Diario Oficial de Galicia
venres, 21 de setembro de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
184
Páxina do Dog:
15.576
Data da Disposición:
13 de setembro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS
Rango:
Orde
Título:
Orde do 13 de setembro de 2007 pola que se convocan as axudas
para a subscrición dun seguro de indemnización diaria en caso de paralización e
perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e
marisqueiro de Galicia.
Orde do 13 de setembro de
2007 pola que se convocan as axudas para a subscrición dun seguro de
indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións
climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de
Galicia.
A actividade pesqueira e marisqueira está
sometida, no seu exercicio habitual, a que se dean as condicións climatolóxicas
que permitan saír faenar nos distintos caladoiros ou zonas de marisqueo, sen que
supoña un risco para as tripulacións, os traballadores e os medios que se
dedican a esta tarefa.
Galicia, pola súa localización xeográfica, ten un
litoral que está sometido en determinados períodos anuais a episodios de
condicións climatolóxicas que obrigan ao amarre da frota galega nos portos da
nosa comunidade, sen posibilidade de que poidan saír durante varios días faenar,
o que supón unha situación de falta de ingresos nas economías dos profesionais
que viven da explotación dos recursos que se atopan nun medio natural cambiante
e adverso nestes casos.
Ante esta situación, e tamén como medida
complementaria de seguranza marítima, favorecendo que as embarcacións non saian
ao mar en circunstacias extremas ante a falta de ingresos, a Consellería de
Pesca e Asuntos Marítimos, encomendou a realización dun estudo sobre a
viabilidade dun seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda
da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e
marisqueiro de Galicia.
Como resultado dese estudo, convocouse un
concurso para a selección dunha entidade aseguradora que lles poida ofertar este
produto aos profesionais, como unha medida de carácter social que incida
directamente na seguranza marítima e na introdución da cultura do seguro no
ámbito da pesca en Galicia.
Para promover a sinatura deste seguro, a
Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procede á convocatoria de axudas
dirixidas a subvencionar unha porcentaxe da prima que lle corresponde pagar a
cada unidade produtiva.
Por todo o exposto, e facendo uso das facultades
que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas
reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto
da presente orde é establecer as bases reguladoras da axuda dirixida a
subvencionar a prima anual do seguro de indemnización diaria en caso de
paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no
sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, así como a súa convocatoria para o
ano 2007.
Artigo 2º.-Réxime xurídico.
Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas na presente orde
observarase o disposto nas seguintes normas:
a) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións.
b)
Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado
polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
c) Decreto 287/2000, de
21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas
da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Normativa comunitaria de aplicación ás
axudas.
Artigo
3º.-Beneficiarios.
Poderán acceder ás
axudas reguladas por esta orde os tomadores da póliza de seguro de indemnización
diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións
climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, que
poderán ser as confrarías de pescadores, cooperativas do mar, organizacións de
produción pesqueira (OPP) ou calquera outra entidade asociativa do sector (desde
agora denominadas todas asociacións) con sede en Galicia e os seus membros ou
asociados que faenen exclusivamente en augas do seu litoral ou lindeiras con
Portugal e o Cantábrico e que se atopen comprendidos dentro do ámbito do seguro
indicado.
Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.
Os beneficiarios deberán:
a) Formalizar, antes do 1 de novembro do presente
ano, o seguro coa entidade aseguradora que escolla entre as elixidas pola
consellería mediante o concurso de selección de entidade aseguradora que ofreza
un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción
por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de
Galicia e que asinarán o correspondente convenio de colaboración.
b) Acreditar, con
anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día
das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así
como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún
concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
c) Non ser beneficiarios
de ningunha outra axuda para a mesma finalidade.
d) Non estar incursos en prohibición que lles
impida ter a condición de beneficiarios de subvencións.
Artigo 5º.-Contía das
axudas.
A contía das axudas
consistirá nunha porcentaxe, nunca superior ao 70% da achega que deberá facer o
asegurado para o pagamento da prima anual do seguro subscrito coa entidade
aseguradora.
A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de
dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 6º.-Dotación orzamentaria.
As axudas concederanse con cargo aos créditos
previstos na aplicación orzamentaria 14.01.723B.781.0, consignada nos orzamentos
xerais da comunidade autónoma para o ano 2007, por importe de 1.380.000
euros.
Artigo
7º.-Entidades colaboradoras.
As
entidades aseguradoras elixidas pola consellería mediante o concurso de
selección de entidade aseguradora que ofreza un seguro de indemnización diaria
en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas
adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia que asinen o
correspondente convenio de colaboración, terán a consideración de entidades
colaboradoras para os efectos previstos no artigo 12, 13 e 15 da Lei 38/2003, do
17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 8º.-Prazo de presentación de
solicitudes.
