Diario Oficial de Galicia
venres, 27 de xullo de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

145


Páxina do Dog:

12.862


Data da Disposición:

5 de xullo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 5 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións públicas destinadas a persoas maiores e persoas con discapacidade para facilitar a autonomía persoal e a accesibilidade e se procede á súa convocatoria.



Orde do 5 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións públicas destinadas a persoas maiores e persoas con discapacidade para facilitar a autonomía persoal e a accesibilidade e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, nos artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas, dentro do sistema de servizos sociais.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de axuda económica non periódica a persoas maiores e persoas con discapacidade, acompañada da convocatoria desta axuda para o ano 2007, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que concede a Administración autonómica, na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónomagalega para o ano 2007 e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e finalidade desta axuda.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras de convocatoria pública para a concesión de axudas individuais, de carácter non periódico, para persoas maiores e persoas con discapacidade, en réxime de concorrencia competitiva, empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade desta axuda é a de colaborar en determinados gastos que ocasione, con efectos do 1 de xaneiro de 2007, a cobertura de necesidades derivadas do envellecemento e da discapacidade.

3. A axuda recollida nesta orde será incompatible con outras de análoga natureza que poidan ser dispensadas por outros organismos públicos ou privados para tal fin.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.
Para ser beneficiario da axuda regulada nesta orde deberá acreditarse o cumprimento das obrigas impostas con carácter xeral aos beneficiarios de axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establece os requisitos xerais das axudas e subvencións concedidas pola Administración Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen no ano 2007.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
1. Poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:
a) Persoas maiores de 65 anos que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou sanitaria.

b) Persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia, menores de 65 anos que:

-Teñan recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% polo Equipo de Orientación e Valoración de Minusvalideces, conforme o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalidez, na data da publicación desta orde, ou, de ser o caso, teñan recoñecida a situación de dependencia conforme a Lei 39/2006, do 14 de decembro.

-Soliciten unha axuda derivada da súa discapacidade recoñecida.
-Acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no eido doutras liñas de protección social, sanitaria ou educativa.

2. No momento de ditarse a resolución da axuda debe persistir a súa necesidade.
Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.
a) Adaptación funcional do fogar e supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda:

Definición de adaptación funcional do fogar: a adquisición, instalación e adaptación daqueles mecanismos e útiles necesarios para procurar a maior autonomía posible nas actividades da vida diaria na vivenda habitual da persoa con discapacidade ou en situación de dependencia.

Definición de barreira arquitectónica: entenderase por barreira arquitectónica calquera impedimento, traba ou obstáculo que limite ou impida o acceso, a liberdade de movemento, a estancia, a circulación das persoas con mobilidade reducida, a comunicación sensorial ou calquera outra limitación.

Para estes efectos, considéranse actuacións subvencionables aquelas accións destinadas a facilitar o acceso, a mobilidade, a comunicación e a realización das actividades básicas da vida diaria, tanto en vivendas unifamiliares como nas de propiedade horizontal no interior do fogar.

No caso de que o obxecto da axuda sexa a eliminación de barreiras, será requisito que o gasto das obras non corresponda á comunidade de propietarios, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 11 da Lei 49/1960, de propiedade horizontal, segundo redacción dada pola Lei 51/2003, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

Destinatarios e condicións específicas de acceso: maiores de 65 anos e persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia.

Contía máxima subvencionable:
Adaptación funcional do fogar: 2.500 euros.
Eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda: 3.000 euros.

b) Axudas para a adaptación e eliminación de barreiras en vehículos:
Definición: axudas para sufragar o custo da realización de accións encamiñadas a facilitar o acceso e permanencia ao vehículo do maior, das persoas con discapacidade ou en situación de dependencia con graves problemas de mobilidade (Dispositivos de entrada e saída, cambio de marchas automático, acelerador e freo hidráulico, etc.), que permitan a mobilidade da persoa fóra do seu fogar.

Destinatarios e condicións específicas de acceso: persoas maiores de 65 anos e persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, con graves problemas de mobilidade, que precisen adaptacións no vehículo para poder trasladarse nel, ben sexa coma condutor ou coma pasaxeiro.

Documentación específica: informe médico dun facultativo dos equipos de valoración de minusvalideces, equipos de valoración da dependencia ou do sistema sanitario público que acredite a necesidade de adaptación de vehículo para o desprazamento polos graves problemas de mobilidade.

Se a modificación ten por obxecto a adaptación do posto de condución, fotocopia compulsada do carné de conducir.

Declaración xurada de que a adaptación ou eliminación de barreiras no vehículo é para transporte persoal e uso privado da persoa maior, con discapacidade ou en situación de dependencia.

Contía máxima subvencionable: 2.600 euros.
c) Adquisición de órteses, próteses e axudas técnicas:
1. Órteses e próteses.
Definición de órteses: dispositivos de uso externo utilizados para compensar unha perda de función ou déficit na estructura corporal.

