Diario Oficial de Galicia
martes, 31 de xullo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
147
Páxina do Dog:
13.043
Data da Disposición:
20 de xullo de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 20 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases
reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de 36
bolsas para a formación de dinamizadores da Sociedade da Información na
Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para 2007 (código
procedemento IN526A).
Orde do 20 de xullo de 2007
pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de
concorrencia competitiva, de 36 bolsas para a formación de dinamizadores da
Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa
convocatoria para 2007 (código procedemento IN526A).
O
desenvolvemento da Sociedade da Información constitúe no momento actual unha das
prioridades dos gobernos de todas as comunidades e nacións do noso contorno máis
próximo. A Unión Europea vén manifestando reiteradamente a necesidade de
promover políticas públicas orientadas á eliminación da chamada fenda dixital
que se produce entre as comunidades máis avanzadas e aqueloutras cun menor nivel
de desenvolvemento, así como entre diferentes colectivos que poden ter especiais
dificultades de acceso ao coñecemento e uso das novas tecnoloxías da información
e as comunicacións.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias para o desenvolvemento
da SI corresponden á Consellería de Innovación e Industria. Entre estas
competencias están as de coordinación das actuacións dos diferentes entes
públicos e das distintas administracións. A suma de esforzos considérase
fundamental para poder alcanzar un desenvolvemento harmónico en todos os
sectores, lograr a alfabetización dixital de toda a poboación e achegar nos
próximos anos a comunidade autónoma aos niveis das comunidades máis avanzadas,
corrixindo as deficiencias observadas que fan que, no momento actual, Galicia
estea situada nos últimos lugares en relación coas demais comunidades autónomas
do Estado español.
Co obxectivo de formar recursos humanos que dinamicen os diferentes
colectivos que aínda non se achegaron á Sociedade da Información, a Consellería
de Innovación e Industria puxo en marcha no ano 2006 o proxecto da Rede de
Dinamización da Sociedade da Información en Galicia, co cal se formaron un total
de 100 bolseiros dinamizadores, para que, unha vez adquirida a capacitación
necesaria, sexan capaces de motivar a poboación do contorno dunha aula
conformada como punto de acceso á Sociedade da Información, no emprego das novas
tecnoloxías da información e as comunicacións e especialmente no uso da
internet.
Esta convocatoria ten por finalidade avanzar no proxecto da Rede de
Dinamización da Sociedade da Información en Galicia, ampliando o número de
bolseiros capacitados para desempeñar as tarefas de dinamización da sociedade
galega.
O
desenvolvemento deste programa precisa, para a súa correcta execución, da
participación doutros órganos da Xunta de Galicia, dos entes locais e das
entidades que posúen as infraestruturas ás cales antes se fixo referencia,
colaborando na formación dos dinamizadores, así como en actuacións
complementarias que sirvan para difundir e fomentar o desenvolvemento da
Sociedade da Información na comunidade autónoma.
Esta orde establece as
bases para a concesión de bolsas de formación para dinamizadores que se
desenvolverá en dúas fases: unha teórica e outra práctica, esta última
desenvolverase nos centros dos organismos e entidades con que a Consellería de
Innovación e Industria alcanzase un acordo de colaboración, en que se terá en
conta, como unha prioridade, que os ditos organismos prevexan nos seus cadros de
persoal algunha praza co perfil de dinamizador da Sociedade da
Información.
Con esta finalidade e no uso das facultades que me foron
conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Convocatoria e bases
reguladoras.
1. Esta orde ten por
obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de bolsas para a
formación de dinamizadores da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de
Galicia (código procedemento IN526A) que se inclúen como anexo I.
2. Así mesmo, por medio
desta orde convócanse as devanditas bolsas para o ano 2007.
Artigo
2º.-Solicitudes.
Para poder ser
beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada aos
modelos normalizados que se inclúen como anexos II e III desta orde, que irá
acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6.2º 2 das bases
reguladoras.
Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde cubriraos e
obteraos, necesariamente, o solicitante a través da aplicación informática
Internet Expres (procedemento IN526A) establecida na oficina virtual desta
consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén
pode accederse desde o enderezo http//www.xunta.es da Xunta de Galicia, e mesmo
neste sitio web facendo uso do Rexistro Telemático e do enlace dispoñible co
procedemento IN526A.
Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado
enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser
observadas en todo momento polos solicitantes.
Poderanse cubrir e obter
só formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo
de presentación de solicitudes.
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou
necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción
Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos 981 54 55 83 ou
981 54 55 35, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico
axudas.dxpisi@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a
presentación por escrito de solicitudes.
