Diario Oficial de Galicia
venres, 21 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
184
Páxina do Dog:
15.586
Data da Disposición:
13 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA
MULLER
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 13 de setembro de 2007 pola que se establecen as
bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o acceso das mulleres
á cotitularidade de explotacións agrarias como fórmula de integración laboral da
muller e estímulo ás mulleres emprendedoras de Galicia, e se procede á súa
convocatoria.
Resolución do 13 de setembro de 2007
pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións
para o acceso das mulleres á cotitularidade de explotacións agrarias como
fórmula de integración laboral da muller e estímulo ás mulleres emprendedoras de
Galicia, e se procede á súa convocatoria.
O Decreto
517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da
Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as
competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co
establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na
Constitución española.
Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do
Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á
Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar,
creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndenlle, entre outras
funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para
fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo
3.8º).
A Lei
7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o
compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre
mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo. No
seu artigo 31 establece que a Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias
para facilitarlles ás mulleres o acceso e mantemento da titularidade ou
cotitularidade das explotacións agrarias.
Esta resolución pretende apoiar as mulleres
labregas emprendedoras, mediante a concesión dunha serie de axudas económicas
para que se rexistren como cotitulares das súas explotacións e deste xeito
acaden o recoñecemento oficial do traballo que están a realizar nas
explotacións, ademais de reducir as inexactitudes estatísticas no que se refire
aos datos sobre inactividade laboral das mulleres galegas.
No Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e
no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da
Lei xeral de subvencións, establécense os requisitos xerais das subvencións
concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se
adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de
publicidade, obxectividade e concorrencia.
Por todo o exposto, en uso das facultades que
teño atribuídas,
DISPOÑO:
Capítulo I
Finalidade e réxime das axudas
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto
desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións en
réxime de concorrencia non competitiva ás mulleres labregas galegas para lles
facilitar o acceso á cotitularidade, ou titularidade compartida, das
explotacións agrarias, das cales unicamente é titular un varón co que existe
relación conxugal ou análoga, como medio axeitado para a posta en valor, o
recoñecemento social e legal e a garantía de dereitos do traballo das mulleres
nas explotacións agrarias.
Artigo 2º.-Financiamento.
As accións incluídas nesta resolución
financiaranse con cargo á partida orzamentaria 05.80.313B.470.0 da Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, están
cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) e o importe global destinado a
elas ascende a 432.000 euros, desta contía o FSE achega o 80% e o Servizo Galego
de Igualdade o 20%. Esta contía poderá incrementarse, logo de publicación, de
acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 3º.-Normativa aplicable.
A tramitación de solicitudes e concesión destas
axudas axustarase ao disposto nesta resolución, no Regulamento (CE) nº
1860/2004, da Comisión, do 6 de outubro, relativo á aplicación dos artigos 87 e
88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DO L 325, 28-10-2004),
no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello polo que se establecen as
disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao
Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7
de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma para 2007; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e
boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia; nesta resolución e demais normativa de
aplicación.
En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao
abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) 1828/2006, da
Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o
Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións
xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social
Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento
Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e
demais normativa de aplicación.
Artigo 4º.-Beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias destas
axudas:
a) As mulleres desempregadas
que acceden á cotitularidade dunha explotación agraria e se anotan no Rexistro
de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural e causan alta na
Seguridade Social.
b) As mulleres que, en situación de alta na Seguridade Social, no réxime
especial agrario por conta propia ou no de autónomas, acceden por primeira vez á
cotitularidade da explotación agraria en que traballan e se anotan no Rexistro
de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural.
2. A solicitude de
inscrición no rexistro será posterior ao 1 de xaneiro de 2006 e anterior á data
de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Quedan excluídas
aquelas que obtiveran esta axuda con anterioridade.
Artigo 5º.-Axudas.
1. As axudas consistirán nunha prima, por unha
soa vez por explotación e beneficiaria, de 2.000 € euros pola inscrición das
solicitantes como cotitulares no Rexistro de Explotacións Agrarias da
Consellería do Medio Rural.
