Diario Oficial de Galicia
xoves, 26 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
144
Páxina do Dog:
12.798
Data da Disposición:
12 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO
SOSTIBLE
Rango:
Orde
Título:
Orde do 12 de xullo de 2007 pola que se convoca para o ano 2007
a concesión de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para a mellora da
xestión e explotación dos puntos limpos construídos para a xestión de residuos
sólidos urbanos.
Orde do 12 de xullo de 2007 pola que
se convoca para o ano 2007 a concesión de axudas destinadas a entidades locais
de Galicia para a mellora da xestión e explotación dos puntos limpos construídos
para a xestión de residuos sólidos urbanos.
A Consellería
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da
Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das
competencias e funcións que en materia de medio ambiente e conservación da
natureza se establece no artigo 27, apartados 10º, 11º, 15º e 30º, así como no
artigo 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de
aplicación. Neste sentido, correspóndelle a autorización, vixilancia, inspección
e sanción das actividades de produción e xestión de residuos no marco dos plans
autonómicos de residuos, tal como se preceptúa no artigo 4.2º da Lei 10/1998, do
21 de abril, de residuos.
Pola súa banda os concellos son competentes para
a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril,
reguladora das bases do réxime local; na Lei 10/1998, do 21 de abril, de
residuos e na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de
Galicia e demais normativa de aplicación.
De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como
se preceptúa no artigo 4.3º da mencionada Lei básica de residuos en relación co
artigo 3 desta mesma disposición normativa, correspóndelle aos concellos como
servizo obrigatorio a recollida, o transporte e, polo menos, a eliminación dos
residuos.
Tanto a Estratexia galega de xestión de residuos como o Plan de xestión
de residuos sólidos urbanos de Galicia establecen como opcións prioritarias para
a xestión dos residuos xerados a recollida selectiva e a valorización fronte á
eliminación.
Nesta dirección encamíñanse as actuacións que se veñen desenvolvendo
desde a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en materia de
xestión de residuos tales como:
-A adecuación, clausura e selado de
vertedoiros.
-A limpeza de puntos de
vertido incontrolado.
-A construción
de puntos limpos.
-A construción de
infraestruturas ambientais para a xestión de residuos de construción e
demolición.
-A instalación de contedores soterrados nas rúas, entre outras
actuacións.
En concreto, polo que
atinxe á construción de puntos limpos, na actualidade a nosa comunidade autónoma
dispón dun centenar de instalacións deste tipo, distribuídas entre as catro
provincias galegas, co obxectivo de servirlles aos cidadáns de centros para a
entrega voluntaria e a recollida selectiva daqueles residuos domiciliarios que,
polas súas características, non entran dentro dos fluxos de recollida de lixo
que a diario efectúan os servizos municipais correspondentes. Falamos de
residuos tales como electrodomésticos, voluminosos, entullos procedentes de
obras menores de construción e reparación domiciliaria, aceites minerais ou
vexetais xerados nos domicilios particulares, ferralla, plásticos e
outros.
Con
estas instalacións conséguese:
-Favorecer a separación en orixe dos residuos xerados nos fogares galegos
facilitando a súa recollida selectiva, o que ten especial interese no caso de
determinados residuos que poden representar algún risco para o medio ou saúde
das persoas (pilas e baterías, fluorescentes, etcétera).
-Incrementar as
cantidades de materiais procedentes de residuos susceptibles da súa recuperación
e posterior reciclado (papel, vidro, metais, etcétera).
-Evitar o vertido
incontrolado.
-Mellorar a xestión
destes residuos.
-Dotar a nosa
comunidade autónoma dunha completa rede de infraestruturas destinadas á xestión
dos residuos que tradicionalmente se eliminaban vía vertedoiro.
Deste xeito, á vista da
experiencia acumulada no tempo transcorrido desde que entraron en funcionamento
os primeiros puntos limpos construídos, téñense constatado certas deficiencias
no tocante á posta en funcionamento, xestión e explotación destas
infraestruturas en aspectos tales como a súa escasa utilización polo público en
xeral, a falta dun axeitado control e supervisión da entrada e saída dos
residuos admisibles ou a necesidade de abordar o establecemento de mecanismos de
autosuficiencia financeira destes servizos.
Pero na marxe do que se acaba de sinalar e de
xeito xa máis particular, entre os obxectivos desta liña de subvencións atópanse
tamén cuestións como as seguintes.