Os anexos II e III desta convocatoria publícanse
no DOG exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a
aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.
A presentación de solicitudes que non cumpra o aquí indicado será motivo de
inadmisión a trámite da solicitude.
Para formalizar a solicitude, logo de obter e
cubrir os formularios de acordo co previsto neste artigo, o interesado
presentará a documentación sinalada no artigo 6.2º das bases reguladoras
dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria.
Artigo 3º.-Lugar e prazo
de presentación das solicitudes.
As
solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de
Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración
xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a
Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno
convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.
A data límite para a presentación de solicitudes
será o día 31 de agosto de 2007.
Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de
concesión.
Unha vez rematado o prazo
para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo
co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha
duración superior a 6 meses.
Dentro deste prazo, e dado o carácter de
concorrencia competitiva da convocatoria, poderanse realizar os requirimentos de
emenda das solicitudes mediante publicación no DOG.
Artigo 5º.-Información
aos interesados.
Sobre este
procedemento administrativo, que ten o código IN526A, poderase obter
documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de
Promoción Industrial e Sociedade da Información, a través dos seguintes
medios:
a)
Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org) no seu enlace de
axudas e na oficina virtual.
b) Nos teléfonos 981 54 55 83 e 981 54 55 35 da
devandita dirección xeral.
c) No
enderezo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es.
d) Presencialmente.
Así mesmo,
para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do
teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria 981 54 43
41.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.
Facúltase a directora xeral de Promoción
Industrial e Sociedade da Información para que dite as resolucións necesarias
que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Segunda.-Entrada en
vigor.
Esta orde entrará en vigor o
día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela,
20 de xullo de 2007.
Fernando Xabier
Blanco Álvarez
Conselleiro de
Innovación e Industria
ANEXO
I
Bases reguladoras para a concesión,
en réxime de concorrencia competitiva, de 36 bolsas para a formación de
dinamizadores da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de
Galicia.
Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.
1. As bolsas reguladas por estas bases teñen por
obxecto proporcionarlles ás persoas seleccionadas a capacitación necesaria para
propiciar o achegamento dos cidadáns ás aulas de recursos para a Sociedade da
Información, para que se familiaricen co uso das novas tecnoloxías, para guialos
no proceso da súa alfabetización dixital, informalos das oportunidades que
brindan as administracións para a adquisición de tecnoloxía de acceso á
internet, detectar as necesidades de servizos e contidos que poden ser útiles
para a poboación con que están en contacto, xestionar a aula de acceso á
Sociedade da Información, programar e impartir obradoiros formativos adecuados
aos distintos colectivos que integran a poboación do territorio en que estea
situado e colaborar en rede coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e
Sociedade da Información e co resto do persoal doutras aulas de recursos para a
Sociedade da Información.
2. O procedemento de concesión desta subvención
tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Artigo
2º.-Beneficiarios.
Poderán optar á
concesión destas bolsas as persoas que reunan os seguintes
requisitos:
a) Estar domiciliado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter nacido no ano 1977 ou con posterioridade e
ser maior de dezaoito anos na data de remate do prazo de presentación de
solicitudes.
c) Ter coñecemento da lingua galega que se acreditará co certificado do
curso de iniciación ou perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente
homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de
Galicia, así como con títulos expedidos pola escola oficial de
idiomas.
d)
Posuír algunha das seguintes titulacións:
- Técnico ou técnico superior da área de servizos socioculturais e a
comunidade.
- Diplomado universitario
en Educación Social.
-Diplomado
universitario en Traballo Social.
Non
poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das
circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral
de subvencións. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións
realizarase mediante declaración responsable do interesado (anexo
III).
Artigo
3º.-Características e duración das bolsas.
O programa de formación desenvolverase nas seguintes fases:
-Fase I.-Formación teórica.
Terán acceso a esta fase un total de 36
bolseiros/as que realizarán un curso que terá unha duración mínima de 240 horas,
a razón de 30 horas semanais, en que se cubrirán os seguintes
obxectivos:
-Coñecemento dos efectos que a Sociedade da Información produce sobre a
sociedade en xeral, sobre o movemento asociativo e sobre o tecido
empresarial.
-Estratexias de dinamización dos diferentes colectivos
sociais.
-Manexo das ferramentas
informáticas máis usuais: sistemas operativos, ofimática, mantemento de
equipamentos, software de seguridade, mantemento e creación de redes, páxinas
web, tratamento de imaxes, etc.
-Coñecemento das características de diferentes
servizos electrónicos tales como administración electrónica, sinatura
electrónica, comercio electrónico, etc.
