Diario Oficial de Galicia
xoves, 26 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
144
Páxina do Dog:
12.762
Data da Disposición:
18 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E
XUSTIZA
Rango:
Resolución
Título:
Resolución do 18 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de
Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia
competitiva, de subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e
consorcios locais, para a realización de programas destinados a favorecer os
procesos de integración da poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade
Autónoma galega, durante o ano 2007.
Resolución do 18
de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regula a
concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos,
mancomunidades de concellos e consorcios locais, para a realización de programas
destinados a favorecer os procesos de integración da poboación inmigrante
extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega, durante o ano
2007.
A Comunidade Autónoma galega participa nos
últimos anos do crecemento que a poboación inmigrante extracomunitaria está a
experimentar en España. O incremento desta poboación e a situación de
vulnerabilidade á que se poden ver sometidos estes colectivos, así como a
necesidade de abordar esta nova realidade é polo que cómpre levar a cabo o
desenvolvemento de políticas de apoio á inmigración que permitan incrementar os
esforzos humanos e orzamentarios dedicados aos procesos da súa
integración.
É dentro deste marco onde se incardina a resolución de axudas da
Secretaría Xeral de Emigración do 27 de febreiro de 2007 destinada a financiar
actuacións dos concellos, mancomunidades de poboación e consorcios locais
destinados a favorecer os procesos de acollida.
Por outra banda, a
Administración do Estado e as comunidades autónomas elaboraron un Marco de
Cooperación para a xestión do Fondo de Apoio á Acollida e á Integración de
Inmigrantes, así como o seu reforzo educativo que foi creado no ano 2005. O
crédito destinado a este fondo foi incrementado no ano 2007, e un novo Marco de
Cooperación define os eixes de actuación nos que se enmarcan as liñas de acción
que van desenvolver as comunidades autónomas.
Os recursos deste fondo
permiten á Comunidade Autónoma de Galicia unir esforzos e abordar desde unha
concepción ampla a integración da poboación inmigrante extracomunitaria,
cubrindo outros eixes de actuación que non se recollían dentro da Resolución do
27 de febreiro de 2007, e permitindo que a actual sociedade, cada vez máis
dinámica e complexa, se vexa beneficiada coa efectiva inserción destes
colectivos.
Non pode descoñecerse que a integración en materia de inmigración require
a participación de todos os axentes implicados, tanto públicos como privados,
pero é salientable o papel que desempeñan os entes locais no desenvolvemento de
programas de integración, polo que, a través desta resolución, se regula a
concesión de axudas, en concorrencia competitiva, a concellos, mancomunidades de
concellos e consorcios locais para a realización de programas destinados a
favorecer os procesos de integración da poboación inmigrante extracomunitaria e
conseguir a súa incorporación e participación en todos os ámbitos da sociedade
galega.
Tras
a publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura
orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se
establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,
e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores
dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración
configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao
que lle corresponden, entre outras, as competencias en política inmigratoria en
Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias
deriven.
Así
mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de
estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de
Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a aprobación das bases, a
convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de
competencia.
Esta convocatoria, ademais das bases establecidas nela, adáptase ao
disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que
se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, e ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o
réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
O
financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con
cargo ao crédito da aplicación orzamentaria 04.50.312C.460.0 que figura na Lei
de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.
Por todo o exposto, e no
exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do
Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores
dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto da resolución é regular os requisitos e
condicións para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de
subvencións a concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a
realización de programas destinados a favorecer os procesos de integración da
poboación inmigrante extracomunitaria na Comunidade Autónoma galega, así como o
seu reforzo educativo, no ano 2007.
Artigo 2º.-Requisitos das entidades
solicitantes.
1. As subvencións que
se convocan por esta resolución poderán ser solicitadas por aqueles concellos,
mancomunidades de concellos e consorcios locais da Comunidade Autónoma galega
que cumpran, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, os
seguintes requisitos:
1.1. Desenvolver actuacións que favorezan a
integración do colectivo inmigrante na Comunidade Autónoma de
Galicia.
1.2.
Non incorrer en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario
de subvencións, enumeradas no artigo 13, da Lei 38/2003, do 17 de novembro,
xeral de subvencións.
2. As entidades locais que teñan subscrito algún
convenio coa Secretaría Xeral de Emigración poderán igualmente presentar
solicitudes de subvención ao abeiro desta resolución, sempre que as actuacións
propostas sexan distintas a aquelas obxecto de financiamento a través dos
convenios en vigor.
3. Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o
exercicio económico para o que se concede a subvención.
Artigo
3º.-Orzamento.
1. A concesión de
axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito da
aplicación orzamentaria 04.50.312C.460.0 (1.171.241 €) que se inclúe nos
orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007, quedando condicionada
a concesión destas axudas a este límite orzamentario.
2. A contía das axudas
que sexan recoñecidas ao abeiro desta resolución ascende a un total de 1.171.241
€, coa seguinte distribución:
-Eixe de educación: 221.895 €.
-Eixe de emprego: 200.000 €.
-Eixe de vivenda: 149.346 €.
-Eixe de servizos sociais: 200.000 €.
-Eixe de muller: 200.000 €.
-Eixe de sensibilización: 200.000 €.
3. Se como resultado da presentación de
solicitudes e das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, algún dos
eixes subvencionables, a excepción do eixe de educación, non resultase cuberto
na totalidade da contía prevista anteriormente, poderase proceder a unha
redistribución da contía non cuberta entre todos ou algúns do eixes
restantes.
4.
As asignacións orzamentarias poderán ser incrementadas de acordo coa
dispoñibilidade orzamentaria debendo, neste suposto, distribuírse por
eixes.
Artigo
4º.-Accións subvencionables e contía da axuda.
1. A contía concreta e certa da subvención
determinarase en cada caso en función do custo do proxecto presentado obxecto de
subvención e da aplicación dos criterios de valoración establecidos nesta
resolución, tendo en conta o número de entidades beneficiarias e as
dispoñibilidades orzamentarias, podendo acadar o 100% do investimento aqueles
proxectos que obtivesen o máximo número de puntos previstos no artigo 6º, tendo
en conta o número de entidades beneficiarias e as dispoñibilidades
orzamentarias.
2. Poderán subvencionarse con cargo a esta resolución os gastos correntes
que se lles orixinen aos concellos, mancomunidades de concellos e consorcios
locais aos que se lles conceda a subvención para a realización dos programas
previstos no artigo 5º.
3. O órgano competente, de ser o caso,
distribuirá entre os beneficiarios o importe global máximo destinado ás
subvencións.
Artigo 5º.-Eixes e programas subvencionables.
1. Con cargo á presente resolución só poderán
subvencionarse proxectos e accións referidos aos eixes e programas que se
detallan a continuación:
1.1. Eixe de educación.
1.1.a) Programas de acollida educativa:
información, orientación e acompañamento para o acceso e a integración no
sistema educativo; prevención do absentismo escolar.
A través destes programas
realizaranse accións de información, orientación e acompañamento destinadas a
facilitar o acceso e a integración no sistema educativo. Tamén se incluirán
neste punto actividades de prevención do absentismo escolar.
1.1.b) Programa de
reforzo educativo: programas de apoio e compensación educativa en centro
escolares; aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida; e reforzo do
sistema de axudas no ámbito escolar.
Co obxectivo de atender o desfase curricular
derivado da procedencia doutros sistemas educativos ou escolarizacións
anteriores deficientes, desenvolveranse accións de compensación e reforzo
educativo para o alumnado inmigrante en Galicia, así como aquelas accións
encamiñadas á aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida. Neste programa
tamén se realizarán accións que terán por obxecto reforzar as axudas no ámbito
escolar a través de bolsas e axudas de comedor, transporte e material
escolar.
1.1.c) Programa de promoción da educación cívica
intercultural.
Este programa terá por
finalidade a realización de actividades de educación intercultural e para a
tolerancia, a través de prácticas e talleres educativos, xogos infantís e outras
actividades similares; co fin de promover o mutuo coñecemento e o respecto das
características propias de cada cultura e de fomentar actitudes positivas ante o
feito da diversidade entre a poboación escolar galega.
Coa mesma finalidade,
incorporaranse e distribuiranse materiais divulgativos e recursos que faciliten
o coñecemento das diversas culturas e favorezan a comprensión do feito
diferencial como algo que posibilita o enriquecemento mutuo, así como aquelas
actividades que favorezan a aprendizaxe por parte da poboación inmigrante das
culturas de orixe e das dúas linguas vehiculares do ensino na Comunidade
Autónoma galega.
1.1.d) Programa de reforzo da escolarización dos alumnos de orixe
inmigrante, en etapas escolares non obrigatorias.