Por unha banda, acadar unha mellor eficacia no
aproveitamento destes centros potenciando en xeral o uso dos puntos limpos
existentes na actualidade e favorecendo, en particular, o seu emprego por parte
daqueles usuarios procedentes doutros concellos que non dispoñen deste servizo
mentres non se complete a rede de infraestruturas deste tipo previstas na nosa
comunidade autónoma.
Por outra banda, non cabe dúbida ningunha de que un dos principais
problemas que presenta na actualidade a xestión deste tipo de infraestruturas
pasa pola falla de recursos económicos e de autosuficiencia financeira coa que
facer fronte ao seu mantemento e explotación, polo que para a determinación da
axuda computarase positivamente o feito de que a entidade local dispoña de
instrumentos ou mecanismos de financiamento propio suficientes para facer
perdurables, eficientes e sostibles no tempo estas instalacións.
Perséguese, así mesmo,
primar aquelas entidades locais que adopten fórmulas ou acordos entre varios
concellos con puntos limpos (tres como mínimo) para a xestión conxunta do
servizo que redunde nunha diminución dos custos de xestión destas
instalacións.
En consecuencia, co ánimo de potenciar o funcionamento dos puntos limpos
construídos, incrementar o grao de emprego polos cidadáns e, en xeral, colaborar
economicamente coas entidades locais que dispoñen deste tipo de instalacións,
acordouse a convocatoria dunha liña de axudas que responde ao principio de
subsidiariedade que rexe a Estratexia galega de xestión de residuos.
Segundo este principio a
Xunta de Galicia actuará nos ámbitos que non sexan da súa exclusiva competencia
na medida en que os obxectivos da acción pretendida non poidan ser acadados de
maneira suficiente polos axentes directamente involucrados.
Por todo o anterior, en
uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.
1. Esta orde ten por obxecto a concesión de
axudas, consonte os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade,
dirixidas á mellora da xestión e explotación dos puntos limpos existentes en
Galicia.
Os
puntos limpos son instalacións destinadas á entrega voluntaria e directa por
parte dos cidadáns daqueles residuos que non son susceptibles de recollida
domiciliaria.
2. Poderán solicitar estas axudas aqueles concellos, entidades locais,
mancomunidades ou outras agrupacións de municipios legalmente constituídas así
como asociacións voluntarias de municipios da nosa comunidade autónoma, ás que
lles corresponda o servizo público da xestión do punto limpo e soporten, en
consecuencia, os custos derivados destas actuacións. No caso de asociacións
voluntarias de municipios as solicitudes deberán presentarse de xeito individual
por parte de cada un dos concellos que as integren.
3. Non poderán ter a
condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as entidades
municipais en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo
13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. Procédese por esta a
facer pública a convocatoria destas axudas para o ano 2007, e polo período
subvencionable que se indica, destinadas a aquelas entidades ás que, cumprindo o
establecido nesta orde, lles corresponda o servizo público da xestión do punto
limpo.
Artigo
2º.-Solicitudes e documentación relativa aos requisitos exixidos.
1. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e deberán ser presentadas no modelo
de solicitude normalizada para o efecto no anexo I desta orde. Sen prexuízo do
disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada
pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser
presentadas na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería
de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos
servizos centrais.
No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios legalmente
constituídos, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu
representante legal ou ben pola persoa designada para o efecto como
representante dela.
2. As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes a partir do día
seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de
Galicia.
3.
Xunto co modelo de solicitude deberá presentarse a seguinte
documentación:
a) Certificado do
acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba a
súa participación nesta convocatoria de axuda.
b) Documento
xustificativo no que se acredite a xestión do punto limpo, ben directamente polo
concello ou entidade local solicitante, ben a través da súa concesión
administrativa a unha empresa.
c) Un plan de explotación asinado polo órgano
competente da entidade local solicitante no que se indique:
-Os días e horario de
apertura ao público.
-Información
relativa ao persoal encargado da atención aos usuarios, en particular no tocante
a: titulación ou experiencia, plans de formación relacionada co posto
desempeñado e outra que se considere de interese.
-Descrición do
procedemento seguido para a aceptación, verificación inicial, almacenamento
temporal e posterior destino dos distintos tipos de residuos
recibidos.
-Información a disposición do usuario sobre o servizo prestado pola
instalación.