-Xestión da documentación propia dun punto de
acceso á Sociedade da Información: programas de xestión, elaboración de
relatorios e memorias, lexislación, etc.
-Programación de accións de formación, tendo en
conta todos os parámetros necesarios: destinatarios, recursos, metodoloxía,
avaliación, etc.
-Elaboración de propostas de material didáctico para empregar como
recurso formativo nos obradoiros e charlas-coloquio.
-Habilidades sociais:
atención ao público, captación de usuarios, resolución de problemas, dirección
de grupos, etc.
-Elaboración de propostas de novos servizos e novos contidos.
-Perfeccionamento do uso e coñecemento da lingua
galega con especial incidencia na terminoloxía que deberá ser empregada no
ámbito das TIC.
-Elaboración, ao finalizar este primeira fase de formación, e a partir
dos coñecementos adquiridos nela, dun proxecto de dinamización da Sociedade da
Información que logo se porá en marcha na fase II da formación.
O curso ten previsto o
seu comezo no mes de outubro de 2007 e desenvolverase simultaneamente en Lugo e
na Coruña, en xornadas de mañá e/ou tarde, de luns a venres, ata completar as
horas programadas.
O calendario do curso, así como os lugares onde se realizará seralles
comunicado ás persoas seleccionadas cun mínimo de cinco días de antelación ao
inicio do curso.
O curso será titorizado por un profesor/a experto/a e con experiencia na
materia que realizará unha avaliación continua do proceso de formación e
emitirá, en función do aproveitamento do curso, a cualificación final dos
alumnos/as.
Para superar o curso será preciso superar todos os módulos en que se
estruture o programa e que as faltas de asistencia, incluso xustificadas, non
superen o 10% das horas programadas. Calquera circunstancia extraordinaria será
avaliada pola comisión de selección
A comisión de selección garantirá a homoxeneidade
no proceso de avaliación feito polos titores e a homoxeneidade das probas que se
realicen ao longo desta primeira fase de formación.
Fase II.-Formación
práctica.
Terán acceso a esta fase os
36 candidatos, sempre que superasen todos os módulos en que se estruture o
programa da fase I da formación. As cualificacións finais da fase I serán as que
determine a comisión de selección logo de estudadas as avaliacións feitas polos
correspondentes titores. Esta fase da formación realizarase nalgún centro que
dispoña dunha aula de recursos para a Sociedade da Información, tales como os
puntos de acceso á Sociedade da Información (PASI), aulas de asociacións de
empresarios de polígonos empresariais ou outras similares de asociacións ou
institucións de carácter público ou privado, da comunidade autónoma, cos cales a
Consellería de Innovación e Industria alcanzase un acordo de colaboración. Estes
centros poden estar situados en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de
Galicia.
Os
bolseiros escollerán os destinos que se lles oferten para realizar as prácticas
pola orde de puntuación acadada no curso de formación. Para o caso de empate nas
puntuacións aplicaranse os mesmos criterios que figuran no artigo 10º destas
bases reguladoras. No acto de escolla indicaráselles a data en que deben
presentarse no centro escollido. De non facelo así entenderase que renuncian á
bolsa de prácticas que lles puidese corresponder.
Durante esta fase, que
terá un horario de trinta e cinco horas semanais, os/as bolseiros/as, contarán
co asesoramento, orientación e dirección dun coordinador e un titor, designados
pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información que
serán os responsables de definir as tarefas que deban realizar e as reunións de
seguimento ás que deben asistir. A duración desta fase será de nove
meses.
Nesta
fase II, os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos necesarios para que
os bolseiros poidan realizar as prácticas que lles son encomendadas no ámbito
xeográfico correspondente, serán pagados, logo da certificación expedida pola
Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información acreditativa
dos gastos producidos, sen que estes poidan superar a contía establecida para o
grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de
servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de
Galicia.
Segundo a Resolución do 29 de decembro de 2005 pola que se ordena a
publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2005,
sobre a revisión da contía da indemnización por uso do vehículo particular e das
axudas de custo en territorio nacional, a contía da indemnización por
desprazamento será de 0,19 euros por quilómetro percorrido.
Estes gastos de
desprazamento aboaraos a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da
Información con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.571A.480.0 dos orzamentos
do ano 2008.
Artigo 4º.-Dotación económica.
O pagamento das bolsas realizarase da seguinte forma: o correspondente á
fase I, unha vez finalizada esta, segundo o disposto no artigo 3º destas bases
reguladoras. Durante a fase II, por períodos mensuais vencidos e despois de que
o titor correspondente expida certificación en que se faga constar que se
cumpriu o programa inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos
previstos.
