Diario Oficial de Galicia
venres, 21 de setembro de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

184


Páxina do Dog:

15.568


Data da Disposición:

18 de setembro de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES


Rango:

Orde


Título:

Orde do 18 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións a persoas físicas e xurídicas titulares de autorizacións de transporte público por estrada para o fomento das condicións de seguridade e da incorporación de novas tecnoloxías e melloras ambientais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.



Orde do 18 de setembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións a persoas físicas e xurídicas titulares de autorizacións de transporte público por estrada para o fomento das condicións de seguridade e da incorporación de novas tecnoloxías e melloras ambientais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia é consciente da necesidade de fomentar a incorporación de elementos de seguridade nos vehículos que realizan transporte público por estrada, como unha contribución necesaria á mellora da seguridade viaria e á redución da accidentalidade e do número de vítimas na estrada.

Así mesmo, a incorporación de elementos de aplicación das novas tecnoloxías e a existencia de condicións que favorecen a contribución aos requirimentos ambientais, manifestados na redución de emisións contaminantes á atmosfera, constitúen elementos que, no marco das políticas orientadas á sustentabilidade no transporte e á redución de custos, inciden na mellora da produtividade das empresas e na optimización do conxunto do sistema, en liña co estipulado no Libro branco da Unión Europea.

En consecuencia, esta consellería considera apropiado establecer unha liña de axudas co fin de impulsar no sector do transporte por estrada a consecución de todos eses obxectivos, contribuíndo así non só ao avance do devandito sector, senón tamén á satisfacción do interese xeral de todos os cidadáns.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto
1. Esta orde contén as bases reguladoras aplicables para a concesión de subvencións destinadas a fomentar a seguridade, a incorporación de novas tecnoloxías e a aplicación de melloras ambientais no sector do transporte por estrada en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

3. En concreto, considerarase subvencionable a adopción de calquera das medidas seguintes:

a) Aplicación de sistemas de calidade ou ambientais, certificados de conformidade coas normas ISO, UNE 13816 ou EMAS; no caso de transportistas autónomos, disposición do Manual do condutor da Guía para a implantación da ISO 9002 en Pemes de transporte de mercadorías por estrada.

b) Disposición de vehículos adaptados á normativa Euro.
c) Disposición de sistemas de control de flotas e localización por satélite GPS-GPRS.

d) Aplicación de sistemas de prevención de riscos laborais.
Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.
1. A concesión destas axudas imputarase á aplicación orzamentaria 2007.08.04.512A.770.1 do orzamento de gastos da Xunta de Galicia para o ano 2007, por un importe máximo de 12.000.000 euros. Este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, ás cales se lles dará a oportuna publicidade.

2. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito orzamentario suficiente para poder afrontalas. En ningún caso poderán outorgarse subvencións por un montante superior ao da contía dispoñible na aplicación orzamentaria prevista. Por iso, as contías das axudas que, logo dos cálculos pertinentes, a administración considere en principio adecuadas e en consecuencia susceptibles de outorgamento, poderán ser obxecto de redución, para que o seu importe total se axuste ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. As subvencións concedidas de conformidade con esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que para a mesma finalidade poidan obter os beneficiarios.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade sexa o transporte por estrada, tanto de viaxeiros como de mercadorías.

2. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os beneficiarios deberán cumprir, con efectos do último día do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de autorizacións de transporte público en vigor no 2007 das clases MDP, MDL ou VD para a realización de transporte discrecional, outorgadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Os solicitantes deberán figurar inscritos no Rexistro Xeral de Transportistas do Ministerio de Fomento como titulares desas autorizacións, e estas non deberán atoparse, en ningún caso, en situación de suspensión.

b) Acreditar o cumprimento de calquera das medidas previstas no artigo 1.3 desta orde.

c) Non estar incursos en ningunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos desde o 1 de xaneiro de 2007, e mantelo ininterrompidamente ata o momento en que se resolva esta ver a presente convocatoria de subvencións.

Artigo 4º.-Contía das axudas.
1. As axudas distribuiranse en función do número de autorizacións ou copias de que dispoña cada titular solicitante. Para estes efectos, e no caso de autorizacións de tipo VD, terase en conta o número de copias de que fose titular o solicitante o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia; porén, no caso de autorizacións de tipo MDP e MDL, as axudas distribuiranse en función do número de autorizacións que tivese o solicitante o 15 de abril de 2007, sempre que manteñan a súa vixencia o día da publicación desta orde.

2. O importe das axudas, segundo a clase de autorización de que dispoña a persoa solicitante, será o seguinte:

a) Por cada autorización MDP de ámbito nacional, 964 euros.
b) Por cada autorización MDP de ámbito comarcal, 406 euros.
c) Por cada autorización MDP de ámbito local, 406 euros.
d) Por cada autorización MDL, 103 euros.
e) Por cada autorización VD para a realización de transporte discrecional, 448 euros.

3. Esta axuda ten o carácter de minimis para os efectos do Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro de 2006). Por tal motivo, o importe máximo da axuda por beneficiario, xunto coa suma de calqueroutra axuda de estado cualificada como de minimis que recibise neste e mais nos dous últimos exercicios fiscais non superará a contía de 100.000,00 €.

Artigo 5º.-Solicitudes.
1. Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse, de acordo co que prevé o artigo seguinte, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, que irá acompañada dos documentos especificados no punto 3º deste artigo.

En todo caso, deberá presentarse unha única solicitude por beneficiario, que deberá comprender a totalidade das autorizacións para as que pretenda obter as axudas reguladas nesta orde; por cada autorización só poderá optar á axuda pola adopción dunha das medidas previstas no punto 3º do artigo 1 desta orde.