Este plan de explotación
acompañarase dun plan de financiamento no que se indiquen os recursos económicos
e ingresos destinados a cubrir os custos de xestión e explotación do punto
limpo.
d)
Compromiso de levar un libro-rexistro, debidamente dilixenciado polo secretario
da entidade local, no que o persoal encargado do punto limpo rexistrará
obrigatoriamente todas as operacións de depósito de residuos facendo constar os
datos identificativos do usuario (nome, DNI, residencia ou veciñanza), así como
os relativos ao residuo entregado (tipo de residuo e cantidade).
e) Informe do órgano
correspondente da entidade local solicitante no que se indiquen os custos e
ingresos anuais realizados ou estimados para a xestión e explotación do punto
limpo.
f)
Declaración asinada polo órgano que corresponda da entidade solicitante na que
se asuma a obriga de colaborar coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación
Ambiental facilitándolle aquela información relativa á xestión e explotación do
punto limpo que durante a tramitación do expediente de axuda lle sexa requirida
en particular polo que atinxe ás relacións periódicas do volume e residuos
recollidos nestas instalacións.
g) Declaración do conxunto de todas as
solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo fin ante outras
administracións públicas competentes ou entes públicos (anexo II desta
orde).
4.
Outra documentación necesaria para o cálculo da axuda que se outorgará segundo o
establecido no artigo 4º desta convocatoria é a seguinte:
a) Certificado do órgano
correspondente da entidade local solicitante, co visto e prace do presidente, da
poboación de dereito segundo os datos do último padrón de
habitantes.
b) Declaración xurada do órgano que corresponda en cada entidade
solicitante na que se acredite, no seu caso, a existencia de sistemas de
recollida domiciliaria de residuos voluminosos, especiais e/ou de aparatos
eléctricos e electrónicos así como, no seu caso, a implantación de recollidas
especiais de residuos.
c) Compromiso do órgano correspondente da
entidade local de permitir o emprego do punto limpo por usuarios procedentes de
concellos que non dispoñen deste servizo.
d) Declaración xurada do órgano que corresponda
en cada entidade solicitante na que se acredite, no seu caso, a admisión no
punto limpo de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos de orixe non
domiciliaria.
e) Certificado do interventor da entidade local no que se faga constar a
existencia de taxas ou outros mecanismos financeiros destinados a financiar os
custos de xestión e explotación do punto limpo para o que se solicita a axuda
ou, no seu caso, compromiso relativo á súa implantación con anterioridade ao
pagamento da axuda.
f) No caso daquelas entidades locais con punto limpo (tres como mínimo)
que teñan acordado entre elas ou previsto a xestión conxunta deberán remitir,
para os efectos do establecido no artigo 4º desta orde, copia do acordo ou
compromiso de facelo efectivo no futuro asinado conxuntamente polo órgano que
corresponda en cada unha destas entidades locais.
5. Unha vez presentada a
solicitude revisarase a súa documentación e se esta non reunise os requisitos
exixidos requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días contados a
partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou
achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase
considerar desistido da súa petición e arquivarase sen máis trámites, de acordo
co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común.
Artigo
3º.-Criterios de adxudicación.
1.
Teranse en conta para o cálculo das axudas que se outorgarán os seguintes
criterios de baremación:
a) En función da poboación atendida.
-No caso de puntos limpos que atendan unha
poboación superior aos 20.000 habitantes: 1 punto.
-Se o punto limpo atende
unha poboación inferior aos 20.000 habitantes pero superior aos 5.000
habitantes: 3 puntos.
-Naqueles casos nos que punto limpo preste
servizo a unha poboación inferior aos 5.000 habitantes ou sexa solicitada a
axuda por unha mancomunidade ou agrupación de municipios: 5 puntos.
b) Por ter xustificada
debidamente a posta a disposición dos potenciais usuarios do punto limpo dun
sistema de recollida domiciliaria de:
-Residuos voluminosos: 5 puntos.
-Residuos especiais ou recollidas especiais de
residuos: 5 puntos.
-Residuos de
aparatos eléctricos e electrónicos: 5 puntos.
c) En función dos resultados obtidos da recollida
selectiva de envases, segundo os datos dos que dispón a Dirección Xeral de
Calidade e Avaliación Ambiental, a distribución dos puntos que se outorgarán
será:
-Porcentaxe de impropios igual ou superior ao 36% e inferior ao 45%: 1
punto.
