Condicións das explotacións de orixe e dos animais para o seu aceso ao centro.


b) Protocolo de controis que se van realizar sobre as explotacións e os animais con destino ao centro.


c) Controis durante a permanencia dos animais no centro.

d) Controis aos animais antes de saír con destino ás explotacións

Sección segunda
Centros de cría e recría de xatos frisóns
con destino ao sacrificio

Os centros de cría e ceba de xatos frisón destinados ao sacrificio para a súa carnización haberán de cumprir a normativa sectorial correspondente, entre ela a de protección de tenreiros, Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de tenreiros, coas súas modificacións.


Estes centros poderán optar entre ser cebadeiros cualificados ou non. De ser cualificados, someteranse ás probas sanitarias dos programas estatais de erradicación de enfermidades.


ANEXO VII

Aspectos relacionados co cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais exixibles ás entidades beneficiarias das axudas.


1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás entidades beneficiarias.


a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidas ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003 , de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.


b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e a normativa que a desenvolve.


2. Outras normas de aplicación:

2.1. Normas ambientais.

2.1.a) Lei 4/1989, modificada polas leis 40/1997 e 41/1997, de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres. (Directiva 79/409 CEE e a parte da directiva 92/43/CE).


2.1.b) Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre (Directiva 92/43 CE).


2.1.c) Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE).

2.1.d) Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/676/CE).


2.2. Normas de hixiene e benestar dos animais.

2.2.a) Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE).


2.2.b) Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de becerros, modificado polo Real decreto 229/1998, do 16 de febreiro (Directiva 91/629/CEE).



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es