2. Esta subvención será compatible con outros
programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de
subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade, tendo en conta que se trata
dunha axuda sometida ao réxime de minimis para o sector agrario polo que se
observará o cumprimento do límite de axuda total de minimis establecido no
regulamento de aplicación.
Capítulo II
Procedemento
Artigo
6º.-Solicitudes.
1. As solicitudes
presentaranse, preferentemente, no Rexistro do Servizo Galego de Promoción da
Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo
38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do
13 de xaneiro, no modelo normalizado que se publica como anexo I, xunto coa
documentación que se relaciona:
a) Copia do DNI da solicitante.
b) Certificado da anotación como cotitular da
explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia da Consellería do
Medio Rural ou, no seu defecto, solicitude de inscrición. Para o caso de que non
se achegue a citada certificación, este organismo solicitaralle ao órgano
competente da Consellería do Medio Rural, con anterioridade á proposta de
resolución, informe do cumprimento das condicións para a anotación.
c) Informe orixinal de
vida laboral, actualizado na data da solicitude, emitido pola Tesouraría Xeral
da Seguridade Social.
d) Copia da alta da cotitular no réxime
correspondente da Seguridade Social.
e) Compromiso expreso de mantemento da cotitularidade durante 5 anos
asinado polos dous cotitulares.
f) Declaración actualizada do conxunto de todas
as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma
finalidade, das distintas administracións públicas ou das súas entidades
vinculadas ou dependentes (modelo: anexo II).
g) Certificación orixinal
expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da solicitante en que
conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código
de conta corrente.
2. Para o caso de que a solicitude se presente nun rexistro distinto ao
do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e co fin de
evitar atrasos innecesarios, a interesada comunicaralle por fax a súa
presentación ao organismo remitindo o anexo I ao número 981 54 53 65, todo isto
sen prexuízo do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo
7º.-Prazo.
1. O prazo de presentación
de solicitudes comeza a partir da publicación desta convocatoria no Diario
Oficial de Galicia e remata o 20 de novembro de 2007.
2. No suposto de que a
solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación
achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas
encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as solicitantes para que,
no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros
detectados, con indicación de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas
da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo 8º.-Obrigas tributarias e sociais.
A presentación da solicitude comporta a
autorización ao órgano xestor para solicitarlle as certificacións á Axencia
Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e á
Tesouraría Xeral da Seguridade Social de que as solicitantes están ao día nas
súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento
ningunha débeda coa Administración galega. A comprobación por parte do órgano
xestor realizarase con anterioridade á proposta de resolución, no caso de
resultaren negativas as solicitudes, serán denegadas posto que a acreditación de
estar ao día no cumprimento destas obrigas é requisito para obter a condición de
beneficiaria. No caso de que a solicitante denegue expresamente este
consentimento, ten que presentar as certificacións indicadas segundo o
establecido no artigo 22.4º do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que
se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións.
Artigo 9º.-Comisión de
valoración.
1. A directora xeral do
Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha
comisión de valoración, que estará composta, polo menos, por tres membros: a
presidenta, que será a secretaria do organismo, e dous vogais, actuando un deles
como secretario/a. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de
valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non
puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a
directora xeral.
2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, a comisión de
valoración proporá a concesión ou denegación das subvencións seguindo a orde de
presentación de solicitudes, de acordo cos requisitos exixidos nesta
disposición. A comisión reunirase polo menos unha vez ao mes e emitirá as
propostas de resolución das solicitudes completas até ese momento, sempre que
nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos
ao artigo anterior.
Artigo 10º.-Resolución.
1. A
resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da
comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora
xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da
Muller.
2. O
prazo para resolver remata o 5 de decembro de 2007. Transcorrido este prazo sen
que recaese resolución expresa, que en todo caso deberá producirse antes de
rematar o exercicio orzamentario, a solicitude entenderase
desestimada.