-Porcentaxe de impropios igual
ou superior ao 25% e inferior ao 36%, ou se se trata dun concello ou entidade
local en que se realice a recollida selectiva da fracción orgánica: 3
puntos.
-Porcentaxe de impropios inferior ao 25%: 5 puntos.
d) Por permitir o acceso e emprego do punto limpo
para a entrega de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos de orixe non
domiciliaria: 3 puntos.
e) Por permitir o emprego do punto limpo por
usuarios procedentes de concellos que non dispoñen deste servizo: 3
puntos.
f)
Por acreditar o cobramento de taxas destinadas a financiar o custo do punto
limpo: 3 puntos.
g) Por acreditar o acordo ou compromiso da entidade solicitante con
outras entidades locais con punto limpo (sendo en total tres como mínimo) para a
xestión conxunta do servizo: 5 puntos.
2. No caso de que as condicións descritas nos
puntos b), d), f) e g) non sexan efectivas no momento da solicitude de axuda, a
entidade local poderá presentar un compromiso de acadar o seu cumprimento con
anterioridade ao primeiro pagamento da axuda. Sendo así, serán tidas en conta
estas circunstancias no momento da baremación, pero deberá xustificarse o seu
cumprimento no momento do pagamento para poder recibir a totalidade da axuda
concedida tendo en conta estas condicións. No caso contrario, de non ser posible
a dita xustificación, procederíase á minoración da axuda concedida de xeito
proporcional aos puntos inicialmente obtidos por elas.
Artigo 4º.-Resolución da
convocatoria.
1. Presentada a
solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración
e á formulación dunha proposta de resolución por unha comisión de avaliación
constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o
subdirector xeral de Calidade Ambiental e o xefe de Servizo de Xestión de
Residuos.
2.
A resolución da concesión será ditada polo conselleiro de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible nun prazo de tres meses a partir da publicación da
convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Transcorrido o prazo para resolver sen que o
interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas
pretensións por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga legal de
resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro
e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.
3. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo
beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta
orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo
indicado, entenderase que desiste da súa petición.
Artigo
5º.-Recursos.
A resolución da axuda
porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse consonte dispoñen
os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso
potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da
notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda
desestimada por silencio administrativo, ou ben directamente recurso
contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no
prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se
entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo
46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición
contencioso-administrativa.
Artigo 6º.-Período subvencionable e contía das
axudas.
1. As axudas que se concedan
ao abeiro desta convocatoria van destinadas a contribuír a sufragar os custos de
xestión e explotación do punto limpo no ano 2007.
2. A contía máxima da
axuda que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible lle
outorgará a cada entidade local calcularase de acordo coas porcentaxes que se
indican a continuación tendo en conta que o custo medio anual estimado para a
xestión destas infraestruturas é de 60.000 €.
3. Así, á vista do que
resulte segundo os criterios de baremación establecidos no artigo 4º desta
convocatoria, a axuda máxima que se concederá para o ano 2007 calcularase de
conformidade coas seguintes porcentaxes:
a) Un 30% sobre o custo medio anual para aquelas
solicitudes que reúnan entre 1 e 5 puntos.
b) Un 35% sobre o custo medio anual estimado para
aquelas solicitudes que reúnan entre 6 e 10 puntos.
c) Un 40% sobre o custo
medio anual estimado para aquelas solicitudes que reúnan máis de 10
puntos.
4. As
contías máximas de axuda que se aboarán cada ano serán as que resulten do
exposto no punto anterior en cada caso, sempre e cando o número de solicitudes
que resulten beneficiarias e o crédito orzamentario establecido nesta orde o
permita. No caso contrario ratearanse proporcionalmente.
Artigo 7º.-Publicidade
das axudas.
De conformidade cos
puntos 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de
boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto
132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos
artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da
Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no DOG e
na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas
concedidas ao amparo desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e
sancións que, como consecuencia delas, puideran imporse nos correspondentes
rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a
autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e
a referida publicidade.
Artigo 8º.-Pagamentos.