Este programa irá
dirixido ao reforzo da escolarización dos alumnos de orixe inmigrante en etapas
escolares non obrigatorias: educación infantil educación
pos-secundaria.
1.1.e) Fomento de actuacións coordinadas entre os centros educativos e o
seu contorno e de actividades de educación non formal e
extracurriculares.
Fomentarase a coordinación entre os centros educativos e o seu contorno,
reforzándose a participación do alumnado inmigrante en actividades
extraescolares.
1.2. Eixe de emprego.
1.2.a)
Apoio a programas de acceso, mantemento e promoción do emprego.
Co obxectivo de facilitar a inserción laboral dos
inmigrantes, desenvolveranse actividades de asesoramento, así como accións
formativas, mediadoras e de acompañamento, e todas aquelas outras que contribúan
a incrementar a empregabilidade do colectivo.
1.2.b) Reforzo da
participación de inmigrantes nas políticas activas de emprego, itinerarios
integrados de inserción socio-laboral, e colaboración con entidades de
intermediación laboral.
A través deste programa trátase de cubrir todas
as posibilidades de acceso ao emprego, intentando ao mesmo tempo servir como
canle de integración social.
1.2.c) Fomento da iniciativa empresarial e o
traballo por conta propia ou traballo asociado (autoemprego, microcréditos e
economía social).
Este programa ten por obxecto o desenvolvemento de accións de
asesoramento e apoio aos inmigrantes para promover proxectos de autoemprego,
creación de pequenas empresas e entidades de economía social na Comunidade
Autónoma galega, a través de accións de formación, titorización, acompañamento e
seguimento que contribúan á súa posta en funcionamento e/ou á súa
consolidación.
1.2.d) Apoio a programas de conciliación da vida familiar e
laboral.
Nesta medida inclúense
accións de apoio a programas de conciliación da vida familiar e laboral que
permitan minorar ou paliar as dificultades derivadas da incorporación a mercado
de traballo da poboación inmigrante, e mellorar a convivencia entre as
responsabilidades laborais e o desenvolvemento da vida persoal e
privada.
1.3.
Eixe de vivenda.
1.3.a) Información e
orientación sobre recursos de aloxamento na fase de asentamento inicial e
reforzo de programas de intermediación no mercado de vivenda.
Nesta medida inclúense
accións de información, asesoramento e orientación sobre os posibles recursos de
aloxamento na fase de acollida inicial; e todas aquelas encamiñadas a reforzar
os programas de intermediación no mercado de vivenda.
1.3.b) Programa de
integración no contorno urbano en barrios con alta presenza de
inmigrantes.
Ten por obxecto o desenvolvemento de actuacións que posibiliten o acceso
á vivenda en aluguer da poboación inmigrante, mediante a posta en práctica de
accións tendentes a remover obstáculos tales como: facilitación de constitucións
de avais e garantías aos propietarios e outras medidas.
1.3.c) Programa de
inserción de familias inmigrantes en contornos con escasa poboación, no marco do
proxectos de desenvolvemento local.
Co obxecto de frear o éxodo no ámbito rural, e ao
mesmo tempo contribuír á integración social da poboación inmigrante,
desenvolveranse accións que favorezan o asentamento de familias inmigrantes
naqueles contornos rurais con escasa poboación.
1.4. Eixe de servizos
sociais.
1.4.a) Programa de reforzo
dos recursos organizativos e humanos dos servizos sociais de atención primaria,
co obxecto de atender os factores socioculturais da poboación
inmigrante.
Incluirase o reforzo tanto dos recursos organizativos como humanos dos
servizos sociais de atención primaria co obxecto de atender os factores socio
culturais da poboación inmigrante.
1.4.b) Programa de formación de profesionais na
atención á poboación de distintas orixes e culturas e mediación
intercultural.
Desenvolveranse actividades formativas e informativas sobre accións de
axuda e inserción laboral, dirixidas a profesionais que traballan con persoas
inmigrantes, co obxecto de transmitirlles os coñecementos específicos que lles
permitan aumentar a eficacia dos programas de inserción sociolaboral que
desenvolven en relación co dito colectivo.
1.5. Eixe de muller.
1.5.a) Apoio ao acceso normalizado, participación
e implicación das mulleres inmigrantes a programas de carácter xeral e programas
específicos dirixidos a mulleres en xeral.