2. A solicitude incorporará unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.
c) Compromiso de achegar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

d) Non estar incurso en ningunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Conxunto de axudas de Estado cualificadas como de minimis recibidas pola empresa, se é o caso, nos dous últimos exercicios fiscais e mais no correspondente ao momento da solicitude.

f. Conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma medida que a indicada nesta solicitude, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. Xunto coa solicitude impresa achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Documentación acreditativa da personalidade, que será a seguinte:
i. Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa física: documento nacional de identidade (DNI).

ii. Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa xurídica: tarxeta de identificación fiscal, dos estatutos da entidade, do apoderamento do asinante para poder representala e do documento nacional de identidade (DNI) deste.

b) Identificación da autorización ou autorizacións de transporte público para as que solicita a axuda. No caso de autorizacións do tipo VD o solicitante deberá ser titular delas no momento da publicación desta orde, e deberá indicar o número total de copias; no caso de autorizacións do tipo MDP e MDL, o solicitante tiña que ser titular delas o 15 de abril de 2007, e manterse vixentes o día de publicación desta orde. Esta identificación farase mediante a cobertura do anexo II.

c) Certificación bancaria orixinal do número de conta.
d) Documentación xustificativa da condición ou condicións, de entre as contidas no artigo 1.3º desta orde, que cumpre o solicitante. En concreto, para cada unha desas condicións consideraranse como únicas xustificacións válidas as seguintes:


i. Certificados de cumprimento das normas ISO, UNE 13816 ou EMAS ou o Manual do condutor.

ii. Fichas técnicas dos vehículos, nas cales se indique que están adaptados á normativa Euro.

iii. Factura de compra dos sistemas de control de frotas e localización por satélite GPS-GPRS. Xunto coa factura achegarase, ademais, un documento explicativo do modo de funcionamento e do estado de operatividade destes sistemas, que terá unha extensión de entre 5 e 15 folios.

iv. Auditoría interna de prevención de riscos laborais, en que figure unha avaliación de riscos por postos de traballo.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1. Os que desexen optar á axuda deberán completar, en liña, a solicitude (anexo I) e o anexo II que como formulario electrónico encontrarán na páxina web: http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/ pid/2100. Posteriormente, e sempre antes de que remate o prazo establecido no punto 2º deste artigo, presentarán esa mesma solicitude (anexo I) e o anexo II, impresos e debidamente asinados, así como a documentación requirida no artigo 5.3º, preferentemente no rexistro do Servizo Provincial de Transportes que corresponda, sitos nos seguintes enderezos:

a) A Coruña: Alcalde Pérez Ardá, 4 - 15008 A Coruña.
b) Lugo: rolda da Muralla, 70 27071 Lugo.
c) Ourense: José Ángel Valente Docasar, 2 baixo - 32003 Ourense.
d) Pontevedra: Calvo Sotelo, s/n (est. autobuses) - 36003 Pontevedra.
Así mesmo, os anexos impresos, xunto coa documentación correspondente, poderán presentarse por calquera dos medios previstos para a presentación de instancias no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está no poder da administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 8º.-Órganos competentes.
1. Delégase na directora xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Instrución dos procedementos.
1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando a existencia e titularidade das autorizacións identificadas na solicitude, así como a concorrencia do resto de requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 10. Proposta de resolución.
1. Os expedientes que non cumpran os requisitos exixidos nesta orde ou na demais normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. A directora xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese este prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Alén do anterior, as axudas concedidas ao abeiro desta orde publicaranse no Diario Oficial de Galicia dentro do mes seguinte ao da súa concesión e daráselles publicidade, así mesmo, nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Transportes e dos servizos provinciais de Transportes.

En todo caso, para unha maior difusión e para os efectos informativos, o contido da resolución poderase consultar na páxina web da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, na epígrafe de Transportes.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.


2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora xeral de Transportes logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.
Os beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Obriga de lle comunicar ao órgano concedente todas as axudas solicitadas e as concedidas para a execución do mesmo investimento que aquel dos previstos nesta orde para o que se solicite e outorgue a axuda.

d) Obriga de manter o investimento durante un período mínimo de cinco anos, consonte o establecido pola disposición adicional segunda, alínea d) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Pagamento.
1. Unha vez notificada a resolución de outorgamento da subvención procederase ao seu aboamento, que se fará nun só acto, mediante transferencia bancaria, e de acordo coas contías especificadas no artigo 4 desta orde.

2. En todo caso, o recoñecemento da obriga e o posterior pagamento da subvención só se efectuará se o beneficiario xustificou suficientemente, e de conformidade coa normativa aplicable, que realizou a totalidade do obxecto da subvención e cumpriu as súas condicións e finalidades.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; igualmente, seranlles de aplicación os procedementos de control financeiro, reintegro e revisión de actos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desde a entrada en vigor desta lei.

Artigo 17º.-Control.
1. A Dirección Xeral de Transportes poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións que se concedan.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 18º.-Información aos interesados.
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:
(www.cptopt.xunta.es)
b) Os teléfonos dos servizos provinciais de Transportes:
A Coruña 881 88 10 03.
Lugo 982 29 44 21.
Ourense 988 68 73 06.
Pontevedra 886 20 60 08.
c) O enderezo electrónico: suxestions.web.cptopt@xunta.es
Artigo 19º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nesta orde observarase o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o seu réxime transitorio; e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase a directora xeral de Transportes para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2007.
María José Caride Estévez
Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas
e Transportes
Ver referencia pdf "18400D011P016.PDF"



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es