3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas
poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que
ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no
artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, ou directamente, recurso
contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de
dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade
co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa.
Artigo 11º.-Aceptación da subvención.
No prazo de cinco (5) días hábiles, desde a
recepción da notificación da concesión da subvención, as beneficiarias deberán
manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a cumprir os prazos e
requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación neste
prazo entenderase que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente
concedida e procederase, logo da resolución, ao arquivo do expediente. O escrito
de aceptación dirixirase a Dirección Xeral do Servizo Galego de Igualdade, sen
prexuízo da obriga de presentación por calquera das formas previstas no artigo
38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, e co fin de evitar atrasos na tramitación comunicaráselle
por fax (981 54 53 65) ao mesmo órgano durante o período de
aceptación.
Artigo 12º.-Publicidade das axudas.
As subvencións concedidas publicaranse segundo dispón a normativa
vixente. Na páxina web oficial do organismo publicarase a relación de concesións
con expresión da beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo
13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na
Administración pública galega.
Artigo 13º.-Obrigas.
1. Ademais das obrigas xerais establecidas no
artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba
o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para a
percepción de axudas públicas, as beneficiarias desta subvención están obrigadas
a:
a) Ter
unha permanencia ininterrompida como cotitular da explotación de cinco anos como
mínimo e cumprir os requisitos de publicidade. Durante este tempo deberá
permanecer anotada no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
b) Facilitar toda a
información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o
Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de
fiscalización e control do destino das axudas.
2. O incumprimento de
calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de
reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora
correspondentes.
Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.
1. Unha vez concedida e aceptada a subvención, o
seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten a seguinte
documentación:
a) Copias compulsadas dos boletíns de cotización á Seguridade Social da
beneficiaria aboados desde o mes da alta no Rexistro de Explotacións Agrarias da
Consellería do Medio Rural.
b) Declaración complementaria, actualizada na
data da xustificación, do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou
pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións
públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (modelo anexo
II).
2. Unha
vez completada a documentación a que se refire o punto anterior, o Servizo
Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller incorporará ao expediente
informe emitido pola Consellería do Medio Rural sobre a vixencia da situación
das beneficiarias no seu rexistro, aos efectos da tramitación da proposta de
pagamento.
Artigo 15º.-Período de xustificación.
O prazo para a presentación da documentación xustificativa para a
percepción da axuda comeza a partir da presentación da aceptación e remata o 20
de decembro de 2007.
Artigo 16º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, poderá dar lugar a que a directora do organismo resolva modificar a
resolución de concesión e, de ser o caso, á súa revogación.
Artigo
17º.-Reintegro.
Procederá o reintegro
total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos
e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,
polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade
Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, nos artigos 91 ao 93 do Real decreto 887/2006, do 21 de
xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións, e na
normativa europea de aplicación.
Artigo 18º.-Seguimento e control.
As beneficiarias quedan obrigadas, durante os
cinco anos seguintes á percepción da axuda, a manter a súa condición de
cotitular da explotación agraria, a aceptar as actuacións de supervisión e
control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social
Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Galego de
Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as de control financeiro que lle
correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do
Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, de ser o caso,
procedan.
Disposicións adicionais
Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller
poderá ditar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario,
cando existan fondos procedentes de renuncias expresas ou de remanentes de
subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación, logo de publicación, do
crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de
valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que
atenderán solicitudes inicialmente desestimadas por esgotamento do
orzamento.
Segunda.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas
outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a
Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e
Asuntos Sociais e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller
poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a
constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas
vixentes que resulten de aplicación.
Terceira.-O Servizo Galego de Promoción da
Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación
orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento
das condicións exixidas nesta resolución.
Cuarta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas
nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións
previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que
se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-A Dirección Xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade
do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado
desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.
Segunda.-Esta resolución
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2007.
Ana Luísa Bouza Santiago
Directora do Servizo Galego de
Promoción
da Igualdade do Home e da
Muller
Ver referencia pdf
"18400D018P034.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es