As actuacións que se enmarquen dentro deste
programa irán dirixidas exclusivamente a mulleres inmigrantes da nosa comunidade
autónoma: educación de adultos, formación profesional, cursos de habilidades
sociais, inserción laboral e educación para a saúde.
1.5.b) Actuacións
dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes que se
atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.
Este programa engloba as
accións dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes que
se atopen en situacións de especial vulnerabilidade, especialmente aquelas que
sexan víctimas da violencia de xénero.
1.6. Eixe de sensibiliación.
1.6.a) Accións que promovan unha mellor
comprensión dos procesos e fenómenos migratorios, destaquen as súas achegas e
combatan prexuízos e estereotipos.
Incluiranse proxectos que favorezan e promovan
unha mellor comprensión dos procesos e fenómenos migratorios, así como da
realidade da inmigración en Galicia, destaquen as súas achegas como elemento
enriquecedor da sociedade e fomenten actitudes positivas que combatan prexuízos
e estereotipos.
1.6.b) Actuacións dirixidas a establecer espazos de encontro entre a
poboación inmigrante e a autóctona, así como actividades de sensibilización
dirixidas a ambas as poboacións.
Neste programa incluiranse proxectos que teñan
por obxecto establecer espazos de encontro e contextos que favorezan o diálogo
entre ambas as poboacións, así como actividades de sensibilización dirixidas a
ambas as poboacións, promovéndose valores de respecto, tolerancia e
solidariedade que eviten no futuro actitudes racistas ou xenófobas.
2. Estes programas ou
accións poderán ser xestionados directamente polos concellos, mancomunidades de
concellos e consorcios locais ou poden ser obxecto dunha xestión indirecta a
través doutras entidades ou asociacións colaboradoras sen ánimo de
lucro.
Artigo
6º.-Criterios para a concesión das axudas.
1. A comisión de avaliación determinará tanto as entidades beneficiarias,
como a contía da subvención que se concederá a cada unha delas, en función dos
seguintes criterios de valoración:
1.1. Programas e actuacións presentadas (ata 70
puntos).
-Calidade técnica do
programa: valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación aos
obxectivos propostos, calendario de actuación e a descrición das actuacións
concretas que se van desenvolver.
-Número de persoas potencialmente destinatarias
en cada programa.
-Carácter innovador
das actuacións que se van desenvolver no programa.
-Incorporación nas súas actuacións de perspectiva
de xénero e igualdade de trato.
-Colaboración cidadá na execución do
programa.
1.2. Cofinanciamento (ata
50 puntos).
-Desenvolvemento no ano
2007 por parte da entidade doutras accións no ámbito da inmigración distintas
daquelas para as que se solicita esta subvención.
-Porcentaxe de
financiamento achegada pola entidade a nivel de programa.
-Achega de medios humanos propios a nivel de
programa.
-Infraestrutura propia para
o desenvolvemento do programa.
1.3.
Criterios demográficos (ata 30 puntos).
-Poboación total empadroada a 1 de xaneiro de 2006.
-Poboación total extracomunitaria empadroada a 1
de xaneiro de 2006.
-Porcentaxe de
poboación extracomunitaria empadroada a 1 de xaneiro de 2006.
2. Se unha actuación ou proxecto concreto para a
que se solicita a subvención puidese encaixar nun eixe ou programa distinto do
indicado pola entidade solicitante, o órgano competente poderá situar a
actuación concreta naquel eixe ou programa dos reflectidos no artigo 5º que
resulte máis favorable para a concesión da subvención.
3. Na concesión das
subvencións a comisión de valoración terá en conta a existencia ou subvención de
servizos ou actividades que cubran os mesmos eixes subvencionables no mesmo
ámbito territorial ou subxectivo, realizadas polas entidades solicitantes da
subvención ou outras entidades.
4. Como consecuencia da aplicación dos criterios
de valoración previstos neste artigo, as entidades que resulten beneficiarias
poderán recibir unha contía certa de subvención que poderá ser o custo total ou
parcial dos previstos no orzamento total presentado coa solicitude. En todo
caso, para poder ser obxecto de subvención deberá alcanzarse como mínimo 30
puntos como suma dos puntos obtidos na valoración dos criterios, salvo que
exista remanente orzamentario que se aplicará aos proxectos seguintes en puntos
de acordo aos criterios establecidos na epígrafe anterior.
Artigo 7º.-Solicitudes e
prazo.