1. O pagamento das axudas concedidas efectuarase
nun único pagamento logo da presentación por parte da entidade local
beneficiaria con anterioridade ao 31 de outubro de 2007 da documentación que se
indica a continuación:
a) Información que resulte do libro-rexistro do
punto limpo, debidamente dilixenciado polo secretario da entidade local
solicitante, no que se faga constar a residencia dos usuarios así como as
cantidades e tipos de residuos entregados.
b) Documentación acreditativa da entrega dos
residuos recibidos no punto limpo a xestores autorizados mediante a presentación
dos correspondentes certificados de destino emitidos por estes con
especificación do tipo e cantidades de residuos desglosada por
meses.
2. No
caso de que o punto limpo estea xestionado por unha empresa concesionaria do
servizo, comprobarase que esta estea autorizada para a xestión destes residuos
consonte o establecido na normativa vixente aplicable. O aboamento da axuda
concedida quedará condicionado ao cumprimento deste requisito.
3. Naqueles casos nos
cales no cálculo da axuda máxima concedida se tivesen en conta algunha das
circunstancias previstas no artigo 4º.2 deberase achegar tamén a documentación
xustificativa da posta en marcha das medidas adoptadas. De non estar
implantadas, a axuda inicialmente concedida será minorada na parte proporcional
dos puntos inicialmente obtidos por elas.
4. O exceso de crédito xerado como consecuencia
do sinalado nos apartados 2 e 3 deste artigo será repartido proporcionalmente
entre as axudas finalmente concedidas segundo os puntos acadados por cada
beneficiario ata o límite máximo da porcentaxe que lle corresponda segundo
aqueles.
5.
Por último, segundo o establecido pola normativa vixente en materia de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, antes do derradeiro
pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria da inicial
do conxunto de axudas solicitadas para as actividades obxecto destas
subvencións, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución,
das distintas administracións públicas competentes ou entes
públicos.
Artigo 9º.-Alteracións das condicións da subvención.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras
subvencións ou axudas concedidas por calquera outra administración ou entes
públicos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión da axuda. Para estes efectos ditarase a oportuna
resolución de liquidación, na que se reaxustarán os importes da axuda concedida,
e poderá supoñer, nos casos que así procedese, a devolución dos importes
recibidos en exceso.
Artigo 10º.-Incumprimento e procedemento de reintegro.
Procederá o reintegro, total ou parcial, da
subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados, desde o
momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro,
nos casos seguintes:
a) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación
insuficiente.
b) Obtención da
subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as
condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impediran.
c) Incumprimento total ou
parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención.
d) Incumprimento das
condicións impostas á entidade beneficiaria con motivo da concesión da
subvención ou axuda.
e) En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta
orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos contemplados na
normativa reguladora das subvencións, segundo o establecido na Lei 38/2003, do
17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 11º.-Obriga de facilitar
información.
Ademais da documentación
complementaria que, durante a tramitación do procedemento poida ser exixida
polos órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación
Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga,
consonte o artigo 31 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de facilitar toda a
información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas
funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.
Artigo
12º.-Financiamento.
Para a concesión
das axudas convocadas nesta orde destinaranse con cargo á aplicación
orzamentaria 15.03.541.D.760.0 ata un máximo de 1.000.000 de euros, dos
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.
De xeito motivado e para
os efectos de darlle cobertura financeira ao número de solicitudes presentadas
poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o
incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria.
Artigo
13º.-Compatibilidade das axudas.
En
canto á compatibilidade das axudas ás que se refire esta orde, debe terse en
conta que o importe delas non poderá en ningún caso, illada ou conxuntamente con
outras, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario. Este
está obrigado a comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou
axudas que financien as actividades obxecto desta axuda (artigo 78 do Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do
29 de decembro).
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental
para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o
desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Deléganse no director xeral de Calidade
e Avaliación Ambiental, segundo o disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, as facultades relativas ao inicio de oficio das
correspondentes convocatorias que se publiquen no Diario Oficial de Galicia de
acordo con esta convocatoria.
Terceira.-En todo o non previsto nesta orde,
rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve
o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia coas
particularidades introducidas a través da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de
medidas tributarias e de réxime administrativo, pola que se adapta o tratamento
xurídico aplicable ás subvencións segundo o establecido na Lei 38/2003, do 17 de
novembro, xeral de subvencións.
Cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte
ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
12 de xullo de 2007.
Manuel Vázquez
Fernández
Conselleiro de Medio
Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Ver referencia pdf "14400D013P062.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es