Definición de próteses: dispositivo empregado para substituír total ou parcialmente a perda dunha estrutura corporal.

Destinatarios e condicións específicas de acceso: persoas maiores de 65 anos e persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia, con alteracións na función e/ou na estrutura corporal que precisen dalgún dispositivo que compense o déficit existente. Exclúese da percepción da axuda técnica para a adquisición de lentes ás persoas maiores de 65 anos, e, en todo caso, terase que acreditar que a necesidade teña relación coa discapacidade que presenta.

Documentación específica: informe médico dun facultativo especialista que, salvo para as próteses dentais, deberá ser da rede pública, no que se especifique a necesidade e tipo de órteses ou próteses necesarias para restablecer ou compensar a perda/diminución na estrutura ou función corporal.

Órteses e próteses e contía máxima subvencionable:
-Órteses e próteses non recollidas no sistema sanitario: 2.400 euros.
-Próteses dentais: 500 euros.
-Audífonos, non recollidos no sistema sanitario: 650 euros.
2. Axudas técnicas.
Definición de axuda técnica: instrumentos técnicos ou tecnoloxías de apoio destinados a favorecer a autonomía persoal, o desenvolvemento persoal e a realización das actividades básicas da vida diaria.


Destinatarios e condicións específicas de acceso: persoas maiores de 65 anos e persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia.

Documentación específica: informe médico dun facultativo dos equipos de valoración de minusvalideces, equipos de valoración da dependencia ou do sistema sanitario público no que se especifique a necesidade e tipo de axuda técnica solicitada.

Contía máxima subvencionable: 2.500 euros.
Axudas técnicas subvencionables:
Serán subvencionables as axudas técnicas especificadas a continuación, sempre e cando non sexan cubertas polo sistema sanitario ou por outros organismos públicos ou privados sen ánimo de lucro.

1. Axudas técnicas para aseo e hixiene persoal.
2. Axudas técnicas para alimentación.
3. Axudas técnicas para mobilidade, posicionamento e protección persoal.
4. Axudas técnicas para comunicación.
5. Axudas técnicas para persoas con discapacidade auditiva.
6. Axudas técnicas para persoas con discapacidade visual.
Artigo 5º.-Crédito orzamentario.
O financiamento da concesión das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.31.312A.481.1 dos orzamentos desta comunidade autónoma para o ano 2007, cun importe de 1.791.585 euros; deste orzamento empraganse 741.585 euros para persoas maiores e 1.050.000 euros para persoas con discapacidade.

Non obstante, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes debidamente asinadas polo beneficiario ou o seu representante legal ou gardador de feito formalizaranse co modelo que se xunta como anexo II e presentaranse nas delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar do ámbito da súa residencia, ou por calquera das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O modelo oficial da solicitude estará á disposición dos interesados, nas delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, e nos servizos de atención primaria nos concellos.

3. O prazo para a súa presentación será de 1 mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.
As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación xeral:
a) Fotocopia compulsada do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do beneficiario e, se é o caso, do representante legal ou gardador de feito.

b) Certificación do padrón municipal de habitantes, comprensivo de todos os convivintes.

c) Informe social emitido por un traballador social dos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada comunitaria da rede pública (con excepción das solicitudes para a adquisición de órteses, e próteses, agás que a comisión provincial de valoración o considere necesario).

d) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.
e) Declaración do imposto sobre a renda da unidade familiar de convivencia, correspondente ao último exercicio, así como as pensións ou prestacións percibidas nese exercicio, que estivesen exentas de tributación polo IRPF (a título ilustrativo indícanse as seguintes: incapacidade permanente absoluta, grande invalidez, prestacións por fillo a cargo, PNC...). No caso de non ter a obriga de presentar a declaración do IRPF, deberán achegar certificación negativa da correspondente delegación da Axencia Estatal de Administración Tributaria, así como os correspondentes xustificantes de ingresos do solicitante e da totalidade dos membros da unidade familiar de convivencia.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Emenda de erros.
Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido, para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición e procederase ao arquivo do expediente, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.
1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso completados, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñer a concesión ou denegación da axuda, segundo os criterios de concesión e o baremo (anexo I) recollidos nesta orde e nas demais normas de desenvolvemento.