1. As solicitudes de axudas
dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración (rúa Os Basquiños, 2; 15704
Santiago de Compostela. A Coruña), e presentaranse por calquera das formas
previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. O prazo de
presentación será de trinta e un días naturais contados dende o día seguinte ao
da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de
que o último día coincida en sábado ou día inhábil, o prazo de presentación de
solicitudes rematará o día hábil seguinte.
Artigo 8º.-Documentación.
1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo
establecido como anexo I á presente resolución, debendo relacionarse todos os
proxectos para os que a entidade solicita a subvención indicando, expresamente,
o eixe e o programa do artigo 5º nos que se incardinarían estes. Non se poderá
presentar un mesmo proxecto ou acción que se incardine en máis dun
programa.
As
solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou
copia debidamente compulsada:
1.1. Tarxeta de identificación fiscal da entidade
solicitante.
1.2. Ficha de solicitude
de transferencia bancaria de acordo co modelo do anexo II.
1.3. Memoria de cada un
dos programas para os que se solicita a subvención.
1.4. Fichas explicativas do programa e das
actividades de acordo co modelo recollido no anexo III.
1.5. Declaración de
axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes doutras
administracións públicas, Unión Europea ou calquera outro ente público ou
privado segundo modelo recollido no anexo IV.
1.6. Declaración expresa
de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003,
do 17 de novembro, xeral de subvencións segundo modelo relacionado no anexo
V.
1.7.
Certificación expedida polo secretario da entidade local ou funcionario
fedatario:
a)
Do acordo ou resolución da entidade local de solicitar a subvención, con
indicación da contía solicitada polo o eixe e programa.
b) Capacidade de
representación legal do asinante da solicitude.
2. Se a solicitude non estivese debidamente
cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral de
Emigración requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días
hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de
que, se así non o fixese, entenderase por desistido da súa petición, de
conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da
resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei
30/1992.
Artigo 9º.-Procedemento de concesión da subvención.
1. O procedemento para a tramitación e concesión
das axudas que se convocan pola presente resolución axustarase ao previsto no
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de
concorrencia competitiva tal como recolle a devandita Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia no seu artigo 78.
2. Correspóndelle á Secretaría Xeral de
Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de
acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha
comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida polo
subdirector xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, ou persoa
na que delegue, e composta polos seguintes membros:
-A xefa do Servizo de
Programas e Atención Integral.
-A
xefa do Servizo de Información e Tramitación de Subvencións.
-Un/unha xefe/a de sección da
unidade.
-Un/unha funcionario/a da
unidade que actuará como secretario/a.
3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios
establecidos no artigo 6º. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de
concesión, a través da Subdirección Xeral de Xestión de Programas do Retorno e a
Inmigración, que se presentarán ao secretario xeral de Emigración, quen
resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo
10º.-Resolución.
1. As resolucións do
secretario xeral de Emigración serán notificadas aos interesados. A Secretaría
Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de
contía superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando
o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario e cantidade
concreta concedida.
O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses, que
comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario
Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen e notificasen
as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de
acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de
adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de
xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As resolucións que se
diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe
interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as
ditou, nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da
correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de
tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido
o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio
administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Así
mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia, nun prazo de dous meses contados a partir do día
seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións
expresas, ou nun prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel
no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas
por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de
xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
2. As entidades
solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no
rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de
sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos
relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións
impostas.
Os
datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de
Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso,
rectificación, cancelación e oposición.
Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do
Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos
creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da
obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso
de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro
do importe concedido.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do
30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega,
a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web galiciaaberta.com a
relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a
presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento
necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina
web.
Artigo
11º.-Aceptación da subvención.
No
suposto de que a entidade non acepte a subvención concedida, deberá comunicarllo
á Secretaría Xeral de Emigración no prazo máximo de dez días contados a partir
da notificación da resolución.
No caso de renuncias por parte das entidades ás
subvencións concedidas, poderanse ditar novas resolucións en función das
dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan
entidades que, cumprindo os requisitos, non obtivesen a puntuación suficiente,
en aplicación dos criterios de valoración, para ser beneficiarias da
subvención.
Artigo 12º.-Obrigas das entidades subvencionadas.