O prazo de presentación
das solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación
desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 9º.-Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse nas oficinas das
entidades colaboradoras, que comprobarán que os solicitantes teñen asinado o
seguro seleccionado e reúnen os requisitos para acceder a el.
2. As solicitudes
formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen no anexo I desta orde e
deberán acompañar os seguintes documentos:
a) Copia cotexada do documento nacional de
identidade da persoa asinante da solicitude.
b) Copia cotexada da tarxeta de identificación
fiscal da entidade asociativa do sector solicitante.
c) Certificación do
órgano competente da entidade asociativa na cal se especifique o acordo polo que
se lle concede autorización para formalizar a solicitude ao
asinante.
d)
Declaración de non ser beneficiario de ningunha outra axuda para a mesma
finalidade (anexo II).
e) Declaración responsable de non estar incurso
en prohibición que lle impida ter a condición de beneficiario de subvencións
(anexo III).
A non-presentación dos documentos recollidos neste punto 2 acompañando á
solicitude será causa de arquivo por considerar que o solicitante desistiu da
súa solicitude.
3. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, de orzamentos
xerais da comunidade autónoma para 2007, a presentación da solicitude de
concesión da axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as
certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria,
a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da
Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas
tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade
Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa
Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por
razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos
polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.
Artigo 10º.-Órganos de
xestión.
As entidades colaboradoras
da Administración comprobarán a situación de cada un dos solicitantes da axuda e
asinante do seguro ao abeiro do disposto na presente orde, revisarán as
solicitudes no momento da súa presentación e presentarán, no rexistro xeral da
Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, antes do 15 de novembro de 2007, unha
relación ordenada dos solicitantes, á cal acompañarán os expedientes
individuais.
Artigo 11º.-Emenda.
1.
Revisados os expedientes pola Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos
Marítimos, poderá reclamarse, en caso de documentación incompleta ou defectos
nela, por escrito aos interesados, para que nun prazo de dez (10) días remitan
cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios
para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren,
considerarase que desistiron da súa petición, logo da resolución que deberá ser
ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
2. Sen
prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento, as entidades
aseguradoras ou a consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá requirir
aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a
tramitación e adopción da resolución que proceda.
Artigo 12º.-Comisión de
avaliación.
Estando prevista a
concesión da axuda, dentro dos límites orzamentarios, para todos os solicitantes
que reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria, neste procedemento non
procede a concorrencia competitiva e tampouco procederá a constitución de
comisión de valoración.
Artigo 13º.-Resolución e aceptación.
1. A resolución destas axudas correspóndelle á
conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos. Non obstante, de acordo co sinalado no
artigo 2, parágrafo 1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG nº 238, do 11
de decembro), así como co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, a resolución destas axudas queda delegada no secretario
xeral da consellería.
2. O prazo máximo para a resolución do
procedemento será de 30 días, computándose conforme o sinalado no parágrafo 2º
do artigo 10 do Decreto 287/2000.
3. A resolución notificaráselles aos interesados
para que no prazo de 10 días comuniquen a súa aceptación ou o rexeitamento da
axuda nas condicións expresadas nela.
Artigo 14º.-Recursos.
Contra a resolución que se dite, que sempre será
expresa e que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter
potestativo, recurso de reposición perante o conselleiro ou conselleira de Pesca
e Asuntos Marítimos no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo
perante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous (2) meses, contados,
en ambos os casos, a partir do día seguinte ao da notificación da
resolución.
Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.
1. Para proceder ao pagamento, a entidade
promotora remitiralle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, antes do 15 de
novembro de 2007, unha lista dos beneficiarios con certificación dos seguros
subscritos e pagamentos realizados. Aos anteriores documentos uniranse os
indicados no artigo 9º da presente orde, así como as correspondentes
certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado,
coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e de non ter débedas
pendentes, por ningún concepto, coa Administración da comunidade
autónoma.
2.
A axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aboarase dunha soa vez á
entidade aseguradora e na contía que corresponda segundo os seguros asinados,
mediante transferencia.
Artigo 16º.-Reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda
concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento
ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no
artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Disposicións
adicionais
Primeira.
1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas con suxeición a esta
orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o
beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
2. Así mesmo, de
conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño,
de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a
Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a
relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a
presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina
web.
Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de
outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o secretario xeral para que dite as resolucións
necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Segunda.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2007.
Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos
Marítimos
Ver referencia pdf
"18400D013P024.PDF"
Ver referencia
pdf "18400D014P029.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es