No
caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro
ou ao último de cada mes, o/a bolseiro/a percibirá o importe que
proporcionalmente lle corresponda ao número de días que gozase da bolsa. Así
mesmo, no caso de faltas de asistencia inxustificadas, o bolseiro percibirá o
importe proporcional correspondente ao tempo de formación efectivo.
1. Durante a fase I,
formación teórica, as persoas seleccionadas recibirán unha axuda económica total
de 1.000 € que lles serán aboados á finalización do curso. Non serán aboados
pagamentos parciais aos bolseiros/as que non rematasen o curso ou superen as
faltas de asistencia permitidas.
2. Durante a fase II de formación práctica,
percibirán unha axuda de 900 € mensuais brutos.
3. As persoas que obteñan
a bolsa terán dereito a un seguro de asistencia médica e a un seguro de
accidentes.
Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.
1. Para a concesión destas bolsas destínase un
crédito de 327.600 €, que serán imputado á aplicación orzamentaria
10.04.571A.480.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma distribuído nas
seguintes anualidades:
-Para a anualidade de 2007: 36.000 €.
-Para a anualidade de 2008: 291.600
€.
2. A percepción destas bolsas é
incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera
administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que
impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos interesados.
3. As bolsas reguladas
nesta convocatoria serán incompatibles con ter sido beneficiario con
anterioridade doutra bolsa de formación de dinamizadores convocada pola
Consellería de Innovación e Industria.
Artigo 6º.-Solicitudes.
1. As solicitudes para participar no procedemento
de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indican nos
artigos 2º e 3º desta convocatoria.
2. As solicitudes estarán compostas pola seguinte documentación en único
exemplar:
2.1. Formularios normalizados de solicitude compostos polos anexos II e
III, obtidos necesariamente a través da aplicación informática sinalada no
artigo 2º da convocatoria, debidamente asinados.
a) Anexo II (modelo
normalizado da solicitude).
-Solicitude.
b) Anexo III
(modelo de declaración xurada).
-Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou
subvencións para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes de calquera
administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais.
-Declaración expresa de
non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei
38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2.2. Orixinal ou copia
cotexada da seguinte documentación:
a) Fotocopia do DNI do solicitante.
b) Fotocopia do DNI do representante, de ser o caso.
c) Documento do poder con que actúa o
representante, de ser o caso.
d)
Certificado de empadroamento.
e)
Acreditación do coñecemento da lingua galega.
f) Acreditación do coñecemento da lingua
inglesa.
g) Certificacións de
asistencia a cursos de formación.
h)
Copia do correpondente título académico.
i) Certificación académica completa en que se detallen as cualificacións
e a nota media obtida no correspondente título, conforme o modelo oficial de
certificación académica da Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral
da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Diario Oficial de
Galicia número 57, do 23 de marzo).
Os/as solicitantes con algún grao de
discapacidade deberán sinalalo no formulario de solicitude, indicando o grao de
discapacidade que teñan recoñecido e, de ser o caso, solicitar as adaptacións de
tempo e medios que consideren necesarias.
Artigo 7º.-Consentimentos e
autorizacións.
1. A presentación da
solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da
orde de convocatoria. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de
decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a
autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa
a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa
Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados
telemáticos.
Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que
certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está no poder da
Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano
instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse
vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento
administrativo para o cal foi presentada.
2. De acordo co establecido na disposición
adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistro
de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa
solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos
datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás
sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos
legalmente establecidos.
3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006,
do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública
galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos
beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da
solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos
dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións
previstas nas leis.
Artigo 8º.-Órganos competentes.
A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información será
o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas e
correspóndelle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de
concesión.
Artigo 9º.-Instrución dos procedementos.
1. De conformidade co establecido no artigo 71 da
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos
requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria,
requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta
ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación
expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo
da correspondente resolución.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das
certificacións obtidas de conformidade co artigo 7º.1 das bases reguladoras
resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas
tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade
Social.
2.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co
establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os
requirimento citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e
producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita
publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da
Consellería de Innovación e Industria. Se a instrución do procedemento o
aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na
web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo
59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos
anteriores, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos,
documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación
e resolución do procedemento.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas
feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a
documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración,
de acordo co establecido no artigo seguinte.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias
contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a
documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que
formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas
desta.
Artigo
10º.-Comisión de valoración.
1. A
comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as
solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados neste mesmo artigo, así
como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos
interesados.