2. A Comisión Provincial de Valoración terá a seguinte composición:
a) Presidente: a persoa titular da xefatura de servizo de persoas maiores, persoas con discapacidade e menores.

b) Vogais: a persoa que ocupe a xefatura da sección de axudas, un/unha médico/a e un/unha traballador/a social dos equipos de valoración da delegación competente.

c) Secretario: o funcionario que para tal función designe o delegado provincial.
Ás reunións da comisión convocarase un traballador social do servizos de atención primaria e un representante da Intervención territorial, ambos os dous con voz pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

Artigo 10º.-Criterios de concesión.
Para a elaboración da proposta de concesión da axuda, a Comisión Provincial de Valoración terá en conta os baremos establecidos no anexo I e os seguintes criterios:

a) Nivel de renda familiar: serán preferentes na concesión da axuda os peticionarios con ingresos familiares per cápita inferiores ao 70% do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), que para o ano 2007 está establecido en 6.988,80 euros incluíndo as pagas extraordinarias.

b) Circunstancias familiares e sociais dos solicitantes.
c) Non se concederá axuda aos solicitantes que non xustificaran en tempo e forma a última axuda concedida.

d) Só poderá concederse, con cargo a esta convocatoria, unha axuda por solicitante.

e) No caso de aquela axuda susceptible de ser empregada por unha ou máis persoas maiores, con discapacidade ou en situación de dependencia que convivan no mesmo domicilio, concederase, se é o caso, unha única axuda da mesma natureza.

f) Atendendo ao criterio de individualidade establecido no artigo 1º da convocatoria, non se concederá axuda de eliminación de barreiras no acceso e interior do fogar cuxa instalación se corresponda con zonas ou instalacións comunitarias e/ou de uso público.

Artigo 11º.-Resolución.
1. Unha vez emitido o informe da comisión, elevarase aos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar, nos cales se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta orde.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará o importe da axuda concedida dentro dos límites establecidos nesta orde.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte do que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente das axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.


Artigo 13º.-Pagamento e xustificación da axuda.
1. O beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas, consonte o establecido no artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, as actuacións que fosen obxecto de axuda antes do 31 de decembro.

2. Os beneficiarios da axuda veñen obrigados a destinar o importe destas á finalidade para a que se lles foi concedida.

3. As delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar aboaranlles aos beneficiarios a contía da axuda concedida, logo da presentación das facturas correspondentes e os xustificantes requiridos, se é o caso, na resolución da concesión.

4. No momento da xustificación da execución total da actuación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actuación, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. A falla de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo da audiencia ao interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.
1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos establecidos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto, ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarias con motivo da concesión da subvención ou axuda pública así como dos compromisos por estes asumidos, sempre e cando afecten ou se refiran ao modo en que deban alcanzarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando de isto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 8 deste artigo.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos números 4 e 6 deste artigo, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando de isto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos recollidos na normativa reguladora da subvención.
2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza co previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Control.
Os beneficiarios desta axuda quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que efectúa a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.
Será de aplicación aos beneficiarios da axuda recollida nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 17º.-Publicidade de datos.
Non será necesaria a publicidade da adxudicación da axuda de acordo co establecido no artigo 13.6ºa) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública, e no artigo 9.4º a) do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, ao poder ser contraria á salvagarda da intimidade persoal e familiar das persoas físicas.

Disposición adicional
Única.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o director xeral de Acción Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2007.
Anxo Manuel Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
ANEXO I
Baremo para axudas a persoas maiores e persoas con discapacidade.
1. Situación económica.
-Rendas per cápita que non superen o 70% do IPREM: 35 puntos.
-Rendas per cápita que non superen o 80% do IPREM: 25 puntos.
-Rendas per cápita que non superen o 90% do IPREM: 15 puntos.
-Rendas per cápita ata o 100% do IPREM: 0 puntos.
-Por cada intervalo porcentual do 10% de superación do IPREM: 5 puntos negativos.

2. Solicitante que vive só, con rendas ata o 100% do IPREM: 10 puntos.
3. Denegación da subvención solicitada polo mesmo concepto nos 2 anos anteriores por falta de dotación orzamentaria: 5 puntos.

4. Circunstancias socio-familiares.
Este baremo aplicarase unicamente na subvención na cal se teña que achegar o informe social.

a) O pagamento da pensión, residencia,... supón un custo gravoso, o 75% dos ingresos mensuais: 10 puntos.

b) Vivenda en condicións deficientes de habitabilidade, hixiene e/ou insalubridade, barreiras arquitectónicas que impidan gravemente o desenvolvemento da vida diaria: 10 puntos.

c) O solicitante reside nunha unidade de convivencia con problemáticas específi cas (parados de longa duración, problemas de adicción, situacións marxinais, persoas dependentes...): 15 puntos.

d) Acollemento de familiares (netos, sobriños, irmáns, cuñados, emigrantes retornados...): 5 puntos.

e) Solicitante dependente en actividades da vida diaria: 15 puntos.
f) Existe necesidade de apoio e non recibe apoio informal e/ou formal: 10 puntos.

g) Outras circunstancias especiais non recollidas nos puntos anteriores e obxectivamente valorables, gastos extraordinarios, desafiuzamento, préstamos, alugueres: 5 puntos.

5. No caso de igualdade de puntuación prevalecerá a solicitude con menor renda.
Ver referencia pdf "14500D001P006.PDF"
Ver referencia pdf "14500D001P006.PDF"
Ver referencia pdf "14500D002P014.PDF"



[Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es