1. Os beneficiarios destas axudas
deberán:
a) Realizar o proxecto ou
acción que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que
se subvencionarán deberanse realizar no ano 2007 e antes da finalización do
prazo de xustificación establecido no artigo 13º.5 desta
resolución.
b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o
cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinen a concesión da axuda
ou subvención.
c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición
de entidade subvencionada polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a
Secretaría Xeral de Emigración, así como os seus correspondentes logotipos, de
acordo cos modelos do anexo VIII desta resolución.
d) Someterse ás
actuacións de comprobación que considere oportuno a Secretaría Xeral de
Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da
Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas segundo a
lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e
control.
e)
As entidades locais beneficiarias da axuda deberán informar inmediatamente á
Secretaría Xeral de Emigración, sobre calquera eventualidade que altere ou
dificulte o desenvolvemento da actividade subvencionada.
2. Todos os proxectos ou
accións obxecto de subvención a través desta resolución pasarán a formar parte
dunha Rede de Atención ao Inmigrante. Para estes efectos, as entidades
beneficiarias deberán informar a Secretaría Xeral de Emigración de todas as
actuacións e calquera outra información solicitada en relación coa xestión da
subvención concedida co fin de acadar a súa maior difusión.
3. Os beneficiarios
quedan obrigados a facilitar á Secretaría Xeral de Emigración o exame das
actividades tanto na súa execución como con posterioridade ao seu remate, así
como toda aquela información que lles sexa requirida, para o que garantirá o
acceso dos representantes da secretaría xeral ao lugar das accións, ás contas e
demais documentación que se considere oportuna.
Artigo 13º.-Forma de
xustificación e pagamento das subvencións.
1. As entidades subvencionadas quedan obrigadas a xustificar os gastos
correspondentes ao custo total do programa.
2. Poderán xustificarse con cargo á subvención
recibida os gastos que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2007 e antes da
finalización do prazo de xustificación recollido neste artigo e de acordo coas
accións recollidas nos distintos programas e eixes reflectidos na memoria
presentada.
3. Poderán efectuarse pagamentos parciais, logo da xustificación, a conta
da liquidación definitiva, de ata o máximo do 80% do importe da subvención
concedida.
Para a xustificación, os concellos, mancomunidades de concellos e os
consorcios locais deberán presentar certificación orixinal expedida polo órgano
que teña atribuídas as correspondentes facultades de control do cumprimento da
finalidade para a que foi concedida a subvención e da aplicación dos fondos
destinados para tal efecto. Para estes efectos poderá utilizarse o modelo
especificado no anexo VI.
4. A xustificación final da subvención deberá ir
acompañada, ademais do establecido na epígrafe anterior, da seguinte
documentación:
a) Memoria técnica xustificativa da aplicación da subvención concedida e
explicativa da execución de cada programa e proxecto, de acordo co modelo
especificado no anexo VII.
b) Declaración complementaria do conxunto das
axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas
como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou
calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
5. O prazo de
xustificación e entrega da totalidade da documentación será ata o 1 de decembro
de 2007.
6. A
Secretaría Xeral de Emigración, en todo momento, poderá solicitar calquera outra
documentación que considere oportuna para a xustificación da
subvención.
Artigo 14º.-Compatibilidade das axudas.
As axudas concedidas en virtude da presente
resolución serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza,
administración ou entidade que llas conceda excepto das derivadas de convenios
subscritos coa Secretaría Xeral de Emigración para a mesma finalidade e, en todo
caso, tendo en conta que a suma de todas elas non poderá superar o custo total
da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste
requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao
longo do ano 2007 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba
de calquera entidade pública ou privada.
Artigo 15º.-Modificación da resolución de
concesión.
As entidades beneficiarias
das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no
momento no que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na
convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a
execución das actividades, podendo a Secretaría Xeral de Emigración adoptar a
resolución de modificación da concesión que corresponda de acordo co disposto no
artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia.
Artigo 16º.-Reintegro.
Procederá a apertura de expediente para o reintegro total ou parcial das
cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos
previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e
orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se
desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Artigo 17º.-Instrucións e aclaracións.
A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as
instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta
resolución.
Artigo 18º.-Normativa de aplicación.
En todo o demais, será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre
subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro e Real decreto 887/2006, do 21 de
xullo); os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia e demais normativa de desenvolvemento.
Artigo 19º.-Recursos
contra esta resolución.
Contra esta
resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo
órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de
2007.
Manuel Luis Rodríguez
González
Secretario xeral de
Emigración
Ver referencia pdf "14400D006P026.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es