2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:
a) Presidenta: a directora xeral de Promoción
Industrial e da Sociedade da Información.
b) Dous vogais: o subdirector xeral de
Desenvolvemento da Sociedade da Información e a xefa do Servizo de
Desenvolvemento da Sociedade da Información.
c) Secretario/a: un funcionario da Dirección
Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.
3. Os/as suplentes serán
designados/as pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da
Información.
4. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión
técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos
achegados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da
subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas
para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001,
do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).
5. A selección de aspirantes realizarase mediante
a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:
a) Expediente académico:
ata 5 puntos.
b) Coñecemento da
lingua galega: ata 3 puntos.
c)
Coñecemento de inglés: ata 2 puntos.
d) Outros méritos do currículo: ata 2 puntos.
6. A comisión de selección elaborará a relación
de candidatos por orde de puntuación, que se publicará na páxina web:
www.conselleriaiei.org, concedendo aos solicitantes un prazo de dez días desde a
data de publicación na web para que formulen as alegacións que consideren
oportunas, de conformidade co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, co obxecto de realizar o trámite de audiencia anterior á proposta de
resolución.
7. Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando
os seguintes criterios: en primeiro lugar, terán preferencia as mulleres e de
persistir o empate, os/as candidatos/as de maior idade e, en último termo,
resolverase por orde alfabética comezando polo primeiro apelido. Para este
último caso, a comisión de selección escollerá ao chou, en acto público ao que
serán invitados todos os afectados, e que será anunciado a través da web
www.conselleriaiei.org, a letra de inicio da relación alfabética de
apelidos.
Artigo 11º.-Resolución e notificación.
1. Despois de analizar as alegacións presentadas,
se for o caso, a comisión de selección elevaralle ao conselleiro de Innovación e
Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da
Información, a relación de 36 persoas propostas para a concesión das bolsas e a
lista de reserva para o caso de non-aceptación ou renuncia dalgunha das
propostas.
2.
O conselleiro de Innovación e Industria ditará resolución que será publicada no
DOG, na web: www.conselleriaiei.org e notificada aos
adxudicatarios/as.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a
resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da
publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se
transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os
interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio
administrativo.
4. O conselleiro de Innovación e Industria, por proposta xustificada da
Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, poderá
revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumprise as condicións
impostas con motivo da súa concesión.
5. Todas as resolucións serán notificadas de
acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e
de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, poderase
substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de
Galicia e na páxina web Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación
especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a
finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos
beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro
da citada web.
Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria
poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes
recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que
consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o
conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día
seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres
meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto
presunto.
b)
Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o
día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis
meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto
presunto.
Artigo 13º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta
para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de
subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou
privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da
resolución de concesión.
Artigo 14º.-Obrigas dos
beneficiarios.
Son obrigas das
persoas beneficiarias das bolsas:
a)
Presentar, no momento da toma de posesión, declaración de non percibir outras
bolsas ou axudas así como soldos ou salarios que impliquen vinculación
contractual ou estatutaria dos interesados.
b) Presentar ao remate da bolsa unha memoria
detallada das actividades realizadas, na que especificará o programa
desenvolvido e os obxectivos acadados.
c) Comunicar a súa renuncia, no caso de se
producir con posterioridade ao inicio da formación, á Dirección Xeral de
Promoción Industrial e Sociedade da Información, con cinco días de antelación á
data de cesamento.
d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da
Información a obtención doutras bolsas ou axudas así como de calquera outra
alteración dos requisitos impostos aos beneficiarios/as para o outorgamento
destas bolsas.
Artigo 15º.-Natureza xurídica da relación.
A condición de beneficiario/a destas bolsas non
xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia, nin
cos organismos ou entidades nas que realizasen o período de formación práctica,
nin a súa inclusión na Seguridade Social.
Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e
sancións.
1. O incumprimento das
obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais
normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na
resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente
a/s subvención/s percibida/s, así como os xuros de demora
correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior
tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no
artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba
o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na
súa normativa de desenvolvemento.
3. Aos beneficiarios da/s subvención/s reguladas
nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto
no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa
normativa de desenvolvemento e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de
novembro.
4.
Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o
importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas
doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas,
nacionais ou internacionais, supere o importe da bolsa.
Artigo
17º.-Control.
1. A Consellería de
Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere
oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Alén do anterior, as
subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro
exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que
establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa
normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de
comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de
Contas.
Artigo 18º.-Remisión normativa.
Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de
novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto de normativa que resulte de
aplicación.
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.
O conselleiro de Innovación e
Industria.
Ver referencia pdf
"14700D007P027.PDF"
Ver referencia
pdf "14700D009P035.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es